Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta V. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta V. Mostrar todas las entradas

19 abril 2026

HERMINIA VILLOT CANAL

Herminia naceu o 3 de novembro de 1900 no pobo de Moreiras. Era filla de Modesto Villot Varela, encargado do Despacho Central do Ferrocarril de Ourense e quen, ao parecer, tamén rexentaba un negocio de tinturarías en Ourense (primeiro na rúa da Paz e logo na de Santo Domingo), e de Luísa Canal García. O matrimonio tiña seis fillos. A nai faleceu en 1912 e Modesto Villot finou en xuño de 1935.

Entre os irmáns estaban: Sira, que tamén era mestra; Ramón, que abriu en Vigo a "Academia Villot"; Manuel Luís, tamén mestre; Julio, reloxeiro que emigrou á Arxentina; e Eduardo, mestre comunista republicano e membro da A.T.E.O. Eduardo foi unha das vítimas da represión franquista tras o golpe militar de 1936: foi detido e asasinado o 18 de agosto dese ano no Alto do Forriolo (A Bola, Ourense) cando tiña apenas vinte e oito anos.

Herminia, tras realizar os estudos de primaria, preparouse no Colexio Balmes, dirixido por Gelasio Pérez Álvarez, para examinarse por libre de varias materias nos cursos 1912-13 e 1913-14 no Instituto Provincial. Segundo o seu expediente, interrompeu os estudos para retomalos no curso 1924-25 e rematalos en 1928. Obtivo cualificacións notables, con varios sobresalientes en materias como Historia da Pedagoxía, Química, Historia da Idade Contemporánea, Física e Historia Moderna.

Realizou o primeiro curso de prácticas escolares na escola de nenas de Pilar Merino e o segundo na de Antonia Quintela. Na súa memoria de prácticas, explicou que unha das súas inquietudes era experimentar coa didáctica e analizar os procesos de aprendizaxe. Para investigalo, organizou un experimento con dous grupos de nenas sobre a xeografía da provincia de Ourense. Para un grupo seguiu un método dedutivo (do xeral ao particular), partindo da provincia ata chegar ao lugar da escola. No outro grupo seguiu un método indutivo (do próximo ao afastado), partindo da escola para ir ampliando o coñecemento ata abranguer a provincia.

A conclusión á que chegou foi que o segundo grupo adquiriu unha maior capacidade de reflexión, mentres que o primeiro respondía de xeito mecánico e memorístico. Concluíu a memoria indicando a súa intención de repetir esta práctica no futuro para corroborar os resultados.

Na reválida final, proba global que acreditaba a capacidade profesional para o ensino, obtivo a cualificación de sobresaliente. Preparouse na Academia Xesta, dirixida por Juan Fernández Pérez.

No exercicio de Historia, desenvolveu o tema «Carácter de las civilizaciones contemporáneas», onde expuxo que a Revolución Francesa e a Revolución Industrial supuxeron o nacemento dunha sociedade máis activa, diferente á da Idade Media, e o fin da monarquía absoluta. Na súa exposición aludía á mobilización do proletariado e destacou as conquistas sociais acadadas:« Sin embargo han sido muchas las ventajas obtenidas...hoy tienen para sus hijos los obreros escuela pública, cantinas escolares, roperos etc y beneficiándolos a ellos se está haciendo hoy que tenga retiro y pocas horas de trabajo» Tamén desenvolveu o tema da educación da muller, sobre o cal merece a pena transcribir literalmente as súas palabras:

Hoy el estado de la mujer es ventajosísimo en todos sus aspectos no solamente porque tenga igualatorios derechos que el hombre sino por reconocerle hoy más que nunca el que ella es el alma de la sociedad.

Después de rotas las barreras para que Universidades y demás centros fueran abiertos para ella más tarde cuando la Guerra Europea y por falta de hombres en los hogares...infinidad de ellas por necesidad, ocupan escritorios de casas bancarias comercios etc. y mas recientemente destinos que hasta hace muy poco creían solo exclusivos del hombre...estos protestan quizá algo cuando no recapacita las ventajas que este cambio introdujo en sus hogares. Pondré aquí el nombre de Martínez Sierra agradecida porque sus escritos ante el problema feminista tanto nos ha realizado».

É notorio que Herminia transmite uns principios de equidade social e de xénero, mostrándose como unha muller de ideas avanzadas para a súa época. No desenvolvemento do seu exame de Historia da Pedagoxía, fixo alusión a Pestalozzi e Herbart. Sobre o primeiro, arrinca dicindo: 

La Pedagogía en el siglo XIX se caracteriza por accion, es decir, los grandes pedagogos como Pestalozzi hacen que la escuela no sea para el niño un sitio de tortura en que sujetos a un método mecánico y sin libertad alguna crea el niño un ser pasivo, él preconiza una enseñanza en la que el niño pueda desenvolverse ampliamente y esté siempre en actividad... 

A continuación, mencionou a Herbart, quen sostiña que a aprendizaxe se producía "de fóra cara a dentro", incidindo na relación entre a instrución e a educación. 

Tras finalizar os estudos, solicitou formalmente a expedición do título de mestra de primeira ensinanza en abril de 1929, aos 28 anos. En setembro dese mesmo ano, trasladouse a Vigo para incorporarse á academia do seu irmán Ramón.

Pouco despois, en xullo de 1929, presentouse ás oposicións e superou os tres exercicios. A súa andaina profesional levouna por distintos destinos: Zarracós (A Merca): Onde comezou exercendo nunha pequena escola de nenas; La Cuesta-Barlovento (Canarias): Destinada en 1933 e, tras un período de excedencia, en 1934 aduxicárolle a praza de Coiras (Piñor de Cea).

Coa chegada da ditadura, Herminia sufriu o proceso de depuración. O seu perfil resultaba sospeitoso para as novas autoridades por ser irmá de Eduardo Villot, mestre republicano e membro da A.T.E.O. asasinado polos sublevados.

Malia o clima de represión, tras estudar os seus informes, a Comisión determinou a confirmación na súa praza. Anos máis tarde, en 1947, solicitou a praza de párvulos de Rábade (Lugo).

"De sociedad", La Región, 13 de xuño de 1913; "De Exámenes", La Región, 2 de outubro 1928, p. 1;"De sociedad", El pueblo gallego, 29 de setembro de 1929, p. 16; Revista General de la Enseñanza, Número 8373, 9 de agosto de 1929, p. 460; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 8906, 12 de novembro de 1931, p. 298; "Del Ministerio", El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 9230, 19 de decembro de 1933, p. 514; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 934, 11 de setembro de 1934, p. 596; "Relación de maestros y maestras que han sido confirmados en sus escuelas", La Región, 10 de maio de 1940, p. 3;"Nombramiento de maestros por el turno voluntario", El correo gallego, 18 de xullo de 1947, p. 6.

07 septiembre 2025

PAULA VECINO MORETÓN

Paula Vecino naceu o 6 de maio de 1912 e súa nai era María Moretón Alonso e seu pai Alfonso Vecino Martín, que era axente comercial e vicepresidente da Federación Republicana de Ourense en 1931. Faleceu o 21 de novembro de 1961. 


(Fonte: Federación Republicana de Orense. (1931, 1 setembro). Galicia, p. 1)

Fixo os estudos de maxisterio na Normal de Ourense e realizou os cursiños de selección profesional e que foron superados.No ano 1933 solicitou interinidades e ocupou a praza de párvulos na cidade de Ourense. Tamén estivo na escola de Boeiros en Pereiro de Aguiar e, en 1934, déronlle a praza en propiedade na escola de Grou, Lobios. Coa chegada da ditadura foi sancionada e cabe preguntarse se un dos motivos foi que seu pai fose o dirixente da Federación Republicana. 

Así que estando Paula de mestra na escola de Grou, Lobios, e tras os informes emitidos pola Comisión Depuradora da provincia de Ourense, o Ministerio acordou suspendela de emprego e soldo por tres meses xunto co traslado forzoso dentro da provincia de Ourense coa prohibición de solicitar cargos vacantes durante o período de dous anos, así como a inhabilitación para o exercicio de cargos directivos e de confianza en institucións Culturais e de Ensinanza. 

O caso é que Paula tivo que acatar a sanción e tras cumprila acabaría exercendo en diversas escolas como na de Santa Mariña de Augasantas, despois na de Siabal, en Paderne de Allariz, e despois na de Punxín. Execeu ata a súa xubilación a mediados dos anos sesenta.

Elaboración propia a partir de diferentes fontes. Entre elas: Relación de maestros de esta provincia que han sido sancionados por la Comisión Superior Dictaminadora del Ministerio de Educación (1947). Magisterio, nº 97: 2; Archivo General de la Administración. FondoMinisterio de Educación Nacional. Expedientes de depuración de maestros nacionales. Signatura32/12797. Fecha de expediente1936-1942.                   

13 abril 2025

CESAREA VEGA REGUEIRO

Cesárea Vega era de San Vicente de Leiro, un pobo de Vilamartín de Valdeorras, do partido xudicial de O Barco. Alí naceu en 1889 e os seus pais eran Domingo e Jacinta e estaba casada con Vicente Martínez. Dedicábase aos labores e á facenda do campo. Aos 56 anos foi detida acusada de agochar a Antonio López Fernández, coñecido como O Corchas.

Foi levada á prisión provincial de O Barco o 5 de setembro de 1945 e así dicía o Comandante Xuíz Instrutor:

Sírvase V.S. retener en esa Prisión de su digna dirección a la reclusa en la misma Cesaria Vega Regueiro encartada en Causa número 384 de 1944 que me hallo instruyendo contra ella y otros por el supuesto delito de complicidad con el elemento huido Antonio López Fernández "EL CORCHAS", siguiéndose por tal motivo las correspondientes actuaciones, en averiguación de la participación de que la mencionada hubiere tener en los hechos de referencia y de las cuales en su día se deducirá lo que debe acordarse....(1).

A Cesárea tomáronlle declaración e segundo outras testemuñas, o instrutor recolleuna nun informe que dicía que arredor do día 24 do mes de maio de 1945 Cesarea Vega e Jesusa Martínez, filla dela, ocultaron nas súa casas ao "atracador rebelde", Antonio López Fernández "EL CORCHAS", protexéndoo e facilitándolle albergue. Polo que, resultado:

Los hechos relatados revisten los caracteres de un delito de auxilio y protección a huidos rebeldes y atracadores, que proviene y castiga el artículo 55 de la ley de 31 de marzo de 1941..(2). 

Por tal motivo, e en aplicación do artigo 585 do Código Castrense, considerouse a prisión preventiva na Prisión Provincial de Ourense.

Cesárea entrará na prisión en maio de 1945 e permanecerá once meses para ser posta en liberdade o 25 de abril de 1946.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1944 a 1946. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2242. Libro 2242 (204).

Axudar aos fuxidos, como pode observarse, era motivo inmediato de prisión e, como viña sendo habitual, eran as mulleres as que acaban protexendo e agochando aos homes perseguidos. Cómpre saber un pouco acerca de quen era Antonio, "El Corchas".

El Corchas naceu no pobo de Mazo, Vilamartín de Valdeorras. Era xastre e tamén vendía peixe e era militante da CNT. Formou parte do Consello de Arturo López Delgado que era xefe dunha unidade da Federación de Guerrilleros de Galicia e León (A guerrilla de Arturín). Tan pronto como comezou a guerra, Antonio foi preso e declarado rebelde pero logrou escapar. Cando rematou a guerra entregouse ás autoridades e estivo no cárcere de O Barco pero volveu escapar cando o ían trasladar ao cárcere de Ourense. Estivo no monte facendo resistencia. Neste tempo, Cesarea colaborou con el e agochouno na súa casa nalgunha ocasión. Pero captúrano e procésano e, en novembro de  1945 foi asasinado por querer violar a unha moza.

(Fonte: La Región, 24 de xaneiro de 1940, p. 3)

(Elaboración propia a partir dos expedientes. (1) Expediente de Cesárea Vega. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25168/034. Caixa 25168/034 (2).(2).25168/034 (4).  Ver entrada de Antonio López Fernández na Wikipedia. 

23 febrero 2025

LUÍSA VILA BARROS

Naceu na Coruña o 9 de abril de 1902. Era mestra nacional co título superior e aprobou as oposicións en 1929. Déronlle en 1934 a escola de nenas de Viana do Bolo. Dise que editaba un periódico escolar titulado "El escolar de Viana do Bolo" no que escribían sobre Galicia (1). Luísa era a secretaria da Asociación de mestres de Viana e Vilariño e como tal levou a cabo a organización de conferencias para os mestres da zona como a impartida por Lucita Pérez sobre Xeografía Física e a de Neoterio Antolín sobre o Calor.

En setembro de 1936 foi destituída acusada de ser dirixente de Esquerda Republicana, de moscovita, socialista e comunista e confiscáronlle os bens. A continuación preséntase un escrito-informe asinado polo párroco no que se indica a súa filiación política e que defendeu á Fronte Popular. Tamén se di que foi trasladada forzosamente fóra da provincia.


(Fonte:: Expediente de responsabilidades políticas de Amando Álvarez Luis, Luisa Vila Barros, Benito Rodríguez Alonso, Celso López Martínez, Sergio Puga Rodríguez e Teodoro Guede Gallego. ES.GA.32054.AHPOU/1.1.5.4.1.2.//7201/03. Caixa 7201/03

O último dato que se ten é que no ano 1962 se traladou a Barcelona para ocupar unha vacante a escola.

(1) Este dato sobre o periódico escolar está recollido nas Actas do Congreso da Memoria de Narón de 2003, p. 248.(Elaboración propia a partir de diversas fontes). Vid: El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 9202, 14 de outubro de 1933, p. 4; Diario de Burgos, 4 de xuño de 1947; Diario de Burgos, 15 de febreiro de 1957; Diario de BurgosLa Región, 10 de xaneiro de 1935; La Región, 4 de setembro de 1936.

29 enero 2025

FRANCISCA VICENTE MANGAS

(Entrada suxeita a publicación. Non copiar). 
Non haceu en Ourense pero veu exercer como inspectora e deixou unha interesante impronta pola defensa dunha educación laica e activa.

Naceu en León e era filla de José María Vicente, profesor da Normal de Mestres de León. En 1922 ingresou na Escola Superior de Magisterio e en xullo de 1924 aprobou as oposicións a escolas nacionais do rectorado de Madrid. En 1925 pasou a rexentar a escola de Rioseco de Tapia, León, permanecendo en dita escola durante varios anos. En 1928 solicitou a excedencia para exercer como profesora Auxiliar de Pedagoxía na Escola Normal de Mestras de Cidade Real, en 1929, foi nomeada Auxiliar de pedagoxía na Normal de Palencia e en 1933 ocuparía o posto de Auxiliar na Normal de León.

En febreiro de 1933 foi nomeada inspectora de Ourense ocupando a praza vacante de Piedad Fernández López, polo tanto, tivo que solicitar a excedencia na Normal de León. En maio dese mesmo ano foi nomeada inspectora de Primeira Ensinanza na provincia de León sendo a única candidata a aspirar a dito posto.

No cursiño de perfeccionamento para mestres celebrado en Ourense entre os días 14 e 28 de maio de 1933 Francisca Vicente pronunciaría unha interesante charla titulada Laicismo onde defendeu que era preciso unha formación densa dos homes do país desde a escola pois estábase operando unha nova estruturación nacional. Afirmaba que a escola laica non viña a significar incompatibilidades de diferentes crenzas e avogaba por unha humanidade solidaria e tolerante:

Se aspira a que la humanidad, hoy en formación, conviva unida por lazos de solidariedad, y así lo proclama el artículo 48 de la Constitución; a que la mayor tolerancia evite incompatibilidades nacidas de diferentes creencias. Es así como se hizo necesaria la escuela laica.

La mayoría de las escuelas nacionales no se desenvuelven dentro del más puro laicismo. En unas por timidez se huye hasta de pronunciar la palabra religión y otras escuelas van más allá de lo que laicismo significa, convirtiéndolas en ofensores de la creencias religiosas del pueblo donde radican.

Las escuelas ha de ser respetuosas con todas las religiones, pero sin profesar ninguna.

La misión del Maestro como la de todos los organismos dedicados a la enseñanza, no está en criticar la escuela laica, sino en aceptarla de buen grado por lealtad al Estado que las mantiene con ese fin; y si en algún momento sintiéramos escrúpulos de conciencia, tenemos una puerta por donde salir honrosamente antes de manchar nuestra conducta…

Los enemigos de la escuela laica se destruye la moralidad del niño. La escuela laica y lo mismo la confesional pueden deformar moralmente al niño si el maestro que la dirige no se cuida de evitarlo[1].

Tratábase dun tema comprometido nun momento no que a República estaba levando a cabo a implantación dunha escola laica. Francisca manifestouse defensora dese laicismo desde o punto de vista do deber moral dos docentes de formar aos escolantes na tolerancia no respecto polas crenzas evitando as disquisicións. Expuxo logo unhas normas para contribuír á formación moral do neno facendo resaltar canto pode facer nese aspecto un Mestre culto e de intachable conduta profesional e privada. Lembra a influenza que determinados homes exerceron en momentos históricos pola soa influenza da súa personalidade e cita a Francisco Giner de los Ríos e o seu espírito laico e considera que el actual estado das cosas parece inspeirado por el.

Rematou desexando que o espírito de Giner guiara aos mestres no seu labor de espertar ao pobo rural aínda adormecido.

Francisca estaba declarando así que os seus principios pedagóxicos estaban na liña da ILE e tiña unha perspectiva da ensinanza moderna e progresista.

Estaba casada con Rafael Álvarez, inspector de Primeira Ensinanza. Un home defensor da educación activa e da Institución Libre de Ensinanza. Co alzamento militar de xullo de 1936 foi detido e levado ao cárcere de San Marcos. Logo foi xulgado e fusilado. Este feito supuxo un trauma para Francisca que se apartou do labor educativo e se trasladou a Sevilla onde faleceu[2].

[1] “Desarrollo del Cursiño de Información Cultural y Pedagógico”, Magisterio Orensano, nº 57; 24 de maio de 1933, p. 2[2] Poy Castro, Raquel. (2012) Educadoras y educadores en León al filo de la guerra civil. Auge, Depuración y Parálisis. Aula, 18: 181-205. (Elaboración propia a partir de diferentes fontes. El Distrito Universitario, 26 de outubro de 1922, p. 3;El Magisterio Español, 26 de  novembro de 1923, p. 10; La Libertad,  5 de xullo de 1924, p. 7; Magisterio Español, 19 de xaneiro de 1925, p. 5; El Magisterio Español, 11 de febreiro de 1929, p. 8; El Magisterio Español,  31 de marzo de 1930, p. 26; El Magisterio Español, 17 de xaneiro de 1933, p. 12; El Progreso, 26 de febreiro de 1933, p. 3; Vida Gallega, 10 de marzo de 1933, p. 49; El Magisterio Español, 4 de abril de 1933, p. 14; La Libertad, 13 de maio de 1933, p. 11.)

BENITA VALEIRAS VALEIRAS

Naceu en Dacón en 1916. Fixo os estudos de enfermería na facultade de Medicina de Santiago de Compostela. Rematounos en 1937 cunha cualificación de notable[1]. Continuou estudanto e fixo a carreira de Farmacia en Santiago de Compostela e licenciouse en 1945. Rexentou unha farmacia na rúa de Avenida de Santiago, número 42 e posteriormente no número 64. Casou con Samuel Montero Montes

[1] El Compostelano, 1937 abril 22, p. 1; AHUS. F.U. EXPEDIENTES PERSONALES, Leg. 1495, Exp. 06.

22 enero 2025

TERESA VAAMONDE VALENCIA

(Antes de nada quero agradecer encarecidamente a axuda do Arquivo da Universidade de Vigo pois facilitoume o expediente de Teresa Vaamonde. As imaxes que se presentan non poden descargarse deste blog.)

Teresa naceu, segundo consta nos seus expedientes académicos e en PARES, o 24 de xullo de 1898 en Ourense. Súa nai era Asunción Valencia Cobián e o seu pai, penso que podería ser Jerónimo Vaamonde que era comerciante e tiña varios negocios de ultramariños, un deles na Praza Maior.

O 2 de xuño de 1913 realizou o exame de ingreso na Escola Normal de Pontevedra. Alí cursou dous anos, matriculouse por libre nos cursos 1912-13 e 1913-14. Aprobou os dous cursos e deste xeito obtivo o título de Mestra Elemental tras realizar a reválida na que obtivo a cualificación de Sobresaliente.

(Fonte: Extracto do Expediente Académico de Teresa Vaamonde Valencia. Arquivo da Universidade de Vigo.)
A continuación, matriculouse na Normal de Ourense. Aquí realizou dous anos máis inscribíndose nos cursos 1914-1915 e 1915-16. Tamén realizou estes estudos por libre e obtivo unhas brillantes cualificacións. A continuación revalidou os estudos e obtivo  en 1918 o Título Superior de Maxisterio:
(Fonte: (Fonte: Extracto do Expediente Académico da Normal de Pontevedra. ES.28079.AHN//UNIVERSIDADES,3314,Exp.4. Extraído de PARES.)
Así se expresa na Acta de Reválida asinada por todos os membros do tribunal: Leonor López Pardo, a directora e presidenta; Sara Fernández, secretaria; e como vogais, Josefa Rosón, María Luz Pérez González e Pilar Martínez Álamo.
(Fonte: Extracto do Expediente Académico de Teresa Vaamonde Valencia. Arquivo da Universidade de Vigo.)
En relación á reválida debe destacarse a calidade dos exercicios realizados. O exercicio gramatical consistiu na análise da oración: Finalmente Sancho se quedó dormido al pie de un alcornoque, y don Quijote dormitando al de una robusta encina; pero poco espacio de tiempo había pasado cuando le despertó un ruido que sitió a sus espaldas. Teresa indica que a primeira parte da oración é reflexiva pois a acción reca sobre o mesmo que a executa, sendo o suxeito Sancho. En canto a  outra oración di que hai unha elipse para evitar a redundancia. Elabora un argumentario amplo e detallado e despois vai analizando gramaticalmente cada palabra da oración.

No exercicio de francés fai unha tradución dun pequeno texto sen cometer ningún erro. O exercicio de matemáticas consistiu na resolución dunha sistema de ecuación con dúas incógnitas explicando e xustificando os pasos que vai realizando. No exame de xeografía debuxa con exactitude o mapa de España e sitúa a parte Ibérica, Carpetana e Oretana, un exercicio que lle vale un sobresaliente. En Historia desenvolve o tema 24 que é América: Independencia de las colonias españolas. Caracteres de la civilización contemporánea. Problemas sociales, para o cal empregou tres folios nos que expón que esta parte do mundo foi descuberta por Colón e narra como foi o seu proxecto. A continuación explica os diferentes territorios foron independizándose en tempos da rexencia de María Cristina. Logo aludiu á civilización contemporánea que é diferente ás anteriores pois desenvolvéronse as ciencias, a astronomía, a xeografía, as matemáticas, incluso o cinematógrafo, a telegrafía...e pon exemplos de eminentes figuras como Volta, Newton, Lavoiser, Livigstone, Stanley...Pero remata dicindo que, malia estes avances, a sociedade está corrompida e que hai moitos problemas sociais.
Non cabe dúbida que se trataba dun exercicio verdadeiramente amplo e esixente no que Teresa demostrou que foi moi preparada.

Outro dos exercicios que chama a atención é a Mermoria de prácticas pois deu mostras da súa preocupación polo estado escolar e a ensinanza. Desenvolveu o tema das Normais e redactou  como era a escola onde realizou as prácticas dicindo que estaba situada nun edificio que ofrecía pouco atractivo, húmido e estaba moi mal orientado e indicou e que estaba lonxe dos edificios e pavillóns que "aconseja la Pedagogía moderna". Tamén falou dos poucos recursos que tiñan as familias e paracela isto repercutía no desenvolvemento da infancia e dicía: "¿Qué duda cabe que esta vida, fisiológica y psicológicamente miserable no es terreno apropiado para que en él florezcan y se vigoricen los sentimientos de dignidad personal, justicia, amistad, compañerismo...¿Qué caracteres se pueden formar con una pobreza física?...

Fixo unha defensa das cantinas escolares indicando que eran necesarias e que xa se estaban a desenvolver en diferentes provincias españolas. Manifestaba queceran un beneficio para os pequenos que non tiñan recursos. Entre as súas conclusións afirmou que era preciso unha reforma da ensinanza primaria.
(Fonte: Memoria de Prácticas. Extracto do Expediente Académico de Teresa Vaamonde Valencia. Arquivo da Universidade de Vigo.)
Despois de rematar os estudos en Ourense e xa co título superior de maxisterio, Teresa, foi vivir a Madrid para continuar formándose. Residiu na rúa Núñez de Balboa, número 7.  A súa intención era matricularse no Instituto Cardenal Cisneros para obter o título de Bacharelato. O 18 de abril de 1918 emitiu un escrito ao Subdirector de Instrución Pública na que alega que fixo estudos na Escola Normal de Pontevedra e na de Ourense, polo tanto ten o título de Maxisterio, polo que solicita a validación dalgunhas das materias de bacharelato:

(Fonte: Extracto do Expediente Académico da Normal de Pontevedra. ES.28079.AHN//UNIVERSIDADES,3314,Exp.4. Extraído de PARES)
Deste xeito, Teresa, estivo matriculada no Instituto Cardenal Cisneros de Madrid ata 1921, ano no que remata os estudos e consegue o título de Bacharelato:

 
(Fonte: Expediente Académico do Instituto Cardenal Cisneros. ES.28079.AHN//UNIVERSIDADES,3314,Exp.4. Extraído de PARES)
Despois fixo estudos de Filosofía e Letras e fixo a especialidade de Historia. Unha vez licenciada, concorríu en novembro de 1929 ás oposicións a Cátedras de Historia e Literatura española para vacantes nos institutos. Tres anos máis tarde, en 1932 opositou ao Corpo de Arquiveiros e Bibliotecarios. No ano 1935 foi nomeada bibliotecaria da Biblioteca de Palencia. Após, estivo traballando en diferentes localidades chegando ata Gran Canarias. 

Co estoupido da guerra a vida de Teresa daría un xiro importante. En 1939 ábreselle un expediente de depuración acusándoa de pertencer á CNT e por de haber increpado a un dos seus compañeiros por ter no seu despacho unha imaxe relixiosa.

Comeza, deste xeito, a ser investigada exhaustivamente mentres Teresa continuaba a traballar baixo a sombra da incertidume. O xuíz, finalmente, considerou que Teresa fora contraria ao Movemento Nacional e aplicou unha sanción que consistiu en que durante dous anos non podería optar a postos vacantes.

(Elaboración propia a partir de diferentes fontes. Foto da Cabeceira: PARES: https://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/autoridad/142462; Ministerio de Trabajo y Previsión (1929, 13 de novembro). El pueblo gallego, p. 10; Indice de las disposiciones públicas (1935, 12 decembro). El pueblo gallego, p. 8; Redondo Abal, Francisco Xavier: Teresa Vaamonde Valencia. Publicado o 1/1/2016 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22275. Recuperado o 16/01/2025.

                                                                      

19 enero 2025

MULLERES OURENSÁS QUE ESTUDARON NO INSTITUTO CARDENAL CISNEROS DE MADRID

(Fotografía extraída de internet pero envellecida por min cun programa on line para darlle un aire retro.)

Hai que valorar o interese por parte das ourensás de comezos do século XX de proseguir os estudos de primaria e cursar o bacharelato. Iso leva a pensar a que terían en mente acceder á Universidade. Cando eu fixen o estudo das mulleres ourensás que realizaron estudos de secundaria observei que,en efecto, unha grande porcentaxe encamiñábanse a facer estudos de maxisterio e  universitarios pero tamén había quen titulaba no bacharelato pero, logo, non continuaban estudando. Isto inducía a pensar que habería mulleres ourensás que cursaban estudos secundarios sen máis ambición que complementar e ampliar as aprendizaxes da primaria e adquirir uns coñecementos que consideraríamos de "adorno".

Dito o cal, sabemos que no primeiro terzo do século XX houbo numerosas inscricións de ourensás no Instituto de Ourense. Algunhas delas non remataron aquí os estudos de bacharelato pois solicitaron traslado ao prestixioso e notable Instituto Cardenal Cisneros de Madrid. 

O Instituto Cardenal Cisneros de Madrid fundouse no ano 1845, en tempos de Isabel II. Foi chamado así na honra do fundador da Universidade de Alcalá. O edificio é de grandes dimensións, de espazos amplos aptos para o estudo e o acollemento de grande número de estudantes. Destaca nel a grande escaleira de mármore como un eixe central do edificio.

(Fotografía extraída de internet pero envellecida por min cun programa on line para darlle un aire retro.)

O centro acolleu desde os seus inicios a un grande número de alumnado. Primeiro chegaron os mozos e pouco a pouco comezaron as primeiras matrículas femininas que foron incremetándose ata 1930. Pero coa chegada da Guerra Civil o centro pasou a ser masculino. Coñecidas e recoñecidas mulleres estudaron neste lugar, estamos a referirnos a Clara Campoamor, Victoria Kent, Hildegart Rodríguez Carballeira. Nesas aulas tan enormes, coas bancadas en pendente, escoitarían as leccións dun claustro selecto. Hoxe en día, aínda mantén o encanto de antaño.
(Fotografía extraída de internet pero envellecida por min cun programa on line para darlle un aire retro.)
Pois ben, este instituto tan prestixioso, tamén contou coa presenza de mulleres ourensás que percorrerían os seus espazos e quen sabe, talvez, chegaron a coñecer ás prestixiosas alumnas que se mencionaron anterior. Ditas ourensás foron:

Alvida González González. Natural de Vilardevós. Estudou desde 1920 a 1922.

Teresa Vaamonde Valencia. Natural de Toén, Ourense. Estudou de 1919 a 1921. Posteriormente fixo estudos de Filosofía e Letras, especializándose en Historia e opositou a prazas de Biblitecaria e Arquivística.  (Falarei da súa traxectoria nunha próxima entrada do blog.)

María de los Ángeles Fernández Núñez. Natural de O Barco de Valdeorras. Estudou desde 1915 a 1919.

Eudosia Montes Villamarín. Natural de Puga, Toén. Estivo cursando dous anos, 1920 a 1922.

María Gracia López Placer. Natural de Coles. Realizou o ingreso no Instituto Cardenal Cisneros en 1922 e estivo dous cursos académicos, de 1922 a 1924.

María Purificación Pardo de Castro. Natural de Ourense. Naceu o 7 de setembro de 1905. Realizou o ingreso no Instituto ourensán en 1915 cando tiña 10 anos e estudou ata 1918 obtendo unhas notables cualificacións. A continuación solicitou traslado ao Instituto Cardenal Cisneros. Rexistrouse no Instituto de Madrid en 1919 e realizou dous cursos, de 1919 a 1921. Era filla de Isauro Pardo y Pardo e de María de la O Castro y Garcés. En 1961 recibiu o título de Marquesa de Leis tras o falecemento do seu irmán, Ramón Pardo de Castro que faleceu nun accidente de aviación.

Rosa Pardo de Castro. Naceu en 1908 en Ourense e irmá de Purificación. Fixo o exame de ingreso no Instituto ourensán o 10 de xuño de 1918. Cursou por oficial un ano matriculándose en catro materias (das que non constan cualificacións) e, en 1919, solicitou o traslado de matrícula ao Intituto Cardenal Cisneros, xunto coa súa irmá.

Piedad Fernández López. Naceu en Castro Caldelas o 19 de xaneiro de 1899. Fixo o exame de ingreso no Instituto Ourensán pero, a continuación, foi á Escola Normal de León. Logo foi a Madrid e cursou un ano no Instituto Cardenal Cisneros, de 1920-21. Sería inspectora de ensinanza primaria e exerceu en Ourense. (Poden ver a súa traxectoria na entrada no blog que fala sobre ela.)

Alicia González González. Naceu o 28 de xuño de 1904 en Vilardecervos e era filla dun mineiro. Fixo o exame de ingreso no Instituto ourensán o 20 de setembro de 1917. A continuación matriculouse por libre no curso 1917-18 e por oficial no seguinte curso, de 1918 a 1919. O 13 de abril de 1920 solicitou unha certificación académica para o Instituto Cardenal Cisneros de Madrid. 

Aurea González González. Naceu en Vilardecervos o 24 de novembro de 1901. Era irmá da anterior. Realizou o exame de ingreso no instituto de Ourense o 20 de setembro de 1917. Matriculouse por libre no curso 1917-1918 e por oficial no curso 1918-19. O 13 de abril de 1920 solicitou o certificado académico para trasladarse ao Instituto Cardenal Cisneros de Madrid.

03 noviembre 2024

DOLORES VÁZQUEZ RODRÍGUEZ

Dolores Vázquez era mestra e cando estaba na escola de Arzoá foi levada á Comisión de Depuración que a sancionou co traslado dentro da provincia  e prohibición de solicitar vacante por un período de dous anos e sen poder ocupar cargos directivos. Daquela as mestras e mestres chegaban a ser acusados falsamente e era difícil que se librasen da penalización. 

Dolores foi das primeiras mestras tituladas en Ourense e realizou a carreira de Maxisterio cando estes estudos aínda se impartían no Instituto de Ourense.

Naceu en Rañadoiro, Muíños, o 21 de maio de 1891. A decisión de estudar maxisterio foi un tanto tardía xa que tiña 19 anos cando realizou o exame de ingreso no Instituto o día 18 de xuño de 1910. Non era extraño que as mulleres sopesasen a decisión de facer a carreira cando xa eran algo maiores pois non todo eran facilidades e debían sortear unha serie de incovenientes como o de vir á capital, residir nunha pensión, tamén influía moito a situación familiar...

En todo caso Dolores aparece matriculada por enseñanza oficial no curo 1910-11. Este ano estudou Relixión e Historia Sagrada; Gramática Castelá; Nocións de Pedagoxía; Nocións de Aritmética e Xeometría; Nocións de Xeografía e Historia; Debuxo; Prácticas de ensinanza e Labores. 

No curso 1911-12 continúa a carreira co segundo curso. Faino de forma oficial e consta que se matriculou en Pedagoxía; Dereito e Lexislacióne escolar; Gramática (ampliación); Xeografía e Historia de España; Nocións de Agricultura; Ciencias Físicas e Naturais; Prácticas de ensinanza 2º; Labores 2º e Nocións de Aritmética e Xeometría. 

Feitos estes dous anos consegue a titulación como mestra elemental. A partir de entón comezou a ir polas escolas como interina en pobos que eran de difícil desempeño, malia todo, eran verdadeiras difusoras e centinelas da cultura para os nenos e nenas do rural. En 1915 foi para a escoliña de Tovo, en Laza. A continuación iría á de Quintela de Leirado e despois á de Bande. En 1924 déronlle a escoliña de Santa María da Ponte, en Viana, e ao ano seguinte foi para Santa Eulalia de Montes.

Todos estes desprazamentos supuñan un esforzo por parte das mestras, non só por ter que precisar forma de desprazarse e trasladar as súas pertenzas, senón porque tamén tiñan que volver adaptarse ao lugar e coñecer novas xentes, aínda que era normal que estas acollesen ben á mestra. 

Formou a súa familia e casou con Eduardo Vázquez Rodríguez e tiveron dous fillos, Emilio e Dolores. E neste caso non era raro que as mestras levasen consigo aos fillos. Deste xeito non se atopaban soas e podían ensinarlles na escola.

Cando en 1940 se atopaba na escola de Arzoá recibíu a notificación da súa sanción. Non se saben os motivos, pero como é de intuír, algunha falsa acusación. Isto trastocou a vida de Dolores xa que a desprazaron forzosamente dentro da provincia o que supuña ir ao desterro, aos pobos máis afastados e case incomunicados. Neste caso tivo que ir á escola de Carballeda de Valdeorras onde permaneceu un mínimo de dous anos.

Continuou traballando e no ano 1958 estaba na escola de Robledo, en Rubiá, e no 1959 foi para a de Requeixo en Manzaneda. De aquí a pouco tempo se xubilou.

Vid: A.I.O.P. Expedientes persoais. Maxisterio; Instrucción Pública. (1915,12 de maio). La Región, p. 1; Del Magisterio. (1926, 16 de novembro). La Región, p. 1; Nombramientos (1924). El Magisterio Español, nº 7097, 550; Nombramientos. (1925). El Magisterio Español, nº 7139, 386); Relación de maestros de esta provincia que han sido sancionados. ( 1940, 8 de maio). La Región, p. 3; Designación de escuelas. (1940, 16 de xullo). La Región, p. 2; Información del magisterio. (1958, 23 setembro). La Región, p. 6; Información del magisterio (1959, 9 setembro). La Región, p. 3; Esquela. (1965, 22 de xuño). La Región, p. 4.

22 septiembre 2024

MATILDE VÁZQUEZ IGLESIAS

Moitas mulleres do blog caracterízanse pola súa discreción ata que nos decatamos do seu amplo currículo e dos logros meritorios que acadaron. E é que a muller, en xeral, non fai alarde dos pasos que vai dando para avanzar e progresar, talvez, debido a esa humildade innata e a esa dedicación plena cara os demais e pola vida dos que a rodean.

O caso que hoxe se presenta no blog é un exemplo de muller avanzada da súa época, ávida de aprender, preocupada por mellorar o mundo no que vivimos ofrecendo o que ela ten de sobra e que veñen sendo a vitalidade, a acción, o compromiso, a fortaleza e, sobre todo, a cultura.

Matilde Vázquez é das mulleres que apostaron pola cultura para mellorar á humanidade. A través da súa expresividade e enerxía, pero, fundamentalmente, a través do seu bo facer como directora de teatro, modela historias que entrañan unha lección. Ela é defensora das ideas xustas, da igualdade, defensora das mulleres, dos humildes e tamén, da natureza, pois como Bióloga, sabe dos riscos que a nosa contora sofre. Seguro que ese afán por coñecer a natureza, da que sabe moito, permitiulle ver a natureza tamén humana, de aí o seu humanismo. En efecto, Matilde é desas mulleres que estarían na corrente do humanismo pois ese é permanentemente a súa  perspectiva de vida.

Naceu en Ourense o 16 de marzo de 1951. Seu pai era José Luis Vázquez Álvarez, que era natural de Melias e que exerceu a medicina en Ourense toda a súa vida sendo Xefe do Pavillón de Infecciosos no Hospital Provincial. Súa nai chamábase Matilde Iglesias Blanco, natural de Envilarchao. Estudou maxisterio e exerceu de mestra pero deixou esta profesión e converteuse en enfermeira traballando co seu home. Matilde é a menor de tres irmáns. O seu irmán maior, José Jaime, é arquitecto e o seu outro irmán, José Luis “Manito”, que tristemente faleceu en 2010, foi médico no Juan Canalejo de A Coruña.

O entorno familiar era dunha grande cultura proba diso é que Matilde sempre tivo un interese vocacional por aprender constantemente. Licenciouse en Bioloxía no ano 1974 na Universidade de Santiago de Compostela. Fixo os cursos do C.A.P. Na Universidade de Santiago no ano 1975 pois quería dedicarse á docencia, outra das súas grandes vocacións xunto coa artes escénicas.

Despois acadou o título de Catedrática de Ciencias Naturais nas Oposicións de 1979 en Zaragoza. Comezou a exercer como profesora de Secundaria pero, ao mesmo tempo, Matilde esixíase máis e foi perfeccionándose e especializándose na docencia pois quería levar ás aulas unha didáctica innovadora e creativa, algo que a caracterizaría, xa que, en efecto, para ela o alumnado era axente activo e facía que pensara e reflexionara e que fose crítico, por tal motivo, todos os alumnos e alumnas adoraban a Matilde.

Desde 1975, tras rematar a carreira, non parou de facer cursos tanto en Ourense, como no resto de Galicia e fóra da nosa Comunidade como Córdoba, Alcalá, Xixón, Barcelona. Todo en aras de innovar a escola e a didáctica. Eran anos da transición e había que transformar a ensinanza e Matilde comprometeuse ata límite para ofrecer o mellor de si mesma nas súas clases. É interesante reseñar os cursos que realizou, tanto como asistente como ponente:

CURSO DE PROGRAMACION 1ª parte- Do I.T.E (Instituto de Técnicas Educativas)-( XII-1975)
CURSO EN TORQUAY SCHOOL OF ENGLISH ( I - IX -1975)
CURSO DE PROGRAMACION Do I.T.E , 2ª parte: ( V- 1976 Universidade Laboral de Ourense)
CURSO DE AVALIACIÓN Do I.T.E. ( VII- 1976 Universidade laboral de Gijón)
CURSO DE METODOLOXÍA NA INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA , Do I.T.E. (XII-1979- Alcala)
II SIMPOSIO NACIONAL SOBRE LA ENSEÑANZA DE LA GEOLOGÍA (IX-1982- Gijón)
CURSO DA XUNTA DE GALICIA DE FORMACIÓN EN LINGUA GALEGA (IV-VI-1985-Ourense)
I CONGRESO NACIONAL DE ENSEÑANZA DE LA BIOLOGÍA (II-1986 - Cordoba)
CURSO DE INFORMÁTICA Do I.C.E. (instituto de Ciencias da Educacion - IV-986 Uni.Santiago)
CURSO DA XUNTA DE GALICIA DE PERFECCIONAMENTO DA LINGUA GALEGA (I-1989- Ou)
PROFESORA-PONENTE Do CURSO DA XUNTA DE GALICIA: “A INNOVACIÓN CURRICULAR NO ENSINO” (X-1991 a III-1992 , celebrado en Viana do Bolo)
PROFESORA-PONENTE Do CURSO DA XUNTA DE GALICIA: “O XOGO COMO FIN E COMO ESTRATEXÍA DIDÁCTICA NA EDUCACIÓN” (do 2 ao 30 -XI- 1993 - Pontevedra
CURSO do CEFOCOP: “AS ACTIVIDADES DA NATUREZA NO CURRICULO DA EDUCACION FÍSICA” (!5 de V a 12 VI - 1995 - Ourense)
CURSO do CEFOCOP: “AREA DE USO E ELABORACIÓN DIDÁCTICO AUDIOVISUAIS” (do X ao XII-1996 - Ourense)
CURSO do CEFOCOP: SEMINARIO `PERMANENTE “TALLER DE CREATIVIDADE” (do X -98 a VI do 99 - Ourense)
CURSO DA XUNTA DE GALICIA. “UTILIZACIÓN DO DEQUIPAMENTO DE BIOLOXÍA E XEOLOXÍA DO BACHARELATO” (IX-2001- Ourense)
CURSO DA XUNTA DE GALICIA. “MANEXO DO CAPTURADORA DE DATOS E PROCESAMENTO DOS MESMOS” (XII-2001-Ourense)
CURSO DA XUNTA DE GALICIA. “ELABORACIÓN DE MATERIAIS EDUCATIVOS COMPLEXOS CO PROCESADOR DE TEXTO” ( III-IV- 2002 - Ourense)
CURSO DA XUNTA DE GALICIA. “EQUIPAMENTO INFORMÁTICO DE BIOLOXÍA” (XI-XII-2002-Ourense).
 

Matilde exerceu no IES. Universidade Laboral. Era a Xefa do Departamento de Ciencias, cargo que ocupou desde 1975 ata 2016. Impartía nos cursos de Secundaria e Bacharelao e as súas clases desenvolvíanse no Laboratorio de Bioloxía pois para ela este era o lugar idóneo para que o alumnado experimentase. As súas clases eran abertas, dinámicas, cheas de contidos interesantes, debates, intervencións, xuízos críticos…o alumnado non só ía aprender Bioloxía, tamén ía aprender a ser máis tolerante, máis respectuoso, máis “persoa” xa que a súa palabra contaba como a da profesora. Ademais, Matilde foi das primeiras en instalar un horto escolar no Instituto onde lles ensinaba aos nenos e nenas como era o desenvolvemento das prantas e froitos.  Programou para o seu alumnado moitas e moi interesantes excursións por toda a xeografía española con fins culturais, didáctico e científico. Unhas experiencias que nunca esquecería o seu alumnado pois eran intensas vivencias de aprendizaxe.

Pero Matilde levaba dentro de sí a súa paixón pola creatividade, polas artes, música, pintura, escultura pero, principalmente, o teatro. O teatro significaba para ela unha realidade idónea para ver a vida desde outra perspectiva. E, sen dubidalo, comezou a formarse. En 1990 foi a Barcelona e alí formouse na Escola de Expresión do Concello de Barcelona como Técnica Superior de Expresión Globalizada. Tras desta titulación viñeron outras.

En 1991 foi profesora-ponente no Curso da Xunta de Galicia “A Educación Artística”, celebrado en Verín. Alí acudiu ata marzo de 1992 para dar charlas sobre como educar en arte. En 1993 realizou o Curso de Preparación Actoral con Alber Boadella que se levou a cabo en Ourense. En 1995 volveu a Cataluña e estivo en Sitges para realizar o Curso de Dirección Actoral con Eugenio Barba.

Entre 1994 e 1995 fixo cursos co Centro Dramático Galego, un de Dramatización e outro de Creación de textos con Miguel Narros.

En 1997 e 1998, de novo en Barcelona, formouse na Escola de Expresión de Barcelona en Escenografía e luces; e na Escola de Expresión de Barcelona estudou Comedia del Arte Italiano.

Así mesmo preparouse con Bárbara Colio no curso Laboratorio de Dramaturxia.

Deste xeito, Matilde entraba a formar parte da historia do noso teatro ourensán. 
Dende 1990 ata 2001 formou parte como ACTRIZ E AXUDANTE DE DIRECCIÓN do grupo profesional “SARABELA”. E dende 2000 ata 2002 foi a DIRECTORA DO GRUPO TEATRAL “MUXICAS” DA O.N.C.E. DE OURENSE , representando na sede da ONCE de Madrid a obra Círculo Vicioso de Antonio Martínez Ballesteros. 

Todo este periplo, tan inmenso, compaxinábao coa súa docencia no Instituto no que ademáis acabou impartindo a materia optativa de Iniciación á Arte Dramática desde 2002 ata 2016 na que se inscribía un gran número de menos e nenas pois sabían que a experiencia merecía a pena. Con eles representou numerosas obras de teatro que foron premiadas en moitos certames. A continuación aparece a referencia de obras e os premios acadados co seu alumnado:
 

No 2013 crea o GRUPO TEATRAL “SOLO” formado por exalumno/as de IAD e Fernando Gabelo, estreando, por medio da ASOCIACION DO CANCRO DE OURENSE , no Teatro Principal de Ourense a obra que leva o mesmo nome: SOLO que foi levada as catro capitais galegas e varios municipio da provincia.

Esta obra foi de tal impacto pola súa posta en escena que estivo en activo ata o 2017 chegando a ser representada no Centro Ourensano de Newark, Nova Jersey.


En 2016 dirixíu Obradoiro de teatro na Universidad de Vigo no último curso de EDUCACIÓNE TRABALLO SOCIAL. En  2017-18 dirixíu o OBRADOIRO DE TEATRO DO ESPAZO XOVE (Xunta de Galicia) de Ourense.

Estamos ante unha muller cuxa enerxía é inesgotable e que está facendo un labor encomiable no Concello de Coles, dinamizando ao pobo e animándoo a participar en actividades. Tal que así, desde 2016 animouse a crear e dirixir O GRUPO DE TEATRO AFECCIONADO COLES, formado por 31 personas con idades entre 9 e 83 anos. Para eles Matilde escribiu  dez das trece obras estreadas que foron epresentadas en diversos municipios de Galicia.

Matilde é directora de teatro, é escritora de pezas teatrais premiadas, é propulsora de arte en todas a súas facetas. Por iso no 2017 tamén se matriculou na Escola de Música de Coles na sección de percusión e , en 2021, ingresa na Banda de Música de Santádega coa que gañou a Medalla de Prata no 136 Certame Internacional de Bandas da Cidade de Valencia.

É admirable todo este currículo, pero aínda é máis cando estamos a referirnos a unha muller humilde que non pretende sobresaír, senón que o que desexa é ofrecer toda a súa creatividade, todo o mellor de si, todo do que é capaz. Mulleres como ela cambian o mundo e fannos ver que hai humanidade ten futuro.

(Nota: Para min é unha honra poñer a Matilde Vázquez neste blog pois a miña admiración hacia ela é moi grande e porque ten un corazón enorme. Grazas, estimada Matilde)

07 enero 2024

ELENA VÁZQUEZ CENDÓN

Elena naceu en Ourense o 2 de marzo de 1966. Foi alumna do IES As Lagoas. Posteriormente trasladouse a Santiago para adicarase á súa paixón, as matemáticas. E, en efecto, é licenciada e doutora en Ciencias Matemáticas, títulos acadados na Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2017 ocupa o cargo de Decana desta Facultade.

Unha muller cun gran cúmulo de investigacións entre as que destaca o estudo das leis hiperbólicas que ten aplicacións nos comportamentos dos movementos líquidos como os ríos, mares e, incluso, o sanguíneo. Dirixiu investigacións no Centro Tecnolóxico do Mar e Reganosa.  Na actualidade participa no Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia.

Participou en proxectos tanto estatais como internacionais pero non esquece a docencia e actualmente é a coordinadora do máster en Matemática industrial.

Por toda a súa traxectoria concedéuselle o premio María Josefa Wonenburger.

Pero, a parte de demostrar por obra que as mulleres acadan altas metas como ela mesma as conseguiu, tamén se amosa preocupada por resaltar o papel das mulleres na docencia e ten publicado unha investigación titulada As mulleres no sistema educativo de Galicia: situación actual , publicado con Isabel Diz Otero, Marta Irene Lois González e Alba Alonso. 

Vid: Wikipedia e La Voz de Galicia

15 octubre 2023

CHONINA VILANOVA

Chonina Vilanova era telefonista pero a súa paixón era o teatro e a interpretación. Formou parte da agrupación Miryam pero logo entrou na compañía Teatro de Cámara de Ourense que se creou en febreiro de 1961 e dicía que: "el teatro es una necesidad. Hoy no podría vivir sin trabajar en él". A entrada no Teatro de Cámara supuxo para ela ampliar os horizontes artísticos. 

A iniciativa de crear na cidade unha agrupación teatral contaba co respaldo de importantes promotores como Varela Feijóo, López Morais, Román Ferreiro, Pato Movilla, Lezcano, Alvarado, Raimúndez Porto, Martínez Risco, López Cid, Gómez del Valle, Alonso García e outros. O entusiasmo levou a que comezasen a iniciar inmediatamente as actividades. A intención principal era levar á escena un teatro selecto de autores clásicos e modernos. En efecto, atrevéronse con obras de autores franceses e xaponeses de grande profundidade temática.

(La Región, 21 de febreiro de 1961, p. 3)

Chonina interveu en numerosos eventos culturais que se celebraban en Ourense nos anos cincuenta e sesenta e, por suposto, realizou lecturas líricas como así fixo na homenaxe ao poeta Alfonso Alcaraz. Representou  interesantes papeis teatrais como: "El Pan vivo" de Francois Mauriac, "La voz humana" de Jean Cocteau, "La mujer del abanico" de Yukhio Mishima...A obra de Cocteau tratábase dun monólogo intimista que foi interpretado maxistralmente por Chonina, demostrando as súas facetas de actriz, no Museo Arqueolóxico Provincial o 19 de xuño de 1961. Outra das súas compañeiras de teatro foi a destacada Guadalupe Espinar.

De novo unha mostra máis de que Ourense foi cidade de cultura e as súas mulleres as principais protagonistas.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: "Presentación del teatro de Cámara en Orense", La Región, 15 de xuño de 1961, p. 3; "La presentación del Teatro de Cámara en el Museo Arqueológico Provincial", 18 de xuño de 1961, p. 2; "Hacia la constitución del Teatro de Cámara y Ensayo", La Región, 15 de febreiro de 1961, p. 3; "Hoy se constituirá el Teatro de Camára y Ensayo de Ourense", la Región, 16 de febreiro de 1961, p. 3; "Teatro de Cámara y Ensayo", La Región, 18 de xuño de 1961, p. 3).

06 agosto 2023

ADELAIDA VALLEJO LEIRA


Publiquei esta entrada o 17 de maio, día das Letras, pois quería resaltar a esta escritora ourensá, a esta poetisa. Sobre elas, non había nada escrito, pero fun investigando e descubrín a unha muller sumamente delicada nos seus poemas, dunha grande cultura e cun grande manexo das palabras e dos versos.

Pois ben, pasado un tempo, recibín con gratísima alegría unha mensaxe da filla de Adelaida, Juliana Freire Vallejo, para agradecerme haber dedicado unha entrada á súa nai e a máis diso, envioue unha carpeta que contiña un grande tesouro: o retrato de Adelaida, unha foto de cando Adelaida era pequena e pasaba cos seus pais e irmán pola Coruña. Envioume tamén dous exemplares orixinais da revista onde publicou Adelaida, Sonata Gallega, outro da revista Galicia, que é a Revista do Centro Galego de Bos Aires, e, o máis valioso, un caderno de poemas manuscritos de Adelaida Vallejo. A emoción embargoume pois tiña nas miñas mans poemas inéditos de grande calidade que fun lendo un a un e  puiden comprobar a delicadeza dos seus poemas, a rima, a cadencia, a musicalidade, a metáfora, a personificación da natureza galega... que deixaban transparentar unha alma sensible, chea de amor...unha poesía rosaliana. Desde logo, un grande descubrimento a ter en conta na nosa literatura. 

Adelaida era natural de Riobóo de Leiro e era a única muller de cinco irmáns. Seu pai era médico en Riobóo. A Adelaida enviárona a Leiro cunha tía e despois xa foi a Santiago de Compostela para estudar maxisterio rematando os estudos no ano 1944. No ano 1945 superou as oposicións e estivo destinada na escola de Beariz de San Amaro e na de Espiñeira en O Irixo. En 1950 concursou a escolas maternais e de párvulos e concedéronlle a escola de Concepción Arenal de A Coruña. Estaba casada co mestre Ricardo Freire Leira e tiñan dous fillos, José María e Juliana, e residían en A Coruña pois ambos os dous tiña a escola alí. A familia adoitaba a pasear os domingos e festivos polas rúas de A Coruña: "¡Que tiempos felices y tranquilos!", di Juliana con nostalxia polo amor aos seus pais e ao seu irmán.

(Fotografía cedida por Juliana Freire Vallejo, filla de Adelaida. A familia paseando pla Rúa Real de A Coruña.)

Temos que destacar que Adelaida, ademais de mestra, tiña outra vocación, a de escritora. Colaborou na revista Sonata Galega compartindo espazos coas insignes e habituais Pura Vázquez, Herminia Fariña, Matilde G. de Lloria, Victoria P. Ozores...e, por suposto, ilustres intelectuais e poetas. A Revista tiña o seguinte subtítulo: Publicación Céltiga e Revista de Galicia. Exponente literario y artístico de la región. Apareceu en Pontevedra en 1944 e tivo unha continuidade ate 1949, se ben é certo, ao comezos tiña periodicidade de catro exemplares por ano que coincidían coas catro estacións, a partir de 1946 a edición foi irregular ata que o último número sería o publicado en decembro de 1949. O seu director era Ramón Peña e nela colaboraban importantes escritores de Galicia como Blanco Amor, Cabanillas, Otero Pedrayo, Risco, José María Luengo... Outro aspecto a destacar da revista eran as ilustracións que estaban realizadas por artistas recoñecidos e, entre as mulleres artistas que colaboraron, podemos destacar a María Rius.

Adelaida colaborou no apartado literario e fixo a súa achega de poemas en tres número de Sonata Gallega, en concreto, no número Inverno de decembro de 1944; no número de Estío de 1945 e no número 11 de 1949. 

(Revistas que me enviou Juliana e nas que publicou Adelaida.)

(Fonte: Sonata gallega : una publicación de Céltiga: Número Invierno - 1944 diciembre, p.11)

O seguinte poema foi publicano na revista número Invierno de decembro de 1944, trátase da primeira colaboración que fixo Adelaida para a revista. (A transcrición é totalmente literal)


Gratitud al invierno
Paisaje sin flores, ambiente nevado
De dulces amores mipecho has colmado
Viniste a traer
La dicha a mi vida con bellos colores
Mas bellos que notas de los ruiseñores
Al amanecer.
 
Con suave ternura besando la nieve
El viento murmura de modo tan leve,
La dulce canción
Que es nave del alma buscando ventura
En alas de ensueño que encantos procura
A mi corazón.


El blanco ramaje con galas de boda
Nos muestra el encaje que el hielo acomoda
Con tul de cristal,
Hermosa presencia reviste el paisaje
Silueta de novia, perfil de su traje
En ritmo nupcial.

Con estalactitas de enea soñada
Columnas bonitas el viento y la helada
Jugando formó,
Adornos colgantes que mil lucecitas
Despiden, en torno a las vidas marchitas
Que el tiempo secó.
 
Escarcha y rocío en noches de luna
Murmullo del río meciendo la cuna
De fría humedad,
Penachos de niebla, cruzados con grío
Cubriendo el espacio de blanco atavío
Mi canto escuchad.

Paisaje sin flores, ambiente nevado
De dulces amores mi pecho has colmado,
Viniste a traer
La dicha a mi vida con bellos colores
Mas bellos que notas de los ruiseñores
Al amanecer.

Adelaida continuou colaborando na revista e no número Estío de xuño de 1945 publicou este poema cheo de nostalxia:

Tu perfume es un recuerdo
Que dejó imborrable estela
Junto a mí.
Juega alegra con el viento
Y envolviéndome su esencia
¡Soy feliz!


Tiene aromas de cariño
Enlazadas con la brisa
Matinal.
Tu perfume encierra el brillo
De ojos puros que acarician
Para amar.

Su fragancia vaporosa
De jardines y de Flores
Me embriagó.
Y en su encanto mi alma goza
Con las gratas ilusiones
Del amor.

Tu perfume es un recuerdo
Que dejó imborrable estela
Junto a mí.
Juega alegre con el viento
Y envolviéndome su esencia
¡Soy feliz!

No correspondente ao número 11 do ano 1949 a colaboración faina cun bonito poema en galego, titúlase "¡Volve, sen qu´eu te chame!" e é un poema de amor no que lamenta a ausencia do seu amado e reclama que volva para recuperar a luz. Está estruturado en tres estrofas de oito versos con rima consoante alternante. Está na liña do desamor que a envove de tristura, unha tristura que nos leva a insigne Rosalía.




(Fonte: Sonata gallega : una publicación de Céltiga: Número 11 - 1949, p. 54)
 
Denque ti te foches, eu de recordos vivo
E sinto alá n´a yalma continuo sofrimento
E teño aquí no peito o corazón cativo
Sin nadie que mitigue este fero tormento
Sin ti eu non comprendo, sin tí eu non concibo
Nin o canto d´a mar, cando mormura o vento
Nin qu´os paxaros trinen con doce melodía
Nin quen poida alegrarse cand´amanece o día.

Trestura e mais trestura. Ausencia d´os amores
Qu´o meu querer profundo repreto d´ esperanza
Brindou con acentos de alegres roiseñores
O peito que contigo fixo unha firme alianza
E dond´a vida puxo os mais vivos colores
De dous que ben se queren con prena confianza
Eu sei que non m´olvidas mais choro prisoeira
D´o tempo que te leva lonxe da miña beira.

Volve sin qu´eu te chame anxo d´a miña vida!
Mensaxeiro feliz d´aurora sospirada
Volve pra alimenar a lámpara encendida
Se non queres topala a´scuras y apagada
Volve que teño medo de ver pra tí perdida
A muller que deixaches aquí tan namorada.
¡Volve sin qu´eu te chame! Desipa estos temores.
¡Non quero que s´acaben os meus e os teus amores!

Outro poema lle adicou á súa terra transcríbese a continuación. Trátase duns versos inéditos escritos en 1944 en galego e que Juliana  aprendeu de cativa. É dunha grande beleza polo xogo de palabras, a sonoridade e as reiteracións que fan del un poema a modo cantiga:

O Maestro de Vilaboa

Disque a tua Vila e Boa
o meu Rio, e tamén Bó
Boa a Vila e Bo o Rio
Vilaboa e Riobóo.

Riobóo e Vilaboa
entrambos ós dous son bós
Bo o Rio, e Boa a Vila,
Vilaboa e Riobóo.

Se o Rio e Bo, a Vila e Boa
¿Cal dos dous será millor?...
Boa a Vila, e Bo o Rio
Vilavoa e Riobóo.

Riobóo e Vilaboa
lonxe están coma en prisión.
Mais o tempo ha de axuntalos
Vilaboa e Riobóo.

Adelaida escribiu poesía ata a súa morte. Faleceu o 16 de xaneiro de 1988 e un mes antes escribiu o seguinte poema que me facilitou Juliana:

Por un sendero de siglos                              María y José, caminan
Las estrellas caminaron                                Y se cierran los portales
Y en el espacio infinito                                 Un Pesebre, los acoge
A los hombres alumbraron.                           Con un calor de animales

Un paraíso en la Tierra                                Por un camino de Siglos
De amor y blanca inocencia                           Las estrellas alumbraron
En el pecado se hundió,                                Y las voces desde el cielo
Pero Dios, tuvo clemencia.                             Los pastores escucharon

Por una mujer, perdido                                 Ha nacido el Rey
Por otra mujer salvad                                   A los hombres, Paz
Y por un Dios redimido                                Gloria a Dios en las alturas
Sobre una cruz humillado                              Que ha mostrado su bondad

Por un camino de Siglos                                Primero los animales
Las estrellas alumbraron                                Después, humildes pastores
Y los hombres, bajo ellas                                Pobres pañales y pajas
Creyeron lo que anunciaron                            Esos fueron sus lores

Voz de Profetas clamando,                             Por un camino de estrellas
Sobre oscuras realidades                                Los Reyes magos llegaron,
Pecado envolviendo al hombre                         Y en el Portal de Belén
Sombra y luz, en sus verdades                        Al Niño Dios, adoraron

¡Tribu, tribu de Judea!                                    Ha nacido el Rey
En el desierto perdidos                                  A los hombres paz
Esclavos de los Egipcios                                 Paz sin pecado, ni guerra
Siendo Reyes elegidos                                    Amor, Amor y bondad

Por un camino de Siglos                                 Corazón del hombre
Las estrellas, tienen luz                                   Abrete ahora
Una Virgen, un Dios niño                               Ten Caridad
¡Nos salvará con su Cruz!                               Ten Paz
                                                                  Ten Bondad
Pueblo, pueblo de Judea                                  No guerra
Belén, la humilde escondida                             No mala volutad
Entre sombras humillada                                Corazón del hombre
La oscura desconocida                                    ¡Ten Caridad!

Un matrimonio camina
Presuroso, y angustiado                                    (Sanatorio. Modelo. 7/XII/87.)
Porque va a nacer un Niño
El Redentor anunciado

Pueblo, pueblo de Judea
Belén, con puertas cerradas
Noche oscura en los senderos
No hay sitio, ni en las posadas

A continuación ofrécese uns documentos inéditos escritos entre 1943 e 1945. Son algúns dos poemas escritos de puño e letra por Adelaida Vallejo, en galego e castelán,  e que me facilitou a súa filla Juliana. 

Desde aquí quero expresar o meu agradecemento sinceiro a Juliana Freire Vallejo por ofrecerme información sobre a súa nai, as fotografías e os poemas manuscritos. Sen dúbida, unha grande homenaxe para Adelaida.

Entrada suxeita a propiedade intelectual. Prohibida a súa copia, descarga, reprodución ou publicación.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: La Región, 2 de agosto de 1945El Correo gallego, 1946 setembro 4, p. 4; El pueblo gallego, 12 de xaneiro de 1955, p. 4; El pueblo gallego, 30 de xullo de 1955, p. 9; El Ideal gallego, 18 de maio de  1950; Sonata gallega : una publicación de Céltiga: Número Invierno, decembro de 1944, p. 36; Sonata gallega : una publicación de Céltiga: Número Estío, xuño de 1945, p. 44; Sonata gallega : una publicación de Céltiga, Número 11, 1949, p. 54; Entrada Sonata Gallega, en Wikipedia Fotografía da entrada cedida por Juliana Freire.)