Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Cárcere de Ourense. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cárcere de Ourense. Mostrar todas las entradas

07 junio 2026

HELENA HERRERO LEÓN

Helena naceu no lugar de Vila, no concello de Carballeda de Valdeorras. Filla de pai descoñecido e de Rita, a súa vida transcorría entre a crianza do seu fillo e a dureza dos labores do fogar e do campo. Malia ser unha muller sen instrución e sen antecedentes penais, a engrenaxe da represión franquista axiña se cruzou no seu camiño.

O 31 de decembro de 1949, Helena , que tiña 40 anos, foi detida e posta a disposición do Xuíz Militar. Sobre ela pesaban acusacións graves para a época: agresión á forza armada e auxilio aos "bandoleiros" (termo empregado polo réxime para criminalizar á guerrilla antifranquista).

Como consecuencia, ingresou na prisión de Ourense, onde permaneceu ata o 29 de maio de 1950. Ao saír, a liberdade foi só parcial: tivo que asinar unha declaración fixando a súa residencia de novo en Vila, pero cargando co estigma da sospeita. Helena, coma tantas outras, pasou a ser unha muller vixiada e controlada por un sistema que nunca borraba a súa marca.

(Fonte: A.H.P.Ou. Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951, p.201).

Estas mulleres, na súa maioría de orixe humilde, foron quen de arriscar a súa vida e liberdade fronte a un réxime implacable. Xa fose por vínculos afectivos, amizade ou necesidade económica, o seu compromiso desmontou o mito do "sexo débil", pois demostraron coraxe xa que se enfrontaron ao medo e ao cárcere nun contexto de extrema violencia; resistencia silenciosa pois foron pezas clave na loxística e apoio á guerrilla nas montañas galegas e dignidade, pois, malia a vixilancia posterior, mantiveron o seu lugar no mundo fronte á opresión.

A historia de Helena é o testemuño de que a resistencia non sempre se escribiu con armas, senón tamén con silencios, coidados e a valentía de quen non tiña nada, pero o expuxo todo.

Vid: A.H.P.Ou., Expediente persoal da reclusa Elena Herrero León, Caixa 24088/065

10 mayo 2026

FELICITAS FERNÁNDEZ CADÓRNIGA

Felicitas Fernández Cadórniga, nacida no Barco de Valdeorras, estivo sometida a un proceso xudicial sumarísimo no ano 1952. De novo unha muller como escudo dos homes que loitaron contra a ditadura.

O proceso xudicial tivo lugar en Ourense en novembro de 1952 e centrouse Felicitas Fernández Cadorniga e a súa sobriña Milagros Fernández, ambas as dúas naturais de o Barco de Valdeoras. Felicitas, que era xornaleira e sabía ler e escribir, mantiña unha relación sentimental con Jesús Quiroga (cualificado como "bandoleiro") desde antes de 1941. Por este motivo, Felicitas xa fora xulgada nese mesmo ano na Causa nº 3 de 1941.

Pola súa banda, Milagros Fernández vivía coa súa tía desde 1941, ano no que quedou orfa de pai e nai con tan só 11 anos. Debido a esta convivencia, Milagros era consciente da vida marital que a súa tía mantiña co fuxitivo e das actividades deste.

Tras o regreso de Jesús Quiroga á zona, Felicitas volveu acollelo no seu domicilio, dándolle aloxamento e comida, e retomando a vida en común. Esta situación prolongouse ata o 19 de agosto de 1952, día en que Quiroga morreu nun enfrontamento armado coas forzas da Garda Civil. Tras o tiroteo, Felicitas foi detida de inmediato.

O Consello de Guerra baseou a acusación no Decreto-Lei do 18 de abril de 1947, especificamente no seu artigo 6º, que castigaba o auxilio a partidas armadas dedicadas ao bandidaxe.

A Fiscalía solicitou inicialmente penas de seis anos de prisión para Felicitas e seis meses e un día para Milagros. A Defensa avogou pola libre absolución de ambas as dúas, argumentando que non eran responsables criminalmente dos feitos imputados.

O tribunal ditou sentenza o 25 de novembro de 1952, resolvendo o seguinte:

Condena para Felicitas Fernández Cadorniga que foi considerada autora dun delito de auxilio a compoñentes de partidas armadas. Impúxoselle unha pena de tres anos de prisión menor, coa suspensión de cargos públicos e dereito de sufraxio. Recoñecéuselle o tempo pasado en prisión preventiva para o cumprimento da condena.

En relación a Milagros, o tribunal decidiu absolvela libremente. Para isto, tivo en conta a relación de dependencia familiar absoluta que tiña cara á súa tía e o feito de que fora menor de idade durante a maior parte do tempo en que ocorreron os feitos.

A sentenza foi ratificada na Coruña polo Auditor de Guerra o 2 de decembro e aprobada finalmente polo Capitán Xeral da rexión o 5 de decembro de 1952. O proceso concluíu coa remisión destes documentos á Prisión Provincial de Ourense o 9 de decembro dese mesmo ano.

Fonte: A.H.P.Ou: Expediente persoal da reclusa Felicitas Fernández Cadórniga, 1.3.2.9.2.2.1.1.//24054/008

29 marzo 2026

JULIA COTA QUIRÓS

Julia, nada en 1914 en Guimarei (Verín), era filla de Constantino e Espeutación. Contraeu matrimonio Antonio Vaz Pino, co que tivo catro fillos.

En abril de 1947 foi detida e, en novembro do mesmo ano,sometida a unconsello de guerra, acusada de ter auxiliado a individuos cualificados polas autoridades como "bandoleiros". Concretamente, imputóuselle haberlle proporcionado alimentos a estes, acción que realizaba a cambio dunha compensación económica. Por tales feitos, foi condenada á pena dun ano de prisión menor.

A condena debía quedar extinguida o 30 de xuño de 1948; porén, debido a un erro na práctica da liquidación da mesma, estableceuse a súa posta en liberdade para o 29 de marzo de 1948.

(Fonte: AHPOu. Expediente persoal da reclusa Julia Cota Quirós. Caixa 24038/022 (1))

Posteriormente, a Xunta Provincial de Liberdade Vixiada dispuxo que o seu home, Antonio Vaz, asumise a responsabilidade de patrocinio "moral e material" de Julia durante o período de liberdade condicional. Así mesmo,  este quedaba obrigado a remitir mensualmente á devandita Xunta informes relativos á residencia e á conduta da penada.

O caso de Julia non foi, nin moito menos, excepcional. Na provincia de Ourense, moitas mulleres como ela desempeñaron un papel discreto pero esencial no apoio aos fuxidos. Nun contexto de medo e escaseza, ofrecer comida, acubillo ou simplemente non denunciar convertíase nun acto de enorme risco.

En moitas ocasións, estas accións non respondían a unha militancia política definida, senón a vínculos familiares, á veciñanza ou a unha solidariedade básica fronte á persecución. Aínda así, o réxime tratounas como colaboradoras directas da guerrilla, someténdoas a detencións, consellos de guerra e diversas formas de castigo.

A súa historia revela unha realidade a miúdo silenciada, a de mulleres que, desde espazos cotiáns e invisibilizados, sostiveron redes de apoio fundamentais e pagaron por iso un prezo elevado. O percorrido vital de Julia inclúese, así, nunha experiencia de represión e resistencia que marcou fondamente a sociedade rural ourensá da posguerra e instalou un silencio nas familias tan opresor como unha lousa.

01 marzo 2026

MARÍA CID VIDAL

María naceu en Sabucedo no ano 1901 e seus pais eran Eduardo Cid e Ludivina Vidal. María estaba casada con Acasio, coñecido como o Serranchín Portugués, e o matrimonio que tiña un fillo residía en Sabucedo, Xinzo.

A Garda Civil detívoa vinculándoa aos expedientes de Epifanio Feijóo Gándara, Acacio Luís Piñeiro (o seu home) e  Antonio Gómez Gómez que auxiliaran a un grupo de maquis da II Agrupación que operaba pola zona de Quintás Sabucedo en Porqueira e que estaba capitaneada polo "Pelayo", Saúl Mayo Méndez. Acubilláronnos durante uns días na súa casa e proporcionáronlles alimentos recibindo, a cambio, unha cantidade de cartos por guerrilleiro agochado.

María, xunto con Teresa a muller de Epifanio, entrou en prisión preventiva o 16 de febreiro de 1949 pero acabaron absolvéndoa e o 14 de xuño de 1949 saíu do cárcere ao igual que Teresa Losada Gándara, a muller de Epifanio Feijóo. Non en tanto o seu home, Acadio, xunto con Epifanio e Antonio foron condenados a seis meses de prisión menor por auxilio a "bandidos armados".


(Fonte: A.H.P.Ou., Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1947 a 1949, 1.3.2.9.2.2.1.2.2244., p. 366-367).

Acadio, o home de María, si foi condenado a seis meses de prisión. Era de orixe portugués e dedicábase  ao traballo itinerante de serrar os troncos a man. Este oficio é o que lle outorgou o alcume "serranchín". O matrimonio aceptou colaborar cos fuxidos.

Vid: A.H.P. Ou, Expediente persoal da reclusa María Cid Vidal; 1.3.2.9.2.2.1.1.//24034/048; Expediente persoal do recluso de Acacio Lois Piñeiro, 1.3.2.9.2.2.1.1.//25058/025; MICROCERREDELO (2020, May 18). O maquis na Limia: Queima da casa de Epifanio Feijoo en Sabucedo (Porqueira) e a reitoral de Couso de Salas (Muiños). Retrieved February 16, 2026, from Historia de Xinzo website: https://historiadexinzo.wordpress.com/2020/05/18/o-maquis-na-limia-queima-da-casa-de-epifanio-feijoo-en-sabucedo-porqueira-e-a-reitoral-de-couso-de-salas-muinos/

22 febrero 2026

ROSA GÓMEZ DÍAZ

Rosa era filla de Emilio Gómez e Teresa Díaz e naceu no ano 1908 en Tradeiras e alí residía xunto co seu home Eulogio Balado e os seus dous fillos. O 25 de febreiro de 1946 entra na prisión de Ourense quedando á disposición do Xuíz Instrutor do Xulgado Militar número 2 de Ourense.

A causa da súa detención ten que ver con Celso Folgoso Rodríguez acusado polo delito de agresión a forza armada, roubo a man armada e cómplice con elementos rebeldes.

(Fonte: A.H.P.Ou. Expediente persoal do recluso Celso Folgoso Rodríguez, C-24066/013 (07)).

Acusaban a Rosa por haber sido cómplice de Celso e segundo o Certificado do Sarxento de Infantería, Luís Álvarez Fernández:

En la Plaza de Orense a nueve de marzo de min novecientos cuarenta y seis....los procesados en esta causa Celso Folgoso Rodríguez, Juan Rodríguez Gómez y Rosa Gómez Díaz, el primero como autor de un delito de agresión a forza armada, individuo peligroso y de malos antecedentes, el que estuvo en situación de rebelde desde el año de mil novecientos cuarenta y tres hasta el mes de febrero último y además se le considera supuesto atracador y los dos últimos cómplices con elementos atracadores y encubridores a quienes les facilitaban toda clase de auxilios y protección.....(1)

Rosa foi condenada a prisión preventiva e conducírona ao Cárcere de Ourense o día 25 de febreiro de 1946, tiña 38 anos. Pasados tres meses determinouse a súa posta en liberbade coa obriga de presentarse no xulgado.

(1) A.H.P.Ou. Expediente persoal da reclusa Rosa Gómez Díaz, C-24076/021 (03). Imaxe da entrada creada coa IA.

08 febrero 2026

HONORINDA BASALO PIDAL

(Recreación da maxe do pobo de Vilavella nos anos 1949, onde vivía Honorinda. Creada por IA).

Era a nai de Severina, Balbina e Joaquina e a muller de Manuel Domínguez. Tamén colaborou no auxilio dos homes fuxidos na zona de A Mezquita, entre eles o alcumado "El Objetivo", Antonio López Núñez.

Honorinda naceu en A Mezquita en 1891, tiña 58 anos cando a detiveron  o tres de decembro de 1949. Estaba casada con Manuel Domínguez e vivían no pobo de Vila Vella.

Entrou na prisión de Ourense o 3 de decembro de 1949 e o 29 de marzo de 1950 foi sometida a un Consello de Guerra onde se confirmou a condena. Mais consegue o indulto polo que foi posta en liberdade o 29 de maio de 1950 coa obriga de indicar cal sería o seu paradeiro e indicou que residiría no pobo de Vila Vella, en A Mezquita, o que indicaba que seguiría estando vixiada como as súas fillas pois, ademais, o seu home seguíu no cárcere xa que foi condenado a tres anos.

(Fonte: A.H.P.Ou. Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951, 1.3.2.9.2.2.1.2.Libro 2245. p. 183).

De novo as mulleres actúan como escudos de xentes que combatían o fascismo arriscando a súa liberdade e a súa propia vida. Milleiros de mulleres das que non se adoita falar pero que teñen nome propio. Mulleres que despois vivirían baixo a sospeita, o que viña a ser unha vida de resistencia silenciosa e risco diario, hipotecada polo temor.

(A.H.P.Ou. Expediente persoal do recluso Antonio Manuel Domínguez, 1.3.2.9.2.2.1.1. Libro 24045/039)

(Elaboración propia a partir do expediente. A.H.P. Ou. Expediente persoal da reclusa Honorinda Basalo Pidal, 1.3.2.9.2.2.1.1. Libro 23971/035).

01 febrero 2026

ELENA FERREIRO SEGUÍN

Elena Ferreiro, sufriu a prisión incondicional por encubridora, como moitas mulleres anónimas que se arriscaron por axudar a aqueles que eran perseguidos, denunciados, fuxidos. 

Era a parella de Antonio Fernández Vences, mestre de A.T.E.O. rastreado polas forzas de seguridade na ditadura. A Garda Civil foi á búsqueda de Antonio á casa de Elena en Sandiás e ela negou que alí estaba o home a quen buscaban. A continuación transcríbese o informe de xeito literal: (recóllese tal cal está escrito no informe no que hai erros de acentuación)

Don Elias González Barreira, Sargento de Infantería Caballero Mutilado por la Patria Secreatario de la causa número quinientos noventa y siete del año mil novecientos cuarenta y dos....(...)

Certifica: Que en la causa expresada y al folio que respectivamente se expresan aparece un auto que copiado literalmente dice así. Al folio veinticuatro vuelto, obra un auto que dice. AUTO. En Orense a siete de enero de mil novecientos cuarenta y tres. RESULTADO: que el día ventiseis de noviembre del año último, la vecina de Sandianes ELENA FERREIRO SEGUÍN, estaba en su propio domicilio en compañía del huido, ANTONIO FERNÁNDEZ VENCES, con el que segun propia manifestación hace vida marital, y al que ha prestado auxilio y protección en otras ocasiones y que en el día citado consintio y ayudo a que este se fugara de su casa y escapase a la persecución de la Fuerza Publica que se habia presentado para detenerlo. CONSIDERANDO Que los hechos relatados constituyen un delito de auxilio a la rebelión, a los solos efectos de instruccion que sanciona el articulo 240 del Codigo de Justicia Militar y del cual aprece como presunta responsable la encartada ELENA FERREIRO SEGUIN. CONSIDERANDO Que en atención a lo anteriormente consignado se está en el caso de decretar el procesamiento de aquella de acuedo con lo que previene el artículo 421 de dicho texto legal y que dada la naturaleza del hecho la pena que en su dia pudiera responder dada la figura criminosa apuntada procede se decrete la Prisión Incondicional de la misma....(1)

Por que se perseguía ao mestre Antonio Fernández Vences? No seu expediente de responsabilidades atopamos a resposta:

(Fonte: A.P.OU. Expediente de responsabilidades políticas de Antonio Fernández Vences, ES.GA.32054.AHPOU/1.1.5.4.1.2.//7183/30)

En efecto, Antonio, estaba en busca e captura por paradoiro descoñecido. Pero... estivo auxiliado por Elena a que era a súa parella. E, Quen era Elena?

Elena naceu en Sandiás en 1914 e era filla de Luzdivina e de pai descoñecido. Residía no pobo e dedicábase aos labores do campo. A Garda Civil decidiu detela pola sospeita de encubrir ao mestre de Sandiás, Antonio Fernández Vences, do que dicían era comunista polo que supuñan que ela tamén era de ideas esquerdistas. Tamén indicaban que eran convivintes sen estar casados. Conducírona á prisión de Ourense o día 30 de novembro de 1942, tiña 28 anos.

(Fonte: A.P.OU. Expediente persoal da reclusa Elena Ferreiro Seguín. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24064/072 (04).)

Cando levaba uns meses no cárcere, en xaneiro de 1943 vai considerarse que Elena Ferreira poida cumprir a pena atenuada, isto é, unha modalidade de prisión provisional consistente en que a privación de liberdade da encausada se leve a cabo na súa casa baixo medidas de vixilancia. Mais, previamente, solicítanse os debidos informes que poidan asegurar que a penada non risque de fuxir. E o informe do Sargento Xefe do posto indicou que podería concedérselle:

En cumplimiento a cuanto me interesa en su atento escrito de fecha 4 del actual, tengo el honor de participar a la autoridad de V., que es juicio del Sargento que suscribo, que no existe razón alguna de alarma social que aconseje la no conveniencia de que la reclusa Elena Ferreiro Seguín, siga en situación de prisión atenuada la resolución del proceso que le instruye el Juzgado Militar nº 3 de Orense, aunque si bien dicha individua es de ideología izquierdista y tiene relaciones ilícitas con el huido Antonio Fernández Vences...(2)

Pero tal petición no foi adiante pois o 1 de febreiro de 1943 o Coronel Xuíz Instrutor, Antonio Fernández Domínguez, ratificou a prisión incondicional de Elena por «auxilio á rebelión». Así que, Elena permaneceu en prisión. 
Tras un ano e algúns meses presa, o día 16 de decembro de 1943 foi citada ás dez horas da mañá, para a celebración do Consello de Guerra que lle vai impor unha condena que se confirma o día 12 de xaneiro de 1944 dun ano de prisión menor. Elena xa levaba no cárcere ese tempo de condena así que, finalmente, recobrou a liberdade en xaneiro de 1944.

(Fonte: A.P.OU. Expediente persoal da reclusa Elena Ferreiro Seguín. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24064/072 (20).)

(Fonte: A.P.OU. Expediente persoal da reclusa Elena Ferreiro Seguín. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24064/072 (23).)

Foi así como Elena saíu libre, non obstante, trátase unha liberdade vixiada e tivo que asinar un escrito declarando por xuramento onde residiría.  Así, pois, estas mulleres acababan vivindo unha nova prisión. A porta do cárcere abríase, pero a porta da súa vida real quedaba pechada pola sospeita e o medo. 

(1) A.P.OU. Expediente persoal da reclusa Elena Ferreiro Seguín. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24064/072 (07); (2) Idem, (08).

18 enero 2026

ROSA GÁNDARA RÚA

Rosa naceu en 1908 en Corga, pobo do concello de Xinzo da Limia. Era filla de Cándido e Carmen e estaba casada con Cesáreo Gamucio e tiñan dous fillos.

Cando tiña 41, o 7 de abril de 1949, de foi detida pola Garda Civil abríndoselle a causa númeo 185. O motivo da detención foi por acoller na súa casa a guerrilleiros de Toxediño e Parada de Outeiro e tamén a Carmen Fernández Seguín. O 17 de xuño dese mesmo ano o Comandante Xuíz Instrutor ditou auto de procesamento por auxilio a bandoleiros.

O trece de decembro de 1949 foi sometida a Consello de Guerra e Rosa foi condenada a prisión menor por un tempo de un ano e seis meses. Súa filla, Carmen, que tamén colaborara foi sometida a palizas e estivo no cárcere de Ourense durante sete meses.

Rosa envía unha instancia ao Comandante Xuíz Instrutor solicitando a liberdade condicional e o 28 de marzo de 1950 consegue saír de prisión:

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Rosa Gándara Rúa.
ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24069/015; Caixa 24069/015 (09)).

Cándido Gándara, pai de Rosa, fora membro vogal da Comisión Xestora Municipal de Sandiás e logo tamén da Sociedade Agraria de Sandiás co cargo de vicesecretario no ano 1934. Foi detido e asasinado en agosto de 1936. 

Vid: https://xinzodelimia.com/blogs/memoria-historica-doutras-mulleres-represaliadas-da-limia-1936-1950/; https://historiadexinzo.wordpress.com/2019/02/01/enfrontamentos-da-garda-civil-coa-guerrilla-en-toxedino-e-parada-de-outeiro/#_ftn1; La Región : diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos: Ano XXII Número 6232 - 1931 abril 24, p. 8; La Zarpa : diario de los agrarios gallegos: Ano XV Núm. 4025 - 7 febreiro 1934, p. 1; Expediente referenciado na entrada

11 enero 2026

SONINA REAL BLANCO

Naceu en Casaio en 1908. Seus pais eran Evaristo e Ángela. Vivía en Casaio e dedicábase aos labores domésticos e do campo.  
Detivérona e estivo na prisión de O Barco e  púxose á disposición do Xulgado Militar de Fuxidos. 
O día 24 de marzo de 1941 trasladárona ao cárcere de Ourense coa pena de prisión incondicional por auxilio á rebelión. Tiña 33 anos e estaba solteira.

Mais en abril de 1942 conseguiu ser absolta polo Xuíz Instrutor de Fuxidos e Sonina recobrou a liberdade o día 9 de abril de 1942. 

As súas irmás, Josefa e Angustias tamén foron detidas e encarceradas pola mesma causa.

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Sonina Real Blanco.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25117/027..Caixa 25117/027 (4)
(Fonte: Expediente persoal da reclusa Sonina Real Blanco.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25117/027..Caixa 25117/027 (6).
(Elaboración propia a partir Expediente persoal da reclusa Sonina Real Blanco.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25117/027..Caixa 25117/027 )

14 diciembre 2025

BALBINA DOMÍNGUEZ BASALO

Naceu en 1926 e cando a detiveron tiña 23 anos. Naceu en A Mezquita, Viana do Bolo, e era filla de Manuel e Honorinda. As súas irmás, Joaquina e Severina, tamén foron detidas. Estaba solteira e dedicábase aos labores do campo e da casa.

Foi detida o 8 de decembro de 1949 pola Garda Civil en Vila Vella e posta á disposición do Xuíz Instrutor Militar. O motivo da detención foi colaborar co seu pai Antonio Manuel Domínguez de oficio peón, e súa nái Honorinda Basalo que residían en Vila Vella que auxiliaron a fuxidos. Antonio foi sentenciado polo Consello de Guerra por auxilio aos fuxidos e condenado a tres anos de prisión. 

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Signatura:Libro 2245 Signatura antigaLibro 10370
p. 184)

Balbina foi detida, xunto cun numeroso grupo de homes e mulleres entre os que se atopaban as súas irmás a súa nai e o seu pai por dar auxilio a Antonio López Núñez, alcumado El Objetivo, que marchara no 1946 a formar parte das partidas armadas y se puxera en contacto coas partidas de El Guillermo, el Mario Morán e o Langullo, permanecendo con eles ata 1949. Durante este tempo levou a cabo diferentes incursións e atentados como o atraco ao pobo de Raxoa; atraco a man armada no pobo de Cueto no que resultou ferido unha persoa polo "bandoleiro" Blas; atraco a un automóbil nas minas do Sil no que se fixeron con 95.000 pesetas; no pobo de Carracedo deron morte a un Garda Civil e a un falanxista, entre outros delitos. (1). Antonio López foi capturado e conducido ao cárcere en decembro de 1949 e foi condenado a 30 anos de prisión maior e conducido á Colonia Penitenciaria del Dueso en Santander.

Balbina entrou no cárcere o 8 de decembro de 1949 e puido recobrar a liberdade o 29 de marzo de 1950.

(1) Esta información aparece recollida no Expediente de Antonio Manuel Domínguez.  ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24045/039 Signatura:Caixa 24045/039.

Elaboración propia a partir de: Expediente persoal da reclusa Balbina Domínguez BasaloES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24045/073. Signatura:Caixa 24045/073.

07 diciembre 2025

REMEDIOS ÁLVAREZ

Remedios Álvarez naceu en 1920 e era veciña do pobo de Ricosende, Carballeda de Valdeorras. Súa nai chamábase Emilia e consta que seu pai era descoñecido. Estaba solteira, tiña un filla e dedicábase aos labores do fogar. 

A primeira detención foi o 13 de decembro de 1947. Remedios, xunto con Eudosia e Pura, foi conducida ao Departamento de Celanova pero de aí a dez días puxérona en liberdade.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1947 a 1949.
ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2244. Libro 2244, p. 79)

Pero chegado agosto de 1950 volveron detela xa que se dixo que  estando Remedios no monte no verán de 1949 atopouse cunha "cuadrilla"de bandoleros que pediron comida e ela coceulles unhas patacas e ofrecéullelas. 

O día 10 de agosto de 1949 dise no expediente que ofreceu ovos ao bandoleiro chamado "Antolín" ao que vira noutra ocasión. Tamén chegou a falar cos bandoleros Saúl e Girón: "facilitó huevos al bandolero llamado Antolí, al que había visto e notra ocasión habiendo conversado en distintos momentos con los bandoderos Saul y Girón" (1)
(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Libro 2245, p. 369).

(Recreación. Imaxe creada por IA)

Por todos estes motivos Remedios foi declarada culpable e impúxoselle unha pena de un ano de prisión menor. Foi así como o día 16 de agosto de 1950 ingresa na prisión de Ourense permanecendo nela ata o 15 de agosto de 1951.

(1)Expediente persoal da reclusa Eudosia Álvarez Seoane. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//23962/007. Caixa 23962/007. 16-17.

23 noviembre 2025

SEVERINA DOMÍNGUEZ BASALO

(Imaxe simulada. Non é real). Naceu en 1925 e cando a detiveron tiña 23 anos. Naceu en A Mezquita, Viana do Bolo, e era filla de Manuel e Honorinda. As súas irmás, Joaquina e Balbina, tamén foron detidas. Estaba solteira e dedicábase aos labores do campo e da casa. Severina, como moitas mulleres ourensás que arriscaron a súa liberdade, tamén colaborou no agochamento de fuxidos ao monte. No seu caso participou, xunto cun grande grupo de xente, a encubrir a Antonio López Núñez. Por tal motivo foi levada ao cárcere de Ourense o 3 de decembro de 1949. 

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Signatura:Libro 2245 Signatura antigaLibro 10370
p. 184)

Tras tres meses no cárcerel, no Consello de Guerra que se celebrou o día 29 de marzo de 1950, acordouse a súa posta en liberdade.

(Fonte: Expediente persoal do recluso Antonio López Núñez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25063/021.
Caixa 25063/021.)

En efecto, o día 29 de maio de 1950, Severina recobra a liberdade, pero antes tivo que asinar un papel no que declarou que fixaba a súa residencia en Vilavella, en A Mezquita.

Era un requisito obrigado que as reclusas postas en liberdade deixaran por escrito o lugar onde ían residir. Deste xeito, seguían en permanente vixilancia por parte das autoridades.

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Severina Domínguez Basalo. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24046/001.
Caixa 24046/001)

(Elaboración propia a partir dos expedientes.  Expediente persoal da reclusa Severina Domínguez Basalo. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24046/001. Caixa 24046/001; Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Signatura:Libro 2245 Signatura antigaLibro 10370; Expediente persoal do recluso Antonio López Núñez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25063/021 Caixa 25063/021)

16 noviembre 2025

CONCEPCIÓN ESCUDERO RODRÍGUEZ

(Imaxe simulada, non é un retrato real).
Concepción foi outra represaliada polo franquismo. Como moitas, estivo sometida a un Consello de Guerra que a condenou a estar presa.

Naceu en San Lourenzo, un pobo que pertence á Veiga, do partido xudicial de O Barco de Valdeorras. Alí residía cos seus pais, Pedro Manuel e Dolores, cando foi detida en 1939, tiña 22 anos.

O motivo da súa detención foi por auxiliar aos fuxidos do monte. Foi conducida ao Depósito Municipal de Bande e o 9 de outubro de 1940 trasladárona ao Cárcere de Ourense. Pero saiu en liberdade condicional o 17 de decembro de 1941. O Consello de Guerra celebrado o 11 de decembro de 1943 impúsolle tres anos de prisión menor, facéndose firme a sentencia en decembro dese mesmo ano. Como Consuelo estivo dous anos, cinco meses e vinte e nove días restábanlle cumprir seis meses e un día polo que reingresou en prisión o 28 de xaneiro de 1944 para extinguir a condena que extinguiría o día 28 de xullo de 1944.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1940 a 1941. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2238.Libro 2238, p. 212).

Concepción foi imputada e acusada por “delito de auxilio a elementos responsables de robo a mano armada y auxilio a la rebelión”. Os acontecementos foron os seguintes.

Concepción non tiña unha filiación política pero albergou na súa casa en dúas ocasións a unha cuadrilla de fuxidos do pobo de Curra, concello de A Veiga, en xuño de 1939. Estes fuxidos ían disfrazados co uniforme do exército e realizaran varios atracos a man armada nas casas de varios viciños do pobo e noutros pobos da contorna. Os xefes máis destacados do grupo alcumábanse “El Sargento”, “El bailarín Casaio” (referido ao guerrilleiro antifranquista Manuel Álvarez Arias condenado a pena de morte) e “El Maestro de Casaio”.

Di Laurino Farinas, veciño de Corzos, que estaba na súa casa e o 7 de xullo de 1939 e chamou á súa porta unha veciña e con ela presentáronse varios individuos vestidos de soldados armados que lle pedíron aloxamento. Unha vez dentro da casa manifestaron ser “rojos” e colléronlle dúas escopetas. Logo obrigánrono a ensinarlles a casa de veciños e ían entrando nelas para roubar. Logo levárono ás aforas onde estaba outro grupo maior e tras un anaco fixeron que regresase á súa casa.

Cando Laurino declarou dixo que non coñecía a ningún deles pero que un falaba galego e outro dicía que era o home dunha mestra destituída. Os veciños do pobo tamén manifestaron que non os coñecían e que entraban nas casas pedindo armas e diñeiro e roupa de vestir. As forzas de seguridade presentáronse na casa de Concepción para preguntar polo grupo pero ela dixo que cearan e marcharan e non os volverá ver. Malia todo detivérona por refuxialos. Tamén se levaron a Gabino Fernández Garriba por colaboración cos rojos e a Silverio Fernández Prieto por administrarlle vivendas. Gabino acusábano de acubillar a rojos na súa casa. Manifestou que á noite do 10 de xuño de 1939 petaron na porta e atopouse a un grupo de homes que lle dixeron que tiñan fame, entón ofreceulles comida e durmiron esa noite. Viu que traían armas. Un era o coñecido como "Sargento de Casaio", de Casdenodres, ían con el os irmáns Souletín e Alfredo Yáñez de Corzos. Este estivera na súa casa catro meses antes e entrou dicindo a contraseña “clavo” e el contestou “hierro”. Na declaración dixo que escoitara unha conversa entre eles na que dicían que o fillo da “Bruja de Espino” asasinara a Moisés Rodríguez e que dita bruxa e as súas tres fillas estiveron vivindo cos “rojos” e que eran as queridas dos que estaban presentes cando roubaron en Castromao e cando sostiveron un tiroteo coas forzas de A Gudiña. El manifestou que cando chegaron a Curra foi obrigado a axudalos e citou a veciños que os acubillaron. Concepción foi unha deles.

Concepción saíu do cárcere en liberdade condicional coa liberación definitiva do desterro o 23 de abril de 1944, aos 26 anos de idade, e deixou notificado que viviría en Matarrosa del Sil, en León.
(Fonte: Expediente persoal da reclusa Concepción Escuredo Rodríguez, ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24049/009; Caixa 24049/009.)

Vid: Expediente de responsabilidades políticas de Concepción Escudero Rodríguez, ES.GA.32054.AHPOU/1.1.5.4.2.1.//7210/47; Caixa 7210/47.
Expediente persoal da reclusa Concepción Escuredo Rodríguez, ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24049/009; Caixa 24049/009.
BOE nº 234 de 21/08/1944, fecha de la orden: 07/07/1944, pagina 6325, columna 1.
https://es.wikipedia.org/wiki/Manuel_%C3%81lvarez_Arias