Etiquetas

06 junio 2021

PURIFICACIÓN GONZÁLEZ FEIJÓO


Purificación González Feijóo, naceu Ourense e cursou os estudos de Maxisterio onde foi alumna de Vicente Risco, quen a animou a colaborar coa Revista Nós. E, efectivamente, enviaría un relato escrito en galego que sería publicando no boletín do 15 de marzo de 1934.

Ao remate da carreira, en 1937, obtén praza de mestra en Corexido (A Veiga), Ourense. En 1944 pasou a exercer na escola da Manchica, A Merca.

No ano 1957 concédeselle a saída de España polo que gozaba do dereito a poder emigrar formando parte do gran cupo de pobación española que nesa época se encamiñaba, maiormente a Europa. Pero, non é seguro que marchara e se o fixo, puido ser que estivese fóra moi pouco tempo. O caso é que en 1963 estaba exercendo como mestra no pobo de Espiñeira, O Irixo, e por concurso de traslados destinárona a un pobo de Asturias, concretamente á escola mixta de Tandes no Concello de Cangas de Narcea, Oviedo.

Como se dicía, Purificación González, en 1934 colaborou no número 123 da revista Nós, na sección "Archivo filolóxico e etnográfico de Galiza". Escribe o conto "O corpo do delito" , un breve conto de Penosiños de Ramirós sobre uns bandidos que na primeira guerra carlista secuestraron ao cura de Santa Mariña a Graña e levárono ao monte. Mentres tanto a reitoral foi ocupada polos xefes e as súas mulleres, pasando alí unha tempada. Cando o abade pagou o rescate deixárono libre e ao voltar queimou todas as camas que había na casa.

Trátase dunha redacción breve e concisa pero escrita nun galego coidado e cuase normativo, isto é, con certo afastamento dun galego coloquial e costumista. Mais apréciase ese interese por diferenciar o galego da lingua castelá pola aparición de hiperenxebrismos o que denota querencia polo idioma.

Nós, 15 de marzo de 1934, nº 123, p. 57.

Vid: El Correo gallego, 1944 marzo 30; El Pueblo gallego 1937 marzo 17; 1957 julio 5; Escuela Española, Suplemento ao nº 1187, de xullo de 1963, p. 302.