(Antes de nada quero agradecer encarecidamente a axuda do Arquivo da Universidade de Vigo pois facilitoume o expediente de Teresa Vaamonde. As imaxes que se presentan non poden descargarse deste blog.)
O 2 de xuño de 1913 realizou o exame de ingreso na Escola Normal de Pontevedra. Alí cursou dous anos, matriculouse por libre nos cursos 1912-13 e 1913-14. Aprobou os dous cursos e deste xeito obtivo o título de Mestra Elemental tras realizar a reválida na que obtivo a cualificación de Sobresaliente.
(Fonte: Extracto do Expediente Académico de Teresa Vaamonde Valencia. Arquivo da Universidade de Vigo.)
A continuación, matriculouse na Normal de Ourense. Aquí realizou dous anos máis inscribíndose nos cursos 1914-1915 e 1915-16. Tamén realizou estes estudos por libre e obtivo unhas brillantes cualificacións. A continuación revalidou os estudos e obtivo en 1918 o Título Superior de Maxisterio:
(Fonte: (Fonte: Extracto do Expediente Académico da Normal de Pontevedra. ES.28079.AHN//UNIVERSIDADES,3314,Exp.4. Extraído de PARES.)
Así se expresa na Acta de Reválida asinada por todos os membros do tribunal: Leonor López Pardo, a directora e presidenta; Sara Fernández, secretaria; e como vogais, Josefa Rosón, María Luz Pérez González e Pilar Martínez Álamo.
(Fonte: Extracto do Expediente Académico de Teresa Vaamonde Valencia. Arquivo da Universidade de Vigo.)
En relación á reválida debe destacarse a calidade dos exercicios realizados. O exercicio gramatical consistiu na análise da oración: Finalmente Sancho se quedó dormido al pie de un alcornoque, y don Quijote dormitando al de una robusta encina; pero poco espacio de tiempo había pasado cuando le despertó un ruido que sitió a sus espaldas. Teresa indica que a primeira parte da oración é reflexiva pois a acción reca sobre o mesmo que a executa, sendo o suxeito Sancho. En canto a outra oración di que hai unha elipse para evitar a redundancia. Elabora un argumentario amplo e detallado e despois vai analizando gramaticalmente cada palabra da oración.
No exercicio de francés fai unha tradución dun pequeno texto sen cometer ningún erro. O exercicio de matemáticas consistiu na resolución dunha sistema de ecuación con dúas incógnitas explicando e xustificando os pasos que vai realizando. No exame de xeografía debuxa con exactitude o mapa de España e sitúa a parte Ibérica, Carpetana e Oretana, un exercicio que lle vale un sobresaliente. En Historia desenvolve o tema 24 que é América: Independencia de las colonias españolas. Caracteres de la civilización contemporánea. Problemas sociales, para o cal empregou tres folios nos que expón que esta parte do mundo foi descuberta por Colón e narra como foi o seu proxecto. A continuación explica os diferentes territorios foron independizándose en tempos da rexencia de María Cristina. Logo aludiu á civilización contemporánea que é diferente ás anteriores pois desenvolvéronse as ciencias, a astronomía, a xeografía, as matemáticas, incluso o cinematógrafo, a telegrafía...e pon exemplos de eminentes figuras como Volta, Newton, Lavoiser, Livigstone, Stanley...Pero remata dicindo que, malia estes avances, a sociedade está corrompida e que hai moitos problemas sociais.
Non cabe dúbida que se trataba dun exercicio verdadeiramente amplo e esixente no que Teresa demostrou que foi moi preparada.
Outro dos exercicios que chama a atención é a Mermoria de prácticas pois deu mostras da súa preocupación polo estado escolar e a ensinanza. Desenvolveu o tema das Normais e redactou como era a escola onde realizou as prácticas dicindo que estaba situada nun edificio que ofrecía pouco atractivo, húmido e estaba moi mal orientado e indicou e que estaba lonxe dos edificios e pavillóns que "aconseja la Pedagogía moderna". Tamén falou dos poucos recursos que tiñan as familias e paracela isto repercutía no desenvolvemento da infancia e dicía: "¿Qué duda cabe que esta vida, fisiológica y psicológicamente miserable no es terreno apropiado para que en él florezcan y se vigoricen los sentimientos de dignidad personal, justicia, amistad, compañerismo...¿Qué caracteres se pueden formar con una pobreza física?...
Fixo unha defensa das cantinas escolares indicando que eran necesarias e que xa se estaban a desenvolver en diferentes provincias españolas. Manifestaba queceran un beneficio para os pequenos que non tiñan recursos. Entre as súas conclusións afirmou que era preciso unha reforma da ensinanza primaria.
(Fonte: Memoria de Prácticas. Extracto do Expediente Académico de Teresa Vaamonde Valencia. Arquivo da Universidade de Vigo.)
Despois de rematar os estudos en Ourense e xa co título superior de maxisterio, Teresa, foi vivir a Madrid para continuar formándose. Residiu na rúa Núñez de Balboa, número 7. A súa intención era matricularse no Instituto Cardenal Cisneros para obter o título de Bacharelato. O 18 de abril de 1918 emitiu un escrito ao Subdirector de Instrución Pública na que alega que fixo estudos na Escola Normal de Pontevedra e na de Ourense, polo tanto ten o título de Maxisterio, polo que solicita a validación dalgunhas das materias de bacharelato:
(Fonte: Extracto do Expediente Académico da Normal de Pontevedra. ES.28079.AHN//UNIVERSIDADES,3314,Exp.4. Extraído de PARES)
Deste xeito, Teresa, estivo matriculada no Instituto Cardenal Cisneros de Madrid ata 1921, ano no que remata os estudos e consegue o título de Bacharelato:(Fonte: Expediente Académico do Instituto Cardenal Cisneros. ES.28079.AHN//UNIVERSIDADES,3314,Exp.4. Extraído de PARES)
Co estoupido da guerra a vida de Teresa daría un xiro importante. En 1939 ábreselle un expediente de depuración acusándoa de pertencer á CNT e por de haber increpado a un dos seus compañeiros por ter no seu despacho unha imaxe relixiosa.
Comeza, deste xeito, a ser investigada exhaustivamente mentres Teresa continuaba a traballar baixo a sombra da incertidume. O xuíz, finalmente, considerou que Teresa fora contraria ao Movemento Nacional e aplicou unha sanción que consistiu en que durante dous anos non podería optar a postos vacantes.
(Elaboración propia a partir de diferentes fontes. Foto da Cabeceira: PARES: https://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/autoridad/142462; Ministerio de Trabajo y Previsión (1929, 13 de novembro). El pueblo gallego, p. 10; Indice de las disposiciones públicas (1935, 12 decembro). El pueblo gallego, p. 8; Redondo Abal, Francisco Xavier: Teresa Vaamonde Valencia. Publicado o 1/1/2016 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22275. Recuperado o 16/01/2025.