Etiquetas

07 abril 2009

ARACELI MARÍA DE LA SALUD ANCOCHEA DE ROLDÁN

Dona Araceli Ancochea Roldán naceu en O Barco en 1893. Era filla de Román Ancochea Montes, que era mestre en Redondela, e de Juana Antonia Roldán Ricoy. Seu pai morreu en 1898, cando Araceli tiña catro anos e está enterrado na devandita vila onde foi moi querido e recordado. Polo tanto, a nai de Araceli que era natural de Pontevedra quedou viúva e con seis fillos sendo aínda moi nova pois contaba con 26 anos.

Araceli comezou os estudos musicais aos 5 anos. Examinouse dos primeiros cursos de piano en Santiago e de 1904 a 1910 estudou a carreira de piano no Real Conservatorio de Música y Declamación de Madrid, sempre coas máximas notas e acadando premios e distincións. 
(Fonte: Diario de Pontevedra, 28 de xuño de 1909, p. 3)

Rematou a carreira aos 16 anos e continuou perfeccionando os seus estudos cos catedráticos do Conservatorio don José Tragó y Arana e don Tomás Bretón, este último consideraba a Araceli a mellor discípula daquelas promocións. Foi a última alumna de Tragó e Araceli escribiu na prensa un panexírico ao seu profesor cando este se xubilou que dicía:

Al hablar del querido Maestro, yo, la última de sus discípulas, que durante muchos años he tenido la suerte de recibir de sus mágicas lecciones, siento sincera y honda emoción. Tragó nació en Madrid. A los 13 años ganó el primer premio en el Conservatorio de María Cristina. Mas tarde, en parís y en reñida oposición con artistas de todas las nacionalidades, obtuvo el primer premio, consistente en un piano cola Erard. Fué entonces cuando el insigne "virtuoso", cuya fama de gran pianista era ya mundial, fué de éxito en éxito, lo mismo en sus conciertos en la capital francesa que en todos los lados en España....Vayan desde este rincón gallego estas líneas de cariñoso recuero al venerable maestro, honra y gloria de los artistas del piano. Araceli Ancochea de Pedreira. Profesora de música.(1)

Araceli obtivo a Cátedra de Música en 1915 e o seu primeiro destino foi Cuenca, onde botou só un curso. En abril de 1916 trasladouse á Escola Normal de Ourense, substituíndo a María Lobit que estaba na praza de música como interina e permanecerá neste centro ata a súa xubilación en 1963. E en Ourense ofrecía con frecuencia concertos de piano no Liceo e no Cine Avenida

Casou en Ourense en 1921 con Felipe Pedreira Deibe, fillo de Leopoldo Pedreira, tamén catedrático da Escola Normal desta cidade. O matrimonio tivo  tres fillos chamados Román Pedreira Ancochea, Antonia Araceli Pedreira Ancochea e Carmen Pedreira Ancochea.

(Fonte: El Progreso, 30 de outubro de 1931, p.3)

(Fonte: Román Pedreira Ancochea. Vida Gallega, 25 de agosto de 1924, p.13)

A Escola Normal de Ourense era un centro de referencia na cidade. Adoitaba a organizar diversos eventos con carácter conmemorativo, benéfico e honomástico. Cando marchou a directora Leonor López Pardo que estivera moitos anos o cargo, organizouse en marzo de 1932 un festival aderezado de folclorismo. O alumnado da Normal participou con recitais, pequenas obras de teatro de carácter cómico e cancións.Precisamente ese día Araceli cantou cun grupo de mozas a canción "Adios a Mariquiña" e ía vestida de galega. A súa filla pequena participou no coro tamén ataviada de galeguiña e á quen, por certo, "la pequeña llegó a correr el peligro de que la comieran a besos". Como vemos, Araceli era a que dinamizaba a actividade musical da Normal.

A formación do maxisterio en Ourense nos anos trinta estaba en concordancia co interese de fornecer a formación dos futuros docentes. A República puxo o seu empeño en mellorar a situación educativa do país e a Normal de Ourense non quedou atrás no intento. Por e para iso organizaba cursos complementarios onde, por certo, tiñan cabida tanto o alunado como toda a cidadanía que quixera participar. A asistencia a eles era moi destacada e neses cursos impartíanse clases de idiomas e sobre diversas materias de cultura xeral entre as que estaba a música. Araceli adoitaba a impartir música clásica, execución e explicación de pasaxes musicais de grandes compositores. Propúñase mostrar como se lograban na música os efectos da harmonía imitativa poñendo como exemplo "El canto de los pájaros" e o "Murmullo del arroyo" do autor Smith. Nunca deixou esta faceta de impartir clases complemetarias. Aínda nos anos cincuenta cando se organizaba a Semana de Misións Pedagóxicas seguía formando ao maxisterio impartíndolles "Cánticos escolares", que eran pezas adecuadas para a escola e traballaba "La carrera del ciervo" de Schumann que ela harmonizaba e para ser interpretada nas escolas. Unha peza que viña coa letra de Matilde G. de Lloria, compositora valencina, que compuxo para ese poema musical.

Araceli sentíase implicada na Normal e por tal motivo formaba parte da organización e planificación de actividades lúdico-festivas. O alumnado de profesional da Normal eran dirixidos por ela para interpretar cantos dirixidos, por exemplo, aos nenos e nenas da graduada que acudían á aula de música da Normal con certa regularidade para achegarse á música. Acudía ás excursións que a Normal organizaba. Precisamente en abril de 1933 co alumnado de cuarto curso percorreron Allariz, onde visitaron a ponte histórica e profesor Jacinto explicoulles a súa historia, estilo e outros elementos arqueolóxicos. Despois abandonaron Allariz: Allriz histórico...Allariz poético...Allariz místico, dicían e encamiñáronse a Xinzo e pararon en Sandiás e na Lagoa. Continuaron por Maceda e viron o castelo da Pena e desde aí observaron a paisaxe e "las Normalistas como "palomas blancas". O profesor Jacinto leulles unha pasaxe do libro de Marcelo Macías "Aportaciones a la Historia de Galicia". A continuación foron ao mosteiro dos Milagros e alí Araceli interpretou pezas co órgano que "llenaron todo el espacio de armonía en todo el monasterio"(2). Estando Vicente Risco na dirección a Normal adoitaba a conmemorar o Día da República no que había diversas actividades culturais. Entre elas estaba a interpretación do himno nacional e galego por parte do alumnado que era preparado por Araceli: " Les acompañó al piano la señora profesora de Música doña Araceli Ancochea Roldán, de la maravillosa manera y supremo gusto artístico de que tiene hecho gala en otras ocasiones, siendo asimismo la que preparó a los alumnos de modo tan acertado" (3).

O Teatro Losada foi escenario escollido pola Normal para levar a cabo os seus festivais anuais dirixidos aos nenos e nenas das escolas que tamén participaban con algún número. O claustro do centro implicábase profundamente para ofrecer un bonito e variado espectáculo no que a música cobraba moito protagonismo e estaba a cargo de Araceli. Esta preparaba con ahínco ás súas alumnas e un dos números máis destacados nunha das ocasións foi a revista "Las calzas de Juan" no que quedou patente o gusto artístico de Araceli e o ben que chegou a preparar aos personaxes.

Estaba claro que era unha apaixoada da música. De profesora da Normal, todos os xoves de catro a cinco da tarde daba clases de música aos nenos e nenas pequenos. Era unha muller que facía fácil a música, unha entusiasta por facer achegar o complexo mundo das notas e pentagramas aos nenos. Facíao de xeito moi didáctico:

El aula de Música de la Normal es insuficiente para acoger todos los niños que a esta clase especial de los jueves concurren. La señora Ancochea Roldán explica al mundillo infantil, que le escucha atentamente, la idea del pentagrama, clave, notas, etc. Al finalizar su amena lección formula diversas preguntas, y todos los niños, ardiendo en deseos de contestar, le responden de un modo tan satisfactorio, indicador del máximo interés que los niños ponen en ello, que verdaderamente llena de asombro. Después de esta atrayente parte teórica, que la señora Ancochea Roldán sabe presentar sumamente sugestiva, se esparcen por el aula las divinas armonías de la sublime canción "El invierno" que los niños y niñas cantan con el mayor y hermoso sentimiento...(4).

Araceli facía descubrir aos nenos o mundo da música, facíaos cantar e explicáballes o significado de diversas obras musicais. Sempe amosou un grande interés pola divulgación da música clásica, de aí o desexo de impartir cursos aos nenos e nenas e tamén de formar aos docentes nos gustos musicais. 

As pezas musicais que traballaba cos nenos e nenas eran de maior o menor complexidade entre as que estaban:  El Invierno; La Primavera; El Molino; Cancións de Schuman; Canción de la Sierra de Cameros,;Los Fantoches; El labrador; La Vendimia.

Non cabe dúbida que estamos ante unha muller que ademais de ter unhas dotes interpretativas asombrosas, tiña unha vocación didáctica enorme polo que era moi querida polos pequenos e tamén polo seu alumnado normalista a quen procuraba formar, poñendo o seu empeño vocacional, para que levaran a música ás escolas. Formaba parte de xurados nos eventos e concursos dos Orfeóns, tamén impartía conferencias que organizaba a Biblioteca Provincial. Era unha muller moi entregada e moi activa ademais de moi boa intérprete. Proba da súa mestría é un escrito de prensa asinado por el Caballero Gris que estando de paseo por Ourense en xuño de 1920:

Para la excelentísima pianista, culta políglota y bella señorita Araceli Ancochea Roldán, con toda cordialdidad.

Como nuestro deseo de caminar era grande y la pática agradable, sin darnos cuenta, como por encanto recorrimos el puente antiguo y moderno, obras de gran valor artístico que en otra ocasión detallaré y con dirección al Posío llegamos a la Normal de Maestras, donde el asombro fue completo. Allí tuvimos la dicha de oír la exquisita intérprete de los grandes compositores. Las delicadas ideas de Shumann y las brillantes concepciones de Liszt eran ejecutadas por manos privilegiadas, de verdadera estrella del piano. La señorita Araceli, es por todos conceptos una intelectualidad del piano español como lo demostró una vez más no hace muchos días en el Liceo de esta ciudad...(5)

O seu labor era infatigable:

(Fonte: La Región, 10 de febreiro de 1955, p. 4)

Desde 1976 ata a súa morte, Araceli Ancochea vivíu un martirio de catorce anos. Despois de botar dous anos nunha cadeira de rodas, a Araceli cortáronlle unha perna o 30 de outubro de 1978, e logo a outra o 5 de decembro de 1986. Morreu en Madrid en 1991 e repousan os seus restos na Sacramental de San Justo. 

Un dos seus fillos, Román Pedreira Ancochea, sacerdote e escritor, dedicoulle o libro “Poemas a nai” de onde se extrae o seguinte poema: 

ESAS ALIÑAS (escrito en galego) 

Miña doce andoriña, ¿por que non voas? 
¡Sempre voamos xuntos, ai, ata agora ...! 
Esas aliñas,esas aliñas, ¡pra min canto cansaron, doce andoriña ...! 
Bico as aliñas ledas, que xa non voan ... ¡Ai, naiciña querida!, ¡ai, miña xoia ... ! 
No teu currunchoquedo contigo. Sen ti voar non quero namentres vivo ... 
Daránno-las aliñas, nai adorada, cando ó fin do desterro brille a Alborada ..., que amostraranos que amostraranos o seu froito beneito: do Sol o encanto ... 

ROMÁN PEDRElRA ANCOCHEA La Región (Ourense), 28 de outubro de 1993. 

(1) Ancochea de Pedreira, Araceli, "Don José Tragó y Arana", La Región, 8 de decembro de 1929, p. 1.
(2)"Un día de excursión", Galicia, 16 de abril de 1933, p. 1.
(3) "La conmemoración de la República", Galicia, 13 de abril de 1934, p. 1.
(4) Galicia, 1934 marzo 17, p. 4.
(5)La Región, 1920 xuño 8, p. 1.
Vid:http://boards2.melodysoft.com/vilamartin/gentes-de-vilamartio-araceli-ancochea-675.html
http://www.santoangel.info/roman-pedreira-ancochea-presbitero/madre.htm
Galicia, 1932 marzo 15, p. 1; Galicia, 1932 novembro 10, p. 1; Galicia 1933 abril 5, p. 1; La Región, 4 de xaneiro de 1999, p.50