Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Vidas curiosas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Vidas curiosas. Mostrar todas las entradas

02 noviembre 2025

GREGORIA MATORRAS

Pode ser interesante facer mención dunha muller que non naceu en Ourense pero si faleceu na nosa cidade. Trátase de Gregoria Matorras, nai do libertador de Arxentina, Chile e Perú, José de San Martín. 

Era natural de Palencia, en concreto de Paredes de Nava, e naceu en  1738. Con 28 anos marchou a Arxentina e alí casou con Juan de San Martín, militar e gobernante de Río da Plata, e residían en Yapeyú. Este enfermou e o matrimonio trasladouse a vivir a Bos Aires pero a idea era trasladarse a España. Chegaron no barco Santa Balbina a Cádiz  Residiron en Málaga, tamén en Madrid...pero en 1786 faleceu Juan de San Martín.

Ao quedar viúva, Gregoria enfróntase a unha situación de penuria e escaseza económica e na necesidade de sacar aos seus fillos adiante levándoa a redactar unha carta solicitando unha pensión. Como non foi escoitada, dirixíu a súa reclamación ao rei facendo e este vai transixir concedéndolle unha pensión vitalicia.

Gregoria, un tanto maior, tomou a decisión de trasladarse a vivir a Ourense, si, á nosa cidade, pois aquí residía a súa filla  María Elena, o seu xenro e a súa neta Petronila.  Na cidade tivo numerosas relacións sociais e boa veciñanza. Aquí faleceu en 1813, tiña 75 anos e ao seu sepelio asistíu numerosísima xente ourensá.

Foi enterrada no convento de Santo Domingo o 29 de marzo de 1813. (Esta data da inhumación recóllea El Eco de Galicia, non obstante, noutras fontes indican que faleceu o 1 de xuño de 1913).

(Fonte: «La madre de San Martín en Orense», El Eco de Galicia, 10 de xuño de 1907, p. 1-2).

Despois os seus restos foron trasladados a Arxentina, onde repousaban os do seu home. A cidade ourensá realizou unha ofrenda a Arxentina que consistíu nun cofreciño que contiña a terra do Convento de Santo Domingo onde estivera soterrada Gregoria. Foi encargado de recibir esta homenaxe o Sr. Casals que era o agregado cultural da Embaixada de Arxentina en Madrid. A terra foi enviada como reliquia  a Bos Aires. 
A prensa informou da noticia do seguinte xeito:


(Fonte: « Tierra española del lugar donde reposan los restos de la madre del general San Martín», El Correo gallego, 8 de xullo de 1947, p. 6).

Nesta entrada non poñemos a imaxe de Gregoria Matorras que circula por internet pois, segundo un artigo de prensa indica que o retrato que se atribúe a Gregoria Matorras non se corresponde con ela, senón que se trata dunha muller da que non se coñece o nome: «Los falsos padres del general San Martín» en Infobae.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes: «Gregoria Matorras», https://es.wikipedia.org/wiki/Gregoria_Matorras; Hemeroteca; «Héroes y genios. Siluetas Históricas. Don José de San Martín», Hojas Selectas, 1908, nº 73, pp. 535).

16 enero 2025

ERIKA DOS ANJOS

(Fotografía extraída de El Faro de Vigo.) Atopei na prensa que unha moza ourensá, Erika dos Anjos, rematara os estudos de Ciclo Superior de Mantemento de Instalacións Térmicas e Fluídos e que xa estaba a traballar nunha empresa de A Coruña.

Poden pensar, o por que do meu interese por destacar no blog de mulleres ourensás a esta moza. Pois a razón principal é destacar que esta muller é xitana e sente orgullo de seu máis quixo estudar arreo e acadar os seus obxectivos, uns propósitos de muller xitana que non adoitan estar dentro dos patróns da súa cultura.

Realmente, para min é un orgullo extraordinario mencionar aquí no meu blog a Erika. Eu fun profesora dela no IES Universidade Laboral de Ourense. Deille clases durante a ESO de Xeografía e Historia. Daquela xa me demostrou, bueno, demostrounos a todo o profesorado, que era unha muller que tiña uns propósitos moi claros unido a unhas capacidades sorprendentes. O seu non era facer só a ESO e logo marchar, non, o seu era facer a ESO, o Bacharelato e facer carreira universitaria. 

Era unha nena moi destacada nos estudos e no seu rendemento académico, pois era moi traballadora, moi boa estudante, moi responsable...pero tamén era especial no seu trato pois era moi educada, moi respectuosa e moi querida por todos xa que tiña un elevado grao de compañeirismo. Era unha referencia no grupo clase pois sabían que ela sempre levaba as tarefas feitas e estudaba arreo. Era habitual vela na biblioteca do centro rodeada de amigos e amigas para estudar xuntos e axudar ás súas compañeiras nos deberes, no estudo dos exames...

Todo o profesorado estaba sumamente orgulloso dela pois sabía que a traxectoria de moitas mozas da súa cultura remataba a ESO e non continuaban pois estaban destinadas a colaborar nas familias. Pero Erika tiña outras pretensións, quería formarse e traballar e os seus pais respectaron a súa decisión.

Cando eu marchei da Laboral sabía que Erika xa estaba emprendendo o camiño para ese obxectivo que se marcara. E en efecto, acabo de ver que o logrou, que fixo bacharelato de Ciencias e logo o Ciclo Superior de Mantemento, por certo, un ciclo a onde non acoden moitas mozas. Entereime de que sacara todo deces e que o seu profesorado de Ciclo admiraba o seu talento.

Agora rematou o Ciclo e xa está a traballar nunha empresa de A Coruña. Vese feliz, vese decidida, unha muller que, talvez, tivo algún atranco por ser xitana pero continuou adiante. O que si é certo é que nos demostrou a todos que o talento non entende de condición social, nin de razas, nin de sexo...depende da vontade e de moitos valores que son universais.

Sei que Erika quere facer a Carreira de Química, e sei quevai logralo pois os que a coñecimos sabemos que ademais de intelixente é tenaz e constante. 

Erika, abre os camiños a moitas das súas homólogas que mirarán para ela como exemplo.

Un orgullo haber sido, por uns anos, a túa profesora. Adiante, Erika, sempre adiante.

04 diciembre 2024

MULLER COMUNISTA

A hemeroteca é un banco de información inesgotable. A prensa escrita chega a ser unha das fontes recurrentes na investigación histórica pois dá conta das noticias da época pero ademais, e o que é máis importante, vemos como son enfocadas e como é a liña editorial. Non obstante, tendo en conta estes aspectos, non se pode eludir que a prensa da época permite o achegamento a feitos dos que non hai fonte primaria ou documental que a desenvolva. Por iso, sen considerala único recurso, si serve de complemento.

Neste caso e para esta entrada recóllese un feito que pode considerarse interesante por como o enfoca o propio xornal ou articulista. O suceso acontece en maio de 1936 e, polo visto, tal como conta, algunhas xentes de Ourense non eran moi partidarias de que a Igrexa exercese a súa influencia na sociedade. 

O caso que se narra na páxina 1 de La Región do 5 de maio de 1936 é o seguinte:

...el domingo un grupo de catequistas, acompañadas de un sacerdote, fueron, según costumbre, al pueblecito de La Granja a explicar sus lecciones de doctrina cristiana a los niños en la capilla; y pudo darse el caso inaudito de que una sola mujer, comunista, por supuesto, ellas sola, con su actitude descompuesta, impidió lo que era deseo de todo el pueblo, imponiéndose a todos los demás, que hubieron de ceder ante el temor de originar un incidente que pudiera ser trágico...

Non ofrece o nome da muller, o que resultaría bastante interesante para coñecer máis en profundidade que foi o que a motivou a facer o fixo. O xornal di que "comunista, por supuesto" o que parece indicar que a muller era unha laica declarada e non vía con bos ollos que a igrexa quixera adoutrinar aos nenos e nenas. En tempos da República, na que recentemente, en febreiro, gañara a Fronte Popular, o laicismo estaba nas vidas da sociedade española e, de seguro, moitos e moitas, eran partidarios de defender ese espírito da constitución republicana. En Ourense, con ser unha cidade de espírito conservador, si houbo mulleres que se declararon a favor do espírito republicano, e se non o fixeron verbalizándoo ou militanto como tal, si o demostraron polos seus feitos.

Vid: Temas orensanos (1936, 5 maio). La Región, p. 1.

01 diciembre 2024

LAUREANA TEIJEIRO VIDAL

Laureana era a nai de Modesto López, galeguista amante da súa terra que foi paseado e asasinado na ditadura.

Laureana naceu en Cenlle e os seus pais eran Modesto Teijeiro, que era médico, e Olimpia Vidal. As súas irmás Elisa e Gloria fixeron estudos de maxisterio no Instituto ourensán. Laurenana amosou desde nena grandes dotes para a música, tal é así que en maio de 1897 a Deputación Provincial de Ourense concedeulle unha subvención de 1500 pesetas para pasar a Madrid e perfeccionarse no estudo da arte musical e declamación no Conservatorio. A continuación preséntase o expediente académico que me enviaron desde o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid:

En novembro de 1902 casou na Igrexa de Santa Eufemia do Centro en Ourense co comerciante Félix López Ugarte, vicepresidente da Cámara de Comercio e que era natural de Madrid. O matrimonio tivo catro fillos, Mercedes, Modesto, Félix e Leopoldo. 

Félix formaba unha Sociedade con Emilio Lóbit e eran os organizadores das corridas de touros na praza de Ourense. Chegou a ser alcalde conservador da cidade o 18 de novembro de 1913 en sustitución do liberal Ildefonso Meruén  que solicitou a dimisión. Felix, do partido conservador, permanecerá no cargo durante dous anos sendo substituído por Juan Taboada González. Félix faleceu o 24 de decembro de 1917 e Laureana sacou adiante aos seus catro fillos. A partir de entón a familia decidiu trasladarse a Madrid ata 1927, ano que regresa a Ourense.

Modesto, fillo de Laureana e Félix, foi colaborador da revista NÓS na que escribiu no número 115 de 1933 o artigo "Investigacións etno-morfolóxicas antre a poboación do Ribeiro de Avia". Así mesmo  inseriuse na Revista Vieiros, número 3 de 1965 un artigo inédito titulado "Ensaio de tipoloxía galega". Dito artigo foi publicado grazas a que Laureana llo facilitou á revista Vieiros, tal como indicou a Revista dicindo:

Con emoción pubricamos iste traballo centífico, aínda inédito de Modesto López Teijeiro que fora unha espranza pra Galiza polo seu esgrevio talento, e pola súa lealdade. Agradecemos con agarimo a súa nai iste agasallo que nos fixo pra Vieiros que se honra en apresentar iste estudo de outo valor prá ciencia e prá galeguidade. Modesto López Teijeiro, noso amigo e n oso irmán"

(Fonte: Separata do número 113 do Boletín NÓS.)
(Fonte: Vieiros: revista do Padroado da Cultura Galega do México. Número 3. 1965 setembro 21, p. 8.)

Modesto foi un home de profunda galeguidade e moi recoñecido nos círculos intelectuais. Foi socio do Seminario de Estudos Galegos e impartiu conferencias cuxa temática versaba sobre a constitución do pobo galego. Tamén participou na colaboración na recuperación do Ateneo de Ourense. Así mesmo formou parte da directiva da Xuventude Esperantista e impartía cursos desta lingua. Súa nai foi unha muller sensible coas ideas de Modesto, como demostra que entregase á Revista Vieiros os escritos do seu fillo.

Modesto traballaba na Banca e estaba afiliado ao Sindicato da mesma vinculado á U.X.T. Durante a ditadura foi detido e acusado de comunista. Paseárono e  foi asasinado o 27 de setembro de 1937 aparecendo o seu corpo na estrada entre Xinzo e Celanova.

Laureana faleceu o 16 de setembro de 1951.

Vid: Noticias. Orense. (1902, 14 novembro). La Correspondencia Gallega, p. 2; Orense (1913, 20 novembro). El Correo de Galicia, p. 2; Revista Adra. Revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego. nº 13. Homenaxe a Carlos García Martínez. Santiago de Compostela. 2018.

09 octubre 2024

O VESTIR DAS OBREIRAS. BASILIO ÁLVAREZ CONTRA AS NOVAS MODAS FEMININAS

O meu estimado amigo Xosé Lois Carrión deume esta referencia moi interesante para reflexionar Trátase dun artigo que saiu no xornal El Socialista, asinado por Maruja. No artigo faise unha mordaz crítica contra o poder dos patróns en Suiza xa que acordaron botar á rúa ás obreiras que levaran saia curta. O patrón da fábrica de tecidos de Turgi, indicou que a saia había que considerala un crime imperdonable e decidiu convocar ás obreiras no seu despacho para ameazalas co despido se seguían empregando esa prendas curtas.

A autora do artigo chegou a acusar ao patrono de hipocresía e falsidade pero tamén manifestou que, en certa medida, as mulleres tiñan algunha culpa por non estar asociadas e dicía:

Las mujeres que trabajamos por cuenta ajena somos doblemente esclavas: del salario y de la moda. No basta a los patronos remunera miserablemente nuestro trabajo. Quieren además intervenir en nuestros gustos sobre el peinado y la indumentaria. Y esto ocurre porque no estamos asociadas. Si perteneciéramos a alguna Sociedad, como los hombres, seríamos fuertes...(1)

As novas modas impúñanse en Europa e incluso Asia (en China a muller de Chang-Kai-Shek facía uso das modas chegadas de Europa e adheriuse á saia curta e cabelo ao garçon) e tamén acabarían chegando, aínda que de xeito moi lento, ao Ourense dos anos vinte. Os anos vinte supuxeron unha liberación dos corsés e saias longas para as mulleres. Non só as clases altas, senón que as obreiras, así mesmo, quixeron aproveitar esa nova moda, talvez, cun interese máis ideolóxico que de ir á moda. 

Non obstante, tamén comezaron a lexislar e dar normativas acerca de como debía ser a moda no traballo. 

No parlamento inglés lexislouse escrupulosamente como debían ser os escotes dos vestidos, como debían ser os largos das saias: "Los vestidos escotados no deberán serlo más de 50 milímetros del mentón a la linea de la tela....también las medias caladas entran en el número de las prendas de vestir deshonestas...Prohíbese asimismo el uso de la moderna falda corta. La faldamenta deberá terminar tres dedos más arriba del zapato..." (2).

Pero non temos que ir tan lonxe para ver o temor a unha moda que se impuña. O propio Basilio Álvarez, líder do agrarismo e avogado defensor dos campesiños contra o caciquismo, deixou translucir a súa formación clerical ao falar das modas das mulleres. Nun artigo publicado en La Zarpa titulado La falda corta, súmase ás críticas verquidas polo papa Pío XI sobre a nova indumentaria das mulleres e dixo:

Más que ligeras de ropa, se ven por estas calles de Dios desnudas completamente. Sin trapo alguno desde los pies hasta más arriba de las rodillas, y al aire desde el cuello hasta bien entrada la espalda, todos esos serafines con pelo a lo garçonne, parecen chicos en traje de baño. Hace dos años que todos los días recortan en dos centímetros sus faldas, pero sin timidez alguna, sin atisbos de miedo, sin presentir siquiera la vergüenza como si irrumpiesen triunfales en un mundo donde el desenfado se cotiza...Y no quito un ápice. Tampoco lo quitó Su Santidad al afirmar que sus cuerpos desnudos semejan miembros de hetairas...(3).

Segundo isto, parece ser que no mundo víase preciso oporse á invasión da obscenidade e do mal gusto das modas modernas. Todo isto encerraba o temor a que as mulleres tomasen conciencia e comezasen a espertar. Críticas de mentes masculinas renuentes á liberdade feminina.

Elaboración propia a partir de diferentes fontes. (1)Maruja (1927, 6 xaneiro). El Socialista, p. 4; (2) Cuidadeo con los vestidos. (1916, 29 xaneiro). La Región, p. 1. (3) Álvarez, Basilio. (1926, 20 febreiro). La Zarpa, p. 1.

11 febrero 2024

O ENTROIDO. TEMPO DE FESTA E REIVINDICACIÓNS.



Ninguén pode negar que o Entroido en Ourense é unha festa descomunal onde as tradicións e a etnografía mandan. A xente xúntase, celebra con pantagruélicas comidas uns días de ledicia e de risas constantes. É tempo de dar o mellor de cada un/unha para facer felices aos demais. Que marabilloso é o entroido xa que permite que por uns días haxa unha enorme exaltación da creatividade e inconformismo!!

En toda esta estampa impresionista hai disfraces de todo tipo. Hai aqueles que conteñen graza de por si, hainos conxuntados e que son verdadeiras obras de arte, hai os que fan unha crítica de algo pero empregando a graza e o humor...e hai aqueles que nos retrotraen na historia. 

Estamos no caso. Hoxe quero resaltar esta preciosa comparsa ourensá que rememora ás sufraxistas.  Ademais de estar perfectas fan lembrar á cidadanía unha mobilización de mulleres que tivo grande transcendencia a finais do XIX e comezos do XX. Grazas aos seus esforzos conseguimos os nosos dereitos. Seguramente moitas persoas ao velas tomarán conciencia deste feito. 

As sufraxistas reivindicaron o voto feminino pero o camiño  non foi nada doado. Supuxo unha intensa loita no que destacaron mulleres como Emmeline Pankhurst, Emily Davison, Millicent Fawcett, Mary Richardson, Maud Watts y Annie Kenney. En España podemos destacar o grande labor levado a cabo por Clara Campoamor. Moitas delas sufriron detencións e represión, mais non minguou a súa intención e vontade. 

Temos que agradecer a este grupo de mulleres do Entroido de 2024 que nos fagan lembrar este inédito e transcendental acontecemento.
A min encantáronme. Están xenial!! 

(Grazas a todas elas por cederme estas preciosas fotografías.)

23 noviembre 2023

FLORA IGLESIAS PADRÓN

A relegación das mulleres é un fenómeno que vén dado desde os inicios da humanidade, sobre todo desde que os grupos sociais foron conformándose en base a unha organización máis xerarquizada sobrevida pola división do traballo e por unha estrutura de poder segundo a lei do máis forte. Un contexto no que as mulleres eran apartadas dos ámbitos de poder e de decisión, quedando sumidas a un papel totalmente marxinal, se ben é certo, agora están saíndo estudos que nos indican que durante a prehistoria a opresión e dominación sobre as mulleres non foi tal pois o grupo viña contribuíndo por igual na supervivencia e noutras etapas históricas (revoltas liberais, revolta industriasl incluso nos procesos bélicos mundiais...) a presenza das mulleres foi máis notable do que os historiadores tradicionalistas viñan dicindo.

O dominio do home sobre a muller persitiu desde sempre, algo que, a día de hoxe,  aínda está sendo difícil de erradicar. 

Coñecemos en Ourense o caso de Pobre Asunción, unha muller que foi asasinada na Praza Maior en 1891. Pero en anos sucesivos houbo tamén outros casos sanguentos como o que se relata a continuación.

(Fonte: La Zarpa, 24 de abril de 1926, p. 6. Galiciana)

Flora naceu en 1903 e era natural de Parada de Piñor e foi alí onde sucedeu este feito lutuoso no 23 de abril 1926. Vivía cos seus pais, Emilio e Julia, e dicíase dela que tiña un carácter bondadoso, afable, emanaba simpatía...calidades que facían que tivese moitos pretendentes pero non tiñan nada que facer xa que Flora estaba moi protexida polos seus pais.

Pero regresara de América Martín Cid que emigrara de neno a América onde traballou durante vinte anos acadando unha grande fortuna. Martín vivía coa súa nai e casou con Flora e tiveron un fillo. Pero a felicidade non durou pois Martín trataba a Flora bastante mal e exercía sobre ela un maltrato psicolóxico. Dise que, a pesar desta situación, Flora non chegou a queixarse do seu home que en máis dunha ocasión chegou a discutirlle a compra dunha libra de pan sen o seu consentimento. Martín padecía a lepra e Flora xa non quixo convivir con el por temor ao contaxio. Por esa causa, o home estaba sumido nunha grande desesperación.

Un día Martín saíu ao encontro de Flora nun camiño solitario. Ela ía cunha cesta de hortalizas para vender no rianxo en Ourense. El parouna e díxolle que lle trouxera tabaco e comezaron a discutir entregándolle ela o diñeiro que acababa de darlle Martín para o tabaco. Cando Flora continuou a marcha, Martín, sen máis, sacou unha pistola e disparou varios tiros. Flora caeu despois de dar varios pasos. O seu home seguiu disparando e despois deuse á fuga.

Flora foi auxiliada por varios veciños e estaba perdendo moito sangue. Tiña dúas feridas de bala nas costas e unha na meixela e o seu estado era grave. Foi atendida polos facultativos e, afortunadamente, non faleceu.

Martín acubillouse na casa dun curmán ás aforas de Ourense pero foi detido e ingresou no cárcere.

Na prensa histórica recóllense moitos casos de maltrato de xénero pero tamén hai que dicir que as mulleres atrevéronse a denunciar como fixo Elvira Fernández Jorge de vintecatro anos que  denunciou en maio de 193r ao seu home, Benjamín, de haberlle tirado unha botella a cabeza causándolle feridas importantes. Josefa Cofán, tamén vai denunciar ao seu home en agosto de 1934 por malostratos...e como estes figuran moitos máis.

A ansia de poder e dominio levan a condutas irracionais con consecuencias catastróficas.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: La Zarpa, 24 de abril de 1926, p. 6; "El suceso de ayer", La Región, 24 de abril de 1926, p. 2; "El crimen de un leproso", El Heraldo Gallego, 30 de maio de 1926, p. 6; "Maltratos", Galicia, 23 de maio de 1934, p. 6; "maltratada por su esposo", Galicia, 30 de agosto de 1934, p. 5)

29 octubre 2023

CONCEPCIÓN RODRIGUEZ EIRAS "A CONCHA"

Naceu en 1901. Esta ourensá foi a muller que máis animou ao equipo de fútbol local de Ourense. Asídua a todos os eventos deportivos, ela era moi recoñecida entre os seguidores do equipo. 

Desde logo, recibiu numerosos homenaxes e foi madriña en varias ocasións. 

Unha muller enérxica e con carácter coñecida en toda a cidade. Unha muller sen complexos que era habitual vela fumar mentres vía os partidos de fútbol do equipo ourensán, actual Unión Deportiva Ourense.


(Debuxo dedicado por Xosé Lois a Concha)

(Foto: Reza, La Región, 2 de decembro de 1967, p. 20.)

17 septiembre 2023

AS MULLERES DA CASA DA INFANCIA DE EDUARDO BLANCO AMOR

 


A entrada anterior tivo como protagonista á nai de Eduardo Blanco Amor. Esta de hoxe publícase tamén en conmemoración do día do nacemento de Eduardo que foi o 14 de setembro de 1897 e fala das mulleres que rodearon ao noso escritor máis xenial, máis modernista na súa literatura e na súa vida.

Unha das miñas novelas memorables  é "La Catedral y el niño" de Eduardo Blanco Amor escrito en 1948.  Ben é certo que teño unha querenza especial por este escritor. A súa prosa está impregnada de poética e sonoridade. Esta novela é para min moi especial pois aborda a vida da "Vella Auria", do noso Ourense. Como di Andrés Trapiello, unha novela barroca pois é recargada no relato.

Amosa o panorama da cidade de comezos de século onde as ideas vellas confróntase coas novas tendencias que comezan a fluír. 

Unha Auria onde as forzas vivas e a composición social estratificada en grupos sociais sométense a un intenso pulso. Poe unha banda está a fidalguía decadente e xentes populares de ideas máis liberais. Entre as mulleresdeste grupo están a Pilar das Mulas, artesá que foi rexeitada pola comisión do gremio de ebanistas por quedar embarazada; Antonia a Cebola, A Pelana, a dona da casa de citas e encontros de Auria e a quen a Igrexa non quería enterrar no Campo Santo provocando a mobilización das xentes de Auria ata que o conseguiron; Paca a Coxa, Ramona a Campaneira, Matilde a Trenca, Xaquina...

Fronte a todo está a Igrexa, unha opositoria en toda regra das ideas de modernidade. Esa igrexa vixiante e censora materializada na monumental catedral. O sensible neno Luís, teme á igrexa. A escena do encerro na catedral supón un pesadelo para el. Olla a Cristo, ese Santo Cristo tan poderoso. "La basílica era el punto referencial de una quietud que no se dejaba subyugar por la mutación de lo natural...". 

Estamos ante unha obra que pode entenderse como unha novela autobiográfica, e xira arredor da relación do neno Luís Torraba (Eduardo) cos seus pais, representantes da fidalguía decadente. O autor amosa os perfis psicolóxicos dos personaxes que son auténticos desta época na que as formas de pensar son diverxentes. 

Unha novela na que o espazo feminino e o masculino están claramente definidos e son opostos e complementarios na Auria desta época. Catolicismo versus laicismo; conservadurismo versus liberalismo; tradicionalismo versus modernidade; reclusión versus liberdade. Este é o escenario do protagonista da obra que se atopa entre unha nai clerical e un pai bohemio; unha separación mental que tamén se converte en física. A nai prefire vivir no ambiente burgués da cidade mentres que o seu pai prefire retirarse a un pazo rodeado de amigos bohemios coma el. Na urbe está o espazo feminino de Luís e no pazo o espazo masculino. Non en van, esta dupla situación fixo que Eduardo chegase a dicir:  “Mi niñez fue triste, muy triste, en un pueblo triste: Orense”.

No transfondo, o inmenso amor que ten o escritor pola súa cidade á que parece perdoarlle as súas contradicións.

Nesta obra están reflectidas retratos do feminino da súa familia pois son cobixo do protagonista Luís.

As mulleres que posan na fotografían serían as inspiradoras dos principais personaxes femininos da obra:

Carmela, a nai, (sentada, a primeira á dereita)  á que lle profesa un grande cariño pois ela sente verdadeira debilidade polo fillo. A nai que o chama "Bichín". O neno quere quedar con ela e non irse co pai ao pazo. Pero ao fin terá que ceder. Realmente era unha muller que pretendía facer o ben e por iso trataba de axudar a Antonia a Cebola, falaba con Pilar das Mulas; solicitaba axuda a Florinda a parteira...
Doña Pepita, a tía.,é a madriña do neno. Unha muller de tradicións e de manter o boato e as boas apariencias. A muller ciumenta da súa irmá Carmiña pois estaba namorada con paixón do seu cuñado.A medida que Auria ía cambiando tamén Pepita facía esforzos e "se inclinaba a lo  nuevo", ata o punto de converterse en anarquista por Jorge Belón y Capdepont con quen acabaría marchando.
A tía Lola, a tía Asunción, máis tradicionais e incapaces de adaptarse aos "recientes usos, se debatían en un resentimiento criticón lleno de "en nuestros tiempos".
Joaquina, a criada de toda a vida da familia, coñecedora de toda a situación. A que aínda fala en galego.
Blandina, a criada máis nova.

No final da novela aparece Rhut, amante dos seus versos.

Poema La Madre. (Recollido da novela)

Adviene por las cumbres encendidas,
señales y portentos le abren paso,
se rasga en dos el velo de la altura
para su muerte.

Sobrecogidos pasmos forestales,
arrodillados montes, quietos ríos,
y mudez repentina de los pájaros,
para su muerte.

Anunciada en arcángeles y signos
_se vieron en lo azul corona y palma_
hizo pie en la ribera del martirio,
para su muerte.

Nadie de más belleza sufridora,
ni voz así, de mágica y ardiente,
ni manos de tan altas bendiciones
para su muerte.

Certero fue el destino de su carne
de tránsito y dolor todos sus días
bendita era en su vientre y en su llanto,
para su muerte.

Sin otras flores del vivir gozoso,
he aquí que apenas fuimos sus pisadas
en la sangrienta roca de este mundo
para su muerte.

Después todo paso, la cruz y el vuelo,
la incontenible ausencia decretada,
el zarpazo del tiempo con su presa,
para su muerte.

No hubo siquiera pausas, no hubo adioses;
portento era el quedarse, no la ruta
volada, transitada sin decsenso
para su muerte.

Y ahora aquí, esta piedra encadenada,
esta callada entraña abierta al buietre
esta furia del hombre y su blasfemia,
para su muerte.

Este rostro de tierra, estos gemidos,
estas hierbas que nacen de mi boca,
estos pútridos ojos sin imagen
para su muerte.

_Dadme el acento, sepa la palabra
o argüidme un rostro que ella reconozca
desde sus ángeles, desde sus alburas,
para mi madre.

¿Qué miserable cieno expiatorio
o flor podrida o limos estancados
pueden formar el nombre requerido?
Para mi muerte.

Pido a mi sangre el eco de su paso,
palpo en mi carne el sitio de sus alas,
busco en mi voz la concetada suya,
para mi muerte.

Nada, nada, ni espectro ni memoria,
ni su hueco en el aire que la tuvo,
ni el resonar del tiempo así rasgado,
para mi muerte.

He aquí la soledad que nunca pude,
el declarado gesto de lo estéril,
el mundo en sí, vacío de respuestas,
para mi muerte.

¡Oh, si la oculta huella, si aquel tránsito
que iba de Dios a Dios, por donde andabas
dejado hubiera el cauce de tu huida,
para mi muerte!

¡Dame señal, soberbia de tus ángeles,
impasible, de Dios contaminada,
irreparable afán que así me niegas,
o dame un punto donde me desande
desde este amor sin ti, desde esta nada,
hasta el nacer desde otro fiel comienzo,
para mi muerte.

A figura da nai tamén aparece na Esmorga. É a nai que protexe, aperta, sosega. Tamén unha nai que o fai sufrir pola súa melancolía. Eduardo profesou un enorme amor pola súa nai que na vida real chamábase Aurora Amor Fernández.

Unha novela que é de obrigada lectura para coñecer máis a nosa Auria. Escrita cun decoro impecable, unha obra excepcional.

(Elaboración propia. Novela: Eduardo Blanco Amor, La Catedral y el niño, Libros de Asteroide, Barcelona, 2018. Fotografía da entrada extraída de Lois Diéguez, "O achegamento á súa novela en español", A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, Vigo, Abril de 1993, p. 80. Novela escrita en 1948 cando estaba en Bos Aires pero que en España saíu en 1976, tres anos antes da morte de Eduardo Blanco Amor.) 

14 septiembre 2023

AURORA AMOR FERNÁNDEZ

O día 14 de setembro de 1897 naceu en Ourense Eduardo Blanco Amor e hoxe dedícase a nosa entrada á súa nai, Aurora, pola que el profesou un enorme amor. 
Aurora Amor naceu en 1865 e era natural de Ourense.

Casou cun barbeiro de Ourense, sendo para el o segundo matrimonio, e tiveron cinco fillos, Castor, Julia, Camilo, Eduardo e Marina. A familia vivía no lugar chamado Fonte do Monte, número 6. Pero o home abandonou a toda familia e marchou con outra muller que era florista no mercado, Eduardo tiña entón sete aniños. A nai tería que levar a cabo un labor arduo para sacar adiante a todos os seus fillos e dedicouse ao oficio de costureira. Para Eduardo a súa nai era o seu refuxio e a quen máis quixo na súa vida. A través das súas novelas deixa ver esa figura da nai: unha nai que cobixa, protexe, ampara. Unha nai fonte de inspiración. 

Aurora faleceu o 14 de xuño de 1933, e por ser a nai do recoñecido escritor e o seu sepelio foi presidido polo alcalde da cidade, Antonio Álvarez Dopazo, e polo profesor da Normal, destacado escritor e intelectual galeguista, Vicente Risco. Os seus restos descansan no Cemiterio de San Francisco.

(Fonte: Fotografía da entrada extraída de A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, Vigo, Abril de 1993, p. 69.)

(Fonte: El Pueblo Gallego, 13 de xuño de 1933, p. 8. Biblioteca Galiciana.)

(Elaboración propia. Hemeroteca Galiciana e prólogo de Andrés Trapiello do libro La Catedral y el niño, e do artigo de María do Carmo Henríquez: "A presença das palavras nai e madre n´A Esmorga" A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, Vigo, Abril de 1993, p. 69.)

27 agosto 2023

AS MULLERES QUE SE BAÑABAN NO RÍO MIÑO. NOTICIA PINTORESCA.

(Foto antiga da praia do río Miño. Todocolección.)

A cidade de Ourense sempre se caracterizou por ser moi calorosa no verán sendo moi habitual acudir ás beiras do Miño para refrescarse. Xa desde antaño as mulleres ourensás ían ao río na época estival para buscar ese fresco pero iso, para algúns, supuña unha provocación.

Había en Ourense unha publicación que se dedicaba a dar noticias de interese xeral para a cidade e provincia de Ourense chamada “El avisador orensano”que se editaba en 1878 e nela escribían Elías Aldea e Arturo Vázquez. Este pequeno xornal (de tres páxinas como máximo) desapareceu ao fundirse co El Heraldo Gallego, tal como nos indicou Marcos Valcárcel no seu libro sobre a prensa en Ourense.

Pois ben, este xornal recolle na edición do 5 de agosto de 1878 unha noticia asinada por Elías Aldea na que se di que a visión das mulleres ourensás bañándose na beira do Miño, preto da Ponte Maior, traía funestas consecuencias para os viandantes que se distraían observando: “aquella pléyade de ondinas”. Por tal motivo, considerando que tal situación non podía prolongarse, facía unha denuncia ao Alcalde (que non o cita pero era José Segundo Puga) para que prohibise ditos baños. E manifestaba:

“Le ruego, le encarezco y la suplico, mande V. colocar algunas barracas en aquel paraje para que no sean vistas las seductoras escenas que allí se desenvuelven, ordene que dos municipales vendados se situen en el puente, con el santo fin de que a tientas desalojen a los espectadores de aquel local, o decrete que nos sean arrancados los ojos a todos los varones del distrito…"

Non deixa de ser pintoresco pero tamén non deixa de ser preocupante xa que o escribiente manifestaba que a visión das mulleres bañándose provocaba actitudes deshonestas nos homes. É parte da historia das nosas mulleres ourensás.

(Elaboración propia.)

18 junio 2023

SOFÍA VELOSO LOSADA

Ourense conta co maior experto na vida e obra de Carmen Martín Gaite que é David González Couso. Remito aos seus libros moi documentados para coñecer a traxectoria desta escritora de raíces ourensás. Hoxe, co permiso de David, a quen admiro, vou falar de Sofía Veloso. 

Sofía naceu en Ourense. Casou con Francisco Javier Gaite Lloves, tamén ourensán,  catedrático de Xeografía nos Institutos de Cáceres e de Salamanca e que faleceu o 17 de outubro de 1924 en Cidade Real. 

O matrimonio tivo tres fillos: Antonio, que era catedrático; Joaquín que era médico; e ambos os dous eran contemporáneos de Otero Pedrayo. A súa filla, María, casou co notario de Salamanca, José Martín López, de cuxo matrimonio naceu a novelista Carmen Martín Gaite.

A escritora presentou ao premio Nadal en 1958 a novela "Entre visillos" que levaba o seudónimo Sofía Veloso, o nome da súa avoa, e obtería o premio.

 Segundo dixo Carmen  co seudónimo Sofía Veloso: "quise resucitar el nombre de mi abuela".

(Fonte: La Noche, 14 de xaneiro de 1958, p. 3. Galiciana)

Sofía Veloso faleceu en Salamanca o 24 de xaneiro de 1927.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: El Adelanto, 23 de outubro de 1924 Octubre 23, p. 2; El Adelanto, 25 de xaneiro de 1927, p. 4; Pueblo, 7 de xaneiro de 1958, p. 8)

04 junio 2023

CARMEN GALÁN SALGADO

Carmen Galán era filla de Balbanera Salgado Silva. Carmen casou con Taboada Tundidor o 10 de maio de 1921 na igrexa dos PP. Franciscanos de Vistahermosa. Oficiou o casamento o profesor Marcelo Macías. Tundidor era viúvo polo que Carmen era a súa segunda muller. O matrimonio tivo dúas fillas, María e Amalia. Catorce anos despois, concretamente o 26 de abril de 1935, Carlos Taboada, avogado e deputado a cortes pola provincia, faleceu, quedando Carme viúva.

Carmen sacou adiante ás súas fillas, que aínda eran moi noviñas ao falecer o pai. Muller de convicións tradicionais tivo, de seguida, grande sona na cidade pois organizaba eventos e festivais de carácter benéfico, colectas, rouperios solidarios ou da caridade, colaboraba coa Cruz Vermella...En definitiva, todo o que viña sendo habitual nas mulleres "distinguidas" da cidade. Era unha das directivas da Asociación do Sagrado Corazón de Jesús.

(Fonte. Galicia, 27 de abril de 1935, p. 1, hemeroteca Galiciana)

Aínda sendo unha muller moi conservadora, non tivo reparo en enfrontarse ás autoridades para defender a súa familia. Hai unha historia bastante curiosa ao respecto que conta que Carmen Galán se encarou aos militares e que o Gobernador Civil de Ourense multouna co pago de cinco mil pesetas. Dise que tras este incidente, Carmen marchou unha tempada a Portugal manténdose cos cartos que levou dentro dunha polveira. O motivo de  todo este asunto  foi o seguinte. Carmen tiña unha irmá chamada María que estaba casada con Fernando Martínez Monje, un militar que, tras o golpe de estado de Franciso Franco, mantívose fiel á República polo que foi considerado un traidor. Cando o Gobernador Militar de Ourense ordenou facer inventario dos efectos personais e inmobles do Xeneral Fernando Martínez Monje, Carme opúxose rotundamente ferreamente por consideralo improcedente.  A noticia na prensa dicía expresamente:

El Excmo. Sr. Gobernador Militar de esta provincia acordó imponer una multa de cinco mil pesetas a la señora doña Carmen Galán, viuda de Taboada, que trató de impedir en forma incorrecta profiriendo a la vez frases irrespetuosas para la Autoridad Militar, se procediese al inventario del mobiliario y efectos del General Martínez Monje, operación que había sido encomendada a un representante del Excmo. Sr. General Jefe de la Octava División. (1)

Fernando Martínez Monje era home de recoñecido prestixio na cidade. En 1913 creou a Escola militar en Ourense na rúa Santo Domingo, 32. 

(Fonte: La Región, 26 de agosto de 1914, p. 3)

Chegou a ser compañeiro de Franco en África e con el participou na Guerra de Marrocos. Coa chegada da República Monje foi leal e cando estoupu a guerra civil posicionouse de parte do Goberno lexítimo participando na organización das brigadas republicanas. Rematada a guerra fuxe a Francia e logo a Arxentina e negouse a voltar a España mentres durase a ditadura. Faleceu en 1963, estando aínda en Bos Aires. A súa dona, María, vai ser a primeira muller de militar republicano que cobre unha pensión de viúva en España, unha consideración do propio Franco ao recoñecer a súa amizade de xuventude con Martínez Monje. María, a irmá de Carmen, faleceu en Ourense en 1968.

Pero retomemos a historia de Carmen Galán. Despois desa estancia en Portugal, regresa a Ourense e vai residir nun piso da rúa do Progreso, fronte ao cárcere. O seu piso estaba decorado con motivos orientais (hoxe ese edificio non existe pois foi derrubado nos anos setenta). Continuou desenvolvendo unha intensa actividade social en Ourense.

Vid: "Academia General de Orense", La Región, 21 de decembro de 1931, p. 3; La Región, 11 de maio de 1921, p. 2; MULLER DE MOITA GARRA (1) "Gobierno militar. Multa de cinco mil pesetas". La Región, 28 de novembro de 1936,p. 1. Entrada Fernando Martínez Monje en Wikipedia.

14 mayo 2023

CELEDONIA BRETAÑA MONTES

Celedonia Bretaña foi a segunda muller de Manuel Suárez Castro que quedara viúvo debido a que a súa primeira muller falecera por mor da gripe de 1918. Celedonia tiña unha filla do anterior matrimonio chamada Emilia Núñez Bretaña que faleceu en Guadalaxara en xullo de 1935 despois dunha longa enfermidade. Celedonia nos tempos da República solicitou a demanda de divorcio do seu primeiro home, sendo esta ditada pola Audiencia Provincial o 19 de outubro de 1932 (1). A partir de entón foi compañeira inseparable de Manuel e tiveron tres fillos, Dolores (Lolita), Raúl e Pablo.

Pero a vida de Celedonia non foi nada doada pois padeceu moito sufrimento ao ver ao seu home, Manuel, represaliado e fusilado pola ditadura. Manuel Suárez, que era aparellador, estaba afiliado á UXT e era militante activo do Partido Socialista. Ocupou o cargo de Tenente Alcade do Concello de Ourense e tamén foi Deputado Provincial. En 1936, Manuel ocupou a alcaldía,  pero, chegada a ditadura esta foi implacable con  Manuel sendo fusilado o 27 de xullo de 1937 no Campo de Aragón. 

Quedou a familia sumida nunha triste desgraza e Celedonia tivo que sacar adiante aos seus fillos co agravante de que a sociedade lle estaba dando as costas. As xentes non querían relacionarse coa familia pois os consideraban traidores do novo réxime franquista.  Ela traballou arreo mais tivo que contar coa axuda de familiares para criar aos seus fillos pois a situación económica era moi feble. Malia todas as penalidades, Celedonia e os seus fillos sempre se mantiveron fieis ás ideas republicanas. 

Celedonia faleceu en xuño de 1960 e os seus restos están no cemiterio de San Francisco de Ourense.

(Fonte: La Región, 5 de xuño de 1960. Galiciana)

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)  (1) Galicia, 19 de outubro de 1932, p. 4 .

14 abril 2023

CONCHITA GÓMEZ PEREIRA


Concepción Gómez Pereira naceu en Ourense en 1916. Era solista no gran coro Orfeón Unión Orensana que tantos éxitos colleitaba xa polos anos trinta. Precisamente actuando en Santiago en abril de 1930 a prensa  recolleu a magnífica interpretación que Concepción fixo da "Canción de Berce" do repertorio da Coral. 

Conchita Gómez tamén sería escollida como madriña da carroza da cabalgata celebrada na cidade o 14 de abril de 1932, o día da República. Para iso Conchita ía vestida cos atributos da República como símbolo ou personificación da mesma.

A Corporación Municipal acordou conmemorar o primeiro aniversario da Segunda República declarando festivo o día e levando a cabo unha serie de actos nos días 13 e 14. Desfiles militares, desfiles dos membros da corporación, repartíronse merendas para os nenos nas escolas e houbo bandas de música de Ourense e de Alongos tocando pola cidade e, finalmente, unha grande festa na Praza Maior.



(Fonte: La Zarpa, 20 de abril de 1932, p. 1. Galiciana)

A celebración gozou de grandes mostras de entusiasmo pois a levouse a cabo segundo a organización prevista, tal como contou a prensa o día anterior á celebración, que dicía así:

Mañana, día 14 con objeto de conmemorar el primer aniversario de la proclamación de la República se celebrarán en nuestra ciudad diversos actos. 

A las once y media de la mañana tendrá lugar una parada militar en la Alameda, revistando las fuerzas el comandante militar y desfilando seguidamente aquellas ante las autoridades.

A las tropas se les servirá un rancho extraordinario.

En el Teatro Principal se celebrará, a las tres y media de la tarde, una sesión de cine instructivo, a la que asistirán los niños de las escuelas públicas y privadas y del municipio.

Durante el festival se rifará entre los niños una moneda de oro, donada por el presidente de la Diputación y diputado a Cortes don Luís Fábrega.

Una vez terminado el acto concurrirán los niños con sus profesores a los jardines de Posío, en donde les serán entregadas meriendas y paquetes de caramelos. Los gastos que origine este festival serán sufragados a partes ituales por el Ayuntamiento y Diputación. La Diputación obsequiará también con comidas extraordinarias a los reclusos de la cárcel, a los niños y ancianos de los Asilos y a los enfermos del Hospital. El Ayuntamiento, la Diputación y otros edificios públicos lucirán iluminaciones.

Mañana conmemoración del aniversario de la República, es fiesta nacional, ondeará la bandera en los edificios públicos...El comercio...coniserará el día como festivo, cerrando los establecimientos a las dos de la tarde. 

Se encarece al vecindario engalane los balcones con colgaduras, como testimonio de adhesión y respeto a los poderes constituídos. (La Región, 13 de abril de 1932, p. 6.)

(Fonte: Galicia, 17 de abril de 1934, p. 1. Galiciana)

Nos sucesivos anos continuaron os actos de homenaxe á República e a Normal de Ourense organizou unha serie de actos o sábado 14 de abril de 1934. Pola máña reuníronse profesorado e alumnado nunha das aulas máis grandes para escoitar o programa que se emitía desde Madrid. Para iso o comercio "El Cronómetro" facilitoulles un aparato de radio. Mais, ao fin, non puideron escoitar nada e tiveron que pasar a hora escoitando "bellos discos" que "embelesaron a los concurrentes".

O profesorado asistente eran, o director, Vicente Risco; Concepción Ramón, profesora de psicoloxía; Araceli Ancochea, profesora de música; Sara Leirós, profesora de Filosofía e Psicoloxía; Isabel Socorro, profesora de Metodoloxía da Lengua e Literatura; Anta Álvarez Cotarelo, profesora de traballos manuais; Aurora Maceda, inspectora; Lía del Río; Emilio Amor Rolán, profesor de Pedagoxía; Manuel Maceda, inspector; Pío Ojea, profesor de Metodoloxía da Xeografía; Modesto Vázquez, o secretario do Centro.

Pola tarde, cun salón totalmente abarrotado, comezou a conferencia impartida por Vicente Risco sobre arte. Tras finalizar léronse varias poesías; cantáronse os himnos nacionais (republicano) e o Galego acompañados polo piano da profesora Araceli Ancochea. Os actos finalizaron ás oito da tarde.

Non cabe dúbida que a Normal sumábase a ese espírito renovador que inspiraba a República.

 (Elaboración propia a partir de diversas fontes. Foto da entrada: El Pueblo Gallego, 21 de abril de 1932, p. 12; "Conmemoración de la República", Galicia, 17 de abril de 1934, p. 1.