Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Medicina. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Medicina. Mostrar todas las entradas

02 junio 2024

GLORIA SÁNCHEZ BORRAJO

Gloria naceu en Ourense o 25 de marzo de 1913 e foi unha pioneira no campo da Pediatría. Era filla de Genoveva Borrajo Pérez e Patricio Martín Sánchez Dalama da Casa CROS, empresa do sector químico fundada en 1904 e con sede en Barcelona. O pai de Gloria foi un auténtico emprendedor e rexentaba unha Casa de Baños -Termas chamadas "El Outeiro" que estaba situada na rúa do Progreso, número 29, tamén tiña varios centros comerciais e industriais e tamén era propietario do Cine Avenida. Gloria tiña tres irmáns, José, Adela e Waldo, este último tamén estudaría medicina.

Estudou no Instituto ourensán, onde ingresou en 1926. Matriculouse por libre no bacharelato elemental e o bacharelato universitario que nesa época era a estrutura destes estudos tras o Plan Callejo de 1926, compostos por tres cursos en cada un deles. A preparación dos exames realizouna na Academia Sueiro e acabou os estudos en 1931 cuns resultados satisfactorios. Obtivo o Título no Bacharelato elemental e tamén no Universitario na Sección de Ciencias e solicitou o traslado á Universidade de Santiago.

Matriculouse na facultade de Medicina obtendo ao  longo dos cursos  unhas moi boas cualificacións e licenciouse, na especialidade de Pediatría e Puericultura, en 1941. Ese mesmo ano, en setembro, casa na Igrexa de Santa Eufemia do Norte da cidade de Ourense, co tamén médico, Agustín Sobrino Vicente. O matrimonio foi residir a Madrid onde Gloria estivo becada na Institución Municipal de Puericultura e Maternoloxía. Despois voltou para instalarse en Ourense e Gloria abriu a súa consulta na rúa Curros Enríquez, número 21 no segundo piso.

Gloria foi das primeiras en licenciarse na especialidade de pediatría e na época na que comezou a exercer non había seguro de enfermidade pero ela comezou a ter consultas gratuítas para os nenos e nenas da cidade. Non foi a única, outros pediatras sabían da necesidade de atender aos pequenos nenos e nenas e tamén comezaron a ofrecer consulta gratuíta como Blanca Sánchez Martínez.

A continuación un anuncio da Casa Termal do pai de Gloria.

(Fonte. Galiciana. Galicia, 29 de xuño de 1930, p. 3.)

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: Cid Galante, Rosa M., A muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de Doutoramento. Galicia, 29 de xuño de 1930, p. 3;  "De exámenes", Galicia, 30 de setembro de 1931, p. 8; Galicia, 15 de decembro de 1931, p. 6; Galicia, 12 de xuño de 1934, p.2; El Ideal Gallego, 28 de setembro de 1941, p. 7; "Anuncio", La Región, 12 de abril de 1945, p. 3. VV.AA, Cuadernos de la Historia de la Pediatría española, nº 13, 2017; p. 24; La Región, 24 de novembro de 1963, p. 9; "Necrológica", La Región, 11 de agosto de 1967, p. 2)

19 noviembre 2023

MARÍA DICKER DE DAINOW

Eu descubrín a esta muller tan interesante por estar relacionada cunha profesora de piano rusa que daba clases na rúa Lamas Carvajal de Ourense chamada Olga Berliavskaya. Após pescudando sobre María Dicker atopei o marabilloso e moi recomendable estudo de David Simón no seu blog  Diario de un médico de Guardia.

María Dicker, en efecto, posuía o título de odontóloga ruso que lle foi habilitado en 1911 polo Colexio Provincial de Otontólogos de Pontevedra polo que puido exercer a profesión.

María e o seu home,Wladimiro, eran rusos e viñeron de Suíza e, de seguro, achegarían un certo aire de cosmopolitismo nunha cidade tan pequena e provinciana como era o Ourense de comezos de século. Tiñan dous fillos, Marc Zilberman Dicker, fillo do primeiro home de María, e Miguel Dainow Dicker, fillo de Wladimiro. O matrimonio rexentaba unha moderna consulta no propio centro neurálxico da capital, na da Praza Maior, concretamente, na casa construída por Vázquez Gulías propiedade de Fermín García. Tamén tiñan outra consulta na vila de Celanova. María traballaba de odontóloga e o seu home, Wladimiro Dainaw, era protésico-mecánico e ambos os dous exerceron aquí desde 1911 ata 1936. 

O matrimonio gozaba de grande recoñecemento na cidade e relacionábase coa intelectualidade ourensá. De María pódense indicar outros aspectos interesantes acerca da súa personalidade que teñen que ver co seu labor e implicación na sociedade ourensá, pois estamos a falar dunha muller que gozaba de grande prestixio mais carecía de ambición xa que non cobraba a aqueles que se atopaban nunha situación desfavorable, ofrecía tarifas reducidas para a clase obreira e os sábados consultaba gratuitamente a xente máis pobre para extracción dalgunha peza dental.

Así mesmo, o matrimonio sempre foi moi sensible aos acontecementos do seu país polo que era habitual que organizasen colectas para recadar fondos para os Nenos Rusos que sufriron a Revolución Rusa e a Guerra Civil no país soviético a finais da segunda década do século XX. Outro dato interesante que nos revela a boa integración na cidade e a personalidade altruísta de María  é a súa contribución a diferentes causas humanitarias que había en Ourense como, por exemplo, fixo unha achega desinteresada de cinco pesetas para o Colexio das Adoratrices pois este sufrira un incendio en 1927. Tamén contribuíu con 15 pesetas ao Roupeiro Santa Victoria para os nenos da cidade; era doante para os Comedores de Caridade e para a Junta de Protección a la infancia escolar.

A súa preocupación para manterse ao día fixo que o matrimonio acudise regularmente a Congresos Internacionais sobre Odontoloxía. Visitaron en 1926 Alemana, Francia e Suíza as principais Clínicas odontolóxicas e no ano 1931, de novo, fan unha nova saída ao extranxeiro para coñecer novos adiantos:

Ha regresado de París, a donde han asistido con ocasión de celebrarse el último Congreso Internacional Odontológico, los señores Dicker y Dainow, después de estudiar los últimos adelantos y las aplicaciones científicas más modernas introducidas en la práctica profesional del extranjero. También en Suiza, han visitado las clínicas e instalaciones más completas.(1)

(Fonte: Galiciana. La Región, 23 de xuño de 1911, p. 3)

María Dicker tiña unha irmá chamada Clara Hala Dicker Zilberman que traballaba  na consulta odontolóxica de Manuel Casanova Rodríguez de Ribadavia e nos días que este non estaba na clínica era ela a que o substituía desempeñando o traballo de dentista. Pero foi denunciada polo Colexio de Odontoloxía de Pontevedra de non posuír a titulación. Clara, na súa defensa, argüía que era irmá de María Dicker e que tiña a titulación en odontoloxía e que coñecía todos os traballos da profesión dental. Sempre pensou en rebalidar o seu título pero esixíronlle aprobar toda a carreira de novo.

Miguel, fillo de María e Wladimiro, continuaría coa tradición profesional familiar e fíxose odontólogo. Pero no ano 1936 a familia sufriría a represión franquista e tivo que pechar a clínica requisándolle todo o material que tiñan na de Ourense e na de Celanova. O seu novo destino sería París onde, lamentablemente, a familia foi recluída no campo de concentración francés de Drancy na redada parisiense de Vel d´hiber (2) cando o nazismo se fixo con Francia. Miguel puido voltar a Ourense no ano 1949 onde continuou exercendo de dentista. Faleceu en 1975.

(1)Galicia , 8 de agosto de 1931, p. 8.
(2) http://galiza-israel.blogspot.com/2017/11/a-historia-de-salvador-rosental-e-os.html     Blog moi interesante para consultar a traxectoria da familia.

Elaboración propia a partir de diversas fontes: Boletín Oficial del Colegio Provincial de Médicos de Pontevedra, Número 99, 1 de outubro de 1932, p. 66; La Región, 27 de xullo de 1912, p. 1; La Región : 19 de febreiro de 1922, p. 1; La Región , 26 de febreiro de 1926, p. 5; La Región, 24 de decembro de 1927; La Región, 6 de decembro de 1931, p. 1; La Región, 5 de novembro de 1936, p.2. https://andaquepaque.blogspot.com/2020/04/como-ser-dentista-y-morir-en-el-intento.html

13 febrero 2022

MARISA CRESPO LEIRO

Naceu en Cea e pola súa traxectoria ben merece dedicarlle unha entrada neste blog que pretende recompilar a cantas máis mulleres posibles da nosa ourensanía.

Licenciouse en medicina na Universidade de Santiago e fixo o doutorado na Universidade Autónoma de Madrid especializándose en cardioloxía. Exerce no Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña e é profesora de Universidade.

Ten un grande recoñecemento internacional pois foi presidenta da Sección de IC y TC da Sociedade Española de Cardioloxía, Chair del Council on Heart Failure and Transplantation de la International Society for Heart and Lung Transplantation (ISHLT). Membro del Board of Directors de la ISHLT (2010-2013). Membro fundador da Sociedade Española de Trasplantes (SET). Membro do Committee on National Heart Failure Societies da Heart Failure Association (HFA) da European Society of Cardiology (ESC), membro do Board da HFA, e Chair do Advanced Heart Failure Committee de la HFA. Na actualidade é membro do grupo de traballo do proxecto Building research initiative group: chronic illness management and adherence in transplantation e membro honorario de la Heart Failure Society of America.

Dirixiu gran cantidade de cursos de formación e é referente no transplante de corazón.

Ela di que o mundo da cardioloxía é apaixoante e manifesta que é importante a formación da enfermería na recuperación dos pacientes con insuficiencia cardíaca por iso leva a cabo numerosos cursos de formación dirixidos a este sector.

Esta traxectoria tan meritoria fai que sexa un referente na súa especialidade pois é unha muller que está constantemente investigando e renovándose para chegar a un coñecemento máis exhaustivo da cardioloxía.

É unha fortuna coñecer estas mulleres que desempeñan un labor tan encomiable e demostran ser profesionais sobresalientes.

Recentemente, no mes de setembro de 2021, recibiu a mención de Filla Predilecta de Horna.

Vid: https://www.cibercv.es/noticias/marisa-crespo-nombrada-miembro-internacional-honorario-de-la-heart-failure-society-of-america



19 diciembre 2021

SARA ESTÉVEZ ÁLVAREZ


Sara Estévez Álvarez naceu en 1898 no pobo de Crespos, Padrenda. En 1916, cando tiña catorce anos realizou o exame de ingreso no Instituto de Ourense. Tamén sacou o título de Mestra Nacional.
Completou a súa formación en Bos Aires como interna na Maternidade de Rawson e aquí sacaría a Diplomatura de Partera. Logo trasladouse a Madrid onde foi axudante do Doutor Varela Radio, unha eminencia no mundo da mediciña. Un galego, nacido en Pontevedra  e que estudou na Universidade de Santiago e despois se trasladou a Alemaña para seguir formándose. Estando en Madrid foi titor de moitos galegos que estudaban medicina na capital. Sara aprendería con el os interesantes adiantos técnicos que comezou a aplicar na xinecoloxía como a radioterapia. 

Outro dos seus mentores sería Sebastián Recasens, ciruxián e especialista en obstetricia e Xinecoloxía e de grande fama pola súa profesionalidade e por ter sido o médico xinecólogo que asistiu á Raíña Victoria Euxenia para dar a luz ao infante Gonzalo Manuel.

Sara tamén acabou sacando o Título do Seguro Obreiro de Maternidade que consistía en atender ás nais obreiras segundo se estableceu no Real Decreto do 26 de maio de 1931. A lei lexitimaba o papel da matrona nos partos das obreiras o que contribuía a diminuír o intrusismo na profesión.
De volta en Ourense instalou o seu consultorio para asistir a partos e facer curacións na rúa Libertad, nº 7 primeiro piso, e logo na rúa de Colón e finalmente na rúa Progreso, nº109 pero tamén abriu outro en Ribadavia a onde acudía dous días ao mes. Atendía previa cita chamando ao teléfono nº 27 e anunciábase diariamente na prensa local, tanto na Región como na Zarpa pero tamén na prensa de carácter nacional como na publicación El Blanco y Negro editado en Madrid.



(Fonte: La Región, 17 de abril de 1934, p. 5. Galiciana)
(Fonte: Blanco y Negro, 16 de setembro de 1934, p. 197.)

(Elaboración propia)
Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento. Imaxe inicial, Programa de Festejos del Corpus, 1934;La Región, 26 de outubro de 1932, p. 6 El Eco de Santiago, 26 de decembro de 1919.




12 septiembre 2021

ISABEL PEÑA-REY LORENZO

Presentamos no blog a unha muller cun amplo periplo curricular e profesional de alta responsabilidade pero ademais muller de grande compromiso social.
Naceu en Ourense e é filla de Manuel Peña-Rey Bouzas e de Marisa Lorenzo.
Isabel Peña Rey forma parte dunha familia de fonda tradición vocacional médica. O seu avó, Don Manuel Peña Rey, foi o primeiro médico que exerceu na cidade na especialidade de obstetricia ademais de ser unha persoa de forte compromiso social e político pola súa terra, sendo o presidente do Partido Galeguista de Ourense. A súa avoa, Celia Bouzas, sería tamén unha destacada defensora do galeguismo ao asinar o Manifesto Galeguista e ser a presidenta do Grupo Feminino do PG. Manifesto que tamén asinarían as súas tías Marina Peña Bouzas e Esther Peña Bouzas.

É filla de Manuel Peña-Rey Bouzas e, como o seu pai, unha comprometida na cuestión política. Presentou, xunto ao seu pai a revista "Nuestra Bandera" publicación do PCG. No ámbito político, Isabel Peña-Rey formou parte dalgunhas candidaturas de En Común Podemos pola provincia de Ourense, vinculadas a Esquerda Unida.

Isabel Peña-Rey é especialista en Medicina Familiar e Comunidade, graduado na especialidade en Saúde Pública e Xénero, máster en Saúde Pública e doutor en Medicina e Cirurxía. na Escola Nacional de Saúde, en ministerios de saúde e en diferentes universidades e dirixiu teses de doutoramento e traballo de fin de máster sobre temas de saúde e xénero.

Foi xefa de área na Axencia de Calidade Sanitaria para coordinar as Estratexias Sanitarias do Sistema Nacional de Saúde para enfermidades crónicas (2009-2014) e xefa de sección de vixilancia epidemiolóxica no Centro Nacional de Epidemioloxía, participando en Redes europeas de vixilancia.

Tamén ten unha ampla experiencia profesional e de xestión: foi coordinadora da Xefatura de Servizo de Programas Poboacionais de Screening do Departamento de Saúde de Galicia. Antes diso, participou como experta nacional na Dirección Xeral de Saúde Pública da Comisión Europea (2014-2018).

O Ministerio de Consumo propúxoa como nova directora da Axencia Española de Seguridade e Nutrición Alimentaria (Aesan) á doutora ourensá Isabel Peña-Rey, actualmente asesora técnica da Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade.

É autora de moitos artigos en revistas rexistradas no Journal Citation Report (JCR) e foi investigadora do Center for Biomedical Research in the Epidemiology and Public Health Network (Ciberesp). Entre as súas publicacións destacamos:

Epidemiología de la varicela en España en los períodos pre y post vacunación

Coste-efectividad de la vacunación contra la varicela en adolescentes en España

Carga de enfermedad atribuible a las afecciones inmunoprevenibles en la población infantojuvenil española.
______

Vid: La Voz de Galicia, 11 de Abril de 2019; 16 de febreiro de 2021; El Correo Gallego, 18 de Febreiro de 2021; La Región, 14 de abril de 2019.

04 julio 2021

MARI FE RODRÍGUEZ DOCAMPO

Mari Fe Rodríguez Docampo naceu en Ourense o 9 de agosto de 1932 e foi a primeira muller ourensá titulada en enfermería e a primeira colexiada neste profesión. A súa nai chamábase Dolores Docampo de la Fuente e o seu pai César Rodríguez Cortiñas. Mari Fe é a terceira dos cinco fillos que tivo o matrimonio. Os seus irmáns son Dolores (recentemente falecida en Caracas), Fe (esta filla faleceu de nena por meninxite aos dous meses de nacer), Mari Fe (que levou o nome da súa anterior irmá falecida), César e Josefa. Os cinco naceron na rúa de Mariñamansa de Ourense.

Previamente quixera contarlles unha moi bonita historia, a historia que me levou a coñecer as referencias de Mari Fe Rodríguez Docampo e a do resto dos seus irmáns e que fixo que creara vínculos de enorme agarimo coa súa familia desde Málaga ata Ourense. Quere o azar da vida que vaiamos atopando marabillosos tesouros de igual xeito que uns arqueólogos.

Estaba eu buscando información sobre unha muller ourensá cuxos apelidos eran Docampo. Nesta intensa pescuda atopei nunha ocasión unha dedicatoria no libro de visitas de Os Furafollas de Bazal na que se dicía o seguinte "Aunque vivo en Andalucía, soy galego. Mi padre era de Marce, y mi madre (Dolores Docampo) había nacido y era de Bazal..." Esta dedicatoria estaba asinada por César Rodríguez Docampo o 2 de outubro de 2017. De inmediato pensei que a nai de don César e a muller sobre a que eu estaba investigando eran irmás pola coincidencia dos apelidos.

(Mari Fe é a enfermeira da esquerda)

A partir de entón, busquei a maneira de poder contactar con Don César do que, en principio, sabía que vivía en Andalucía. Fun aproximando a información e logrei averiguar que vivía en Campillos, un concello de Málaga. Indaguei algo máis de Don César e souben que é Catedrático de Filosofía de Ensinanzas Medias ademais de periodista e escritor de varias novelas, algunhas delas centradas en Ourense, como, por exemplo, "Auria, la Ciudad de los Tiempos Infinitos". Unha preciosa e recompendable novela narrada dun xeito fluído e poético de temática intensa que promove á reflexión. Ademais desta obra escribiu "La Transición en Campillos tras la muerte de Franco"; "Christiaan N.Barnard en la Taberna de los mares"...todas de temáticas de transfondo filosófico que invitan a repensar. Sabía pois que me atopaba ante unha persoa de enorme cultura, un gran intelectual, un brillante escritor e unha persoa que profesaba un amor intenso pola súa terra. Logo descubrín que fora o primeiro alcade da transición en Campillos e que exerceu no Colexio "El Colegio de San José". Estas novas pistas leváronme a contactar co colexio para ver se podían indicarme como podía localizar a Don César e remitíronme ao Concello de Campillos. Enviei varios correos electrónicos ao Concello pois a miña curiosidade acrecentábase cada vez máis. E nunha destas recibo un mail de Noelia Rodríguez indicándome que era a filla de César e que se puña á miña disposición para ofrecerme a información que precisara.

Novela ambientada en Ourense de Don César Rodríguez Docampo.

En primeiro lugar indicoume que a súa avoa, Dolores Docampo, non era irmá da muller que eu estaba buscando e que a ela tamén lle sorprendera a coincidencia dos apelidos. Pero, tras presentarme como é debido e indicarlle cal era a finalidade da miña investigación, ofreceume a historia da súa tía Mari Fe. A partir de aí comezou un trasvase continuo de correos entre Noelia e máis eu, desde Campillos, Málaga, a Ourense e se agrandaba o meu interese pola historia da súa tía e a súa familia. Para min Noelia foi unha guía neste camiñar e por iso a miña estima por ela non pode ser máis grande. Creouse un gran vínculo entre nos as dúas e o seu pai, César, que sempre ten a Ourense na súa alma. Noelia levoume a contactar coa súa tía Josefa, Hermana da Congregación Divino Maestro en Ourense, pois é a que está pendente de Fe que xa é moi maior. Dito e feito, facilitoume os teléfonos e eu chameina á Congregación Divino Maestro e a súa voz alegre, desperta e chea de corazón dixo que non tiña ningún reparo en contarme a traxectoria da súa irmá. E así foi, quedamos o día 17 de xuño de 2021 ao ladiño da igrexa de Santa Eufemia e durante un cafeciño falamos e falamos case dúas horas. E de aí nace esta bonita historia de Mari Fe e da súa familia. Comecemos.

Dolores, Fe, César e Josefa eran fillos de Dolores Docampo de la Fuente que naceu en Bazal da familia do Conde de Bazal, título que probablemente pertencía á súa nai, Ramona de la Fuente ou á nai do seu pai, César Docampo. O caso é que dito título quedou sen vixencia. O home de Dolores chamábase César Rodríguez Cortiñas que naceu en Marce. Os dous, polo tanto eran lucenses. Pero ao casar viñeron para Ourense e asentáronse en Mariñamansa onde rexentaron un comercio de ultramariños. Pasado un tempo Don César, o pai, marchou para Barcelona onde un sobriño e alí faleceu.

Dolores quedou viúva e ao cargo dos seus fillos, pero era unha muller de carácter e moi traballadora que sempre quixo que todos os seus fillos estudasen, tiveran carreira e cultura. Ela exerceu de pai e nai e como di Josefa "sacrificada hasta lo último". Sacounos adiante de xeito magnífico. César, marchou estudar a Comillas cos Xesuítas e fixo a Cátedra de Filosofía e Letras con brillantes resultados forxando unha persoa de fonda cultura. Logo foi destinado a Málaga onde exerceu como docente no colexio San José ata o ano 1977. De aí a novos destinos como Campillos, Ourense, San Fernando de Cádiz, Ronda, Cabra e Jerez de la Frontera e, despois deste amplo periplo, xubilouse aos setenta anos. Pero a súa terra, Auria, tena na memoria e sempre que pode regresa a Ourense; el di: "Aunque vivo en Andalucía, soy galego. Mi padre era de Marce, y mi madre (Dolores Docampo de la Fuente) había nacido y era de Bazal, hija del Conde de Bazal. Mi abuelo tenía en el río Miño, justo donde está ahora el pantano, delante hacia Los Peares, ahí tenía mi abuelo como si fuera una casita de piedra baja, por donde entraban las lampreas y allí quedaban sin poder salir. Mi abuelo o los criados recogían las lampreas que vendían en distintos bares de Galicia. Un abrazo a Galicia, Ourense, Os Peares, Bazal (terra dos meus pais)". No blog que el mesmo rexenta https://cesarrdocampo.blogspot.com/ expresa ese sentimento de amor á terra galega. 
As fillas do matrimonio Dolores, a maior, e Josefa, a máis pequena, entrarían na Congregación do Divino Maestro e, sendo as dúas aínda moi noviñas, foron Hermanas Misioneiras en Venezuela onde traballaron intensamente como mestras. Josefa nacida o 18 de xullo de 1936 tiña dezanove anos cando marchou. Dolores falecería alí, en Caracas. Josefa que é especialista en Textos Bíblicos, sacou a Diplomatura despois de tres anos intensos de estudo, continuou alí, en Venezuela, e ademais de impartir docencia tamén oficiaba bautismos e a comunión. Foi trasladada catro anos a Chile pero logo volveu a Venezuela ata que hai seis anos que regresou a Ourense para coidar da súa irmá Mari Fe tras cincuenta e nove anos fóra de España. É Josefa unha muller moi activa, optimista e dunha grande cultura.

Mari Fe Rodríguez Docampo

En canto Mari Fe, realmente quería estudar mediciña en Santiago, pero logo decantouse pola enfermería. Foi estudar a carreira a Salamanca e rematouna en Madrid. Resaltaban os seus profesores que tiña unha grande preparación para a enfermería. Cando se titulou regresou a Ourense e comezou a traballar moi pronto na clínica de Capital Eloy pois era a primeira co título en enfermaría e colexiada nº 1. Probablemente alí coñeceu ao que sería o seu home que era chapista e que estivo convalencente debido a unha ferida que se ocasionou no traballo. Cando casaron ela tiña trinta e seis anos e el cincuenta e dous. O matrimonio viviu na Avenida de Bos Aires e non tiveron fillos e Fe dedicouse de pleno á súa profesión. Cando se creou a Seguridade Social, pasou a traballar no Centro Hospitalario de Xoan XXIII e cando abriu a Residencia Sanitaria trasladárona alí onde traballou ata a súa xubilación. Mari Fe exercía a súa profesión de xeito moi vocacional. Os médicos tíñanlle simpatía e un grande respecto. Así mesmo, era unha muller moi preocupada polos coidados dos enfermos en xeral e, en particular, pola atención aos nenos aos que, segundo as súas palabras, había que darlles o mellor. Con ser unha profesional da medicina, Fe é unha grande experta en herbas medicinais e confía plenamente na súa capacidade terapéutica. Na actualidade, aos seus oitenta e oito anos, próximos a cumprir os oitenta e nove, atópase bastante ben aínda que require de coidados. Pero, segundo me di Josefa, aínda mantén o seu carácter, o que é claro síntoma de ter sido unha muller avanzada no seu tempo. Talvez, moitos ourensás recibimos as curas desta pioneira enfermeira ourensá.

Mari Fe faleceu en Ourense o 21 de agosto de 2023, aos 91 anos de idade.


(O Título oficial de Marí Fe, colgado no corredor da súa casa e fotografado cando a visitei)



Esta entrada, tan emotiva para min, teño que deberlla principalmente a Noelia Rodríguez Pardillas, filla de don César Rodríguez Docampo. Ela foi quen me abriu as portas da historia familiar e do seu corazón e a que me enviou as fotos da súa tía. Agora coida con mimo ao o seu pai e sei que quere traelo a Ourense para que rememore a súa infancia aquí.

Tamén quero dar as grazas á súa tía Josefa Rodríguez Docampo por atenderme e por narrarme esta historia nunha mañanciña fresca de primavera.

Así mesmo quero agradecer ao Colexio San José de Campillos por atenderme e axudarme a localizar a don César. Así mesmo, ao Concello de Campillos que tan amablemente contestou á miña chamada e enviou as miñas referencias á familia de don César para que se puxera en contacto comigo.

Como ven, foi unha historia entrenzada desde Ourense a Málaga e desde Campillos a Ourense que merecía estar neste blog de mulleres ourensás.

07 diciembre 2019

YOLANDA PREZADO

Científica nacida en, Verín ,Ourense, que recibiu unha beca da Unión Europea, European Research Council Consolidator Grant, para financiar o gran proxecto que esta ourensá está a realizar. Yolanda desenvolve un tratamento que reduce as secuelas da radioterapia. Por tal investigación a UE considera que estamos ante unha excelencia científica.Coa desenvolvemento da técnica que está a investigar a nosa científica, permitarase aplicar doses seguras en oncoloxía pediátrica e eficaces en tumores malignos en adultos.

Está especializada en radiofísica hospitalaria e deixou o seu posto para traballar novos métodos no tratamento do cancro en Francia. Obtivo a praza de funcionaria no Centro Nacional para a Investigación Científica de Francia.

20 abril 2019

OFELIA SOTO GARCÍA

Introducimos no blog unha achega importante e agradezo a información ofrecida por Nacho Rivero Madriñán e Marosa Salgado Madriñán netos desta grande muller.

Dona Ofelia Soto García naceu o 5 de xuño de 1908 en Nogueira de Ramuín. Era filla de Eulogio Soto Pombar,  que era irmán de Sara, Josefa,  María Aristides, Margarita e Mercedes, algunhas delas figuran neste blog.

Ofelia, cursou o Bacharelato no Instituto de Ourense. Casou en marzo de 1928 con Don Modesto Madriñán Neira, fillo do avogado e Oficial Maior da Deputación Provincial, don Luís Madriñán. Casaron na Igrexa de Santa Eufemia e tiveron 11 fillos. Dona Ofelia, xa con fillos, examinouse en Santiago de Matrona tras os seus estudos e prácticas co Doutor Peña Rey, obtendo o título. Logo exerceu como comadroa de Ourense e axudou a traer ao mundo a moitos nenos. Traballou  como matrona titular do Hospital Provincial (Deputación)  e do Concello e tamén foi a primeira comadroa da Seguridade Social en Ourense segundo se instalou. Traballou cos primeiros xinecólogos de Ourense, a moitos deles case os formou nos seus primeiros pasos despois de rematar na Universidade. Era a única comadroa que facía turnos de noite e tivo o primeiro teléfono da cidade que non estaba en lugar público. Exercería a profesión con grande vocación ata que se xubilou.

Non obstante, a vida de Ofelia non foi doada pois sufriu o proceso de depuración que se levou a cabo no Colexio de Médicos de Ourense durante o franquismo entre os anos 1939 e 1943. A orde do 6 de outubro de 1939,  publicada no Boletín do Estado o día 7 de outubro, ordenadaba a depuración de médicos pola súa conduta político-social en relación ao Glorioso Movemento Nacional. A partir de 1940 comezóuselles a abrir expediente a moitos médicos da provincia e nesa relación incluíuse á matrona Ofelia Soto García pois tamén era sospeitosa de conduta contra o GMN por estar a traballar con moitos deles, finalmente non foi sancionada.

Deste xeito, estamos ante unha grande muller, unha traballadora vocacional e profesional e moi querida pola xente xa que sempre axudou aos mais necesitados e conseguía canastillas para os pequenos. Por iso, non é de extrañar que fose madriña de multitude de nenos porque llo pedían os pais.



                                           La Región,  15 de xaneiro de 1936

Xa con case noventa anos estivo presente no parto dalgunhas das súas netas. Medio Ourense e os seus arredores lembran a Doña Ofelia.





Na ilustración que aparece a continuación pódese ler o marabilloso escrito na prensa que o Doutor Martinón Sánchez escribiu sobre Ofelia Soto cando esta faleceu. Dedícalle a Ofelia Soto unhas fermosas palabras. Creo que moi ben merecidas. Dito recorte foi facilitado pola familia:

(Recorte de prensa enviado pola filla de Ofelia Soto)

Nota: Información e fotografías facilitadas pola familia de Ofelia Soto.
Véxase tamén:  David Simon: Médicos orensanos represaliados en la Guerra Civil y en la postguerra. Historias de "Longa Noite de Pedra", Fundación 10 de Marzo, Colección de Estudios Nº 8, Santiago de Compostela, 2010, páx. 113.
Heraldo Gallego, 29 de abril de 1928
Vida Gallega, 20 de abril de 1928
El Pueblo Gallego, 1 de abril de 1928
El Pueblo Gallego, 10 de setembro de 1958
El Pueblo Gallego, 21 de xuño de 1960
El Pueblo Gallego, 13 de agosto de 1961.

19 abril 2019

CARMEN NAVARRO FERNÁNDEZ-BALBUENA

Carmen Navarro naceu en Madrid pero é de ascendencia galega, concretamente, preto do río Avia, Ourense.

É unha honra traer ao noso blog a esta médica meritoria e grande investigadora. É biomédica e estudou mediciina e ciruxía na Universidade de Madrid e doutorouse en medicina e ciruxía na Universidade de Barcelona. Formouse en Neuroloxía na LSU School of Medicine, New Orleans, USA, e en neuropatoloxía na Born-Bunge Foundation, Amberes, Bélxica e na Wickford, U.K. Ademais obtivo bolsas de ampliación de estudos no Bunge Institute de Ameres e na Columbia University de Nova York.

A súa traxectoria comezou como adxunta de Neuropatoloxía no Hospital Vall de Hebrón de Barcelona, onde foi xefa de sección. No ano 1991, chega a Galicia como xefa do servizo de Anatomía Patolóxica e Neuropatoloxía do CHU de Vigo.
Directora científíca do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, tamén membro do Grupo de Traballo de Vixiancia Epidemiolóxica de EETH e do Comité de Enfermidades Raras. Tamén é profesora asociada na Universidade de Santiago de Compostela.

A súa investigación céntrase en enfermidades neuromusculares e lisosomiais de depósito.

Recibiu o Premio Josefa Wonwnburger por parte da Xunta de Galicia en 2010.

Foi unha das integrantes do equipo que diagnosticou o primeiro caso da enfermidade do SIDA en España.

13 septiembre 2015

ENCARNACIÓN RIVERA GRAU

Naceu en Ourense no ano 1907 e era filla de Encarnación Grao y Rivera e do catedrático do instituto ourensán e delineante de Obras públicas, Ernesto Rivera Taboada. Contraeran matrimonio en Madrid en decembro de 1898. En 1904 aduxicáronlle a praza de calígrafo ao pai no Instituto ourensán. 
Encarnación, no ano 1917, cando tiña dez anos, matriculouse no Instituto Provincial, tras realizar o exame de ingreso o 20 de setembro de 1917. Estivo inscrita ata 1923 nos seis cursos pola opción oficial acadando unhas cualificacións destacables. Obtivo sobresaliente en Caligrafía, Latín, Xeografía especial de España, Francés con premio, Historia de España con premio, Preceptiva Literaria e Composición, Historia Universal, Álxebra e Trigonometría, Debuxo, Psicoloxía e Lóxica con premio, Elementos de Historia Xeral da literatura, Física, Fisioloxía e Hixiene,Etica e Rudimentos, Historia Natural, Agricultura e Técnicas con premio. En total dezanove sobresalientes.

En 1923 acada a titulación e solicitou traslado á Universidade Central de Madrid. Alí reralizou estudos de Medicina especializándose no campo da Pediatría sendo pionera nesta especialidade. En 1936 foi nomeada médico pediatra para o Dispensario de colocación familiar do Preventorio Infantil de Guadarrama. Foi consultora do chamado Pirulí. Formou parte do Patronato Nacional Antituberculoso e Enfermidades do Tórax. Desenvolveu o seu traballo en Vigo, alí tiña a consuta, primeiro na Rúa Progreso, nº 13 e logo na Rúa Reconquista, nº 11 no segundo piso. Despois de tantos anos de exercicio a cidade viguesa tributoulle unha emotiva homenaxe. Faleceu en 1991.

(Fonte: El Pueblo Gallego, 7 de xaneiro de 1945, p. 6.)

A súa irmá Filomena tamén fixo o exame de ingreso no instituto o 28 de setembro de 1923 e en 1926 solicitou certificación para a Normal de Ourense pero cónstanos que en 1941 se presentou ao concurso oposición para ocupar praza de enfermeira.

Vid: Cid Galante, Rosa María. Muller e educación en Ourense 1900-1930. Tese de Doutoramento; «Pungin. De sociedad», El Pueblo Gallego, 7 de xaneiro de 1928, p. 13; «La Gaceta», La Voz de Cantabria, 15 de abril de 1936, p. 4; «Guía General del Comercio, La Industria y las Profesiones», Anuario de Vigo, nº 3, 1941, p. 25; «Guía General del Comercio, la Industria  y las Profesiones», Anuario Vigo, nº 16, 1954-1955, p. 136; «Ministerio de la Gobernación. Relación Nacional de Examinadores de personal médico hospitalario», BOE, nº 48, 25 de febreiro de 1964, p. 2538La Voz de Galicia

29 junio 2012

MARÍA LUÍSA FERNÁNDEZ CASCALLAR


Naceu en 1902 fóra de Ourense, en Pontevedra, pero estivo residindo na cidade xa que seu pai, Don José Benito Fernández Peón, que era procurador e Director propietario da publicación Galicia Nueva, e por un tempo veu traballar á nosa cidade. 

Fixo o exame de ingreso na Escola Normal de Mestras de Pontevedra o día 16 de setembro de 1916, cando tiña 14 anos, e alí fixo o primeiro curso. No curso 1916-1917 matricúlase no Instituto de Pontevedra tan só na materia de Lingua Castelá e tamén na Normal de Ourense na materia de Aritmética e Xeometría. No curso 1917-1918 inscribiuse no Instituto de Ourense. As materias aprobadas nas Escolas Normais de Pontevedra e de Ourense fóronlle conmutadas para o Bacharelato. O 10 de abril de 1919 solicitou a Certificación para o Instituto de Pontevedra onde acada o título de bacharelato. 

En 1921 ingresa na Facultade de Medicina onde cursa cinco anos, licenciándose, en 1926, con brillantes cualificacións e especializándose en obstetricia. 

Foi a Madrid para fundamentar os seus estudos e estivo pensionada na Residencia de Señoritas onde respirou un ambiente de cultura e intelectualidade.

Xa de regreso a Galicia, en 1927 entrou a formar parte do Colexio de Médicos de Pontevedra, sendo a primeira muller en colexiarse. En 1928,ocupará o posto de Directora do Laboratorio Municipal de Vilagarcía.  Casou o 17 de decembro de 1930 co médico Manuel Lafuente Casares.

Elaboración propia. Vid: Cid Galante, Rosa Mª, Muller e educación en Ourense (1900-1930) publicada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo; VÁZQUEZ RAMIL, Raquel Vázquez (2012). Mujeres y educación en la España contemporánea: la Institución Libre de Enseñanza y la Residencia de Señoritas de Madrid, Akal, Madrid, 2012; Boletín Oficial del Colegio Provincial de Médicos de Pontevedra, Número 36, 1 de xullo de 1927, p. 46; El Compostelano, 1 de outubro de 1924, p. 1; El Compostelano, 21 de abril de 1925, p.2; El Compostelano, 18 de decembro de 1930, p. 2; El Diario de Pontevedra, 24 de maio de 1926, p.2; El Eco de Santiago, 12 de setembro de  1928, p. 2; Foto: Vida Gallega, nº 203, 1 agosto 1922, p. 25; Vida Gallega, nº 229, 25 xullo 1923, p. 15.

27 febrero 2011

MARÍA PURIFICACIÓN NEIRA GONZÁLEZ

Gustavo Docampo envíame esta información interesante. Fai alusión a María Neira que naceu en La Felguera, Asturias, 1962 pero é valdeorresa por parte de pai, natural da aldea de Xagoaza (O Barco) lugar onde pasaba as vacacións cos seus familiares, sendo nena e adolescente. É médica, Directora de Saúde Pública e Medio Ambiente da OMS, en 2004 foi Directora da Axencia Española de Seguridade Alimentaria. María Neira estudou Mediciña na Universidade de Oviedo e realizou os seus estudos de especialización de endocrinoloxía en Francia. Exerceu con Médicos sen Fronteiras, en Centroamérica. Máis tarde trasladaríase coa ONU a Mozambique e Ruanda. Ingresou na Organización Mundial da Saúde como directora do departamento de Prevención e Erradicación de Enfermidades Infecciosas. Tras isto, en 2004, foi nomeada presidenta da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, trasladándose a Madrid. Poucos anos despois regresou a Xenebra para continuar o seu traballo na OMS, xa como directora do departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente. No ano 2006 foi condecorada polo goberno francés coa Orden do Mérito Nacional. En 2009 acompañou á directora da OMS, Margaret Chan, para recoller o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional. María está casada co italiano Salvatore, que traballa no alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), e ten un fillo

25 febrero 2011

CARMEN LASO JUSTO

Carmen cremos que naceu en Ourense e era profesora de partos. Despois duns estudos e cualificacións sobresalientes recibiu o Título de Matrona na Universidade de Santiago en outubro de 1913. O seu currículo completouse coa revalidación do Gran Hospital Real de Santiago e como interna en Bos Aires.

(Fonte: El Progreso, 18 de outubro de 1913, p.1). Galiciana.

(Fonte: La Región, 25 de xuño de 1919, p.1). Galiciana.

Abriu o seu consultorio na cidade na rúa Liberdade, 33 onde atendía a todas as mulleres e ofrecía pensión para aquelas que non podían ser atendidas na súas casas.  Anunciou o seu centro na prensa local La Región e La Zarpa, polo que foi unha muller significativa na cidade.

(Elaboración propia).

20 abril 2010

NIEVES FERNÁNDEZ CRUZ

Naceu o 16 de marzo de 1892 en O Barco de Valdeorras. Ingresa na Facultade de Medicina para realizar estudos de matrona no curso 1914-15 cando contaba con 22 anos. Estuda por libre e consegue un brillante expediente. 

Para a  regulación dos estudos de matrona ditouse a Real cédula o 10 de decembro de 1828, e de forma máis exhaustiva, a do 21 de novembro de 1861 onde se regulou o ensino de practicantes e matronas. 

Para realizar esta especialidade requiríanse unha serie de condicións: ter cumpridos 20 anos, ser casada ou viúva, ter cursado a primeira ensinanza elemental completa e ter aprobado as disciplinas seguintes: obstetricia, fenómenos do parto e sobreparto naturais e os laboriosos, regras para asistir ás parturientes e paridas e aos nenos, primeiros e urxentes auxilios e maneira de administrar auga. 

Os estudos e prácticas efectuaríanse a porta pechada e en horas distintas dos practicantes. Dita sección autorizouse en Madrid, Barcelona, Granada, Santiago, Sevilla, Valencia e Valladolid. O RD de 10 de agosto de 1904 no seu artigo 13 dicía que para facer a inscrición no primeiro curso de matronas esixíanse estes requisitos: primeiro, ser maior de idade; segundo, certificado de aprobación nunha Escola Normal de mestras, da ensinanza primaria superior; terceiro, autorización do home se fora casada.


Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de Doutoramento inédita; ORTIZ GÓMEZ, Teresa, “De matrona a matrona: Francisca Iracheta y la divulgación de la ciencia obstétrica en España en 1870”, en Arenal, nº 1, vol. 6, pp. 183-195.

05 abril 2010

JULIA AGUIAR


Julia Aguiar, naceu en Villar de Barrio, Ourense, é irmá franciscana da Congregación Divina Pastora, desde o día 12 de xuño de 1965 día que fixo a súa incorporación en Pontevedra e moi pronto marchou a Venezuela, onde viviu a súa primeira experiencia de misión ata 1971. Despois de estar uns anos en España dedicados fundamentalmente á formación relixiosa e aos estudos de enfermaría, saíu para Benin o 12 de outubro de 1976. A primeira comunidade e hospital no país, estivo en Dogbó, onde permaneceu Julia até 1983 en que se pechou este e trasladáronse as irmás a Zagnanado, comunidade da que forma parte nestes momentos. Alí, como directora do Centro Sanitario e Nutricional atende, xunto coas demais irmás e persoal sanitario a toda clase de enfermos que acoden con moitas carencias e necesidades. Pero sobre todo operando aos afectados pola Úlcera de Buruli, unha enfermidade da pel provocada por un vacilo da familia da lepra, para a que non hai apenas tratamento farmacolóxico e que afecta especialmente a nenos e adolescentes. Ela, cos seus estudos de enfermaría, converteuse en cirurxiá experta, como ela mesma di: “sobre a marcha, vinme obrigada a iso, para aliviar o sufrimento dos máis pobres e enfermos” Tan experta que médicos de varios países acoden a ela para “aprender” e estudar sobre esta enfermidade. Agora, unha universidade europea, a de Nápoles, recoñece o seu traballo e a súa “sabedoría” non adquirida nos libros e as aulas da universidade, senón na vida e o contacto fraterno e sanador con tantos enfermos e concédelle o Títuto de Doutora Honoris Causa. http://www.domund.org/OMP/actualidad/ArchivoNoticias/2009/09septiembre/28092009.htm

06 marzo 2010

CARMEN IGLESIAS ALAEZ

Alumna do Instituto Provincial de Ourense no ano 1926. Naceu en 1915 en Ourense. Estudou todo o bacharelato no Instituto de forma libre e oficial. Nos cursos que realizou por libre foi preparada para os exames pola profesora Josefina Otero. Realixou estudos de Auxiliar de Enfermería e ao constituírse en Ourense a Directiva de Enfermeiras en 1955, Carmen ostentou o cargo de Presidenta. No acto da constitución do Colexio de Enfermeiras Carmen pronunciou un discurso apelando ás enfermeiras a acudir á Asociación para informarse e solucionar os seus problemas.


(El Pueblo Gallego, 11 de febreiro de 1955, p. 9. Galiciana)

Vid:  Tese de Doutoramento inédita de Rosa María Cid Galante. Expedientes Académicos do Instituto Otero Pedrayo e Hemeroteca.


02 marzo 2009

PAZ PARADA PUMAR

Naceu en O Canedo, Ourense o 23 de febreiro de 1905. Era filla de Abelardo Parada Justel, veterinario e natural de Esgos e de Julia Pumar Builla natural de Maceda.  Os avós por parte materna eran Cesario Parada natural de Esgos e tamén veterinario e Petra Justel natural de Zamora. Por parte materna os seus avós eran Francisco Pumar Rodríguez e Suesora? Builla.

En 1915 realizou o exame de ingreso no Instituto Xeral e Técnico de Ourense e alí estudou  os seis anos de bacharelato, desde 1916 ata 1922, obtendo un brillantísimo expediente (en varias materias acadou o premio extraordinario) e o 2 de setembro de 1922 realizou a expedición do título e o Certificado para a Universidade de Santiago. As súas irmás Margarita e Acacia tamén estiveron rexistradas no instituto. 

Paz trasládase a Santiago para realizar os estudos de mediciña. Alí estará tres cursos nos que acada a máxima cualificación para, finalmente, solicitar traslado a Madrid onde remata a carreira licenciándose no ano 1929. Ese mesmo ano casa co pediatra Julio Freijanes Malingre. Contraen matrinonio na Capela de María Auxiliadora de Salesianos o 24 de setembro 

Comeza a traballar en Mérida xunto ao seu marido, logo trasládanse a Lugo pero nuns anos volven a Ourense e Paz entra a traballar na sección de Análises.

O matrimonio tiña tamén unha consulta na Alameda, 4, primeiro piso.
Paz dedicouse á súa profesión ata 1969.

(Fonte: La Región, 2 de xaneiro de 1947.)

(Fonte: Auriensis. Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Ourense. nº 24, xuño 2005, p. 12. Homenaxe que se lle fixo a Paz Parada polo seu Centenario e por ser a primeira médica colexiada en Ourense.)

(Elaboración propia)
Vid: Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria" (I e II) en Minius, nº XI-XII, 2003, 2004; 
La Región, 24 de setembro de 1929; Heraldo de Zamora, 1 de xuño de  1915; 15 de setembro de 1948.; Heraldo de Zamora, 2 de xuño de 1915; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, 22 de xullo de 1916.
Foto: cedida pola súa filla Inés Freijanes.