Etiquetas

01 junio 2010

EMILIA ÁLVAREZ ÁLVAREZ


Naceu en Trado, Cortegada, o 10 de marzo de 1910 e era filla de José Álvarez Puga, médico e a súa nai era Isolina Álvarez Pérez. Como as súas irmás, Isolina e Remedios, emprenderá os estudos de bacharelato. Cando tiña 12 anos fixo o exame de ingreso no Instituto de Pontevedra e no curso 1922-23 matriculouse no Instituto de Ourense nas materias de Lengua Castelá, Xeografía Xeral e de Europa e Nocións de Aritmética e Trigonometría. O 23 de xaneiro de 1924 solicitou unha Certificación de estudos para trasladarse ao Insituto de Santiago onde rematou o bacharelato. 

Cando tiña 17 anos, en 1927, matriculouse por oficial na Facultade de Farmacia en Santiago onde realizou os cinco cursos licenciándose con brillantes resultados en 1933. 
Demostrou ter unha admiración polas grandes eruditas galegas como, por exemplo, Concepción Arenal, sobre quen impartiu unha conferencia na Casa Social de Santiago titulada "Una sencilla semblanza de Concepción Arenal". Segundo a prensa:

"La Señorita Álvarez, tuvo la discretísima postura de manifestarse, no como reveladora de una figura presentada en la publicadad, por conocidos hombres de ciencia, sino que apartándose de la obra de estos...Espigó especialmente en los libros Manual del Visitador del pobre; Manual del Visitador de Preso y sobre todo el volumen denominado Cuadros de la guerra, donde la excelsa socióloga ha vaciado toda su ternura....La oradora fue muy aplaudida y felicitadísima. Así la mujer gallega va incorporándose a la vida de nuestra intelectualidad, dando cada día más relevantes pruebas de afán y del provecho con que se capacita para ello" (1).

No ano 1933 casou en Cortegada con Fermín Bouza Brey, xuíz da Estrada ademais de erudito, galeguista e un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos. O matrimonio tivo cinco fillos/as, Emilia, María Luísa, Fermín, Isabel e José.

Emilia rexentaría unha farmacia na rúa do Vilar, número 54, en Santiago de Compostela. Aínda en 1966 seguía exercendo de farmacéutica. Faleceu en 2000.

(1)"La mujer gallega y su acción social", Vida gallega : ilustración regional, 31 de xaneiro de 1930.
Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese inédita. Cid Galante, Rosa María.As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004 , pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156; El ideal Gallego, 7 de xullo de 1933, p. 2.; El Compostelano, 30 de xuño de 1933, p. 2; El Correo Gallego, 25 de febreiros de 1942, p. 2; 12 de setembro de 1948, p. 2; La Noche, 23 de marzo de 1963; El Pueblo Gallego, 30 de outubro de 1974, p.  13.