Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta N. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta N. Mostrar todas las entradas

26 marzo 2026

MARISOL NÓVOA RODRÍGUEZ

Coñecín a Marisol hai anos, cando me convidaron á CEO para falar sobre o talento das mulleres ourensás e render homenaxe ás nosas emprendedoras. Desde o primeiro instante, o seu recibimento non foi o dunha presidenta protocolaria, senón o dunha muller entrañable e chea de agarimo. Ela era a anfitriona perfecta dunha institución que, ata a súa chegada, nunca vira a unha muller no máis alto. Marisol rompeu ese teito de cristal con naturalidade, sendo a primeira en ostentar ese cargo.

Ao rematar aquel acto, propúxenlle que formara parte desta bitácora. Convideina a compartir a súa historia, pero sempre que llo lembraba, poñía o tempo como escusa. No fondo, sei que era a súa modestia a que falaba: Marisol era dunha humildade profunda, unha persoa próxima e sinxela que fuxía de distincións e focos.

Desde logo deixounos un legado de diálogo e compromiso. Desempeñou o cargo con orgullo sereno e unha responsabilidade exemplar. Soubo navegar en momentos complexos e ser sempre esa man tendida necesaria para chega a acordos. Nun mundo empresarial onde aínda predominan os homes, ela gañou o respecto de todos coa mellor das ferramentas, seu sorriso.

A súa perda deixoume unha fonda tristura, pero o seu legado permanece vivo. Avogada de profesión e carballiñesa de berce, Marisol tiña unha visión privilexiada do mundo empresarial. Amaba Ourense, pero seu corazón e os seus esforzos tamén os dirixía ao noso rural, convencida de que o campo e o empresariado agrario necesitaban todo o apoio posible. E, por suposto, as mulleres, para ela, eramos o motor imprescindible e imparable de calquera nova empresa.

Diplomática, correcta e sempre no seu sitio, Marisol será recordada como a muller de diálogo. O premio Clara Campoamor que recibiu a título póstumo o 25 de marzo de 2026 é só o reflexo de que a súa pegada é indelebre.

Vaia este prequeno espazo por ela, pola nosa estimable Marisol, a muller que soubo liderar sen perder núa a súa esencia. Unha muller inesquecible.

(Foto: La Región)

01 marzo 2026

NIEVES NOGUEIRA SANTANA

(Imaxe simulada feita con IA das irmás Nogueira na súa Clínica).
Nieves Nogueira Santana naceu o 12 de marzo de 1919 no concello de Sandiás, Ourense, no seo dunha familia comprometida coa educación e o progreso profesional. Filla de Delfín Nogueira Pérez e Isabel Santana González, compartiu coa súa irmá Obdulia Nogueira unha vocación pola medicina, que ambas desenvolveron con determinación nun contexto histórico marcado por profundas transformacións sociais e políticas.

Tras completar os estudos primarios, Nieves matriculouse no Instituto Ourensán para cursar o bacharelato. Solicitou o título correspondente o 8 de setembro de 1939, sendo expedido polo Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela o 30 de setembro do mesmo ano.

No curso académico 1939-1940, Nieves iniciou os seus estudos na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, onde permaneceu ata o curso 1942-1943, obtendo cualificacións destacadas. O 25 de novembro de 1945, seguindo os pasos da súa irmá Obdulia, solicitou o traslado á Universidade de Madrid para especializarse en Odontoloxía, disciplina na que se convertería nunha das primeiras mulleres tituladas da provincia de Ourense.

Xa como odontóloga titulada, Nieves regresou a Ourense, onde, xunto coa súa irmá Obdulia, fundou unha clínica dental fronte á estación, na Ponte. Este establecemento converteuse nun referente na cidade, destacando pola súa calidade asistencial e pola incorporación de técnicas innovadoras para a época. A súa traxectoria profesional non só contribuíu á mellora da saúde bucodental da poboación ourensá, senón que tamén abriu camiño para a incorporación doutras mulleres ao ámbito da odontoloxía.

A pesar das limitacións documentais existentes, a figura de Nieves Nogueira Santana representa un exemplo de superación e compromiso coa saúde pública, sendo merecedora de recoñecemento no ámbito da historia da medicina galega.

(Elaboración propia. Vid: A.H.U.S., Expediente de Nogueiras Santana, Nieves, alumna de Medicina (1939 / 1943); Leg. 932, Exp. 20).

08 febrero 2026

OBDULIA NOGUEIRA SANTANA

Obdulia Nogueira Santana naceu o 25 de novembro de 1917 en Fontela, Piñeira de Arcos, Sandiás. Era filla de Delfín Nogueiras Pérez que era comerciante industrial e de Isabel Santana González. O matrimonio, xunto con Obdulia, tiña tres fillas máis que eran Agustina, Nieves e Julita.

Foi unha médica especializada en odontoloxía que desenvolveu a súa carreira profesional principalmente nas provincias de Ourense e Lugo, en Galicia, contribuíndo ao desenvolvemento da práctica odontolóxica na posguerra e nas décadas seguintes do século XX.

Tras os estudos de primaria cursou o bacharelato no Instituto de Ourense, e o 8 de setembro de 1939 certifica o pagamento dos dereitos para a expedición do Título de Bacharel.

Após realiza o exame de ingreso á Facultade de Medicina da Universidade de Santiago e, por conseguinte, solicitou o pase do seu expediente á Facultade de Medicina, confirmando, deste xeito, que o seu acceso foi completamente regulamentado e oficial.

Obdulia vai estudar os tres primeiros cursos de Medicina entre 1939 e 1942 de forma oficial con resultados moi bos en Complementos de Física, Bioloxía e Química; Anatomía (1º e 2º curso); Técnica anatómica; Histoloxía; Fisioloxía xeral e especial; Anatomía patolóxica; Microbioloxía médica; Farmacoloxía experimental.[1]

As cualificacións que aparecen son maioritariamente notables o que indica un rendemento académico sólido, especialmente destacable nun contexto no que as mulleres eran aínda minoría na universidade.

Tras completar estes estudos solicitou o trasladado a la Universidade de Madrid el 28 de outubro de 1942. Isto encaixa perfectamente coa traxectoria de moitas persoas que iniciaban Medicina e logo se especializaban noutros centros que dependían academicamente da Facultade de Medicina. Estudou na Escola de Estomatoloxía da Facultade de Medicina, a única institución en España que ofertaba formación en odontoloxía naquela época. Alí atopouse con outras seis mulleres sendo maiormente homes os que conformaban o alumnado. Nela Obdulia acadou o título de odontóloga en 1945.

Xa titulada, Obdulia Nogueira Santana regresou a Galicia, onde comezou a exercer a odontoloxía en Ourense xunto coa súa irmá Nieves, coa quen abriu unha clínica no barrio da Ponte. Ademais de atender consultas na clínica, tamén desprazábanse a localidades próximas, como A Trives, os días de feira para prestar servizos sanitarios odontolóxicos.

(Fonte: «Anuncio», La Región, 8 de xuño de 1950, p. 4)

Casou o 23 de outubro de 1952 con César Díaz López[2], médico e odontólogo tamén, e o matrimonio trasladouse a Lugo, onde exerceu a profesión conxuntamente nunha clínica situada na rúa do Progreso.

Logo de décadas de práctica privada, Obdulia traballou como odontóloga para a Seguridade Social entre 1984 e 1987, ano en que se xubilou.

Ademais do seu labor sanitario, Obdulia estivo involucrada en diversas actividades comunitarias e empresariais. Ademais, mantivo interese pola actualización profesional asistindo con frecuencia a congresos relacionados coa súa especialidade.

A traxectoria de Obdulia Nogueira Santana representa un exemplo destacable de perseveranza e superación nun contexto histórico no que a presenza das mulleres nos ámbitos universitarios e profesionais —especialmente nas ciencias médicas— era aínda minoritaria.

Obdulia faleceu o 12 de febreiro de 2012 en Lugo.

[1] A.H.U.S., Expediente persoal de Nogueira Santana, Obdulia, Cartapacio 932, Exp. 21 (001).
[2] «Enlace Díaz López Nogueira Santana», El Progreso, 24 de outubro de 1952, p. 2. 

Elaboración propia a partir de, Vid: A.H.U.S, Expediente persoal de Nogueira Santana, Obdulia, Cartapacio 932, Exp. 21; Pioneiras – Pioneiras de Ciencias de Lugo. (2024). Pioneirasdecienciasdelugo.gal website: https://pioneirasdecienciasdelugo.gal/pioneiras/ (Consultado o 1 de febreiro de 2026). (Fotografía foi extraída de Pioneiras de ciencias de Lugo e modificada a debuxo a lapis.)

25 diciembre 2023

O QUE O NADAL ME CONTA

 O QUE O NADAL ME CONTA

Rosa María Cid Galante


E xa chegou o Nadal. A min estes días dinme infancia, dinme irmáns e, sobre todo, dinme pai e nai. Pais sinxelos e traballadores arreo que nos deron todo. Dinme nai, miña “mai” abondosa, que nos ofrecía, tras unha xornada de traballo fóra da casa, os seus mellores manxares, mostra do seu enorme agarimo polo seus fillos. Dinme cea arredor dunha mesa camilla, dinme uvas e figos pasos … Dinme tardes coa película “Mujercitas” ou “Que bello es vivir”, dinme comics de Ibáñez e contos como “O Príncipe feliz” de Oscar Wilde e árbores de nadal dunha sinxeleza tenra.

O Nadal fálame de tantas cousas … Das vacacións no colexio, das cualificacións trimestrais que facían felices aos meus pais e das tardes agardando na casa a que regresaran do traballo para darlles unha aperta forte.

O Nadal, si, tamén me fala de agasallos de reis, pero os xustos para compartir entre todos os irmáns. Aquel futbolín que tanto deu de si e que, por veces, os meus queridos irmáns reconvertían para xogar ao villar; aqueles crebacabezas, un deles coa imaxe dun delfín, que se facían unha e outra vez, unha e outra vez; aquel balón de fútbol para xogar na explanada da estación ou aquela pequena boneca con saia escocesa á que me apertaba … ah! e unha bicicleta!! coa que meu irmán me ensinou a andar... E como non, tampouco faltaban as mudas, os calcetíns e as camisetas para todos, sempre tan precisos.

Era, si, un Nadal sinxelo pero eu non o cambiaba por ningún outro pois sentíame protexida e feliz querendo aos meus no meu silencio.

O Nadal tamén me fala do paso do tempo inexorable. Dos que estamos e dos que xa non están pero que sempre se levan moi dentro, agarrados ao corazón.

O Nadal é ese tempo contraditorio entre a morriña de rematar un ano e a incerteza do ano que se aveciña. Son días nos que practicamente toda a xente comenta que o tempo pasa cada vez máis rápido provocando certa vertixe. E é que, ao fin, gústanos vivir a rutina sen sobresaltos e cando vemos que o ano foi pasando pensamos no Nadal como esa data que nos conduce a un tempo aínda incerto, a ese ano que non sabemos o que nos deparará e chegamos a sentir que estamos de novo na casiña de saída.

Si, o Nadal é tempo de contradicións entre o antes que xa é pasado e o futuro que vai ser presente. E sentimos euforia pero tamén morriña; sentimos infancia pero tamén adultez ou vellez; sentimos compañía pero tamén soidade; sentimos a familia pero tamén botamos en falla aos que xa non están e que tanta falta nos fan. O Nadal, é así … alegre pero moi nostálxico.

O Nadal ten de bo que nos impregna de humanidade e anhelamos o mellor para todos e todas, desexamos que haxa boa saúde e felicidade para ese novo ano que esperta. Enviamos apertas e parabéns agarimosos a todos aos nosos seres máis achegados e amizades para facerlles ver que forman parte de nós, da nosa vida e que os precisamos.

Tamén pensamos na pobreza do mundo e dános reparo tanta desigualdade e inxustiza o que nos empurra a ser comedidos no noso privilexio. Pensamos no desexo de paz para o mundo enteiro, un reto que segue a perpetuarse ano a tras ano, pois esa paz … esa paz faise de rogar.

Talvez o Nadal sexa ese tempo no que queremos pechar un pouco os ollos e ser como os nenos pequenos que cren na fantasía. Un tempo de crernos felices, de sentir os reencontros; sentir esas cores, esas luces escintilantes, eses olores, eses sons e calores do fogar. Uns días que aínda que parezan fin e comezo dun tempo próspero nós somos conscientes de que as cousas non se paralizan e todo vai proseguir paseniñamente, e pedimos con toda a nosa alma, que, por favor, non se nos vaia ninguén, que sigamos todos xuntos pois sabemos que é o principal agasallo xa que nos achega esa calor humana que tanto precisamos.

Así pois deséxolles, de corazón, un comedido e Feliz Nadal, e que ningún de nós nos esquezamos das persoas que padecen, dos que viven a soidade, dos e das dependentes que sofren, dos nosos maiores que son a nosa raíz, das mulleres vítimas de maltrato, dos que viven con dificultades. Non nos esquezamos de que as guerras non son solución de nada e que temos as palabras e o corazón para entendernos.

Deséxolles un feliz e próspero ano novo e que nos traia un mundo máis xusto.

Unha forte aperta a toda a ourensanía.

01 mayo 2023

ISABEL NOGUEROL FIDALGO


Probablemente naceu en Bos Aires como súa irmá Aurora Rosa Noguerol Fidalgo, irmá de Isabel, que naceu o 29 de xaneiro de 1898 en Bos Aires e que se matriculou no Instituto de Ourense en 1914. Rosa exerceu de mestra na escola de Vilar de Ordelles e Rairiz de Veiga e era a muller de José Mascareñas Diz. Rosa e Isabel eran irmás e  fillas de Florinda Fidalgo Álvarez. Isabel non se matriculou no instituto senón que realizou os estudos no Colexio Modelo, dirixido por Ángel Ferrín.

En 1911, xunto con outras compañeiras e acompañadas polo director, foi a León para examinarse da reválida na Normal Superior e obtivo unha notable cualificación. Presentouse ás oposicións en 1919. Estivo destinada na escola de Sorga, en Celanova, pero despois pasou á de Castro Caldelas. En 1927 casaría con Manuel Penín Nóvoa que tamén era mestre nesta vila e que tamén acabaría exercendo no grupo escolar Curros Enríquez do que era directora Isabel Noguerol. O matrimonio tivo un fillo chamado Manuel Penín Nogueira que era procurador. 

Sendo mestra en Castro Caldelas presentouse varias veces ao concurso aberto polo Maxisterio Español obtendo premio en tres ocasións. O concurso consistía en presentar traballos sobre materias escolares e Isabel presentou corenta leccións sobre Linguaxe cuxo mérito didáctico foi tan recoñecido que acabou sendo publicado en "La Escuela en Acción". Así mesmo na exposición de traballos de escolares en Castro Caldelas manifestou que pais e mestres debían colaborar conxuntamente na educación dos nenos.

En 1933 realizou as oposicións para dirección de escolas graduadas e unha vez aprobadas foi destinada á provincia de Badaxoz. Presentouse en 1934 ás oposicións a Inspectora de Primeira Ensinanza e tamén se matriculou na Facultade de Filosofía e Letras en Madrid. 

Segundo Vázquez Ramil, Isabel Noguerol estivo na Residencia de Señoritas de Madrid desde 1933 a 1936. En 1937 regresou a Ourense e ocupou a dirección do grupo escolar Curros Enríquez. Despois estivo uns anos na graduada de Mérida pero en 1943 volveu á cidade ourensá. 

(Fonte. Galiciana."El grupo escolar Curros Enríquez necesita ampliarase urgentemente", La Región, 15 de xaneiro de 1965,p. 5)

David Paz Nóvoa púxose en contacto comigo e, como digo sempre, as contribucións da ourensanía son dun valor imponderable para este blog. Comentoume que Isabel Noguerol foi directora do Colexio Curros Enríquez  ata 1966. Tamén me achega unha noticia de prensa sobre a homenaxe que as autoridades, pais e nais e alumando lle renderon a Isabel cando se retirou. Ela manifestou nesa ocasión que a educación fora todo na súa vida e que xa a botaba en falta nada máis xubilarse.

(Nota de prensa facilitada por David Paz Nóvoa. Fonte: La Región, 19 de xuño de 1966)

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)Vid: El Miño, 6 de outubro de 1911,p. 2; La Correspondencia Gallega,  9 outubro 1911; El Correo de Galicia , 7 de abril de 1919;  El magisterio español, 22 de decembro de 1924; El magisterio español; 12 de xaneiro de 1927Eco de Galicia, 15 de novembro de 1927; "Trabajos escolares", El Correo Gallego, 17 de xullo de 1930, p. 9;  Magisterio orensano, 8 de decembro de 1932 , p.1;  La Libertad, 12 de xaneiro de 1934; El Debate, 13 de maio de 1934; El Progreso, 14 de outubro de 1937; ; El pueblo gallego, 13 de setembro de 1934; Vázquez Ramil, R., Mujeres, educación en la España contemporánea. La ILE y la Residencia de Señoritas de Madrid, Akal, Universitaria, Madrid, 2012; La Región, 10 de outubro de 1962, p. 7.

29 enero 2023

SOR BERNARDA DE NOVOA E SOR MARIANA DE MONTOTO

Seguimos cos procesos inquisitoriais ás mulleres ourensás. Neste caso foron vítimas dúas monxas do Convento de Santa Clara de Allariz, Sor Beranarda e Sor Marina, e o feito aconteceu en 1637. 
Cóntase que convivía no convento unha moza eduanda que era sobriña dunha monxa. Pero que, realmente, non tiña vocación para entrar na Orde relixiosa. A tal moza pensaba que ía vir buscala un mozo para casar con ela. Ningunha sabía de quen podía tratarse, entón, para sabelo, dixéronlle a Sor Bernarda que fixera a Oración de San Pedro. Dita oración consistía en poñer un barreño de auga no que unha monxa tiña que meter o pé espido dentro cunha cadea e tiña que dicir "Revela óculos meus". Mentres tanto outra monxa debía andar arredor dicindo "Abíncula Sancti Petri" e outra debía ter na man unha vela prendida. Pois Sor Bernarda foi a que meteu o pé no barreño e Sor Mariana andou darredor. Estiveron así toda unha noite ata que distinguiron unha cara branca na auga e bruído de tambores. 

Pasados uns meses veu de A Coruña un alférez e sacou á sobriña da monxa e casou con ela.
Berarda e Mariana comezaron a ansiar a vida de casadas máis que de relixiosas e solicitaron axuda das meigas. As dúas monxas foron apresadas e conducidas a Santiago. Non chegaron a entrar no cárcere senón que as retiveron no Convento de Santa Clara de Santiago. Pero para non deixar quedar mal ao Convento de Santa Clara de Allariz, fundado pola raíña, fixeron como que as castigaban pero logo remitíronas, de novo, a Allariz e como penitencia tiveron que gardar xaxún durante seis venres e ese mesmo día se lles dese unha disciplina.

Vid: Bernardo Barreiro, Inquisición de Galicia y el famoso libro de San Cipriano, Madrid, Arealona, 1973, pp. 201-206.

22 junio 2022

ANTONIA NOVOA

Exercía en 1919 en Ourense a profesión de comadrona,  título que acadou na Facultade de Santiago. Tiña a consulta na rúa do Instituto número 30 pero logo trasladouse á rúa da Paz, número 16,  terceiro piso. 

Atendía partos, facía recoñecemento e seguimento do embarazo e tamén ofrecía pensión á parturentas garantizando hixiene. A consulta estaba aberta a todas horas e aseguraba discreción para aquelas mulleres que o precisasen.

 Rúa da Paz
(Elaboración propia)
Vid: La Región, 21 de xaneiro de 1917.

24 mayo 2019

ARANCHA NOGUEIRA (ARANCHA RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ)

Arancha Rodríguez Fernández, coñecida como Arancha Nogueira, naceu en Ourense en 1989.  É escritora galega. O do cambio ao apelido Nogueira é por unha homenaxe á súa avoa que para ela era unha muller moi especial e porque a familia do seu pai educouna no galego.

Licenciouse en Periodismo e fixo o Mestrado en Literatura Comparada e Crítica Cultural. Viviu en Madrid, Porto, Sevilla, Belfast, Santiago de Compostela...Actualmente compaxina a súa voación de escritora coa docencia. Dá clases na Facultade de Filoloxía e tamén en Formación do Profesorado.
Para ela a poesía é como ter voz. É un espazo de loita e resistencia.

Publicou en antoloxía como o Diario de Escalofríos; Caderno de Legados ou A Homenaxe a Manuel María. E en revistas como Incendios; o Fanzine As Lurpias (Día da Matria 2014), ou Boletín Galego de Literatura e en 2018 Ligeia.
En poesía destacamos os seguintes títulos:

Andar Descalza
A capacidade de descomposición da luz
O único lugar onde ficar inmóbil
Spleen en catro tempos.

Recibidu numerosos premios:

-Premio Poesía Francisco Añón en 2013 por Andar descalza.
-III Premio de Poesía Rosalía de Castro de Cornellá en 2013
-Premio de poesía da Universidade de Vigo en 2016 por (A) fogar.
-Premio de poesía do Concello de Ames en 2017 por Para ser de ti.
-Premio literario Mazarelos en 2017 por O Aniversario
-II Premio de poesía Xuventude Crea en 2017 por Romaría.
-Accésit do premio Francisco Añón en 2018 por spleen en catro tempos
-Finalista do premio Florencio Delgado Gurriarán en 2018 por Taxidermia.
-Premio literario Mazarelos en 2018 por mapa mudo

Vid: Wikipedia

19 abril 2019

CARMEN NAVARRO FERNÁNDEZ-BALBUENA

Carmen Navarro naceu en Madrid pero é de ascendencia galega, concretamente, preto do río Avia, Ourense.

É unha honra traer ao noso blog a esta médica meritoria e grande investigadora. É biomédica e estudou mediciina e ciruxía na Universidade de Madrid e doutorouse en medicina e ciruxía na Universidade de Barcelona. Formouse en Neuroloxía na LSU School of Medicine, New Orleans, USA, e en neuropatoloxía na Born-Bunge Foundation, Amberes, Bélxica e na Wickford, U.K. Ademais obtivo bolsas de ampliación de estudos no Bunge Institute de Ameres e na Columbia University de Nova York.

A súa traxectoria comezou como adxunta de Neuropatoloxía no Hospital Vall de Hebrón de Barcelona, onde foi xefa de sección. No ano 1991, chega a Galicia como xefa do servizo de Anatomía Patolóxica e Neuropatoloxía do CHU de Vigo.
Directora científíca do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, tamén membro do Grupo de Traballo de Vixiancia Epidemiolóxica de EETH e do Comité de Enfermidades Raras. Tamén é profesora asociada na Universidade de Santiago de Compostela.

A súa investigación céntrase en enfermidades neuromusculares e lisosomiais de depósito.

Recibiu o Premio Josefa Wonwnburger por parte da Xunta de Galicia en 2010.

Foi unha das integrantes do equipo que diagnosticou o primeiro caso da enfermidade do SIDA en España.

14 febrero 2019

CARMIÑA NOVELLE

Da Crónica de Madrid do ano 1934 rescatouse esta noticia que resulta entrañable e curiosa. Trátase de Carmiña Novelle, nacida en Ourense,  que traballaba  no Ministerio de Traballo  en Madrid e  levou o título de Miss Ministerios. A historia é a seguinte. Existía por aquel entón infinidade de funcionarios de Ministerios que estaban enfermos e que por falta de recursos non podían coidarse. Para reunir fondos e construír un sanatorio antituberculoso organizouse un festival benéfico no que se incluía o nomeamento dunha Miss Ministerios. Nun primeiro momento, Carmiña, aceptou ser candidata a pesares de que lle di o periodista que opinión terían os seus pais. Ela dille que é moderna e que non se está no ano 1900 para ter que pedir permiso aos pais. Pero...ao día seguinte pide que lle retiren a candidatura pois ao seu noivo pareceulle moi mal. Non obstante, logo volve a aceptar porque ve que o festival se fai por unha boa causa.

Vid: Crónica, 5 de agosto de 1934,  10.




09 noviembre 2017

PEPA NOIA

Josefina García Pérez naceu no Barrio Norte de Bos Aires o 6 de xullo de 1921, mais sería coñecida como Pepa Noia ou Pepa de Noia logo de casada. Seus pais, Aurora Pérez e Agustín García, eran emigrantes que chegaran Leiro na comarca do Ribeiro, para construír en Bos Aires unha familia, na que nacerían dúas fillas e catro fillos.

Co tempo, en 1941, casaría con Juan Carlos Noia. Na familia do home era coñecida como “la gallega” aínda que Pepa nunca veu a Ourense confesaba, iso si, o moito que lle gustaría viaxar a Galiza e coñecer Ourense, da que tanto se falaba na casa.

En 1942 nace a súa primeira filla, á que lle pon de nome Alicia; logo viría Daniel e, xa en 1946, María Lourdes aumentaría unha familia que continuaría medrando co nacemento de Margarita, a pequena da casa, que despois estaría á beira da nai na busca da súa irmá desaparecida.

A súa vida muda drasticamente o 13 de outubro de 1976 cando a súa filla María Lourdes é secuestrada canda o seu compañeiro. O compromiso social e político converteuna nunha das vítimas do proceso de exterminio da ditadura de Videla, que fixo das desaparicións un modo de operar que buscaba tamén paralizar unha sociedade convulsionada.

As forzas represivas entraron o 13 de outubro na casa de M.ª Lourdes e Enrique, que apareceu completamente desvalixada. Ao neno deixárono cunha veciña da parella. Tempo despois, Enrique foi liberado mais de Lourdes non chegou outra noticia que a súa retención na ESMA (Escuela de Mecánica de la Armada), que naquela altura funcionaba como un centro clandestino de detención, tortura e exterminio. Máis nada. M.ª Lourdes era unha das 30 000 persoas desaparecidas no xenocidio arxentino e Pepa converteríase nun dos símbolos da loita das nais por coñecer o paradoiro dos seus fillos e fillas e tamén das crianzas, moitas delas roubadas.

Desde o primeiro día de ausencia de Lourdes, Pepa Noia comezou unha busca que non remataría nunca. Na súa peregrinaxe, as nais íanse atopando, compartían as súas dores. Conversaron e decidiron que todos os xoves do ano farían a marcha. A idea era concentrarse na Praza de Maio mais foi a propia policía a que as obrigou a circular debido á prohibición de que se reunisen grupos en espazos públicos. As nais “circularon” baixo a orde da policía e, despois doutros percorridos, a marcha ficou establecida arredor da Pirámide de Maio. Pola súa banda, Pepa, desde aquela primeira rolda, afíxose a chegar sempre antes de tempo para falar coas persoas que se ían achegando.

Posteriormente, nunha xornada en que se dirixían a Luján en 1978, as nais incorporan o pano branco na cabeza ás súas mobilizacións para se identificaren e recoñeceren entre elas. A pesar de case catro décadas de loita, Pepa Noia non puido nunca saber o destino final de María Lourdes.

Pepa Noia recibiu nos seus últimos anos moitos recoñecementos, entre eles o de Cidadá Ilustre da Cidade de Bos Aires e arredor dela o investigador Enrique Arrosagaray escribiu o libro Josefina Pepa de Noia. Una Madre de primera hora, publicado en 2011. O día da súa morte, o 31 de agosto de 2015, festexábase na Arxentina a noticia da aparición da neta recuperada número 117. Até a fin dos seus días formou parte do movemento, mesmo despois da excisión, aliñada coas Nais de Praza de Maio Liña Fundadora.

Testemuña de Margarita Noia en Album de mulleres Cultura galega

02 julio 2016

GLORIA NOVOA

Gloria Novoa naceu en Ourense e dedícase de forma profesional á música como cantante soprano. Colaborou co Madrid Sinfonietta Orchestra no XIII Festival de Artes Sacras. Colaborou nos coros do "Mesías de Haendel" dirixido por Andrea Marcon. Forma parte do proxecto Singing Britain que quere dar a coñecer o repertorio da canción inglesa dos séculos XIX e XX.

21 febrero 2014

OLGA NEGREIRA GONZÁLEZ

Olga Negreira naceu na Habana o 23 de agosto de 1920, filla de pai coruñés e nai ourensá, viviu en Ourense, Galicia, xunto á súa familia, desde o dez e até o dezasete anos de idade, data en que regresaron a Cuba con motivo da Guerra Civil. Desde moito antes da súa partida para España xa era socia do M.I Centro Galego da Habana, de Unión Ourensá e outras asociacións galegas e españolas, entidades coas que sempre colaborou de forma entusiasta.

Comezou a súa vida laboral en 1940 como traballadora dun laboratorio de produtos farmacéuticos. Posteriormente e unha vez graduada como estenógrafa, nas oficinas da Compañía General Electric de Cuba, e no Ministerio de Comercio Interior (MINCIN) a partir de 1959, onde se xubilou en 1978.  

A partir do ano 1992, data en que foi creada a Cátedra de Cultura Galega na Universidade da Habana -e até 1994- desempeñouse como colaboradora do primeiro profesor que tivo dita Cátedra. Polo seu completo dominio do idioma, foi a primeira profesora de lingua galega con que contaron durante aqueles anos os naturais e descendentes de galegos na Habana.

Realizou un meritorio labor como integrante da Comisión Xestora que refundó en 1995 o Centro Unión Ourensá da Habana xunto ao desaparecido enxeñeiro, José Manuel Docampo López, e outros ourensáns e os seus descendentes, que con gran sentido de pertenza colaboraron coas Federacións de Sociedades Galegas e Españolas en Cuba. 
Faleceu na Habana á idade de 94 anos.
Vid: Noticias Cibercuba

25 diciembre 2013

LUCÍA NESPEREIRA

Naceu en Pereiro de Aguiar no ano 1986. Comezou no mundo do atletismo da man de Germán González no equipo de Ben-Cho-Shey. Pero, na actualidade, está mergullada no mundo do fútbol sala onde está acadando méritos notorios tales como pertencer á Selección Feminina de Fútbol sala.

20 diciembre 2012

BENILDE NOGUEIRA RODRÍGUEZ

Naceu en Manzaneda, en 1920. Foi noiva do guerrilleiro "Mario Langullo". Por el sufriu desde os dezasete anos a represión e persecucións e incluso chegou a estar encarcerada. Marchou a Madrid coa filla que tivera con Mario e alí casou  pero enviudou un ano despois de casar. 

Cando Mario de Langullo deixou a guerrilla e marchou a Francia, contactou coa filla en 1971.

Cando regresou a España en 1978 viviu dous anos con Benilde Nogueira pero finalmente deixouna e voltou a Galicia.

Vid: Domínguez González, Xose, Mario de Langullo. O derradeiro fuxido, A Coruña, Sotelo Blanco, 1993.

17 marzo 2012

TERESA NOVELLE RODRÍGUEZ

Teresa Novelle Rodríguez naceu en Ourense o ano 1890. Era coñecida como La Tuerta. Foi a muller do militante comunista Aniceto San José e vivían en A Coruña. 

Rastrexando a hemeroteca comprobei que foi detida e perseguida pola policía por diferentes altercados contra a autoridade e incluso detida en 1910 por carterista.

En 1920 traballaba como demandadera no porto coruñés e participou na folga de estibadores do verán, e foi denunciada. Colaborou nas redes clandestinas que organizaban fuxidas polo mar. Implicada na tentativa de fuga do boniteiro Explorador, foi detida. Xulgada en consello de guerra o 12 e 13 de novembro de 1937, foi condenada a 20 anos de prisión. En xaneiro de 1944 foi sancionada polo Goberno civil cunha multa de 50 pesetas por desobediencia aos axentes da Autoridade.

Vid: Los carteristas detenidos en 1910. (1911, 25 xaneiro). El Miño, p. 2; Servicios de la policía. (1912, 26 de marzo). La Región, p. 2; Alborotadores detenidos. (1932, 2 novembro). El Ideal Gallego, p. 3; "Sanciones". (1944, 28 de xaneiro). El Ideal Gallego, p. 2. Entrada de WikipediaMartíns Rodríguez, MºVictoria, "La represión franquista sobre as mulleres" en De Juana, J. e Prada, J. (dir) As mulleres en Galicia no século XX,  Ir Indo, 2011.

02 enero 2012

OFELIA NIETO

Introducimos neste blog a Ofelia Nieto, irmá de Ángeles Otein. Facemos mención dela pois, aínda que non naceu en Ourense, o seu avó por línea materna era de D. Luis Iglesias natural de Orense, así que está vinculada á nosa cidade.
O día 18 de Marzo de 1898 naceu en Algete (Madrid). Foi unha gran cantante de ópera e zarzuela que debutou no Teatro da Zarzuela de Madrid en 1914, estreando a zarzuela Maruxa. Obtivo un gran éxito e así iniciou unha brillante carreira que a levou aos máis importantes teatros de Europa e América como o Real de Madrid, o Liceo de Barcelona, o Real de Roma, a Scala de Milán, o Metropolitan de Nova York, etc., e ás principais cidades hispanoamericanas.
Antonio Campos, membro do coro do Teatro Real de Madrid, foi quen descubriu os dotes cantores de Ofelia que, acto seguido, estudou no Conservatorio de Madrid co tenor Lorenzo Simonetti, quen estrease La Dolores.

O 28 de maio de 1914, debutou no Teatro Real de Madrid estreando Maruxa, xunto ao baixo Francisco Meana e Juan Bautista Corts, todos baixo a dirección de Pablo Luna. O éxito alcanzado, levouna moi pronto a cantar Ernani, Madama Butterfly e A Boheme, substituíndo á soprano Rosina Storchio. A continuación, percorreu España nunha xira de recitais xunto á súa irmá a soprano Anxos Ottein e o pianista Raffaele Terragnolo.
En 1918 estrea a ópera El Avapiés de Conrado do Campo e Angel Barrios, xunto á contralto María Gai, baixo a dirección do mestre Enrique Fernández Arbós.
En outubro de 1919 fai a súa presentación no Teatro A Pergola de Florencia, cantando Manon, xunto ao tenor Dino Borgioli; e Aida, xunto a Ismaelle Voltolini.
En 1920, cantou o Mefistófeles de Boito no Teatro Real de Madrid, xunto a Vincenzo Bettoni; e o Otello de Verdi, xunto a Andrea Toscani e Luigi Montesanto. Nese mesmo ano estreou no Coliseo Albia de Bilbao a ópera Amaya de Jesús Guridi, xunto a Aga Lahowska, o tenor Isidoro de Fagoaga, Giulio Cirino e o baixo Gabriel Olaizola.
En 1921, trasládase a Sudamérica, iniciando unha xira triunfal que lle leva a cantar no Teatro Municipal de Río de Janeiro, O trobador de Verdi, xunto a De Muro, o barítono José Segura Tallien e Gramegna. A continuación debuta no Teatro Abreu de México cantando o Mefistófeles de Boito, xunto ao tenor Aureliano Pertile e Lazzari; Mignon, xunto ao tenor Perico Schipa, Pareto, Lazzari e o tenor José Mojica.
En 1922, no Teatro Esperanza Iris de México, canta Un baile de máscaras, xunto ao tenor Aureliano Pertile, o barítono Carlo Galeffi e a mezzosoprano Fanny Anitúa. A continuación preséntase no Teatro Colón de Buenos Aires, cantando As Dores, xunto ao tenor Hipólito Lázaro, Cirino e Azzolini. Uns meses máis tarde regresa ao Teatro Real de Madrid onde canta Aida xunto ao tenor Hipólito Lázaro; Tosca xunto ao tenor Miguel Freta e de novo Tosca co tenor Giacomo Lauri-Volpi.
En 1926, e coa intervención de Arturo Toscanini, canta na Scala de Milán, Lohengrin, xunto os tenores Aureliano Pertile e Carlo Galeffi; O cazador furtivo, xunto ao tenor Antoine Trantoul, o baixo Tancredi Pasero e a mezzosoprano Ebe Stignani, dirixidos todos por Gabriele Santini.
En 1928, e cando estaba na cúspide da súa carreira, retirouse da escena para contraer matrimonio co sevillano Felipe Cubas, morrendo en Madrid, o 22 de marzo de 1931.

Vid: Ofelia Nieto
Wikipedia

16 noviembre 2011

NURIA NAVERÁN

Nuria Naveran naceu en Ourense e é licenciada en Bioloxía. Foi discípula do prestixioso catedrático Angel Carracedo e formou parte dun equipo de investigación dirixido por un profesor de Copenhague que acaba de botar por terra a teoría dos Clovis, os que até agora se identificaban como os primeiros habitantes de América.

Estivo nove meses na a Universidade de Oxford e alí Nuria tivo a oportunidade de coñecer ao profesor Eske Willerslev, quen logo a chamou para que fose á Universidade de Copenhague a traballar con el.
Alí en Dinamarca traballou durante seis meses no laboratorio con "restos de terra mesturados con herba seca" recentemente traídos de Oregón (Estados Unidos). Estes vestixios eran en realidade procolitos, ou o que é o mesmo, fósiles de excrementos humanos que sufriran un proceso de mineralización. A misión de Nuria Naveran era "lograr extraer ADN humano" e certificar a súa idade. Así demostrou que antes dos Clovis existiu outro grupo humano en Anérica. O achado deste traballo é foi tan relevante que chegou a publicarse na a revista Science.
Vid: La Opinión de Coruña

08 marzo 2011

MARÍA REMEDIOS NESPEREIRA QUEVEDO

Naceu en Ourense en 1875 e era filla de Antonio Nespereira Lorenzo, natural de Pereiro de Aguiar (Vilariño) e de María Josefa Quevedo, dun pobo de A Peroxa. 

María Remedios residía na rúa do Instituto nº 46. No ano 1894, cando tiña 18 anos, solicitou matricularse por libre no Instituto e fixo o exame de ingreso. 

Logo revisando noutras fontes foise localizando a esta muller e nun Boletín da provincia de A Coruña de 1905 consta na lista de mestras aspirantes a escola. Outro dato atopado é que en 1918 foi destinada á escola de Calvelle. 

Vid: Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Galaxia, Vigo, 2010, p. 338. Vid: El Correo de Galicia, 28 de maio de 1918, p. 1.

27 febrero 2011

MARÍA PURIFICACIÓN NEIRA GONZÁLEZ

Gustavo Docampo envíame esta información interesante. Fai alusión a María Neira que naceu en La Felguera, Asturias, 1962 pero é valdeorresa por parte de pai, natural da aldea de Xagoaza (O Barco) lugar onde pasaba as vacacións cos seus familiares, sendo nena e adolescente. É médica, Directora de Saúde Pública e Medio Ambiente da OMS, en 2004 foi Directora da Axencia Española de Seguridade Alimentaria. María Neira estudou Mediciña na Universidade de Oviedo e realizou os seus estudos de especialización de endocrinoloxía en Francia. Exerceu con Médicos sen Fronteiras, en Centroamérica. Máis tarde trasladaríase coa ONU a Mozambique e Ruanda. Ingresou na Organización Mundial da Saúde como directora do departamento de Prevención e Erradicación de Enfermidades Infecciosas. Tras isto, en 2004, foi nomeada presidenta da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, trasladándose a Madrid. Poucos anos despois regresou a Xenebra para continuar o seu traballo na OMS, xa como directora do departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente. No ano 2006 foi condecorada polo goberno francés coa Orden do Mérito Nacional. En 2009 acompañou á directora da OMS, Margaret Chan, para recoller o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional. María está casada co italiano Salvatore, que traballa no alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), e ten un fillo