Etiquetas

15 octubre 2023

CHONINA VILANOVA

Chonina Vilanova era telefonista pero a súa paixón era o teatro e a interpretación. Formou parte da agrupación Miryam pero logo entrou na compañía Teatro de Cámara de Ourense que se creou en febreiro de 1961 e dicía que: "el teatro es una necesidad. Hoy no podría vivir sin trabajar en él". A entrada no Teatro de Cámara supuxo para ela ampliar os horizontes artísticos. 

A iniciativa de crear na cidade unha agrupación teatral contaba co respaldo de importantes promotores como Varela Feijóo, López Morais, Román Ferreiro, Pato Movilla, Lezcano, Alvarado, Raimúndez Porto, Martínez Risco, López Cid, Gómez del Valle, Alonso García e outros. O entusiasmo levou a que comezasen a iniciar inmediatamente as actividades. A intención principal era levar á escena un teatro selecto de autores clásicos e modernos. En efecto, atrevéronse con obras de autores franceses e xaponeses de grande profundidade temática.

(La Región, 21 de febreiro de 1961, p. 3)

Chonina interveu en numerosos eventos culturais que se celebraban en Ourense nos anos cincuenta e sesenta e, por suposto, realizou lecturas líricas como así fixo na homenaxe ao poeta Alfonso Alcaraz. Representou  interesantes papeis teatrais como: "El Pan vivo" de Francois Mauriac, "La voz humana" de Jean Cocteau, "La mujer del abanico" de Yukhio Mishima...A obra de Cocteau tratábase dun monólogo intimista que foi interpretado maxistralmente por Chonina, demostrando as súas facetas de actriz, no Museo Arqueolóxico Provincial o 19 de xuño de 1961. Outra das súas compañeiras de teatro foi a destacada Guadalupe Espinar.

De novo unha mostra máis de que Ourense foi cidade de cultura e as súas mulleres as principais protagonistas.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: "Presentación del teatro de Cámara en Orense", La Región, 15 de xuño de 1961, p. 3; "La presentación del Teatro de Cámara en el Museo Arqueológico Provincial", 18 de xuño de 1961, p. 2; "Hacia la constitución del Teatro de Cámara y Ensayo", La Región, 15 de febreiro de 1961, p. 3; "Hoy se constituirá el Teatro de Camára y Ensayo de Ourense", la Región, 16 de febreiro de 1961, p. 3; "Teatro de Cámara y Ensayo", La Región, 18 de xuño de 1961, p. 3).