Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta P. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta P. Mostrar todas las entradas

26 abril 2026

OLIVIA PÉREZ MELÓN

Olivia Pérez Melón volve ser un exemplo do esforzo da muller que aspira a unha formación superior que a capacite para o desempeño dunha profesión. Naceu en Esgos o 24 de xuño de 1915. Era filla de José Pérez Rodrígue, era natural de Pereiro de Aguiar e propietario do Hotel Pilarica en León, falecido en en León o 6 de outubro de 1941, e Salesa Melón Parada natural de Esgos[1]. O matrimonio tiña tres fillas, Eloisa, Alicia e Olivia. 

Olivia última iniciou o seu camiño estudantil na cidade ourensá, onde completou os estudos de bacharelato no ano 1930. En agosto dese ano expediu o título de bacharel e solicitou o certificado para trasladarse á Universidade de Santiago[2] 

Impulsada pola súa vocación, Olivia trasladouse a Santiago e alí cursou a licenciatura en Farmacia, unha facultade que nese período comezaba a experimentar un incremento paulatino da presenza feminina. Así mesmo, a República, non só  incentivou mediante leis a educación das mulleres, senón que creou un clima onde ser muller universitaria xa non se vía como unha excentricidade, senón como un compromiso para a modernización do país. Os datos indica que se pasou dunhas 2000 alumnas universitarias ao comezo da década a case 9000 en 1935.

Olivia formaría parte deste elenco de pioneiras e, tras unha etapa académica marcada por un bo expediente, obtivo o seu grao oficial anos posteriores a como debería ser e, debido á contenda bélica, non obtería o grao ata 1940 .[3]

No ámbito profesional, despois de colexiarse co número 58 e obter as autorizacións administrativas necesarias para o acondicionamento dun local, inaugurou, en 1955, a súa propia farmacia na rúa Curros Enríquez, número 16.

A vida de Olivia Pérez rematou de forma prematura na cidade de Madrid o 23 de abril de 1957. A xestión da súa farmacia continuou a cargo dos seus sucesores, mantendo así o seu legado profesional.[4]

[1] «Notas», Proa: diario de la Falange Española, 7 de outubro de 1941, p. 2.
[2] A.I.O.P., Expedientes persoais de alumnos iniciados en 1925. (969/1.9).
[3] A.H.U.S.,Expediente persoal de Pérez Melón, Olivia. Cartapacio 1068. Exp. 22.
[4] «Instrucción Pública», El Eco de Santiago, 5 de novembro de 1931, p.3; «Noticiario Universitario», El Pueblo gallego, 10 de novembro de 1942, p. 7;«Sesión del Ayuntamiento», El Pueblo gallego, 3 de xullo de 1955, p. 15; La Región, 14 de xullo de 1957, p. 2; « Nota de prensa», La Región, 24 de abril de 1957, p. 1.

11 febrero 2026

MISIÓNS PEDAGÓXICAS EN OURENSE E CÁTEDRAS AMBULANTES EN OURENSE. DAS MISIÓNS PEDAGÓXICAS ÁS CÁTEDRAS AMBULANTES DOUS MODELOS DE CULTURIZACIÓN DO POBO CON PROPÓSITOS ANTAGÓNICOS.


A educación e a cultura foron, ao longo da historia contemporánea de España, campos de disputa política e ideolóxica. Máis alá da súa función formativa, convertéronse en ferramentas para modelar identidades, valores e formas de entender a comunidade e a cidadanía. Neste contexto insírense dúas experiencias especialmente significativas e contrapostas: as Misións Pedagóxicas da Segunda República e as Cátedras Ambulantes impulsadas durante o franquismo. Aínda que ambas se presentaron como proxectos de “culturización do pobo”, responderon a obxectivos profundamente diferentes e, en moitos aspectos, antagónicos.

O proceso de alfabetización e difusión cultural no medio rural galego, particularmente na provincia de Ourense, coñeceu durante o século XX dúas iniciativas institucionais de grande impacto, mais de raíz ideolóxica e propósitos antagónicos. Por unha banda, as Misións Pedagóxicas da Segunda República (1931-1936), inspiradas nos ideais do Giner de los Ríos e da Institución Libre de Enseñanza, concibían a cultura como un dereito democrático e un instrumento de emancipación cidadá. O seu obxectivo era "derrubar o muro da monotonía" e levar ás aldeas, mediante bibliotecas, cine, teatro ou museos itinerantes, as ferramentas para unha comprensión crítica do mundo. Inspiradas polos ideais republicanos de progreso, laicidade e xustiza social, buscaban reducir as desigualdades culturais e integrar o campesiñado nun proxecto de cidadanía moderna.

Tras a Guerra Civil, o réxime franquista, a través da Sección Feminina da Falanxe, implantou un modelo alternativo e reactivo: as Cátedras Ambulantes (a partir de 1941) e concibíronse como un instrumento de adoutrinamento ideolóxico e moral, orientado á difusión dos valores do réxime franquista, a exaltación do patriotismo e a subordinación da cultura a fins políticos e relixiosos. Este organismo, dirixido por Pilar Primo de Rivera, buscaba "formar á muller" segundo os valores do nacionalcatolicismo, converténdoa en gardiá do fogar e transmisora da ideoloxía do Estado. As súas cátedras, impartidas por "misioneiras do servizo social", levaban ás vilas e parroquias ourensás ensinanzas prácticas (coidados do fogar, puericultura, labores) indisociables dun adoutrinamento político e moral profundamente conservador, que pretendía reeducar á sociedade desde o ámbito privado e doméstico.

Este traballo examinará a transición dende un modelo republicano, laico e emancipador a outro franquista, católico e adoutrinador, analizando como a mesma xeografía – o rural ourensán – foi obxecto de dúas campañas de "culturización" con fins opostos, reflectindo así a fractura política e social de España. Parte da hipótese de que, malia compartir unha mesma metodoloxía aparente —a itinerancia e o contacto directo co mundo rural—, ambos modelos representan proxectos de culturización radicalmente distintos: un emancipador e plural, outro uniformizador e autoritario. Analizar o tránsito “das Misións Pedagóxicas ás Cátedras Ambulantes” permite, por tanto, comprender como a educación e a cultura poden ser empregadas tanto para ampliar dereitos e capacidades cidadás como para lexitimar e reproducir estruturas de poder.

Este será o marco conceptual conciso para contrastar ambos proxectos, subliñando o seu antagonismo e a súa implantación no contexto ourensán.

AS MISIÓN PEDAGÓXICAS

As Misións Pedagóxicas creáronse por decreto o 29 de maio de 1931(publicado na Gaceta o 30 de maio) e a súa función era espallar a cultura, por medio de bibliotecas, charlas, exposicións… Había un Padroado das Misións Pedagóxicas cuxo presidente era Manuel Cossío e que contaba cun orzamento inicial de 300.000 pesetas e a el debíase informar das actividades e propostas que facían as Misións Pedagóxicas das localidades.

Pois ben, estas tamén funcionaron na nosa provincia. Vilas e pobos como Xinzo, Beiro, Canedo, Canda e Piñor de Cea, Avión, Mezquita, O Barco…. solicitaban ao padroado a formación da bibliotecas pois consideraban que era preciso desenvolver o labor cultural.

Pero sen dúbida, foi Parada do Sil o máis activo para organizar as Misións Pedagóxicas pois o maxisterio da comarca levou a cabo diversas tarefas de promulgación cultural sendo a súa principal promotora Rosa Pons, a mestra. E dicían

De acuerdo todos los maestros nacionales de este municipio, emprenderán una campaña pedagógica y cultural por todas las escuelas del mismo, consistente en una serie de conferencias con las que procurarán elevar el nivel de cultura y educación cívica y moral del pueblo, así como también le ayudarán a interpretar el espíritu de la República en sus disposiciones de carácter pedagógico y social. (1)

O día 13 de novembro de 1932 organizaron un amplo programa e dicían o seguinte:

El primer acto se celebrará el próximo domingo día 13 a las dos de la tarde en el local de la escuela de niños de Parada del Sil y en él tomarán parte los señores maestros siguientes: Doña Rosa Pons de Yañez, de Parada; Don Nicolás Martín Grande, de Guendón y don Eduardo López Otero de Sacardebois.(2)

Na localidade de Teimende celebráronse outras Misións o día 4 de decembro de 1932. Nelas intervén unha muller interesante chamada Elvira Coello, unha mestra e :

Habla de las grandezas de España en el transcurso de los tiempos; compara las grandezas del Estado español con las miserias que padeció en todo tiempo el pueblo; culpa de este abandono a la Monarquía y presenta la esperanza que en el régimen republicano debemos tener, convencidos de que ha de llevar a España a nuevas grandezas basadas en la educación de todos sus habitantes…(3)

En Lobios tamén van organizarse as Misión e expresan deste xeito o seu contento:

“¡Que satisfacción es ver cumplido el ideal que en nuestras conciencias radica! Los maestros que forman la sociedad Loviense de Trabajadores de la Enseñanza, estarán satisfechos, poseídos de ese bienestar moral que nos embarga al ver coronados nuestros esfuerzos con los laureles de la victoria.” .(4)

En Carballiño, Viana, Entrimo, Lardeira de Carballeda, Avión…Pobos e pobos que querían o desfrute das vantaxes que lles ofrecía o Padroado das Misións Pedagóxicas e cuxos mestres e mestras non paraban de solicitarlles bibliotecas, exposicións itinerantes… 

AS CÁTEDRAS AMBULANTES E A SÚA ACTIVIDADE EN OURENSE

As Cátedras Ambulantes non xorden nun baleiro histórico, senón que son o resultado dun longo proceso de intervención do Estado no ámbito educativo e cultural, condicionado polo triunfo franquista na Guerra Civil e pola configuración do réxime como un sistema autoritario, nacionalcatólico e profundamente centralizador. Os seus antecedentes remóntanse, en primeiro lugar, á tradición das iniciativas de educación popular e extensión cultural que, desde finais do século XIX e comezos do XX, tentaran achegar a formación ás clases rurais e obreiras. Experiencias como as Universidades Populares, as escolas de adultos, as cátedras ambulantes agrícolas, as campañas de alfabetización ou, especialmente, as Misións Pedagóxicas da Segunda República (1931-1936) estableceran a idea de que a cultura podía —e debía— chegar ás zonas máis afastadas do país mediante dispositivos itinerantes.

Porén, tras a Guerra Civil, o franquismo reinterpretou e resignificou este modelo de intervención cultural. O réxime asumiu a itinerancia como ferramenta eficaz para penetrar no mundo rural, pero abandonou calquera pretensión de pluralismo, espírito crítico ou democratización cultural. Pola contra, adoptou un enfoque doutrinador, no que a educación popular se concibía como un medio para consolidar a orde política, moral e relixiosa do “Novo Estado”. Neste sentido, as Cátedras Ambulantes deben entenderse como herdeiras formais —pero non ideolóxicas— das Misións Pedagóxicas, substituíndo o seu carácter emancipador por un proxecto de control cultural e social.

A orixe institucional das Cátedras Ambulantes sitúase en 1945, no marco do Ministerio de Educación Nacional e, máis concretamente, baixo a órbita do Servizo Español do Maxisterio e de organismos vinculados á Formación do Espírito Nacional. Foron impulsadas nun contexto de posguerra marcado polo illamento internacional do réxime, a necesidade de lexitimación interna e a vontade de moldear ideoloxicamente ás novas xeracións e á poboación rural adulta. A súa creación tamén estivo influída polo ideario falanxista de “cultura ao servizo da patria” e polo peso crecente da Igrexa católica no sistema educativo e cultural español. O seu nacemento responde a dous factores principais:

  • Reacción ao modelo republicano: Tras a derrota das políticas laicas e coeducadoras da República e as súas Misións Pedagóxicas, o réxime franquista precisaba un instrumento para reeducar á poboación, especialmente ás mulleres do medio rural, segundo os valores do nacionalcatolicismo.
  • A "Revolución desde o fogar": A ideoloxía franquista asignaba á muller un papel esencial como "raiña do fogar", gardiá da moral católica, transmisora da ideoloxía do movemento e reprodutora biolóxica e cultural da "esencia patria". A súa formación era, pois, unha cuestión de Estado.

No que respecta á súa organización, as Cátedras Ambulantes estruturáronse como equipos itinerantes compostos por mestres, instrutores culturais, representantes da Sección Feminina, sacerdotes e, en ocasións, persoal técnico encargado de medios audiovisuais (proxectores de cine, diapositivas, radio, etc.). Estes equipos desprazábanse por comarcas rurais previamente seleccionadas polas autoridades provinciais, permanecendo varios días ou semanas en cada localidade. A actividade desenvolvíase en escolas, casas consistoriais, igrexas ou centros sociais, e combinaba conferencias, clases prácticas, proxeccións cinematográficas e actos de exaltación patriótica e relixiosa.

O planteamento pedagóxico das Cátedras Ambulantes baseábase nunha concepción vertical e unidireccional da cultura: non se trataba de dialogar coas comunidades rurais nin de fomentar a súa participación, senón de “iluminalas” desde arriba cos valores oficiais do réxime. A estrutura e o modo de operar reflectían o carácter militarizado e misioneiro do propio franquismo.

As cátedras integrábanse no Servizo Social da Muller, de obrigado cumprimento para todas as mulleres solteiras entre os 17 e os 35 anos para obter certos títulos e papeis oficiais. As monitoras das cátedras eran xeralmente instrutoras ou "xefas" deste servizo. As docentes eran coñecidas como "misioneiras" ou "catedráticas ambulantes". Eran mulleres seleccionadas pola Sección Feminina, con formación en ensinanza doméstica, enfermaría ou puericultura, e sobre todo, cunha ideoloxía falanxista probada. O seu  labor era tanto pedagóxica como de vixilancia e control social.

Os contidos incluían alfabetización básica, nocións de hixiene e economía doméstica, formación agraria elemental, pero tamén —e de maneira central— educación política e moral de carácter nacionalcatólico. A transmisión dunha identidade española homoxénea, a exaltación do Caudillo, a defensa da unidade da patria e a conculcación de roles de xénero tradicionais foron elementos nucleares do seu discurso. 

Metodoloxicamente, as Cátedras Ambulantes desprazábanse cun pequeno equipo portátil (máquina de coser, utensilios de cociña, botiquín, carteles, bandeiras) e utilizaban manuais específicos editados pola propia Sección Feminina, como a Cartilla de Cocina ou Formación Político-Social, onde se inculcaban os roles de xénero e a obediencia ao réxime. Empregaron recursos modernos para a época, como o cine educativo, as exposicións móbiles e os materiais visuais, o que lles confería unha aparencia de innovación. Con todo, esta modernidade técnica coexistía cunha concepción profundamente conservadora e autoritaria da educación. Fronte ao espírito crítico e creativo promovido polas Misións Pedagóxicas republicanas, as Cátedras Ambulantes apostaron pola disciplina, a obediencia e a interiorización dos valores do réxime.

Máis alá da alfabetización ou a mellora das condicións de vida (que eran efectos secundarios), os seus propósitos fundamentais eran o control ideolóxico, estender a presenza do Estado franquista a cada aldea, neutralizando posibles resistencias e creando adhesións; reforzar e uniformizar o modelo de muller submisa, dedicada á esfera privada e subordinada ao home; introducir técnicas domésticas modernas (hixiene, nutrición) sen cuestionar nin a estrutura patriarcal nin a ditatorial. Era unha modernización para a autarquía e a tradición.

En síntese, as Cátedras Ambulantes constitúen un exemplo paradigmático de como o franquismo instrumentalizou a cultura e a educación como ferramentas de control social. A súa orixe responde a unha continuidade formal con iniciativas previas de extensión cultural, pero o seu planteamento ideolóxico e organizativo revela unha ruptura profunda cos principios democráticos e emancipadores que inspiraran experiencias anteriores.

En Galicia e, concretamente, na provincia de Ourense, onde o rural era vasto e illado, as Cátedras Ambulantes tiveron unha presenza significativa, sendo un dos instrumentos máis visibles co que o franquismo buscou penetrar e reconfigurar a vida cotiá das mulleres.

As Cátedras Ambulantes de Ourense, denominadas “Francisco Franco” (nome xenérico das cátedras), foron creadas en 1946 e desenvolvéronse en diferentes localidades da provincia cunha permanencia media de 45 días, aínda que este período podía ampliarse en función das circunstancias. Ao longo de cada ano organizábanse seis cátedras ambulantes en distintos puntos da xeografía ourensá. Para a súa planificación, a provincia dividíase en zonas que eran previamente estudadas e analizadas co fin de determinar os lugares máis axeitados para a súa implantación. Estas cátedras estaban subvencionadas pola Delegación Nacional e contaban coa cooperación económica dos concellos, da Inspección de Ensino, dos servizos de Extensión Agraria, así como coa participación de médicos, alcaldes, veterinarios e mestres, entre outros. A dirección das Cátedras Ambulantes estivo a cargo de Pilar Santalices Cid.

(Pilar Santalices Cid. Fonte: "La Cátedra ambulante realiza un gran labor", La Región, 21 de febreiro de 1963, p. 6)

A ensinanza abranguía numerosos campos, ensinaban corte, curtido de peles, traballos de corda e rafia, alfombras, avicultura, cunicultura, traballos manuais, cociña labores, relixión, economía doméstica, convivencia social, cancións, danza.

As clases eran para os nenos, nenas, mozos e mozas do pobo pero de xeito separado e intercalándose entre as faenas agrícolas. Comezaban cunha misa dialogada á que asistía todo o pobo, e logo comezaban as clases facendo un descanso de doce a dúas e continuaban á tarde ata a noite. O profesorado era seleccionado en cursos nacionais e provinciais. Os medios cos que contaban eran material ordinario, televisor, magnetofónico, proxección de cine con películas, cociña de gas butano que transportaban nun vehículo remolque, que como se dicía, era como unha vivenda volante.

Estiveron en Poboa de Trives, tamén en Oímbra onde a instrutora xefa foi María Eugenia Armada, Rocío de Alba foi a profesora de traballos manuais, María del Prado Trincado encargouse do curso de cociña, de corte, confección e política encargouse Nelly Costela, a ximnasia e baile galego foi impartida por Pepita Castro e a relixión estivo a cargo do párroco Antonio Rodríguez Rodríguez.(5). 

O día 6 de abril de 1959 e durante uns meses, tamén interviñeron no pobo de Cualedro onde catro afiliadas á Sección Feminina, María Eugenia Hermida Alonso; María Teresa Quirós Llordén; María Nelly Costela Mazorra e Amalia Hervella Martínez desenvolveron diversos cursos que se estruturaban de mañá e de tarde como labores e traballos manuais e corte e confección, cociña práctica, conservería, puericultura, ensinanza doméstica e educación física. Pola noite ensinaban baile e canto rexional, industrias rurais, convivencia social, cultura xeral e na parroquia proxectaban películas do Ministerio de agricultura. Seica a concorrencia foi masiva. É de comprender, pois as xentes do lugar sentíanse illadas e a presenza destas "misioneiras" supuña unha ruptura da súa rutina. Pero non cabe ningunha dúbida que o obxectivo principal era crear unha expectativa favorable cara ao franquismo. (6)

En ocasións, as cátedras ambulantes asociábanse a outras propostas formativas de cara ao mundo rural, especialmente as que tiñan que ver co campo. Por exemplo, en Xinzo da Limia dende o 15 ao 20 de abril leváronse a cabo unhas xornadas de divulgación agrícola. En concreto, no pobo de Rebordechá houbo unha sesión promovida pola cátedra ambulante que estaba actuando en Cualedro para mulleres e nenos con proxección de documentais sobre a crianza de pitas e porcos. (7) 

Desde logo, a intervención da cátedra ambulante non deixaba indiferente xa que facía participar a un grande número de xente e sempre eran despedidas con grande recoñecemento por autoridades varias. Estiveron en Avión durante 45 días e en xuño de 1959 os seus cursos foron clausurados con eloxios por parte do subxefe provincial do Movemento, señor Fariña. Nesa ocasión, nenos e nenas dos pobos bailaron muiñeiras e xotas rexionais e cantaron cantigas e na parroquia expuxéronse os traballos realizados durante o curso. (8) 

O empeño propagandista das cátedras facía que o seu número aumentase así como a capacidade de intervención, en efecto, programaron que en setembro de 1959 se crearían cátedras ambulantes en catro pobos de Viana do Bolo. (9)

Outra das intervencións máis sonada foi en Guizamonde onde permaneceron de marzo a abril de 1960. Centráronse no coñecido barrio de "Wichita" coñecida por aquel entón como a "cidade sen lei". Un barrio marxinal e de xente moi humilde. Alí impartiron clases ás xentes máis humildes, ensinaron a cociñar ás mulleres e recibiron formación relixiosa. As mulleres indicaban que era como un bacharelato no quefacer diario de limpeza, organización doméstica, preparación de alimentos, hixiene, confección de roupa, xoguetes e "en fin cuanto en un hogar cristiano y español hay que hacer para que la vida sea grata y limpia y entre los vecinos reine el amor..." (10). As persoas maiores tamén recibiron atención e puideron ver proxeccións cinematográficas, escoitar charlas... Os veciños manifestaron que lles cambiara a vida.

(Profesoras da Cátedra. Fonte: "La Sección Femenina en Guizamonde", La Región, 21 de abril de 1960, p. 5. Tratada con IA).

As profesoras da Cátedra eran as que conducían as clases de xeito organizado e segundo un horario pero tamén contaban coa colaboración de diversas persoas de diferentes ámbitos profesionais para que impartisen conferencias e charlas ás xentes do lugar. Normalmente, nos pobos acudían os da Extensión Agraria que falaban de aspectos agrícolas e gandeiros en xeral e tamén asesoraban acerca dos mellores sistemas agrarios para o pobo en cuestión. 

(Obradoiro de costura. Fonte: "La Sección Femenina en Guizamonde", La Región, 21 de abril de 1960, p. 5. Tratada con IA).

As cátedras rolaban pola provincia, en decembro e xaneiro de 1960-61 estiveron en Vilardevós, logo en febreiro de 1961 en Laza cos mesmos propósitos e planteamentos; en xullo estiveron en Verín onde, entre outras actividades, impartiuse unha conferencia da pintura barroca por parte da señorita Durán Sotelo, deténdose en especial na pintura de Velázquez...En xuño de 1962 foron ao pobo de Rubiás, en Calvos de Randín... No ano 1963 visitaron Blancos, Todos eles pobos moi montañosos e remotos de moi difícil acceso o que obrigaba a limpar camiños para que puidesen circular os jeeps. En todos os pobos os alcaldes convértense en protagonistas por ser promotores de que acuda a Cátedra e dan os seus discursos cargados de consignas políticas. Trasmiras foi outro dos pobos nos que estivo a cátedra e nela participaron 150 nenos e nenas e máis mozos cun acto de clausura cargado de mensaxes laudatorios á cátedra. Outro pobo visitado foi San Xoán do Río, Baños de Molgas, Montederramo, Xunqueira de Espadañedo, Abavides, Beariz, Desteriz, Lobios, Nogueira de Ramuín, Padrenda, Grou, Manzaneda..

A clausura das Cátedras adoitaba a ser un grande acontecemento para o pobo pois xuntábase toda a xente, acudía o Gobernador Civil e outras diversas autoridades....e convertíase nunha festa total na que se expuñan traballos, facíanse bailes galegos, música, discursos...Unha das máis sonadas foi a de Vilardevós en xaneiro de 1961 e a da Mezquita a onde acudiron altas autoridades, a prensa, a radio, as rexedoras provinciais do traballo e prensa e propaganda. Todo envolto no espírito do Movemento. (11)


Para concluír, cómpre sinalar que, aínda que ambos modelos de divulgación compartían a vontade de intervir no medio rural, respondían a obxectivos claramente diverxentes. Así, mentres as Misións Pedagóxicas procuraban achegar ao pobo unha cultura de carácter intelectual a través de ensinanzas relacionadas coa lectura, o teatro, o cine, a arte ou o museo, co propósito de enriquecer culturalmente a sociedade, fomentar o espírito crítico e impulsar o progreso, as Cátedras Ambulantes do franquismo orientábanse cara á transmisión de saberes que reforzaban os roles de xénero establecidos e contribuían á exaltación do espírito patriótico e á consolidación do réxime. Lonxe de constituír unha culturización emancipadora, tratábase dunha formación orientada á reafirmación dos valores franquistas, na que as denominadas “forzas vivas” exercían un papel de control e influencia destacado.

(1) (2) "Parada del Sil", Galicia, 12 de novembro de 1932, p. 3.
(3) "Nuestra labor. Pequeñas misiones pedagógicas", El Magisterio orensano, 8 de decembro de 1932, p. 2.
(4) "Pequeñas misiones pedagógicas", Galicia, 4 de xullo de 1933, p. 4.
(5) "El Gobernador Civil inauguró ayer tres escuelas en el Ayuntamiento de Villardevós", La Región, 4 de novembro de 1958, p. 2.
(6) "Cátedra ambulante de la Sección Femenina", La Región, 26 de abril de 1959, p. 7.
(7) "Divulgación agrícola", La Región, 3 de maio de 1959, p. 6.
(8) "Avión. Clausura de un curso de formación", La Región, 5 de julio de 1959, p. 7.
(9) "Reunión de la Comisión Permanente del Consejo Provincial del Movimiento", La Región, 27 de agosto de 1959, p. 6.
(10) "La Sección Femenina en Guizamonde", La Región, 21 de abril de 1960, p. 5.
(11) "Villardevós. Clausura de la Cátedra Ambulante", La Región, 4 de xaneiro de 1961, p. 5; "Clausura Cátedra ambulante de la Sección Femenina en la Mezquita (Viana)", La Región, 24 de decembro de 1961, p. 2.

Referencias bibliográficas

Borrás Llop, J. M. (2007). Las Misiones Pedagógicas (1931-1936). Madrid: Residencia de Estudiantes.
Cámara Villar, G. (1984). Nacionalcatolicismo y educación en la España de Franco. Madrid: Rialp.
Cuesta Bustillo, J. (dir.) (1998). Historia de la educación en España. Vol. II: De la Restauración a la II República. Ministerio de Educación.
Díaz-Faes, P. (2017). Misións Pedagóxicas e Cátedras Ambulantes: dúas formas de chegar ao rural galego. Universidade de Santiago de Compostela (Traballo de Fin de Máster inédito, consultable en repositorios).
Hernández Díaz, J. M. (2013). Educación y cultura en el primer franquismo. Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca.
Gallego Méndez, M. T. (1983). Mujer, Falange y Franquismo. Taurus.
López Sández, M. (2011). Mulleres no franquismo: a represión e a resistencia no rural galego. Laiovento.
Molero Pintado, A. (2000). La política educativa del franquismo. Madrid: UNED.
Otero Urtaza, E. (2004). As Misións Pedagóxicas. 1931-1936, Consello da Cultura Galega.
Otero Urtaza, E. (2006). Las Misiones Pedagógicas: una experiencia educativa en la España republicana. Santiago de Compostela: USC.
Richmond, K. (2004). Las mujeres en el fascismo español: la Sección Femenina de Falange. Madrid: Alianza.
Sanz Fernández, F. (1999). La educación en la España de posguerra. Madrid: Biblioteca Nueva.Se queres, podo:
Rodríguez González, M. A. (1999). "Sección Femenina: la "culturización" de la mujer en la Galicia rural" en VV.AA., Mulleres e Nacionalismo. Aproximación desde a Historia (pp. 149-162). A Nosa Terra.
Suárez Fernández, L. (1993). Crónica de la Sección Femenina y su tiempo. Asociación Nueva Andadura.

29 junio 2025

FLORENTINA PÉREZ RODRÍGUEZ

Florentina Pérez naceu en Seixo, A Gudiña, en 1916. Seus pais eran Antonio e María. Dedicábase aos labores da casa e do campo. Tiña 25 anos cando a Garda Civil de Monforte a conducíu á prisión de Ourense o día 22 de febreiro de 1941 procedente do Campo de Concentración de Figueras de Asturias. 

Florentina foi detida por colaboración cos republicanos destinándoa a ao campo de concentración situado en Arnao, Figueras, Asturias. Alí tiñan aos prisioneiros republicanos e membros das familias para interrogalos. Arnao tivo dúas etapas, unha para prisioneiros de guerra e outra para familiares e estivo vixente desde agosto de 1937 ata febreiro de 1943. 

(Fonte: Los Campos de Concentración de Franco. (2025). Retrieved April 7, 2025, from Loscamposdeconcentraciondefranco.es website: https://www.loscamposdeconcentraciondefranco.es/campos/69).
(Fonte: Expediente persoal da reclusa Florentina Pérez Rodríguez.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25107/044Caixa 25107/044 (2)).

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Florentina Pérez Rodríguez.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25107/044Caixa 25107/044 (3)).

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso do ano 1941.
ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2239. Libro 2239. (110)).

Florentina recobrou a liberdade o 27 de febreiro de 1941. 

01 junio 2025

TERESA PRIMO FERNÁNDEZ

Naceu en Viana do Bolo en 1924 e era filla de Serafín e de Cándida. Estaba solteira e residía en Pradoramisquedo e foi detida o 2 de decembro de 1949 pola garda civil de O Barco para poñela á disposición do Gobernador Militar da provincia. O día 18 de abril decídese o mandamento de prisión para Teresa.

Pero, por que foi detida Teresa. A acusación indicou que o motivo de encausala foi por auxiliar a bandoleiros segundo o testimonio de Jaime Losada Méndez. Dise que os agochou, que lles proporcionou víveres e lavou a roupa. Por tal motivo, foi condenada a 3 anos de prisión. Deste xeito, entrando en prisión o 2 de decembro de 1949, Teresa saldaría a súa condena o 3 de marzo de 1952. A situación de Teresa non era doada pois seus irmán, José Primo Fernández, tamén caeu nas mans da xustiza por acubillar ao bandolero Antonio Murias e achegarlle víveres e información diversa, así como ocultar unha botella que contiña munición de pistola e unha granada. (1)

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Libro 2245, p. 181.)

O 9 de agosto de 1950 decídese o traslado de Teresa ao cárcere de Madrid. Así que, o 14 de agosto é trasladada á Prisión das Ventas de Madrid coa finalidade de que realice traballos, en concreto para traballar en servizos de destinos (literalmente se menciona así no expediente) en Madrid:

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Teresa Primo Fernández. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1./25113/038(3).
(Fonte: Expediente persoal da reclusa Teresa Primo Fernández. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1./25113/038(4)

Con Teresa irían outras dúas reclusas, Agripina Pousa Rodríguez e Lucita Sánchez Barredo coa encomenda de realizar traballos forzosos encomendados. Enténdese que unha vez cocluída a condena Teresa regresaría a Ourense entorno a 1953.

En relación a Agripina non se sabe o tempo que tería que botar na prisión. Pero puido saberse algo máis sobre a súa orixe. Parece ser que era de Carballiño e que anos máis tarde, tivo outro asunto de delito grave pois foi acusada e detida en xullo de 1957 por delito de aborto. Isto supuxo que a condenaran a seis anos de prisión menor. Así mesmo acusárona de aborto en grado de conspiración polo que recibíu outra condena de seis meses de arresto maior. Esta causa foi instruída no Xulgado de Carballiño. (2)

(Elaboración  propia a partir do expediente depositado no Arquivo Histórico Provincial. (1) Esta información aparece recollida no Expediente de Antonio Manuel Domínguez.  ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24045/039 Signatura:Caixa 24045/039
(2)Audiencia Provincial.(20 de xuño de 1957). El Pueblo Gallego, p. 11.) 

27 abril 2025

FELISA PÉREZ CORBILLÓN

Naceu en Vilaverde (Podentes), A Bola, Celanova, o ano 1897. Era filla de José e Cándida e dedicábase aos labores do campo e da casa. Tiña 44 anos, estaba viúva e tiña dúas fillas. Detivérona o 17 de febreiro de 1941 por auxilio á rebelión.

Os acontecementos sucederon do seguinte xeito. Don Cándido Suárez Ormoso, Garda Civil da provincia de Ourense e secretario do Xulgado Militar Especial de Atracos, do que era xuíz o capitán de infantería Benjamín Pereira Taboada, certificaron que Saturnino Darriba, Gabriel Hernández González, José Fernández Alonso, Francisco Domínguez, Gumersindo Delgado Gallego, Remigio Fernández Rodríguez e Felisa Pérez Corbillón foran os autores dun atraco perpetrado o 11 de setembro de 1940. Que algúns deles tiñan “malos antecedentes y de ideología izquierdista" e que ao ver o triunfo do Movemento Nacional e o fracaso da rebelión “marxista” fuxiron a Portugal, situándose na fronteira para efectuar incursións, atracos e roubos. Nalgunhas ocasións puxéronse en contacto con Gumersindo Rodríguez Gallego, veciño de Quintela, Bande, fuxido tamén a Portugal desde onde pediu ser trasladado á Zona Roja. Entre todos conviñeron o atraco en Porto Quintela no domicilio e comercio dos irmás Don Lisardo e don Hermindo de Castro Álvarez pois Gumersindo indicou que eran persoas adiñeiradas. Cando chegaron ao lugar os asaltantes rodearon o domicilio e tres penetraron no comercio e dispararon a Hermindo e a Milagros Martínez Álvarez, dona de Lisardo, causándolles a morte. De Felisa parece probado que non actuou nestes sucesos directamemte e non quedou demostrado que lles ofrecese información ou auxilio para levar a cabo o delito, pero si falicitou aloxamento e comida na súa casa a todos eles. Todos foron capturados e os cinco asaltantes foron condenados a morte e a Felisa conducírona ao cárcere o 17 de febreiro de 1941.

Transcorrían os meses para que Felisa declarase ante Xuíz Especial Permanente para enxuizamento de Fuxidos. Mentres tanto, dende o cárcere, enviouse con data do 17 de abril de 1941 ao Xefe de servizo da Prisión Provincial de Ourense o seguinte comunicado por parte da gardiá Manuela Fernández:

La guardiana de servicio que suscribe tiene el honor de participar a usted que la reclusa Felisa Pérez Corbillón pasaba comida de la que ella recibía a la también reclusa, castigada con incomunicación y sin recibir comida del exterior desde el día 1 del actual, Estrella Quintela López.

La Felisa Pérez Corbillón fue castigada provisionalmente y mientras no reciban otra cosa de la Superioridad a no recibir comida alguna del exterior. (1)

Chegado agosto, Felisa foi posta á disposición do Xuíz militar permanente de fuxidos pois ía levarse a cabo o Consello de Guerra ao cal tamén tivo que comparecer a Policía Armada que detivo a Felisa. Tras as declaracións ditouse sentenza o 13 de outubro de 1941  e estimando que Felisa xa levaba en prisión oito meses e doce días impúxolle unha condena de doce anos e un día de prisión temporal, quedábanlle por cumprir once anos, tres meses e 28 días. Así que, Felisa extinguiría a condena o 13 de febreiro de 1953.

Felisa, estando no cárcere, enfermou e o médico, Celso Moreiras Meirás certificou que a reclusa padecía epiose visceral e que precisaba unha intervención cirúrxica polo que era preciso conducila ao Hospital Provincial de Ourense. Dito isto, o 7 de outubro de 1942, Felisa foi trasladada ao Hospital, previamente cacheada pola gardiá Manuela Fernández. Aos sete días, o 14 de outubro, voltou ao cárcere pois o Gobernador Civil indicoulle ao Director da prisión que a reclusa podía ser asistida na prisión. Non obstante, o médico, insistiu que era preciso que permanecese na celda sanitaria de aillamento para poder antender mellor a súa curación.

A finais do ano 1942, cando Felisa levaba no cárcere case dous anos, considerouse concederlle a liberdade atenuada. Non obstante, o Comandante do Posto da Garda Civil de Celanova foi extremadamente duro no informe que enviou con data do 2 de novembro no que indicou que Felisa era viúva e que era unha muller de mala conduta moral por ser prostituta e que tiña dúas fillas de pais descoñecidos. Argumentou que as súas fillas acabaron tamén prostituíndose e foran entregadas a “maleantes, personal huído y contrabandistas”. Manifestou tamén que:

En su domicilio cobijaba la hez de la delincuencia en donde se entregaban a orgías que sostenían económicamente con el producto de robos y contrabandos. (2)

Máis benevolente foi o rexedor do pobo de A Bola xa que nun informe datado o 10 de novembro o seguinte manifestou:

D.Camilo Feijoo Vázquez Alcalde Presidente y Jefe de Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S Evaluando el informe relativo al recluso Felisa Pérez Corbillón vecina de Vilaverde en este Término Municipal, en cuanto a su conduta moral pública y privada deja bastante que desear, no obstante el que informe no se opone a los beneficios de la libertad condicional una vez impuesta la condena se halla extiguiendo en esa prisión. (3)

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Felisa Pérez Corbillón. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25103/029. Caixa 25103/029 (22)).

O 12 de decembro de 1942 o Presidente de Excarceracións acordou a liberdade atenuada. Malia todo, isto non significaba a excarceración inmediata de Felisa xa que había que facer acopio de informes de se os feitos polos que se acusaba a Felisa se produciran durante a guerra ou foran posteriores a ela. Cando  informou o Comandante Xuíz indicando que sucederan o 12 de setembro de 1940 e como non puido ser levada ao Consello Militar ata o 9 de setembro de 1941 e “no pudiendo elevar la propuesta al Patronato Central”, indicouse que debía ser  reingresada no cárcere en xuño de 1943.

Mais, cando o Gobernador Civil mandou aviso de detela de novo, a Garda Civil indicou que Felisa  xa non acudía ás presentación debidas ante as autoiridades e que non estaba localizada para conducila ao cárcere. En agosto de 1943 non sabían do paradeiro de Felisa e comezaron as pesquisas.

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Felisa Pérez Corbillón. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25103/029. Caixa 25103/029 (38)).
Felisa estivo en busca e captura durante case dous anos. Pero nai e fillas xa non residían en A Bola, senón que fixaran o seu fogar en Mariñamansa, Ourense. Será o 27 de abril de 1945 cando conseguen dar co seu paradoiro e o Xuíz de Instrucción de Celanova determina a condución de Felisa ao Cárcere de Ourense.

Dadas as diferentes continxencias, o Gobernador Civil determinou a condución de Felisa á Prisión de Mulleres de Amorabieta. Saíu da prisión de Ourense o 18 de agosto de 1945, Felisa tiña 52 anos. Quedaban no pobo as súas fillas de 25 e 22 anos.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso do ano 1941.
ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2239. Libro 2239. (103).

O cárcere de mulleres en Amorabieta funcionou desde 1939 a 1947. Estaba situada no edificio das Carmelitas Descalzas. A esta prisión acudiron moitas mulleres procedentes de todas as partes de España. De Ourense foron varias. Xunto con Felisa Pérez,  tamén foron enviadas Dolores Iglesias Rodríguez; Adelaida Cid González; Josefa Sánchez Mondelo; María Luísa González Quiroga; Carmen Ogando Blanco e María Sousa Méndez. Doutras que sabemos que foron levadas a Amorabieta son María Villar, Flora Villar e Adela González.

(Fonte: de, C. (2023, October 26). Cárcel femenina durante los primeros años de la dictadura franquista. Consultado o 21 de abril de 2025, en Wikipedia.org website: https://es.wikipedia.org/wiki/C%C3%A1rcel_de_mujeres_de_Amorebieta)

Felisa saíu do cárcere tras cumprir a condena e sabemos que en novembro de 1962 obtivo o pase de fronteira. Residiu en Ourense onde, por certo, en 1969 adquiriu un panteón no cemiterio de San Francisco.

(1)Expediente persoal da reclusa Felisa Pérez Corbillón. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25103/029. Caixa 25103/029. (10). (2) Idem. (20); (3) Idem (19).

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Expediente persoal da reclusa Felisa Pérez Corbillón. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25103/029. Caixa 25103/029; Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso do ano 1941. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2239. Libro 2239.)

23 febrero 2025

PILAR PÉREZ PÉREZ

Era mestra nacional e, en 1937, concedéronlle a praza de interina na escola de Chás, en Oímbra. 

Estando nesta escola foi inhabilitada durante seis meses con traslado forzoso dentro da provincia e prohibición de solicitar vacante  durante o período de dous anos. 

Probablemente a sanción resultou ser de tres meses pois en setembro dese mesmo ano destinárona á escola de Castro Caldelas onde, por certo, acabou pedindo unha licencia por enfermidade.

Vid: Notas de Sociedad. (1921, 3 febreiro). La Integridad, p.3; Nombramientos de interinos. (1937, 19 febreiro). La Región, p. 2. Relación de maestros de esta provincia sancionados. (1940, 8 maio). La Región, p. 3; PARES, Expedientes de Depuración de maestros nacionales. Sig. 32/12791.

02 febrero 2025

ARTEMIA PAZ PAZ

Artemia estivo presa no cárcere de Ourense en tempos da dura ditadura. O seu expediente carcerario indícanos que estaba solteira e que tiña 32 anos cando a detiveron.

Naceu en Entrimo en 1908, seu pai era Antonio e súa nai Rosa. Amparo non tiña antecedentes e entrou no cárcere de Ourense o día 5 de novembro de 1940 por primeira vez. Foi entregada pola Garda Civil e posta á disposición do Xefe da Columna de Fuxidos, IV Columna.

O Tenente Coronel Xefe envía  o 8 de novembro de 1940, un comunicado ao director da prisión provincial no que se dicía:

En contestación a su oficio nº 5440, de fecha 5 del actual en el que comunica haber tenido ingreso en esa prisión de su cargo la detenida Artemia Paz Paz, natural y vecina de Entrimo, que se encuentra en disposición de esta Columna, me complace en participar a V. que ratifica la prisión de la misma, debiendo continuar en dicha situación hasta tanto se sustancie la información que contra la misma se instruye. (1).

Pero a situación de Artemia cobrou un xiro brusco xa que en poucos días transmitiuse a orde de que Artemia fose trasladada á Prisión de Burgos, unha decisión que supuña un duro castigo para ela ao non poder contar co apoio familiar. Alí ingresaría o día 17 de novembro de 1940. O director da prisión burgalesa, Fernando Morrón, confirmou a chegada de Artemia á súa prisión: "quedo enterado que no deja pendiente en esa responsabilidad, que se halla vacunado reglamentariamente..." (2). Así mesmo, o Gobenrador Civil da provincia de Burgos remitíu unha carta ao director da prisión de Ourense solicitando informes sobre as causas que conduciron a que Artemia tiña que quedar baixo á súa disposición.

(AHOU. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25099/003. Caixa 25099/003. 25099/003 (9).

Queda por completar cales foron os cargos que lle imputaron a Artemia que a conduciron a sufrir o cárcere e o castigo do traslado a Burgos. Tamén queda por saber cantos anos estivo presa. Pero cos datos que temos podemos deducir que a situación foi moi dura para Artemia.

Elaboración propia a partir do Expediente. AHOU. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25099/003. Caixa 25099/003. (1) 25009/003(3). (2)25009/003(8).

19 enero 2025

MULLERES OURENSÁS QUE ESTUDARON NO INSTITUTO CARDENAL CISNEROS DE MADRID

(Fotografía extraída de internet pero envellecida por min cun programa on line para darlle un aire retro.)

Hai que valorar o interese por parte das ourensás de comezos do século XX de proseguir os estudos de primaria e cursar o bacharelato. Iso leva a pensar a que terían en mente acceder á Universidade. Cando eu fixen o estudo das mulleres ourensás que realizaron estudos de secundaria observei que,en efecto, unha grande porcentaxe encamiñábanse a facer estudos de maxisterio e  universitarios pero tamén había quen titulaba no bacharelato pero, logo, non continuaban estudando. Isto inducía a pensar que habería mulleres ourensás que cursaban estudos secundarios sen máis ambición que complementar e ampliar as aprendizaxes da primaria e adquirir uns coñecementos que consideraríamos de "adorno".

Dito o cal, sabemos que no primeiro terzo do século XX houbo numerosas inscricións de ourensás no Instituto de Ourense. Algunhas delas non remataron aquí os estudos de bacharelato pois solicitaron traslado ao prestixioso e notable Instituto Cardenal Cisneros de Madrid. 

O Instituto Cardenal Cisneros de Madrid fundouse no ano 1845, en tempos de Isabel II. Foi chamado así na honra do fundador da Universidade de Alcalá. O edificio é de grandes dimensións, de espazos amplos aptos para o estudo e o acollemento de grande número de estudantes. Destaca nel a grande escaleira de mármore como un eixe central do edificio.

(Fotografía extraída de internet pero envellecida por min cun programa on line para darlle un aire retro.)

O centro acolleu desde os seus inicios a un grande número de alumnado. Primeiro chegaron os mozos e pouco a pouco comezaron as primeiras matrículas femininas que foron incremetándose ata 1930. Pero coa chegada da Guerra Civil o centro pasou a ser masculino. Coñecidas e recoñecidas mulleres estudaron neste lugar, estamos a referirnos a Clara Campoamor, Victoria Kent, Hildegart Rodríguez Carballeira. Nesas aulas tan enormes, coas bancadas en pendente, escoitarían as leccións dun claustro selecto. Hoxe en día, aínda mantén o encanto de antaño.
(Fotografía extraída de internet pero envellecida por min cun programa on line para darlle un aire retro.)
Pois ben, este instituto tan prestixioso, tamén contou coa presenza de mulleres ourensás que percorrerían os seus espazos e quen sabe, talvez, chegaron a coñecer ás prestixiosas alumnas que se mencionaron anterior. Ditas ourensás foron:

Alvida González González. Natural de Vilardevós. Estudou desde 1920 a 1922.

Teresa Vaamonde Valencia. Natural de Toén, Ourense. Estudou de 1919 a 1921. Posteriormente fixo estudos de Filosofía e Letras, especializándose en Historia e opositou a prazas de Biblitecaria e Arquivística.  (Falarei da súa traxectoria nunha próxima entrada do blog.)

María de los Ángeles Fernández Núñez. Natural de O Barco de Valdeorras. Estudou desde 1915 a 1919.

Eudosia Montes Villamarín. Natural de Puga, Toén. Estivo cursando dous anos, 1920 a 1922.

María Gracia López Placer. Natural de Coles. Realizou o ingreso no Instituto Cardenal Cisneros en 1922 e estivo dous cursos académicos, de 1922 a 1924.

María Purificación Pardo de Castro. Natural de Ourense. Naceu o 7 de setembro de 1905. Realizou o ingreso no Instituto ourensán en 1915 cando tiña 10 anos e estudou ata 1918 obtendo unhas notables cualificacións. A continuación solicitou traslado ao Instituto Cardenal Cisneros. Rexistrouse no Instituto de Madrid en 1919 e realizou dous cursos, de 1919 a 1921. Era filla de Isauro Pardo y Pardo e de María de la O Castro y Garcés. En 1961 recibiu o título de Marquesa de Leis tras o falecemento do seu irmán, Ramón Pardo de Castro que faleceu nun accidente de aviación.

Rosa Pardo de Castro. Naceu en 1908 en Ourense e irmá de Purificación. Fixo o exame de ingreso no Instituto ourensán o 10 de xuño de 1918. Cursou por oficial un ano matriculándose en catro materias (das que non constan cualificacións) e, en 1919, solicitou o traslado de matrícula ao Intituto Cardenal Cisneros, xunto coa súa irmá.

Piedad Fernández López. Naceu en Castro Caldelas o 19 de xaneiro de 1899. Fixo o exame de ingreso no Instituto Ourensán pero, a continuación, foi á Escola Normal de León. Logo foi a Madrid e cursou un ano no Instituto Cardenal Cisneros, de 1920-21. Sería inspectora de ensinanza primaria e exerceu en Ourense. (Poden ver a súa traxectoria na entrada no blog que fala sobre ela.)

Alicia González González. Naceu o 28 de xuño de 1904 en Vilardecervos e era filla dun mineiro. Fixo o exame de ingreso no Instituto ourensán o 20 de setembro de 1917. A continuación matriculouse por libre no curso 1917-18 e por oficial no seguinte curso, de 1918 a 1919. O 13 de abril de 1920 solicitou unha certificación académica para o Instituto Cardenal Cisneros de Madrid. 

Aurea González González. Naceu en Vilardecervos o 24 de novembro de 1901. Era irmá da anterior. Realizou o exame de ingreso no instituto de Ourense o 20 de setembro de 1917. Matriculouse por libre no curso 1917-1918 e por oficial no curso 1918-19. O 13 de abril de 1920 solicitou o certificado académico para trasladarse ao Instituto Cardenal Cisneros de Madrid.

08 enero 2025

MARÍA PRADO RÚA

(Fotografía do seu Instagram). Se teño que dicir algo de comezo sobre María, diría muller creativa, muller ourensá, muller galega, dinámica e desenfadada que espalla, a través do seu canle de instagram, un mundo diverso e rico sobre as "maneiras ao galego" de ver o mundo e de como Galicia influíu no mundo máis do que pensamos.

Naceu en Ourense nun ano enteiro e milenario, o 2000. Estudou no IES Universidade Laboral onde destacou polas súas brillantes cualificacións. Tamén alí formou parte da agrupación teatral representando con ela numerosos papeis, aínda lembro o seu brillante papel na obra de Lisístrata que tan magníficamente dirixiu Matilde Álvarez.

María rematou bacharelato e estudou a carreira de Educación Infantil e agora está facendo Pedagoxía. 

Ademais de estudar realiza, graba e monta vídeos de Instagram que son de grande riqueza temática pois aborda numerosos asuntos aínda que maiormente fala da lingua, de Galicia, dos galegos, dos costumes, da etnografía, das verbas....Amosa un grande escaparate ao mundo sobre a idiosincrasia galega e faino desde o respecto, a delicadeza, a tolerancia e o orgullo. Nos seus vídeos non hai estridencias, senón que hai empatía, simpatía e gracia e dá ledicia vela cando leva algún adobio tradicional galego como panos, perendengues, colares...Un chiscar sempre á súa terra.

É unha fervente defensora da lingua galega e ofrece vocablos novos ou fai corrección de ditos que non son correctos ou ofrece refráns, frases que están na tradición galega.

E vai cada vez a máis e atrévese a ir á Arxentina para amosarnos palabras que son de orixe galego, levarnos ao Centro Gallego, falarnos de Castelao, ensinarnos os pratos típicos da Arxentina, esa quinta provincia galega...un verdadeiro caleidoscopio cultural.

É multidiversa nos asuntos que aborda, pois  tamén fala do medio ambiente amosando como disfruta estando nunha paisaxe natural, sobre feminismo, arte, literatura... de aí que todos os días sexa unha sorpresa. Vai a numerosos eventos para retrarmitírnolos dun xeito divertido pero rigoroso. Ten máis de 30.000 seguidores o que demostra que non deixa a ninguén indiferente. Pero o dito, María sempre demostra a querenza pola lingua e por Galicia e como ela dixo: "Nos meus contidos a identidade ten un peso moi forte, pola miña identidade galega, pola miña lingua, pola defensa dos dereitos humanos".

Grazas a ela, moitos mozos e mozas perciben o galego e a súa cultura como algo bo e xeneroso, e iso a María énchea de orgullo.

Así pois, María é unha muller sumamente interesante, unha comunicadora do século XXI, por suposto, ourensá.

Instagram de Prado Rúa

06 enero 2025

TERESA PIÑEIRO ÁLVAREZ

Teresa Piñeiro Álvarez naceu en Ourense o 28 de xaneiro de 1901 e acadou o título de maxisterio. En 1931 matriculouse nos cursos de selección profesional segundo o plan de estudos establecidos pola República.

En setembro de 1933 foi destinada como interina á escola de Montoedo, en A Teixeira, na terra de Caldelas. Un ano despois foi para a escola de Figueiroá, en Paderne de Allariz e, estando nesta praza, sumouse, xunto cos seus compañeiros e compañeiras de Allariz, ao acordado pola Asociación Provincial do Maxisterio para a homenaxe á forza pública. 

Coa chegada da ditadura Teresa foi apartada durante algún tempo da súa escola e, en 1936, aparece destinada na escola de Picasent, Valencia (ver imaxe); pero a Dirección Xeral emitíu un informe en setembro de 1939 no que indicou a reposición provisional de Teresa na súa escola e, finalmente, ratificou que podía incorporarse á mesma. Deste xeito, Teresa continuou exercendo tras un proceso de incerteza.


(Fonte: De Enseñanza (1936, 5 outubro). La Voz Valenciana, p. 6)

Elaboración propia a partir de diferentes fontes. Información del Magisterio (1933, 21 setembro). Galicia, p. 6. Información del magisterio. (1934, 30 maio). Galicia, p. 6. Para los mantenedores del orden. (1934, 1 decembro). La Región, p. 3; Sección administrativa (1939, 9 agosto). La Región, p. 2; Información del magisterio. (1939, 16 setembro). La Región, p. 2; Relación de cursillistas. (1933). El magisterio español, Número 9203: 101; Boletín Oficial del Estado, 1 de xaneiro de 1942.)

17 noviembre 2024

ENCARNACIÓN PENÍN GARRIDO

Encarnación era mestra e cando estaba exercendo na escola da Magdalena, Monterrei, foi inhabilitada e apartada da ensinanza cando tan só levaba un ano, sete meses e dezasete días como mestra. Moi contundente foi a acusasión que se fixo contra ela pois recibiu un castigo moi duro.

Naceu en Ourense o 2 de maio de 1911(¿?). Realizou os estudos de maxisterio e accedeu ao corpo tras superar os cursiños de 1936. No se sabe a causa, pero cando estaba na escola de A Magdalena comunicouse ao Consello Local de Primeira Ensinanza de Monterreai que Encarnación de ausentara da escola desde 23 de novembro de 1935.

(Fonte: BOE,15 de xullo de 1953, nº 196, p. 4266)

Estivo apartada do ensino desde 1940 ata que, en 1953, tras revisar o seu expediente, concédeselle a súa reincorporación. A partir de entón comeza un intenso percorrer de escolas. Iso supuña para Encarnación un grande alivio pois, de novo, retomaba o seu traballo despois de que acordaran represaliala cando tan só levaba un ano e medio exercendo como mestra. Agora tocaba ir de escola en escola, con moitos cambios de destino. En 1954 condéronlle a escola de Pradelas na Poboa de Brollón. En 1955 foi para Carballiño e, en 1957, para a de Santa María de Temes e tamén ese mesmo ano para a de Soutochao, en Vilardevós. Os cambios e traslados eran constantes e, en 1959, tivo que marchar ao pobo de Santa Marta no Concello de Viana do Bolo. De aí á escola de Cobas, Ourense, pero en 1961 concursou para a escola mixta de Córcores, no Concello de Avión.

As sancións que impuña a Comisión de Depuración supuñan un fondo trauma para todos os docentes, pero maiormente para as mestras xa que segundo a percepción da sociedade presupoñíase que a muller tiña que ter por si mesma o don da docilidade e sobre todo as mestras, que eran  exemplos e modelos a seguir. Por tal motivo, cando se producía o castigo debía ser habitual que as xentes mirasen a esas mestras con receo.

Vid:Información del magisterio. (1935, 6 decembro). El Pueblo Gallego, p. 12; Relación de maestros que han sido sancionados. (1940, 8 de maio). La Región, 3; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo: Número 210 - 1957 setembro 17, p. 3; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo: Número 217 - 1955 setembro 27, p. 2; BOE, 1 de setembro de 1961, nº 209, p. 12831.