Etiquetas

17 junio 2022

FLORA EMMA GIL FERNÁNDEZ

Naceu en 1906 en Ourense e era filla de Juan Gil Fernández e Iluminada Fernández Valcárcel. Acadou o título de Mestra na Escola Normal de Mestras de Ourense en 1925 e, tal como indicaba a prensa da época: "Terminaron la carrera de Magisterio con aprovechamiento las señoritas Emma Gil..."(1) Despois obtivo praza tras o cursiños para opositores do 1928. No ano 1931 déronlle a praza da Mezquita no concello de A Merca. Logo pasou á escola de Vilameá. Ese mesmo ano casou con comerciante Constantino González y González.

En 1936 foi destituída e separada definitivamente do servizo e baixa no escalafón, unha dura sanción. No ano 1943 foi rehabilitada no corpo, tras solicitude de revisión de expediente, ese mesmo ano obtivo ascenso no corpo.

David Paz Nóvoa púxose en contacto comigo indicándome que Emma era a tía da súa nai. Ademais de ofrecerme a bonita fotografía que encabeza esta entrada completou a información sobre ela indicándome que, en efecto, fora sancionada e que, posteriormente, se trasladou a Canarias co seu home, tamén de Ourense, e nunca máis regresaron, excepto para visitar a familia. Recalca, como curiosidade, que casaron na igrexa da Trindade xusto o domingo de eleccións que levou á proclamación da Segunda República e marcharon de lúa de mel por España adiante.

Desde aquí quero expresar o meu agradecemento a David Paz Nóvoa pola súa contribución ao blog.
(Elaboración propia a partir de diversas fontes.)
(1)"Escuelas Normales", La Región, 5 de xullo de 1925, p. 1.
Fonte: "Boda", La Región, 16 de abril de 1931; El Pueblo Gallego, 7 de outubro de 1936, p. 4; La Región, 8 de maio de 1940; "Magisterio Nacional", El Correo Gallego, xuño de 1943, p. 4.