Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta D. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta D. Mostrar todas las entradas

14 diciembre 2025

BALBINA DOMÍNGUEZ BASALO

Naceu en 1926 e cando a detiveron tiña 23 anos. Naceu en A Mezquita, Viana do Bolo, e era filla de Manuel e Honorinda. As súas irmás, Joaquina e Severina, tamén foron detidas. Estaba solteira e dedicábase aos labores do campo e da casa.

Foi detida o 8 de decembro de 1949 pola Garda Civil en Vila Vella e posta á disposición do Xuíz Instrutor Militar. O motivo da detención foi colaborar co seu pai Antonio Manuel Domínguez de oficio peón, e súa nái Honorinda Basalo que residían en Vila Vella que auxiliaron a fuxidos. Antonio foi sentenciado polo Consello de Guerra por auxilio aos fuxidos e condenado a tres anos de prisión. 

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Signatura:Libro 2245 Signatura antigaLibro 10370
p. 184)

Balbina foi detida, xunto cun numeroso grupo de homes e mulleres entre os que se atopaban as súas irmás a súa nai e o seu pai por dar auxilio a Antonio López Núñez, alcumado El Objetivo, que marchara no 1946 a formar parte das partidas armadas y se puxera en contacto coas partidas de El Guillermo, el Mario Morán e o Langullo, permanecendo con eles ata 1949. Durante este tempo levou a cabo diferentes incursións e atentados como o atraco ao pobo de Raxoa; atraco a man armada no pobo de Cueto no que resultou ferido unha persoa polo "bandoleiro" Blas; atraco a un automóbil nas minas do Sil no que se fixeron con 95.000 pesetas; no pobo de Carracedo deron morte a un Garda Civil e a un falanxista, entre outros delitos. (1). Antonio López foi capturado e conducido ao cárcere en decembro de 1949 e foi condenado a 30 anos de prisión maior e conducido á Colonia Penitenciaria del Dueso en Santander.

Balbina entrou no cárcere o 8 de decembro de 1949 e puido recobrar a liberdade o 29 de marzo de 1950.

(1) Esta información aparece recollida no Expediente de Antonio Manuel Domínguez.  ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24045/039 Signatura:Caixa 24045/039.

Elaboración propia a partir de: Expediente persoal da reclusa Balbina Domínguez BasaloES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24045/073. Signatura:Caixa 24045/073.

23 noviembre 2025

SEVERINA DOMÍNGUEZ BASALO

(Imaxe simulada. Non é real). Naceu en 1925 e cando a detiveron tiña 23 anos. Naceu en A Mezquita, Viana do Bolo, e era filla de Manuel e Honorinda. As súas irmás, Joaquina e Balbina, tamén foron detidas. Estaba solteira e dedicábase aos labores do campo e da casa. Severina, como moitas mulleres ourensás que arriscaron a súa liberdade, tamén colaborou no agochamento de fuxidos ao monte. No seu caso participou, xunto cun grande grupo de xente, a encubrir a Antonio López Núñez. Por tal motivo foi levada ao cárcere de Ourense o 3 de decembro de 1949. 

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Signatura:Libro 2245 Signatura antigaLibro 10370
p. 184)

Tras tres meses no cárcerel, no Consello de Guerra que se celebrou o día 29 de marzo de 1950, acordouse a súa posta en liberdade.

(Fonte: Expediente persoal do recluso Antonio López Núñez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25063/021.
Caixa 25063/021.)

En efecto, o día 29 de maio de 1950, Severina recobra a liberdade, pero antes tivo que asinar un papel no que declarou que fixaba a súa residencia en Vilavella, en A Mezquita.

Era un requisito obrigado que as reclusas postas en liberdade deixaran por escrito o lugar onde ían residir. Deste xeito, seguían en permanente vixilancia por parte das autoridades.

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Severina Domínguez Basalo. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24046/001.
Caixa 24046/001)

(Elaboración propia a partir dos expedientes.  Expediente persoal da reclusa Severina Domínguez Basalo. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24046/001. Caixa 24046/001; Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Signatura:Libro 2245 Signatura antigaLibro 10370; Expediente persoal do recluso Antonio López Núñez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25063/021 Caixa 25063/021)

09 noviembre 2025

PURIFICACIÓN DIZ PENA

Naceu en Viladerrei, Trasmiras, o 27 de decembro de 1901. Aos quince realizou o exame de ingreso no instituto de Ourense e matriculouse nel desde 1916 ata 1919 cursando por libre. Obtivo unhas boas cualificacións e o 12 de xullo de 1922 realizou o Depósito do Título de Bacharelato. 

(Fonte: Expediente Académico de Purificación Diz. AHN. Universidades. 5491. Exp.2)

A continuación matriculouse na Facultade de Ciencias da Universidade Central de Madrid e residiu na Rúa de San Vicente, nº 60. Acadaría cualificacións moi destacadas como as matrículas de honra en Bioloxía e e Física Xeral e, en 1924, obtén a titulación.

(Fonte: Expediente Académico de Purificación Diz. AHN. Universidades. 5491. Exp.2)

Regresa a Galicia  e casa con Antonio Fernández LLuvet, propietario da droguería America en Vigo e Purificación abre a súa farmacia nesa cidade na rúa avenida García Barbón.

Tiña un irmán, Manuel Diz, que era mestre no pobo de Illa, Entrimo, que foi depurado e apartado da docencia pero solicitou a revisión do expediente para a súa reposición na escola.

(Elaboración propia a partir do Expediente académico)

26 octubre 2025

AMELIA DELGADO MOLDES

Amelia estivo presa no cárcere de Ourense acusada de auxiliar aos fuxidos do monte. Naceu en Oulego, Rubiá, en 1901. Seus pais eran Ignacio Delgado e Margarita Moldes. Nos arquivos consta tamén Petra Delgado Moldes, quen probablemente fose a súa irmá e que tamén estivo sometida á xustiza e foi represaliada. 

Amelia vivía en Armadelo, comarca do Bierzo, provincia de León, estaba viúva de Joaquín Soto con quen tivera nove fillos. 

Amelia foi detida e o 29 de xaneiro de 1944 ingresou no Cárcere de Ponferrada e o 4 de abril de 1944 conducírona ao cárcere de Ourense. Acudiría xunto con Carmen García Conde quen tamén foi detida pola mesma causa.

(Fonte. Extracto da confirmación de cárcere. Expediente da reclusa Amelia Delgado Moldes. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24041/070
Signatura:Caixa 24041/070 (07)

A causa da detención de Amelia Delgado foi por colaboracionismo cos fuxidos. Así indica a acusación:
La presente causa se instruye con motivo de un atestado instruido por fuerzas de la Guardia Civil de Ponferrada (León), destinadas a la Persecución de huidos, contra las vecinas de Arnadelo, en el Municipio de Oencia (León), AMELIA DELGADO MOLDES Y ANTONIA GARCÍA CONDE, por complicidad con los elementos huidos, que el día 25 de Enero de 1943, llevaron a cabo un robo a mano armada, cometido en el pueblo de Robledo de la Lastra, Ayuntamientod e Rubiana (Orense), del que resultó muerto FRANCISCO GÓMEZ PUENTE, "El Minero". Casi todos los cargos existentes contra las encartadas, se fundan en declaraciones prestadas por testigos del atestado, de que sus implicaciones, son que las mismas contribuyeron a preparar el crimen y mantuvieron relación con los malhechores; pero fuera de esto que, naturalmente es una mera suposición, nada existe en autos que corroboren la culpabilidad de dichas individuas, las cuales ante el Juez Instructor negaron resueltamente su cooperación con los criminales, demostrando AMELIA DELGADO MOLDES, que los huidos habían dado muerte a su marido a finaldes del año de 1939, y la imposibilidad de que se entrevistase en su domicilio, días antes del hecho de autos, con su cuñada ANTONIA GARCÍA CONDE, por encontrarse reñidas ambas desde hacía más de un año...(1)

Dado que non se puido xustificar a implicación irecta destas dúas mulleres, o xuíz acordou a prisión atenuada, polo que Amelia foi posta en liberdade o 17 de setembro de 1944. Foron nove meses de prisión, Amelia tiña 43 anos.

(1) Expediente da reclusa Amelia Delgado Moldes. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24041/070. Signatura:Caixa 24041/070 (15)

(Elaboración propia a partir do expediente citado)

12 octubre 2025

JOAQUINA DOMÍNGUEZ BASALO

Joaquina era filla de Manuel e Honorinda e naceu o 18 de decembro de 1921 no pobo de A Mezquita, partido de Viana do Bolo. Residía no pobo de Vilavella e foi detida o 3 de decembro de 1949 cando tiña 29 anos. O Xulgado Militar número 2 de Ourense instruíu a causa e pedíase para ela cinco anos de cárcere por auxiliar a "bandoleros" en concreto, Joaquina agochou e serviu de mensaxeira a Cándido Losada Estévez, o Malvavisco. O 24 de marzo de 1950 fíxose firme a condena por parte do Consello de Guerra. 

Joaquina coñeceu a Cándido Losada, o Malvavisco, un guerrilleiro antifranquista que traballaba como obreiro no ferrocarril. Cándido formou parte de partidas de asalto na zona e participou no asalto ao cuartel de Nueva Puebla en Requeixo inmediatamente despois de coñecerse o levantamento. Logo fuxiu a Francia en 1944 e alí caeu prisioneiro mentres recollía unhas mazás dun pomar e conseguiu escapar e volver ás montaña galego-portuguesas e vivir agochado nas aldeas fronteirizas. Cándido tiña un amplo coñecemento das aldeas do nordeste de Portugal, pois alí traballara como carpinteiro.

Josefa Pérez Pérez, que era do pobo de Vilavella e viciña de Joaquina, era a noiva de Cándido e agochouno na súa casa en varias ocasións. Joaquina coñeceuno e tamén colaborou acubillándoo na súa casa e levando cartas deste a outro bandoleiro recibindo por esta axuda 50 pesetas. Así que, Cándido seguía en contacto con outros fuxidos mais non chegou a pertencer a ningún grupo xa que era de carácter desconfiado. O seu actuar de xeito individual axudouno a sobrevivir ata 1952, ano en que cruzou a Francia por segunda vez.

Joaquina viuse envolta na causa instruída polo «procedemento sumarísimo por delitos de formar partidas armadas dedicadas á bandidaxe e terrorismo e por auxilios a malhechores» e que se atopaban xa case todos en prisión entre eles Antonio López Núñez, coñecido co alcume de "El Objetivo" que colaborara con varias partidas armadas contactando con "Roces", "El Guerrilleiro", "El Mario", "O Langullo" e que testimoniou sobre os asaltos efectudos por eles. Unha vez que as autoridades militares coñeceron os feitos procederon a deter a un grande número de persoas vinculadas entre si, entre elas estaba Joaquina que ingresou na prisión de Ourense e con ela irían á súa nai e irmás xa que foran tamén colaboradoras.

(Fonte:  Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Libro 2245, p. 184).

Estando na prisión o director da mesma recibe un comunicado o 3 de xullo de 1950 no que se indicaba que Joaquina fora trasladada á Prisión Central de Segovia  o 21 dese mesmo mes, sempre e cando se acreditase que tiña algún tipo de afiliación directa cos grupos de asalto. 

Dito establecemento era un reformatorio para mulleres. Segundo se indicaba, alí ían parar as mulleres que o franquismo consideraba máis perigosas. No expediente non se especifica a razón do traslado de Joaquina a Segovia dado que na ficha de detención indicábase que era unha delincuente ocasional. Nun principio non se tiña previsto que se trasladara pero veu unha orde que indicaba o obrigado cumprimento:

(Fonte: A.H.U.S. Expediente de Joaquina Domínguez Basalo. C-24045/074 (08)).

O xornal Público recolleu nun interesante artigo publicado o 3 de maio de 2025 cales eran condicións de dita prisión no que se di que o trato ás mulleres era moi malo, que sentían moito frío, había moita humidade, e a comida era "terrible". A celda de aillamento consistía nun colchón no chan e unha dura incomunicación por tempo longo. Malia todo, as reclusas conseguiron forxar unha interesante resistencia ao franquismo.

(Fonte. https://www.publico.es/politica/memoria-publica/carcel-segovia-escuela-resistencia-mujeres-peligrosas-franquismo.html.)

(Fonte: Por Arturo Francisco Barbero - Trabajo propio, CC BY-SA 4.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=122963702)

Con sorte para Joaquina, anuouse o seu traslado  á Prisión de Segovia e no entanto ela solicitou poder ingresar  no Patronato Central de Nuestra Señora de La Merced para a rendición das penas por traballo desempeñando e dirixe a solicitude ao director da prisión ourensá para ocupar a plaza vacante de modista que quedara no establecemento. 

Quen levaba os asuntos da rendición de penas por traballo era o Patronato Nuestra Señora de la Merced. Este foi creado o 7 de outubro de 1938 e dependía do Ministerio de Xustiza. Tiña a sede central en Madrid  e Xuntas locais nos lugares onde residían as mulleres e fillos presos e que se acollían á rendición de penas por traballo. A rendición de penas por traballo ocorríuselle ao xesuíta José Agustín Pérez del Pulgar en 1938 quen indicaba que era xusto que os presos contribuísen co seu traballo á reparación dos danos que causaron. Este sistema permitía reducir o tempo da condena, dignificación persoal e incluso, dicíase, contribuíase ao "engrandecemento da patria"

No expediente de Joaquina consta que dito Patronato emitiu un escrito con data do 7 de xullo de 1950 ao director da prisión de Ourense no que se dicía:

Sírvase V.S. disponer que por la Junta de Régimen de ese Establecimiento sea emitido informe acorde de si las penadas cuyos nombres se insertan al margen reúnen las condiciones exigidas por el Patronato Central para poder redimir su pena por el trabajo, en servicios de "destino", en la PRISIÓN PROVINCIAL DE MUJERES de Madrid-Ventas- Caso de que no sean peligrosas ni tengan antecedentes comunistas o masónicos y si por la conducta observada como internas fueron merecedoras de que les sean merecedoras de que les sean otorgadaos los beneficios que se conceden a los reclusos-trabajadores. (1)

Na marxe do escrito figuraba Joaquina Domínguez Basalo xunto con Agripina Pousa Rodríguez, Teresa Primo Fernández e Lucita Sánchez Barredo. En contestación á petición, o Xefe do Centro de Ourense, así como o capelán, o médico e a funcionaria emiten comentarios favorables polo que a Xunta do Réxime considerouna apta e por conseguinte comunican que Joaquina desempeñe traballos de modista.

(Fonte: A.H.U.S. Expediente de Joaquina Domínguez Basalo. C-24045/074 (14)).

Cinco anos permanecerá Joaquina en prisión. O día 18 de marzo de 1955 dáse por finalizada a condena pero o Ministerio de Xustiza por orde do 15 de febreiro de 1952 vai concedera a liberdade condicional a 52 reclusos e reclusas e entre o listado figuraba Joaquina Domínguez:

(Fonte: Boletín Oficial del Estado, nº 79, 19 de marzo de 1952, p. 1254).


(1)A.H.U.S. Expediente de Joaquina Domínguez Basalo. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24045/074; C-24045/074 (10).

«El Malvavisco, un sanebrés que abastecía de armas a los maquis»;  La Opinión de Zamora, (2013, September). Revisado o 9 de outubro de 2025;  website: https://www.laopiniondezamora.es/comarcas/2013/09/01/malvavisco-sanabres-abastecia-balas-maquis-1177693.html.
Expediente persoal da reclusa Josefa Pérez Pérez; ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25107/006;
Caixa 25107/006.

16 mayo 2025

AS CANTAREIRAS. VOCES QUE NACEN AGOCHADAS DOS TEMPOS.

(Imaxe creada por intelixencia artificial).

Hoxe, día das Letras Galegas, é unha xornada de grande ledicia pois é deses días nos que indefectiblemente os nosos pensamentos céntranse no "noso", na nosa Terra. É unha conmemoración na que nos xunguimos aínda máis cos nosos costumes, con como somos, coa esencia de ser galegos e galegas.

Este ano 2025 o día das Letras Galegas está dedicado ás Cantareiras, as mulleres que cantando foron as depositarias da nosa idiosincrasia, de Galiza, da tradición. Son preservadoras da lingua galega, ese monumento impoderable do que sentírmonos orgullosos e orgullosas.

Recollo, a continuación, unhas letras publicadas no xornal La Noche en 1967 que estaban asinadas por A.García Garea e que considero que veñen ao caso para expresar o que supón escoitar a unhas mulleres, galegas, cantando e tocando a pandeireta. Fala dun viaxante que pasa polas terras de Beiró e escoita unhas cantigas (o texto literal que se recolle a continuación traducino ao galego):

Tras o paso de Beiró, a noite, cun quebro, deu a luz á mañá. Unha mañá radiante, cun sol de festa con gorgueira, fervente como un ovo fritido. No terso parche do ar, trenzaban muiñeiras as notas tolas das gaitas. O ritmo monótono e insistente das pandereiteiras, resutaba lembranzas da vella raza. As voces mortas, de enterradas civilizacións, clamaban de novo baixo a epiderme do galego. É a nota oubeante e guerreira, do antepasado celta, que aínda latexa baixo o fondo destas cancións nostálxicas de resignada mansedume, a que abre amplamente as portas a un futuro optimista.(1)

Iso é, son voces agochadas do tempo. 

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2025. GALEGO SEMPRE.

(1)García Garea, A. (21 de agosto de 1967). Lembranzas do Santiaguiño. La Noche, p. 3.                          

04 mayo 2025

MARÍA DÍAZ DÍAZ

Estudou a carreira de Maxisterio e comezou a traballar en setembro de 1918. En 1930, outorgáronlle a praza de interina na escola de Celeirón, Maceda. Para dito nomeamento a Sección administrativa remitiu a Málaga o 17 de xullo dese ano as credenciais correspondentes para que recollese o seu título administrativo e tomar posesión do cargo, pois María levaba exercendo en Archidona desde o ano 1922.

A mestra estaba no segundo escalafón e solicitou pasar ao primeiro en agosto de 1934 o que implicaba un maior soldo, pois hai que lembrar que a asignación dos soldos estaba en relación ao rango de maxisterio ao que se pertencía. Para este ascenso tiñan que pasar unhas probas de exame ante a inspección, no seu caso ante Sara Leirós, e, en efecto, María lograría superalas.

María permaneceu na escola de Maceda durante moitos anos. Cando sobreveu a guerra civil e a represión contra os docentes, a mestra tería que pasar polo trámite da Comisión de depuración. Unha vez valorados os seus informes o presidente ditaba a sanción que se lle impuña. Pois ben, en 1942,  María foi castigada coa suspensión de emprego e soldo por un ano. Así mesmo foi obrigada a trasladarse fóra da provincia e inhabilitada para o exercicio de cargos directivos e de confianza en Institucións culturais e de ensinanza.  

Así que, María foi destinada de xeito forzoso á escola de Noicela no Concello de Carballo. Sanción que marcaría o seu expediente.

Fontes: Gúia General de Andalucía. 1922, p. 1280 Información del Magisterio (1930, 17 xullo). Galicia, p. 2; Magisterio. (1942, 17 de xaneiro). La Región, p. 3. De Inspección (1934, 4 xullo). Galicia, p. 1; Traslado de maestros (1944, 9 agosto). El Ideal Gallego, p 7.

13 septiembre 2024

MATILDE DOCAMPO CASTRILLEJO

(Matilde Docampo Castrillejo. Fotografía cedida amablemente por Matilde Puertas Docampo, sobriña de Matilde Docampo.)

Como digo sempre, todas as historias que se recompilan neste blog, feito con tanta ilusión, non me pertenecen, senón que forman parte da historia dos seus descendentes, das súas familias, ás que lles debo agradecer, encarecidamente, que me permitan dalas a coñecer para que Ourense lles outorgue a relevancia que deben ter pois forman parte da súa historia. 

Hoxe, día 13 de setembro de 2024, foi un día moi especial pois tiven a ocasión de coñecer persoalmente a Matilde Puertas Docampo, sobriña neta de Matilde Docampo Castrillejo, unha muller pioneira que eu tiña no meu blog xa desde 2010. As emocións son moitas cando se escoita de primeira man a historia dunha das nosas mulleres ourensás e Matilde Puertas soubo transmitirme ese entusiasmo, esa emotividade e admiración pola súa tía, a quen non chegou a coñecer pero da que escoitou moitas historias durante a nenez, tal que así, ela chámase tamén Matilde na honra da súa tía. Ela mesma supuxo o alivio da dor que sentiu a súa avoa Baltasara ao falecer Matilde Docampo. 

Matilde Puertas é pura  enerxía, elegancia e vitalidade cando me fala, cualidades propias das mestras de sempre, tradicionais e vocacionais, porque, en efecto, Matilde Puertas tamén forma parte das nosas mestras ourensás. Neste encontro tan agradable escoiteina con moita atención, sen perder detalle de todo o que me contaba e que eu vou escribilo tal que así no blog. Emporiso non teño palabras para agradecer tanto agarimo e xenerosidade. Dese hoxe mesmo, Matilde Puertas e a súa familia formarán parte da miña propia historia. 
(Encontro con Matilde Puertas o día 13 de setembro de 2024. Grazas, Matilde, pola túa historia e xenerosidade que para min será inesquecible.)
Matilde Puertas é a filla de Flora Docampo e que, dada á admiración que sentía Flora pola súa irmá Matilde, contáballe que era brillante nos estudos e unha adiantada ao seu tempo. Coñezamos a súa traxectoria.

Matilde naceu en San Ciprián, Ourense, o 19 de xullo de 1904 e era filla do capitán de infantería  Don Victoriano Docampo Álvarez e de Baltasara Castrillejo de la Dehesa, natural de Pamplona, e mestra co Título Superior. Unha muller moi avanzada ao seu tempo e moi decidida, por iso, e segundo me contou Matilde Puertas, foi a verdadeira impulsora da traxectoria de Matilde. 

Matilde Docampo e súa irmá Flora estudaron a primaria no Colexio de Angelita Paradela que, daquela, era considerado un dos mellores colexios. Finalizados os estudos de primaria, Matilde realizou o día 19 de setembro de 1919 o exame de ingreso no Instituto de Ourense e, desde entón, matriculouse por libre nos cursos de bacharelato. Rematou estes estudos en 1923 cunhas cualificacións máis que notables.

Solicitou o certificado de traslado para a Universidade de Santiago. Foi unha das primeiras ourensás que se incorporaron aos estudos superiores a comezos de século XX, concretamente no ano 1923, cando tiña 19, estaba matriculada por oficial na Facultade de Farmacia. Neste decisión tivo moito que ver a súa nai, Balasara Castrillejo, pois foi ela a que a impulsou a seguir adiante xa que ela mesma era unha muller de ideas moi avanzadas para a súa época e consideraba oportuno que a súa filla progresara nos estudos e acadara unha profesión cualificada. Acompañou á súa filla a buscar un piso a Santiago e atoparon un na rúa do Hórreo. Ali residiu Matilde  ao coidado dunha señora.

Matilde demostrou ser unha muller activa e dinámica pois estando en Santiago participou na homenaxe que se lle tributou no Teatro Principal o día 24 de novembro de 1924 a José Rodríguez Carracido, pois Matilde formaba parte do "Cuadro Universidade". Representouse o drama en verso "Lubicán" de Armando Cotarelo Valledor no que Matilde desempeñou o papel de Xoana. Así falaba a prensa da súa interpretación:

Matilde Docampo, en el papel de "Xoana" madre de "Inesa" estuvo soberbia, magistral, alcanzando un éxito definitivo y rotundo que el público no dejó de reconocer desde el primer momento. En su papel de madre gallega supo volcar todo el tesoro lírico de su alma de mujer. Nadie estaría mejor que lo estuvo ella en este papel que le valió ovaciones y aplausos prolongados" (1).

Matilde Puertas aínda conserva o libriño publicado polo Teatro Principal de Santiago no que se facía anuncio da Homenaxe:





Realizou todos os cursos  sen repetir ningún e sacou a carreira en cinco anos, algo que non era moi habitual, licenciándose no ano 1928. 

(AHUS. Cartapacio.325, Ex. 16. Recorte.)
As cualificacións de Matilde foron todas moi altas pero, si é certo que había un profesor que era moi esixente e deu un suspenso xeral na súa materia. Por ese motivo os fixo uns versos, a modo de protesta pacífica, pola actitude deste catedrático. Os versos lémbraos perfectamente Matilde Puertas xa que súa nai, Flora, llos transmitiu e dicían do seguinte xeito:
¡Eleucegui, Eleuceguiño,
el de la faz nacarada
el que estudia minerales
sin saber la calisaya.
Ese tipo que os presento,
es un perfecto canalla!
Despois desta anécdota, Matilde, por suposto titulou en Farmacia, unha carreira que lle custou, segundo as contas que levaba súa nai Baltasara, unhas 15.000 pesetas o que viña a ser para entón unha cantidade importante. 

De regreso a Ourense comezou a rexentar a farmacia de San Xoan de Ribadavia. Despois quixo achegarse a Ourense e traballou na farmacia de Santa Cruz de Arrabaldo cuxo propietario era Fernando Soto Álvarez. Dita farmacia, que hoxe en día xa non existe, estaba no baixo da casa do cruce da estrada, por onde pasa o río Barbañica. Era unha casa grande, de pedra, cunha bonita balconada. O desempeño do traballo por parte de Matilde era tan bo así como os eu trato que os veciños e os donos da farmacia sentían por Matilde moito agarimo.

Matilde era de espírito xovial e muller moi ávida de aprender o que a levou a viaxar e coñecer lugares en España e fóra dela. Estivo en Santander, Irún, en Saint Jean de Luz, enCeuta, en Tánxer...


(Material facilitado por Matild Puertas. Arriba unha postal enviada por Matilde á súa nai estando de viaxe. Parte inferior fotografía de Matilde cuns amigos.)
Contoume Matilde Puertas que a súa avoa, Baltasara, tiña cartos aforrados para poñerlle unha farmacia pero xa non puido ser pois, lamentablemente, Matilde faleceu o 28 de novembro de 1934 en San Cibrán das Viñas debido ao tifo e, daquela  non había penicilina. Tiña tan só vinte e oito anos. A nai, consternada  quixo velar a súa memoria e mandou construír unha capela en San Cibrán das Viñas na que se atopa enterrada. 
(Fonte: Esquela. (1934,29 novembro). La Región, p. 3)
De novo as nosas mulleres ourensás demostran a súa valentía facendo estudos universitarios nunha época na que non se vía con bos ollos que as mulleres tomasen esa iniciativa.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930) Tese inédita. Cid Galante, Rosa María., As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003 pags. 139-156. Cid Galante, Rosa María. As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102; La Región, 18 de outubro de 1923, p. 2; El Ideal Gallego, 24 de novembro de 1924, p. 5; El Compostelano, 22 de novembro de 1924, p. 1; Domecq en Galicia, 1 de novembro de 1928, p. 26; El Ideal Gallego, 22 de xaneiro de 1930, p. 5; La Región 29 de novembro de 1934, p. 5. (1) El Pueblo Gallego, 26 de novembro de 1924, p. 10; Foto: El Pueblo Gallego, 26 de novembro de 1924, p. 12.

25 julio 2024

DÍA DE GALICIA. DÍA DA NOSA TERRA.

 

(Fonte: "En el día de Galicia". Galicia, 25 de xullo de 1930, p. 1.)

12 junio 2024

OURENSÁS QUE ESTUDARON A CARREIRA DE MAXISTERIO NO INTERNADO DE PILAR MUNTADAS

A carreira de maxisterio estaba dentro dos considerados estudos superiores e eran vistos idóneos para a muller xa que o feito de traballar cos nenos e nenas interpretrábase como función propio do mundo feminino.

Para a formación nestes estudos había na cidade a Escola Normal pero tamén numerosas academias que preparaban ás futuras mestras. Tanto dunha como das outras demos conta neste blog. 

Pero as nosas mestras tamén contaban coa posibilidade de formarse nun dos internados que comezou a ter moita sona pola filosofía formativa baseada na pedagoxía Manjoniana de Andrés Manjón. Dito internado era o da Señora Pilar Muntadas  situado no Mosteiro de Pedra na provincia de Zaragoza. Temos constancia de que dúas mestras ourensás foron prepararse alí. 

A orixe do internado dátase de 19 de decembro de 1908. A patrocinadora do mesmo foi Pilar Muntadas, muller de talento e elevada cultura e discípula do pai Manjón. Pilar era unha admiradora dos sistemas pedagóxicos do fundador das escolas Avemarianas de Granada e, coa ilusión de formar ás aspirantes a mestras nestes mesmos principios, fundou o internado no Mosteiro de Pedra. Non sería o único internado pois en 1912 fundou outro en Madrid, con grande acollemento. O obxectivo ser formar ás mestras ilustradas pero tamén piadosas pois a ensinanza era dunha grande solidez relixiosa.

A iniciativa partiu do sacerdote pedagogo Andrés Manjón que estaba convencido de que como complemento da súa obra peagóxico-social era preciso a formación de mestres cristiáns, coñecedores dos métodos avemarianos e cun espíritu relixio. Entón, propúxose propagar por toda España un Seminario escolar para cantos quixesen formarse no maxisterio ofrecendo vantaxas económicas para seguir os estudos.

Pero, tamén había que considerar ás mozas. Por tal motivo, buscou unha muller que puidera levar a cabo dita empresa e pensou en Pilar Muntadas, que aínda que non era mestra, si tiña unha grande cultura, ansias de consagrarse ao apostolado católico e posuía unha posicial social e económica vantaxosa. Acordaron pois, que o que Andrés Manjón fixo cos nenos ela faríaoo coas nenas 

Pilar Montadas preparouse para ser mestra e, en efecto, acabou titulando en Maxisterio e, deste xetio, sabía cales eran os pasos a dar para formar ás futuras mestras. Tivo grande interese pola pedagoxía e escribou un folleto titulado Apuntes de pedagogía práctica que contén 64 pensamentos pedagóxicos que levaría á práctica no internado de Zaragoza.

Pilar iniciou o seu profesorado na formación de mestras no Mosteiro de Pedra inaugurado o 19 de decembro de 1908 por Pío X. Nese retiro as alumnas, que pagaban 1 peseta por día pola manutención, casa e ensinanza, vivían nun ambiente familiar e cun horario distribuído con prácticas relixiosa, práctica para os estudos, traballos manuais, clases, debuxo, canto, música e ensinanza doméstica. Elas mesmas amasaban o pan, lavaban e pasaban o ferro á roupa. Tamén se exercitaban na industria avícola e manexaban a incubadora.  Atendían especialmente á formación do espírito, nun ambiente de relixiosidade e modestia. Baseábase nunha educación integral coa finalidade de formar excelentes mestras para un maxisterio-apostolado. 

Pilar Muntadas dedicouse de pleno desde 1908 na formación das mestras co convencimento de inculcarlles, ademais dos valores relixiosos, a vocación por ensinar e rexenerar a sociedade. Faleceu en abril de 1918 en Zaragoza, de onde era natural. Moitas mulleres foron as súas discípulas e entre elas dúas ourensás: Ramona Iglesias Nóvoa e Encarnación Ruído Tejedor.

(Vista do Mosteiro de Pedra a finais do XIX.
De Ángel Díaz Huertas - Luis Royo Villanova (1894-08-04). "Viajes de «Blanco y Negro».—I. Monasterio de Piedra". Blanco y Negro (170): 483-490. ISSN 0006-4572.Esta es una imagen retocada, lo que significa que ha sido alterada digitalmente de su versión original. Modificaciones: surrounding text removed., Dominio público, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=141531866.)

(Elaboración propia a partir de diversas fontes: La Gaceta de Tenerife , 14 de agosto de 1911, p. 2;Vade-mecum del jaimista, 1 de Abril de 1912, p. 37; La Independencia, 18 de abril d1912, p. 2; El magisterio español, 30 de abril de 1918 , p. 2; La Región, 19 de agosto de 1913, p. 2; "Un artículo de "L´Osservatore Romano", La Región, 22 de maio de 1912, p. 1; "Llavecitas de oro", La Voz de la Verdad, 21 de marzo de 1912, p. 3).

Para saber máis sobre as escolas de Ave María poden consultar o artigo: As Escolas de Ave María en Ourense