Etiquetas

01 mayo 2023

ISABEL NOGUEROL FIDALGO


Probablemente naceu en Bos Aires xa que na miña base de datos cónstame a alumna Aurora Rosa Noguerol Fidalgo, irmá de Isabel, que naceu o 29 de xaneiro de 1898 en Bos Aires e que se matriculou no Instituto de Ourense en 1914. Rosa exerceu de mestra na escola de Vilar de Ordelles e Rairiz de Veiga e era a muller de José Mascareñas Diz. Rosa e Isabel eran irmás e  fillas de Florinda Fidalgo Álvarez. Isabel non se matriculou no instituto senón que realizou os estudos no Colexio Modelo, dirixido por Ángel Ferrín.

En 1911, xunto con outras compañeiras e acompañadas polo director, foi a León para examinarse da reválida na Normal Superior e obtivo unha notable cualificación. Presentouse ás oposicións en 1919. Estivo destinada na escola de Sorga, en Celanova, pero despois pasou á de Castro Caldelas. En 1927 casaría con Manuel Penín Nóvoa que tamén era mestre nesta vila e que tamén acabaría exercendo no grupo escolar Curros Enríquez do que era directora Isabel Noguerol. O matrimonio tivo un fillo chamado Manuel Penín Nogueira que era procurador. 

Sendo mestra en Castro Caldelas presentouse varias veces ao concurso aberto polo Maxisterio Español obtendo premio en tres ocasións. O concurso consistía en presentar traballos sobre materias escolares e Isabel presentou corenta leccións sobre Linguaxe cuxo mérito didáctico foi tan recoñecido que acabou sendo publicado en "La Escuela en Acción". Así mesmo na exposición de traballos de escolares en Castro Caldelas manifestou que pais e mestres debían colaborar conxuntamente na educación dos nenos.

En 1933 realizou as oposicións para dirección de escolas graduadas e unha vez aprobadas foi destinada á provincia de Badaxoz. Presentouse en 1934 ás oposicións a Inspectora de Primeira Ensinanza e tamén se matriculou na Facultade de Filosofía e Letras en Madrid. 

Segundo Vázquez Ramil, Isabel Noguerol estivo na Residencia de Señoritas de Madrid desde 1933 a 1936. En 1937 regresou a Ourense e ocupou a dirección do grupo escolar Curros Enríquez. Despois estivo uns anos na graduada de Mérida pero en 1943 volveu á cidade ourensá. 

(Fonte. Galiciana."El grupo escolar Curros Enríquez necesita ampliarase urgentemente", La Región, 15 de xaneiro de 1965,p. 5)

David Paz Nóvoa púxose en contacto comigo e, como digo sempre, as contribucións da ourensanía son dun valor imponderable para este blog. Comentoume que Isabel Noguerol foi directora do Colexio Curros Enríquez  ata 1966. Tamén me achega unha noticia de prensa sobre a homenaxe que as autoridades, pais e nais e alumando lle renderon a Isabel cando se retirou. Ela manifestou nesa ocasión que a educación fora todo na súa vida e que xa a botaba en falta nada máis xubilarse.

(Nota de prensa facilitada por David Paz Nóvoa. Fonte: La Región, 19 de xuño de 1966)

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)Vid: El Miño, 6 de outubro de 1911,p. 2; La Correspondencia Gallega,  9 outubro 1911; El Correo de Galicia , 7 de abril de 1919;  El magisterio español, 22 de decembro de 1924; El magisterio español; 12 de xaneiro de 1927Eco de Galicia, 15 de novembro de 1927; "Trabajos escolares", El Correo Gallego, 17 de xullo de 1930, p. 9;  Magisterio orensano, 8 de decembro de 1932 , p.1;  La Libertad, 12 de xaneiro de 1934; El Debate, 13 de maio de 1934; El Progreso, 14 de outubro de 1937; ; El pueblo gallego, 13 de setembro de 1934; Vázquez Ramil, R., Mujeres, educación en la España contemporánea. La ILE y la Residencia de Señoritas de Madrid, Akal, Universitaria, Madrid, 2012; La Región, 10 de outubro de 1962, p. 7.