Etiquetas

Imperanza do egoísmo. Merecido repaso con Platón, pasando por Rousseau ata Amin Maalouf

Aristóteles consideraba que o ser humano era de por si un ser cívico que vive en comunidade. Evidentemente, hai que considerar que iso entraña o cumprimento dunhas regras obvias, unhas regras que deben estar rexidas polo respecto aos demais.

Malia isto que é inequívoco, asistimos con estupor, tristura, rabia e impotencia a unha matanza literal e física a un mozo por parte duns "seres" que se agochan no anonimato e na camuflaxe  dunha bandada. Percibo aínda na miña pel o medo que sentiu a vítima. Sinto na miña pel a tristura inmensa e a rabia de pensar que o ser humano é aínda máis imperfecto do que pensaba, unha imperfección que o leva realizar actos nos que a razón está totalmente inhibida e dá paso á insensatez, ao desvarío e á loucura.

Nestes intres lémbrome dalgunhas cousas que lin e leo e que me fan reflexionar. Platón  xa indicaba que o ser humano tiña unha tiple composición que son: o plano racional cuxa virtude é a prudencia e que lle comprace comprender e ser ponderado; unha irascible á que lle gusta o dominio, a superioridade e fama e, a terceira parte, que é a concupiscente que só ambiciona bens. Estas características van ser diferenciadoras duns individuos a outros segundo predomine unha ou outra. 

Non pode estar máis actualizada esta teoría de Platón, unha teoría do século V-IV a.C. En efecto, o ser humano consta desta múltiple personalidade pero é o seu deber reducir aquelas accións que o encadenen aos impulsos instintivos para conseguir conformar un ser máis íntegro, bondadoso, indulxente, benévolo. Deste xeito, a sociedade sae gañando e o individuo tamén xa que se crean sociedades harmoniosas.   

Agora ben, que está a acontecer? No caso que se conta evidénciase que a cardume agresora está conformada polo irascible e a concupiscencia e iso é grave. A deriva da sociedade leva ao desexo individual de sentir pracer, alborozo e deleite ao prezo que sexa. Por iso, non é de extrañar que se dean comportamentos lastimeros e vergoñentos por parte dalgúns que pretenden levar o goce á máxima expresión. Non lles importa a súa conduta, nin os seus actos, palabras, feitos...incluso se son lutuosos e dramáticos. Importa conseguir o que se codicia e vivir no hedonismo. Non se está preparado para o sufrimento e frustación e, por conseguinte, hai que conseguir pola forza os caprichos:"mas padecemos que menos sabemos padecer" como dicía Rousseau.

En todo isto ten moito que ver a educación recibida. Revisando o Emilio de Rousseau faime reflexionar sobre como educar para que os seres sexan equilibrados. Segundo o filósofo, a mellor educación é aquela que non fuxe da natureza, aquela  que non interrumpe o proceso natural do individuo. Deste xeito, debe saciar a curiosidade natural que temos todos ao aprender, debe satisfacer a inquedanza e permitir que se aprenda por un mesmo... No momento en que a educación contradice esa natureza a persoa sufre e non é educación. Como di "Hombres, sed humanos, que esa es vuestra obligación". (Do libro Emilio o la educación. Para Rousseau a mala educación fai que enflaqueza a sociedade.

Pero, cal é o perigo real da educación? Rousseau, no século XVIII, criticaba uns vicios que perfectamente se poden transportar á realidade actual. A sociedade dos nosos tempos (polo menos a que máis está predominando) encamíñase a un materialismo claro e a uns valores contraditorios. Por unha banda parece ser unha colectividade que se solidariza pero no máis fuero interno de cada un está a voz de "salvarse un","mentres a min non..." Todo iso porque nunca cobrou máis singnificado a palabra individuo, é dicir, "un só" "ego".

Rousseau manifestaba: Sabedes cal é o medio máis seguro de facer miserable ao voso fillo? Acostumalo a saírse con todo, porque como crecen sen cesar os seus desexos coa facilidade de satisfacelos....Primeiro quererá o bastón que levades; logo pedirá o voso reloxio; quererá despois o paxaro que voa, a estrela que ve brilar; quererá todo canto vexa...

As sociedades, dun xeito global, vanse conformando con persoas que anhelan, esixen e piden todo a cambio de nada. Convértense en sociedades irascibles que compiten. Convértense en sociedades cuxos individuos non respectan, non toleran e non lles importa chegar a ser criminais.

Amin Maalouf, periodista, ensaista e premio Príncipe de Asturias, vén escribindo sobre a evolución das sociedades. Para min foi un descubrimento xa que a través dos seus libros non só aprendo senón que comprendo o mundo actual e, ademais, as súas reflexións comulgan coas miñas.  A obra titulada El naufragio de las civilizaciones vén a criticar que o ben común está defenestrado e desfasado a razón do ben individual. Afirma que o mundo non deixa de progresar en ciencias, tecnoloxía e desenvolvemento económico pero, paradoxicamente, vai marcha atrás nas relacións entre as diversas comunidades. No seu libro Identidades asesinas expresa moi ben a loucura que incita aos seres humanos a matarse entre si por ser diferentes (pola lingua, etnia, relixión...). Verdadeiramente é unha aprendizaxe e, malia que en apariencia pareza ter unha visión pesimista e excéptica das civilizacións actuais, no fondo avoga polo progreso social nunha perspectiva máis humanística.

É pois imprescindible que  nos ocupemos no traballo de ir forxando unha vida racional na que a compostura e a conduta sexa unha virtude. Esta racionalidade debe estar ligada a saber vivir en harmonía e no respecto. Só deste xeito poderíase conseguir un mundo no que prime a paz e non haxa explotadores nin explotados. Só deste xeito non existirán ordas de individuos que matan a un ser humano que estaba disfrutando dunha conversa coa súa amiga.

Son esas ordas as que viven no submundo do irracional, non deixemos que nos venzan.

15 de xuño 2021.