Etiquetas

A Xustiza pola man

 A Xustiza escríbese con maiúsculas. Forma parte das catro Virtudes Cardinais e como tal, debe ser exercida coa máxima escrupulosidade. Non perdín o respecto e a fe pola xustiza pero estou perdendo o respecto polo exercicio dunha xustiza que se vai desvirtuando. Nun xuízo por un abuso e agresión a unha muller  chegan a facerse preguntas capciosas, intimidatorias.  A frialdade atemoriza e produce que a vítima sexa máis vítima. 

Non podemos permitir que un xuízo a unha muller maltratada, violada, aldraxada...sexa un ditamen no que se cuestione á muller. Que facía ali? Por que foi? Que levaba posto? Que lle fixo a vostede?, pode darme detalles? Explique con claridade? Non é verdade que...? Que fixo? Defendeuse? Quen é, que fai, en que traballa, con quen anda?

Non é posible que se lle esixa tanto á vítima e tan pouco ao agresor. A xustiza debe ser imparcial, pero....é isto imparcialidade? Que queda da Xustiza como Virtude? Polo tanto é preciso que haxa uns xuíces preparados para xulgar estes delitos. Aquí non nos vale o mesmo cliché dos xuízos convencionais pois isto é unha cuestión de DOMINACIÓN POR DEREITO DE SEXO. Hai que entendelo así, pois o home cando agrede ou viola a unha muller  (e máis entre varios), non é só delinquir é ENAXENACIÓN DA MULLER, FAINO PORQUE CRE QUE É UN DEREITO PARA EL E O QUE FAI NON É DELITO. Por iso, a xustiza debe deixar claro quen é o acusado. A xustiza non debe dar pé a que se pense que o acusado actuou irremediablemente así xa que a vítima o provocou.

Xuíces, facer xustiza!  Senón, coma di Rosalía de Castro: 

!A Xustiza pola man!

Aqués que ten fama de honrados na vila
roubáronme tanta brancura que eu tiña,
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa decote puñéronma en tiras.

27 de marzo de 2021.