Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Profesora da Normal. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Profesora da Normal. Mostrar todas las entradas

12 abril 2026

MARÍA LUÍSA LORENZO SALGADO

Luísa Lorenzo Salgado naceu no seo dunha familia profundamente vinculada ao mundo educativo. Foi filla de Manuel Lorenzo Gil, inspector de primeira ensinanza, e de Luísa Salgado Pereira. O matrimonio tivo sete fillos: Dolores, Carmen, Manuel, José, Luís, Francisco e Luísa. Carmen e Dolores son unha representación das primeiras ourensás que accederon á Universidade, Carmen licenciouse en Filosofía e Letras, e foi unha figura representante en Ourense pois ostentou o cargo de directora da Biblioteca Pública da cidade. Dolores licenciouse en Farmacia e destacou tamén no eido da investigación científica.

Luísa destacou axiña polas súas capacidades intelectuais, converténdose en alumna da Escola Superior de Maxisterio de Madrid, onde rematou os seus estudos en 1927 cun expediente académico excepcional.

Esta institución, creada en 1909, era o centro de elite para a formación do profesorado en España. Non preparaba a mestres básicos, senón a inspectores e profesores das Escolas Normais. Logo estes centros pasaron a integrarse á Universidade na sección de Pedagoxía. Estaba influenciada polas correntes pedagóxicas máis avanzadas (como a Institución Libre de Ensinanza), promovendo unha educación baseada na pedagoxía activa, o laicismo e a modernización científica.

En 1931, a Dirección Xeral de Primeira Ensinanza nomeouna Auxiliar da Escola Normal de Santiago. Durante esta etapa, Luísa non só se centrou na docencia, senón que impulsou iniciativas sociais e pedagóxicas de gran calado social. Unha delas foi a organización dun servizo de almorzo diario ás nove da mañá para nenos desamparados nas Escolas Graduadas. Para isto, acondicionouse o baixo do edificio con mobiliario e louza específica e cuxos manteis eran confeccionados polas propias alumnas nas clases de labores, e os gastos financiábanse mediante donativos voluntarios do alumnado da Normal.

Outra das novidades foi o proxecto da Cantina Escolar. Este proxecto evolucionou ata converterse nunha cantina que ofrecía xantares aos nenos máis vulnerables, garantindo así unha asistencia integral á infancia.

Luísa defendía unha ensinanza integral que ía máis alá da aula. Participaba activamente nos cursos de perfeccionamento para mestres, onde destacaba o seu papel como guía cultural, levando ao alumnado ao Pórtico da Gloria para ofrecerlles explicacións artísticas e históricas in situ.

A súa progresión profesional foi constante e brillante: En 1934, ocupou a vacante da cátedra de Historia na Normal de Santiago. En 1935, foi nomeada profesora numeraria de Metodoloxía da Xeografía na Normal de Ourense. Cara a 1939, chegou a ocupar o cargo de directora accidental do centro ourensán. Cargo que ostentaría en anos posteriores, chegando a ser a directora durante algún tempo da Escola Normal masculina, «Padre Feijóo».

(Fonte: Boletín oficial del Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, «Dirección General de Primera Enseñanza», nº 32, marzo 1935, p. 20).

No ámbito persoal, contraeu matrimonio o 19 de xaneiro de 1935 en Madrid co recoñecido médico ourensán Juan J. Borrajo.

Un aspecto salientable da súa biografía é que, nunha época na que moitas mulleres abandonaban a esfera pública tras casar, Luísa mantivo a súa independencia profesional, continuando co seu labor docente e participando con asiduidade en tribunais de oposicións de maxisterio.

O seu labor reflicte o espírito de renovación pedagóxica da Segunda República, que buscaba dignificar a figura do mestre solucionar as carencias sociais a través da escola.

Vid: « Santiago», El Eco de Santiago, 28 de xullo de 1931, p. 2; «Universidad de Santiago», El Eco de Santiago, 13 de maio de 1933, p. 2; «Desayuno Escolar», El Eco de Santiago, 14 de marzo de 1933, p. 1; Boletín oficial del Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, nº 68 , agosto 1931, p. 166; Boletín oficial del Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, «Dirección General de Primera Enseñanza», nº 32, marzo 1935, p. 619-620.

21 mayo 2025

MARÍA CID LÓPEZ

A satisfacción e o ánimo que produce facer este blog vén polo feito de querer dar a coñecer a vida de moitas mulleres, ourensás, que considero pioneiras e meritorias polos camiños que trazaron. Pero outra das recompensas que obteño é que contacten comigo as familias para ofrecerme fotografías ou información ou agradecemento por falar das súas nais, avoas...mulleres da súa familia. 

Neste caso quero agradecer encarecidamente que PABLO CID MIRANDA, sobriño neto de María, me enviase a fotografía de María Cid, a protagonista desta entrada. Para min motivo de grande emoción pois queda máis completo o tributo que lle brindamos. Grazas, Pablo, polas palabras que me enviaches. 

María Cid López[1] naceu nas terras de Valdeorras, Ourense, o 22 de marzo de 1900 e os seus pais rexentaban un comercio na cidade. O 7 de xuño de 1912 fixo o exame de ingreso no Instituto Provincial e logo matriculouse en catro cursos por oficial. As cualificacións obtidas foron brillantes pois sacou catorce Matrículas de Honra. Rematou os estudos en 1916 e o 5 de agosto de 1918 solicitou un certificado da Escola Normal de Ourense e comezou a traballar como mestra interina. 

Aprobou as oposicións de maxisterio en 1920 e tivo o seu primeiro destino provisional na escola de Barbadás, Ourense. Posteriormente accedeu á función inspectora.

(Fonte: Vida gallega : ilustración regional: Año VIII Volumen V Número 77 - 1916 octubre 30, p. 17.)

O acceso das mulleres á función inspectora materializouse no Real Decreto do 7 de febreiro de 1913 que dicía:

“Inspección femenina, a cuya gestión habrá de confiarse un número prudente de Escuelas de niñas. Se trata de un ensayo al cual va resueltamente el Ministro que suscribe, deseoso de contribuir a la obra iniciada en anteriores disposiciones de este departamento, por las cuales la mujer va logrando en España las facilidades necesarias para realizar su vida y toda la posible colaboración en la función docente. Es de esperar que las nuevas inspectoras cumplirán su misión con tal eficacia que anime a dar mayor alcance a este ensayo, cuyo desarrollo en la práctica servirá de norma para adoptar las determinaciones que se estimen más útiles”. [5]

Hai que dicir que para formarse para o corpo da inspección había que acudir aos Estudos Superiores de Maxisterio de Madrid.

Como dixemos, polo RD do 7 de febreiro de 1913 créase o corpo de inspectoras (Lei de Rafael Altamira). No artigo 2 indícase como se procedería co acceso:

Dous terzos da inspección procederían por nomeamento directo da Escola Normal Superior; outro terzo accederían por oposición que consistía na realización na Superior de Madrid de cinco exercicios:

-Exercicio escrito de dous temas sacados a sorte de entre vinte sobre Pedagoxía, Historia da Pedagoxía, Lexislación escolarcomparada e técnica da inspección.
-Exercicio oral a cinco temas sacados a sorte entre os mencionados anteriormente.
-Tradución do francés dun texto de Pedagoxía e sen emprego de dicionario.
-Exercicio práctico sobre a tramitación de algún expediente ou unha visita a unha escola.
-Exercicio práctico de ensinanza nunha escola nacional.

O RD do 4 de marzo de 1915 introducíronse modificacións pois accederíase á función inspectora por Auxiliarías e a proba escrita consistía na realizarción de tres exames:

-Exercicio escrito que consistirá nunha redacción dun informe sobre un caso práctico de lexislación escolar e outro sobre un punto de Pedagoxía ou Historia de Pedagoxía ou Organización escolar. Realizarase ante tribunal.
-Exercicio práctico: visita de inspección a unha escola pública ou privada e redactar un informe.
-Exercicio oral que consiste en contestar verbalmente a un tema sobre Piscoloxía pedagóxica, Organización escolar e Didáctica e a traducir correctamente do francés.

Durante o período da Ditadura de Rivera ditáronse o RD do 12 de febreiro e do 29 de agosto de 1924 e o RD do 13 de outubro de 1925 cos que houbo unha volta atrás no referido á inspección educativa. Houbo outro decreto máis neste período que foi o RD do 16 de abril de 1926 no que se estableceu que o Ministerio adscribía aos inspectores segundo conviñera e, polo tanto, considerábanse persoal da máis estrita confianza do réxime. Coa chegada da República derrogáronse os decretos da ditadura e restableceron aspectos do 5 de maio de 1913 pero ao longo do período foise axustando un regulamento de acordo coa nova conxuntura e cos propósitos que tiñan sobre a educación.[6]

No planteamento das oposicións é apreciable que houbo unha evolución no perfil da función inspectora ao longo das diferentes regulamentacións. Nun primeiro momento requeríase unha inspección erudita de coñecementos teóricos demostrados por medio da superación dunhas probas sobre a historia da pedagoxía; metodoloxía e lexislación. En 1913 buscábase unha faceta máis práctica xa que ademais de coñecementos de pedagoxía tiña que realizar exercicios de carácter práctico baseados no suposto da tramitación de expedientes e de carácter didáctico coa impartición de clases nunha escola nacional. En 1915 as oposicións introducían coñecementos de psicoloxía e os exercicios prácticos reducíanse á unha visita a unha escola e a redacción dun informe sobre a inspección. Agora ben, en todos os sucesivos procesos de oposición introduciuse o exercicio de tradución dun texto do francés para dar proba das destrezas do manexo dun idioma estranxeiro, o que demostra o interese de que os inspectores fosen persoas cultas e con capacidade de enriquecerse coa lectura de libros estranxeiros sobre cuestións pedagóxicas, didácticas ou metodolóxicas para estar ao tanto dos movementos reformadores e modernizadores europeos. 

Dito isto podemos continuar dicindo que, cumprindo os requisitos pertinentes, María Cid presentouse en 1929 ás oposicións á inspección. Ese ano ofertábanse oito prazas pero tras finalizar o proceso destacáronse os méritos de tres mestras máis, considerándose a posibilidade de que se lles adxudixase unha praza, segundo a regulamentación de 1915. Entre esas mestras meritorias atopábase María que sería nomeada inspectora da provincia de León en decembro de 1929 cun soldo de 4000 pesetas. No ano 1932  foi destinada a Murcia e despois a Santa Cruz de Tenerife. Logo xa obtivo o traslado a Ourense, tomando posesión do cargo o 25 de xaneiro de 1933. Asignáronlle a zona do Partido Xudicial de Carballiño (menos Cea e Piñor de Cea que se incluían noutra zona) e uns anos despois corresponderíalle a de Bande.

Comezou a ter notoriedade entre a sociedade ourensá. Era habitual vela formar parte de tribunais de oposición. Tamén acudía ás Semanas Pedagóxicas como á de Ribadavia onde disertou sobre “La ficha escolar”. Nesta charla puxo de manifesto un concepto novo de ensinanza-aprendizaxe e os posibles condicionantes de aprendizaxe na escola[2]. Comezou dicindo que unha das características fundamentais da Escola é o coñecemento que se debe ter do  dobre aspecto, físico-psicolóxico, dos nenos. Mantiña que as escolas debían proporcionarlles aos cativos o traballo máis adecuado ás súas aptitudes e aficións. Indicou que o docente debía facer unha observación exhaustiva dos educandos para lograr éxito no estudo comezando pola realización da ficha paidolóxica de cada un dos escolares na que se debía recoller os seguintes datos: o nome do neno, idade, data de ingreso na escola, estado da cultura, nomes dos pais, idade destes no nacemento do fillo, enderezo, profesión, etc. Tamén debía incluír o peso, talla, musculatura, deformacións, sangue, agudeza visual, agudeza tactil, enfermidades padecidas, pronuncia, etc. Na ficha tamén deberían constar os traballos e as referencias dos pais, avós, bisavós e tías, incluso as enfermidades que padeceron e idade á que faleceron. Ademais debía anotarse información sobre cuestións psicolóxicas conxénitas e as aptitudes, actitudes, aficións, memoria, vontade, imaxinación... Toda esta información, física e psíquica, dos nenos debía servir para que o docente soubese adaptar a aprendizaxe a cada neno. 

Tamén era propio dela reunirse cos mestres da súa zona para chegar a constituír un Centro de Colaboración Pedagóxica e compartir experiencias entre todos. En concreto en Boborás indicou aos docentes a influencia decisiva que teñen no labor educativoas novas institucións culturais. E noutra ocasión ela mesma encargouse dos preparativos da excursión cos nenos de Boborás, actividade que sería resaltada na prensa :

“Los niños rebosando emoción y alegría, van ocupando sus puestos. Nuestra eximia inspectora doña María Cid López vence con insuperable entusiasmo el agotamiento producido por largos y fatigosos días de peregrinación visitando escuelas enclavadas en inhóspitos lugares y se dispone con ejemplar grandeza de alma, a dirigir la excursión, dándole así solemnidad y prestigio…” [3] 

Era unha muller de convicións modernas e, por tal motivo, estaba fichada como "afecta ao Republicanismo":

(Fonte. PARES. Centro Documental de la Memoria Histórica, DNSD-SECRETARÍA,FICHERO,12,C0142700

En 1937 ocupou o cargo con carácter interino de Xefa Inspectora polo cese de Don Afonso Iniesta. O 22 de novembro de 1939 foi nomeada Inspectora xefa de Primeira Ensinanza desta provincia, cargo do que cesará voluntariamente o 17 e novembro de 1944. Anos despois, en xaneiro de 1950, cesa voluntariamente nesta provincia para pasar a prestar servizos en calidade de agregada en Toledo:

En las oficinas de la Inspección de Enseñanza Primaria de Orense a veinticinco de enero de mil novecientos cincuenta, se extiende la presente diligencia para hacer constar que, con fecha de ayer, se ha recibido del Ilustrísimo sr. Director General de Enseñanza Primaria una comunicación que, copiada a la letra dice:
Con esta fecha, el Excmo Sr. Ministro del Departamento me comunica lo siguiente: “Ilmo Sr. Este Ministerio acuerda que la Inspectora de Enseñanza Primaria de la provincia de Orense, Doña María Cid López, pase agregada a la Inspección de Enseñanza Primaria de la provincia de Toledo, si bien seguirá percibiendo sus haberes por la plantilla de Orense. Lo que traslado a V.I a los efectos oportunos. Dios guarde a Vd muchos años. Madrid, a 18 de enero de 1950, etc.
Y para que conste, a los efectos que en orden se tramita, lo firmo en Orense, con el visto bueno del Sr. Inspector Jefe, en la fecha señalada.

Inspector jefe. Emilio Nogueira
Inspectora Secretaria: Antolina Vila[4].

Con data de 12 de setembro de 1952 reintégrase de novo na plantilla de inspectores en Ourense, actividade que compaxinará coa súa incorporación ao plantel de profesorado da Normal de Mestras. 

Exerceu de inspectora ata o ano 1966. En maio de 1968 o maxisterio do Barco de Valdeorras tributoulle unha homenaxe e o alcalde fíxolle entrega dunha placa de prata. A dedicación de María Cid na función inspectora era, deste xeito, recoñecida e agradecida.

A nosa insigne muller faleceu en 1978 pero a súa memoria permanece.

(Elaboración propia. Entrada suxeita a publicación)
[1] Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de Doutoramento. El magisterio español, Revista General de la Enseñanza, Número 4101, 6 de maio de 1913, p. 243; El Magisterio español, Revista General de la Enseñanza Número 6232, 21 de febreiro de 1922, p. 362; El Magisterio español, Revista General de la Enseñanza Número 8369, 5 de agosto de 1929, p.15; El Magisterio español, Revista General de la Enseñanza , Número 8970, 14 de abril de 1932, p. 70; El Magisterio español, Revista General de la Enseñanza, Número 8982, 12 de maio de 1932, p. 238; El Progreso, Número 10824, 7 de maio de 1929, p.3; La Libertad, Número 3052, 29 de decembro de 1929, p.10; El Día de Palencia, Número 12584, 9 de xaneiro de 1930, p. 6; El Pueblo gallego, Número 5046, 24 de novembro de 1939, p. 1; Número 3115, 23 de marzo de 1934, p. 10; Manuel SOUTO CACABELOS, Manuel “Boborás. Labor cultural”, El Pueblo gallego, Número 3417, 21 de marzo de 1935, p. 11; Número 3500, 26 de xuño de 1935, p. 3; El Correo gallego, Número 25563, 13 de marzo de 1954, p. 5.
[2] “Semana Pedagógica en Ribadavia”, La Zarpa, 11 de abril de 1934, p. 1.
[3] El Pueblo gallego, Número 3519, 18 de xullo de 1935, p. 13.
[4] AHPOu, Libro registro de inspectores (1947-1971), p. 21, Caixa 24121/12.
[5] Real Decreto del 7 de febrero de 1913, Gaceta de Madrid, 9 de febreiro de 1913, pp. 338.
[6]Vid: LÓPEZ DEL CASTILLO, Mª Teresa, Historia de la inspección de primera enseñanza en España, Madrid, Ministerio de Cultura y Deporte, 2013; FLECHA GARCÍA, Consuelo, “La inspección de Primera Enseñanza en la España del primer tercio de siglo XX: modelos, contextos y protagonistas” Historia Caribe - Volumen XIII N° 33 - Julio-Diciembre 2018 pp 179-218; MAYORGA MANRIQUE, Alfredo, “La inspección en el nivel de la educación primaria. Proceso histórico, Revista de Educación. Inspección educativa, 320, Setembro-Decembro de 1999, pp 13-41; GÓMEZ SANMIGUEL, Eva, Inspectoras de primera enseñanza en el segundo tercio del siglo XX, Tese de Doutoramento, Universidade Complutense de Madrid, 2017; CAMACHO PRAT, Alexandre, “Los antecedentes remotos de la inspección educativa durante el antiguo régimen”, Supervisión 21. Revista de educación e inspección, nº 38, 2015, versión dixital; RAMÍREZ AISA, Elias: «Génesis y configuración de la Inspección de Educación en la España liberal, 1808-1874». Madrid: UNED, 1998. Director: Dr. Manuel de Puelles Benítez.. Historia de la Educación [Internet]. 23 Sep 2013 [citado 14 May 2020]; 17(0): 536-537. Disponible en: https://revistas.usal.es/index.php/0212-0267/article/view/10764.

Foto: Vida gallega : ilustración regional: Año VIII Volumen V Número 77 - 1916 octubre 30, p. 17.

27 enero 2025

ANUNCIACIÓN DE LOS MOZOS VARONA

Non era natural de Ourense pero formou parte do plantel de profesorado da Escola Normal de Mestras de Ourense, a onde chegou en 1915, practicamente cando se acababa de inaugurar o  novo centro na rúa do Progreso.

Naceu en 1886. Tiña o título superior de maxisterio pola sección de Ciencias. En 1904 estaba traballando como interina na escola de Arenillas de Muñó en Burgos. En 1908 presentouse ás oposicións e estivo exercendo en diferentes escolas da provincia da provincia burgalesa. 

Aos 29 anos, en 1915, concedéronlle a praza numeraria de Física, Química e Historia Natural na Normal de Ourense e, de feito, nese ano vai exercer como directora accidental. Compartirá claustro con interesantes profesoras normalistas da capital: Leonor López Pardo, Josefa Rosón, Pilar Martínez Álamo, Sara Fernández... Permanecerá na nosa cidade exercendo a docencia na Normal de Mestras ata 1920, ano na que deixou a cidade xa que foi nomeadad inspectora na provincia de Burgos.

Era unha muller propia do seu tempo pois, tal como era o pensamento da época, concebía que a educación era importante para as mulleres pero para que estas soubesen transmitir cultura aos seus fillos, xa que o lugar das mulleres é o fogar, para o cal debe formarse. Estas ideas eran as que expresaba nas conferencias que chegou a impartir. Polo tanto, non avogaba por unha educación resarcidora e emancipadora da muller, senón que seguía na defensa da muller tradicional. Criticaba que era unha aberración que a muller quixera dereitos para si e que o había que facer era preparala para ser muller e nai.

Non deixa de ser un tanto paradóxico que mulleres que chegaron a ocupar altos cargos administrativos, como é o caso, logo non sexan conscientes de que estaban ocupando espazos que foron vetados ao longo dos tempos e, polo tanto, estaban exercendo unha profesión e  non precisamente estaban nas súas casas. Polo tanto, estamos evidenciando como as mulleres destes tempos eran fillas das ideas que ao longo da vida foran inculcándose. Non obstante, como adoito a dicir, moitas delas, aínda que non de pensamento, si polos seus actos foron abrindo pasos inéditos para as mulleres e moitas delas acabarían aproveitándoos para sentirse máis libres.

Exerceu con entrega todos os anos de servizo pero faleceu moi nova, o 1 de novembro de 1934, con 48 anos. 

(Elaboración propia a partir de diferentes fontes. ) Nombramientos. Burgos. El magisterio español , 1904 Julio 16, p. 5; Diario de Burgos, 1908 febrero 11, p. 2; Boletín Oficial de la Provincia de Valladolid, 14 de abril de 1910, p. 326; Instrucción Pública. El Progreso, 1915 abril 10, p. 1; El Magisterio Gerundense, 1913 junio 25, p.10; De sociedad. El castellano, 02 de novembro de 1934, p. 2.)

19 diciembre 2024

ARTIGO COMPLETO DE ARACELI ANCOCHEA ROLDÁN NA REVISTA EDUGA

 Clicando na imaxe poden acceder ao artigo da REVISTA EDUGA, nº 88.


14 octubre 2024

A FUNDACIÓN VICENTE RISCO: A MÚSICA TEN ONDAS COMO O MAR


O día 28 de setembro tiven a horna de participar nas Xornadas organizadas pola Fundación Vicente Risco e o Consello da Cultura Galega onde fixen unha presentación titulada: Araceli Ancochea Roldán, case tres décadas compartindo con Vicente Risco o compromiso de formar aos docentes ourensáns. 

Expuxen que a relación profesional e laboral entre Araceli e Vicente tivo que ser intensa pois a Normal, e sendo directorVicente Risco, era unha institución que organizaba numerosos eventos nos teatros ourensáns nos que a música era o número principal. Así mesmo, o home de Araceli, Felipe Pedreira, era gran amigo de Vicente. 

O ambiente non podía ser mellor. Compartín mesa con grandes profesionais da música como Isabel Rei Samartim, que fixo unha exposición marabillosa sobre o instrumento da guitarra e indicou que ten claro que é un instrumento de orixe galega. Di que en Ourense había numerosos tocadores da guitarra e algúns deles vivían na mesma rúa que Vicente Risco cos que tiña contacto así como ganas de aprender a tocar dito instrumento. Isabel é unha profunda coñecedora da música galega e unha estupenda intérprete, habela coñecido supón un enriquecemento para min.

Tamén falou Miquel Badal centrándose nas relacións de Vicente Risco con Frederic Mompou. Unha exposición interesantísima sobre a amizade e a admiración que se profesaban. As viaxes de Mompou a Santiago e o contacto con intelectuais e cultura galega levouno a compor "Suite Compostelana".

Todo isto moderado polo gran pianista Alejo Amoedo, un home de grande humildade e sensibilidade propiciando un ambiente distendido e acolledor.

Finalmente, non podía faltar tampouco hoxe a música, despois da ópera exitosa da Loba Branca que se levou a cabo no Principal o día 27. O día 28 tivemos concerto na Fundación a cargo da soprano Belén Vaquero que xunto coa pianista Isabel Pérez Dobarro e o mandolinista Ramón Carnota  interpretaron Cantiga sen fin.

Grazas á Fundación e ao Consello da Cultura por invitarme a falar dunha muller impresionante como era Araceli Ancochea, pero sobre todo por darme a oportunidade de coñecer a xente que me ilustrou enormemente o meu espírito.

(Clicar na imaxe para ver a presentación)


28 abril 2023

MARÍA LOBIT Y FERNÁNDEZ

Naceu en Ourense en 1905 e era filla de Emilio Lobit García, conservador espadista que foi concellal en Ourense, e de Jesusa Fernández. María tiña varios irmáns que eran Justa (casada con Alejandro Páramo Guitián, falecida en xuño de 1930), Concha (casada con José Taboada Ramos), José (oficial do corpo de prisións), Antonio (este falecido en 1913), Alberto (telegrafista destinado en Vigo) e Manuel, este último era farmacéutico e faleceu en 1952. María xa era unha pianista destacada na Sociedade Económica de Santiago onde se examinou sacando sobresaliente en todos os exercicios.

María foi nomeada profesora interina de música para a Normal de Ourense en marzo de 1916. Permaneceu tan só un curso pois, ao ano seguinte, foi nomeada titular a profesora Araceli Ancochea. O seu mundo xiraba entorno á música e xa de nova formaba para de corais polo que depois, ademais de dar clases, tamén preparaba coros infantís de nenos e nenas cos que percorría a provincia cantando motetes. Era unha muller de profundas convicións relixiosas e formou parte da Xuventude Antoniana de Ourense, congregación da que foi "celadora". Tratábase dunha Confradía que se creou en 1928.

Faleceu en Ourense o día 30 de setembro de 1949. Unha morte prematura pois tan só contaba con 44 anos. 

(Fonte: La Región, 1 de outubro de 1949, p. 2. Galiciana)

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: Cid Galante, Rosa María,  A Escola Normal de Mestras de Ourense (1877-1970), Universidade de Vigo, Vigo, 2013;  El magisterio español , 9 de marzo de 1916; Noticiero de Vigo, 21 de outubro de 1905 outubro 21, p. 2; El Diario de Pontevedra, 9 de marzo de 1916; El Ideal gallego, 19 de setembro de 1925, p. 4; La Región, 2 de novembro de 1913.

09 noviembre 2022

MARÍA CRUZ PÉREZ GONZÁLEZ

María Cruz Pérez era inspectora e unha muller implicada coa educación. Non era natural de Ourense pero estivo exercendo na Normal de Mestras de Ourense a onde veu destinada en 1915. 

Cursou os estudos en Santiago titulándose co grao Superior de Maxisterio. En 1913 foi nomeada profesora numeraria para a sección de Labores  para a Normal de Cuenca. Pero en outubro dese mesmo ano fixo unha permuta coa profesora de Labores da Normal de Álava. 

Despois, en virtude do concurso de traslados e por R.O. do 29 de xaneiro de 1915 foi nomeada profesora numeraria de Labores e Economía doméstica da Normal de Ourense (1). Coincidiría na Escola con outra profesora imponderable como era Josefa Segovia Morón. Permaneceu na praza durante cinco anos pois en 1920 foi nomeada inspectora para la zona de Vigo. Foi unha grande impulsora das cantinas escolares propiciando que se creara en en 1933 unha en Vilagarcía de Arousa. Co gallo do seu contento por ver saír adiante a súa iniciativa pronunciou un discurso loubando o labor da escola e poñendo a "esperanza en España y en la República" (2). En febreiro dese mesmo ano, elaborouse o Manifesto de apoio ao Estatuto de Galicia que foi asinado por diversos intelectuais figurando entre eles María Cruz Pérez.

 
(La Región, 9 de febreiro de 1933, p. 1) Galiciana.

Dito manifesto avogaba pola concordia entre os galegos. Dicía que persoeiros de diversas procedencias ideolóxicas, formas de pensar, de opinar... uníanse  polo sentir da terra.

...gallegos los unos por derecho de sangre y de suelo y avecindados los otros en este país, en función de nuestros trabajos profesionales, pero todos ciudadanos en ejercicio de nobles labores docentes e inquietas actividades intelectuales; espíritus de la más diversa significación y doctrina, discípulos de las más antitéticas escuelas, profesores e investigadores en las ciencias más dispares, coincidimos por apremio del instante, cuya transcendencia somos los primeros en reconocer, en la necesidad urgente e  imperiosa de llamar en la conciencia en todos los gallegos de buena voluntad, invitándoles a meditar reposadamente sobre las amplias perspectivas que abre el Estatuto aprobado en Santiago el 19 de diciembre último, y que muy en breve será sometido a prebiscito popular, actualmente, en trance de truncarse para siempre por la visión partidista de los unos y de los otros...

Defendían camiñar cara unha Galicia mellor e desexaban fomentar desde a súa docencia e actitude ir a: "La Galicia ensoñada que vaticinaron nuestros maestros; la Galicia que de nosotros esperaron nuestros padres y que sólo nosotros podemos legar a nuestros hijos". 

Os asinantes maniféstanse orgullosos de poder apoiar a iniciativa pois consideran que é un deber cívico pedir por unha Galicia autónoma:

No es un Estatuto de Derechas ni de Izquierdas, sino la carta fundamental capaz de estructurar las leyes que Galicia en su día quiera darse a sí misma; constituye plena garantía para el libre juego de todos los Partidos, y la expresión legal de todas las tendencias. Orgullosos en cumplir elementísimo deber de ciudadanía, escribirmos nuestras firmas al pie de este documento, garantizando hasta donde llegue la fuerza de nuestro esfuerzo, que la apetecida Galicia autónoma jamás estará a merced de tal o cual grupo, ni sojuzgada al capricho de un hombre, sea el que fuere, ni sometida a los deseos de un Partido determinado, cualesquiera que fuesen sus poderes.

Apelaban aos galegos para que consideraran a importancia do momento e era o momento de actuar con responsabilidade da honestidade, de primar a concordia entre os galegos, de facer exame de conciencia nesta decisiva actividade patriótica. 

Tan só aparecen dúas mulleres asinantes do Manifesto, Ernestina Otero e María Cruz Pérez. Nin Ernestina estaba aínda en Ourense pero virá a exercer á Normal de Ourense en 1939 como "desterrada" pola Ditadura, nin María Cruz pois esta marchara de Ourense en 1920. Pero non podemos deixar de mencionalas dentro da historia da nosa cidade.

María exerceu a inspección desde 1920 ata que xubilou. Foi unha muller implicada na profesión e alentaba ás mestras a facer un bo exercicio docente. Tamén se sumaba ás iniciativas xunto con outros inspectores de levar de viaxe cultural a mestras e mestres de Pontevedra como foi o realizado en xullo de 1927 a Madrid, Toledo e o Escorial e para o cal recibiron subvención. Foi secretaria do Consello de Inspección, cargo ao que renunciou en 1952 continuando os seus labores de inspección na sección 1 de Pontevedra. En 1956 xubilou e foille concedida o Lazo da Orden de Afonso X o Sabio pola súa traxectoria profesional.


(1)Cid Galante, Rosa María, Escola Normal de Mestras de Ourense (1877-1970). As súas orixes e os seus emprazamentos. Vigo, Universidade de Vigo. 2013. (2) "La cantina escolar de Vilagarcía de Arosa", Boletín de Educación, nº 1, decembro de 1933, p. 33.
El Noroeste, 16 de xullo de 1927, p. 1; La Correspondencia de España, 12 de xullo de 1913 julio, p. 5; La Correspondencia de España , 12 de xullo de 1913, p. 8; El Correo gallego, 24 de setembro de 1952, p 1; La Noche, 19 de maio 1956, p. 6.

04 septiembre 2022

MARÍA DE LA CONCEPCIÓN ANTA ÁLVAREZ Y COTARELO


Naceu en Ourense. En 1916 concursou a unha praza de auxiliar de Labores para a Normal de Cáceres pero non lle foi concedida.  O 22 de xuño de  1921 foi nomeada mestra auxiliar de Labores da Escola Normal de Mestras de Ourense.

(Fonte: Suplemento a La Escuela moderna. 29 de xuño de 1921,  página 6-7)
(Vid: 
Era moi habitual en eventos humanitarios e xunto coas inspectoras Antonia Ortiz e Aurora Maceda e outras distinguidas as Señoras Muñiz, Ferreiro, Caramés, Ribadeneira, repartía alimentos para os pobres consistente nun quilo de pan e paquetes de arroz, touciño e fabas.

Cando en Ourense se recadaba fondos para o busto de Marcelo Macías, Concepción suscribiuse dando un donativo. Tamén contribuíu á festa dos maios celebrados en 1936. Todo isto di dela ser unha muller que tiña sensibilidade pola cultura galega.

Segundo consta no Boletín Oficial do Estado, Concepción xubilouse o 21 de decembro 1953.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)

Vid: Rosa María Cid Galante, A Escola Normal de Mestras de Ourense (1877-1970)a súa orixe e os seus emprazamentos, Universidade de Vigo, Servizo de Publicacións, 2013; «De Instrucción Pública», El Compostelano, 1 de xullo de 1921, p. 2; «El donativo a los pobres», Heraldo de Galicia, 20 de marzo de 1929, p. 6; «Suscripción para el Busto de Don Marcelo Macías», La Región, 6 de abril de 1934, p. 6; «La fiesta de los maios», La Región, 21 de abril de 1936, p. 4, B.O.E., 27 de maio 1953, p. 3149.

Suplemento a La Escuela moderna. 14 de agosto de 1918, n.º 2.264, página 5; El Compostelano, 1 de xullo de 1921, p. 2)

03 julio 2022

PILAR MARTÍNEZ ÁLAMO

Naceu en Madrid o 15 de marzo de 1890 e estudou na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio titulando en 1913. Foi unha das primeiras profesoras da Normal de Ourense en 1915 na que impartiu Matemáticas. Compartiu claustro con Leonor López Pardo que foi nomeada profesora de Xeografía e a profesora de Física e Química e Historia Natural que era  Quintina María del Carmen Zalama. En 1919 ocupou o cargo de Secretaria da Normal. 

(Fonte: Galicia Nueva, 27 de marzo de 1915, p. 3. De Galiciana)

(Foto da Normal do edificio orixinal en 1915, antes da ampliación do 3º piso en 1926. Museo Virtual Vázquez Gulías)

En 1925 estaba exercendo na Normal de Oviedo onde, por certo, tivo que enfrontarse a un apercebemento debido a que compaxinaba as clases no establecemento público pero tamén no privado das Teresianas, feito que foi denunciado por un pai dunha das súas alunas alegando incompatibilidade.

No ano 1931 trasladouse á Normal de Santiago e ocupou o cargo de Secretaria accidental e xa en1940  ocuparía o posto de directora da Normal de Santiago, cargo que exerceu ata xubilar en 1960, ocasión na que se lle fixo unha grande homenaxe.

Foi unha gran comunicadora e impartía conferencias sobre temas educativos. O título dalgunhas das súas disertacións foron "El magisterio", "La Atención", "El conocimiento del niño", "Las nuevas orientaciones de la Pedagogía", "La Escuela"; "La Educación Física"...As súas alocucións sempre gozaron de grande interese pois versaban sobre asuntos de mellora educativa e pedagóxica centrándose nos aspectos da atención do neno e a adquisición do coñecemento.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes) 

Vid: Rosa María Cid Galante, Muller e Educación en Ourense (1900-1930) e "Orixe da Escola Normal de Mestras en Ourense" Deputación Provincial de Ourense, 2013. Suplemento a La Escuela moderna. 30/6/1920, n.º 2.455, página 7; Suplemento a La Escuela moderna. 20 de xaneiro de 1917, n.º 2.101, página 5; Suplemento a La Escuela moderna. 5 de abril de 1919, n.º 2.331, página 13.

19 junio 2022

NATALIA HEVIA ALDIR

Naceu en Pontevedra en 1854 pero estivo afincada na nosa cidade durante moitos anos. Aquí instalou en 1879  o Colexio de la Concepción de nenas situado no número 18 da rúa San Fernando, sendo o primeiro colexio que ofrecía internado completo ou media pensión para as nenas de Ourense. 
(Rúa Irmáns Villar. Anteriormente San Fernando)

Tamén foi nomeada inspectora auxiliar gratuíta da Normal de Mestras de Ourense o 24 de outubro de 1898 cargo que aínda ocupaba en 1916. Polo desempeño desta función Nalalia reclamou por medio dunha instancia á Deputación unha gratificación alegando que por un tempo estivo vacante a praza de directora do centro e ela impartiu as clases de Labores e Hixiene. Dita petición foi aceptada pola Corporación.

(Arquivo da Deputación Provincial. Documentación sobre as Normais)

Como ela chegou a dicir, foi moi ben acollida pola cidadanía ourensá e debido á demanda de moitas familias que querían colocar ás súas fillas pensionistas e medio pensionistas para que recibiran estudos e ampliaran a súa cultura decidiu abrir o local na rúa que actualmente se denomina Irmáns Villar.

 
(Boletín Oficial de la provincia de Orense, 4 de outubro 1879. Galiciana)

É moi interesante destacar como realizaban as súas alumnas os exames.  Estas eran citadas no Salón de Sesións do Concello e realizaban os exercicios ante un tribunal presidido polo Alcalde. As nenas eran chamadas de dúas en dúas pola mestra e tiñan que contestar ás preguntas que lles formulaba o tribunal sobre Doutrina Cristiá, de Historia Sagrada, Gramática e Aritmética, Xeografía ,Xeometría e Historia de España.

As máis pequenas contestaban ás preguntas de Doutrina Cristiá e Historia Sagrada e recitaban poesías dedicados ao Concello e tamén pronunciaban discursos. 

Concluído o exame oral procedíase a inspeccionar os traballos de labores. 

O exames eran públicos e podían asistir os familiares das nenas.

Era unha muller que dicían dela "primorosa" polos bordados que elaboraba e que regularmente se expuñan no comercio de Don Pedro Gutiérrez. Tamén se presentaba aos concursos de encaixes que se organizaban nas festividades de Ourense e adoitaba a gañar o primeiro premio.

(Diario de Pontevedra, 19 de xuño de 1901, p. 2. Galiciana)

En Ourense residiu coa súa sobriñas Balbina e Enriqueta Pascual Hevia que foron alumnas da profesora ourensá de música Concha Vicente e destacaron polas súas cualificacións no conservatorio de Santiago. Pero a traxectoria de Balbina quedou truncada pois faleceu en xullo de 1914 sendo un duro golpe para a súa tía Natalia. Tamén estiveron ao seu cargo as súas sobriñas mellizas Berta e Marta Pascual Hevia que naceron en Vigo o 7 de setembro de 1913. Ambas as dúas estiveron matriculadas no Instituto Xeral e Técnico de Ourernse. Realizaron o exame de ingreso o 18 de setembro de 1923 e realizaron un curso pois despois se trasladaron de centro.

Faleceu na casa da súa irmá Vicenta en Pontevedra o 4 de decembro de 1936 cando tiña 82 anos.

(Elaboración propia a partir diversas fontes).

Vid: La Correspondencia Gallega, 18 setembro 1897, p. 2; La montaña, 23 de xuño de 1891; El Diario de Pontevedra , 17 de xuño de 1926; El Diario de Pontevedra, 4 de decembro de 1936; La Región, 3 de xuño de 1913; La Región, 19 de setembro de 1914; La Región, 15 de febreiro de 1916; La montaña, 20 de xuño de 1891.

                                                

01 junio 2022

ENMA SAINZ AMOR ALONSO DE CELADA

Natural de Tobalina, Concello de Cebolleros, Burgos, filla de labradores e irmá da insigne Concepción Sainz Amor Alonso, licenciada en Pedagoxía e seguidora de Montessori e o movemento da Nova Educación, unha referente pedagoga durante a República. Unha muller que acrecentou a súa aprendizaxe con viaxes ao extranxeiro para coñecer modelos educativos. Foi membro da FETE polo que sería inhabilitada durante a ditadura. 

Enma era Catedrática de Ciencias da  Natureza e foi nomeada en 1963 profesora numeraria para a Escola Normal de Mestras en Ourense na que impartiu Historia Natural, Fisioloxía e Hixiene e Agricultura. Ese mesmo ano pronunciou o discurso de inauguración do curso no Instituto de Ensinanza Media onde falou de Xenética e herdanza biolóxica.

No ano 1966 trasladouse a Barcelona como Catedrática da Escola Universitaria da Universidade Central no ano 1973 nomeárona directora da Escola Universitaria de Profesorado de Educación Xeral Básica de Barcelona, cargo que ocupou durante seis anos.

No centro da fotografía está Enma Sainz asinando a doazón do legado da súa irmá, Concepción, á Biblioteca da Universidade de Burgos que se fixo en xullo de 2013.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. A Foto foi extraída da páxina web da Universidade de Burgos. Fotografía da entrada extraída de Brillante inauguración del curso en el Instituto de Enseñanza Media. La Región, 15 de outubro de 1963, p. 3.)

Vid: La Noche, 16 de outubro de 1963; BOE, 6 de febreiro de 1968; Escuela Española, 30 de decembro de 1967; Fundación Pablo Iglesias, https://fpabloiglesias.es/entrada-db/18261_sainz-amor-alonso-celada-concepcion/.



30 marzo 2022

CONCEPCIÓN RAMOS PÉREZ-COLEMÁN

Naceu en Ourense o 13 de xaneiro  de 1912 e era filla de María Pérez Colemán e do notario Juan Ramos Cerviño. En 1912, con catorce anos,  matriculouse no Instituto de Ourense e realizou os seis cursos rematando os estudos en 1927 obtendo premio en varias materias. No ano 1933 examinouse do duro exercicio de ingreso ao Grao Profesional de Maxisterio. 

No ano 1937 pasou a realizar as prácticas correspondentes ao grao na escola no Hospital tendo que cesar da escola de San Martín, onde estaba destinada. Tampouco se libraría do procedemento de depuración como moitas outras mestras, un feito xa rutinario. Tamén estivo na escola de Siota  e estando de mestra na escola de Castroverde en 1943 solicitou unha excedencia voluntaria  para impartir clases de Xeografía na Normal de Ourense. 

Casou en 1945 con Juan Manuel Amor Vázquez, médico internista, especializado en mediciña da infancia coa consulta na actual Progreso número 64 un home con querenza pola Terra sendo un dos socios do Seminario de Estudos Galegos. Foi funcionario do Instituto Nacional de Previsión desempeñando o cargo de Inspector Médico do Corpo Nacional do Seguro de Enfermidade ocupando o cargo de Director da Residencia Sanitaria de Ourense. Juan Manuel era fillo do erudito Emilio Amor Rolán, avogado e mestre ilustrado que formou numerosas xeracións nas Normais de Ourense, chegando a ocupar o posto de director da masculina durante os anos 1931-32 e que faleceu en maio de 1937.

O matrimonio tivo dous fillos, Juan Manuel Amor Ramos que naceu en novembro de 1946, e Emilio Amor Ramos que naceu en 1950 pero faleceu prontamente, en 1964. Juan Manuel ocuparía o cargo de Tenente de Alcalde de Ourense e foi o que propuxo que a rúa que vai dende a Alameda ata Ervedelo, rúa que por aquel entón, en 1955, era denominada Rúa Alameda, se denominase Doutor Fleming en honra do descubridor da Penicilina.

A nai de Concepción, Dona María Pérez Colemán faleceu o 4 de xuño de 1960, unha perda moi sentida por toda a cidade e foi enterrada no Cemiterio de San Francisco.

Concepción faleceu en Ourense o 10 de decembro de 2004 aos noventa e dous anos de idade.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)

Vid: Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930); Historia de la educación: Revista interuniversitariaISSN 2386-3846, ISSN-e 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470; Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Hemeroteca e información de Rafael Salgado.

Rexistro da propiedade intelectual

30 enero 2022

SARA FERNÁNDEZ GÓMEZ

Sara, foi profesora da Normal de Ourense en 1915. Era natural de Zamora e  filla de Don Froilán Fernández Silva que era inspector xeral de hixiene.  Fixo estudos superiores de maxisterio na Normal de Salamanca titulando en 1914 cunha cualificación de sobresaliente.  

Realizou as prácticas na escola Fernández Duro de Zamora, logo exerceu nos Institutos de Segunda Ensinanza en Zamora e Soria e en 1915 solicitou unha permuta para Ourense.

Cando a Institución da Deputación Provincial estaba en pleno debate sobre a creación das Escolas Normais, Sara Foi nomeada profesora numeraria da Normal de Ourense pola RO do 20 de marzo de 1915 para substituír á Dona Josefa Segovia. Impartíu as materias de Pedagoxía, Historia e Rudimentos de Dereito e Lexislación Escolar. 

Ocupou o cargo de Secretaria do Centro e deixou escrito na Memoria do Centro a seguinte reflexión:

“El pueblo orensano, amante de todo lo que signifique progreso y deseoso de tener un Centro donde sus mujeres pudiesen adquirir un nivel de conocimientos más elevado del que la Escuela primaria puede dar, trabajó con entusiasmo porque su antigua Escuela Normal, suprimida en el año 1889 (?), fuese restablecida en la forma que el citado Real decreto determina y en armonía con las modernas orientaciones científicas y pedagógicas. La Excma. Diputación provincial, haciéndose eco de los deseos unánimes de la provincia que representa, y conociendo los inmensos beneficios que el establecimiento de tal Centro puede reportar, hizo un esfuerzo supremo, aumentando las múltiples atenciones a que su presupueste ha de proveer en sesión de 16 de octubre de 1914 acordó la implantación de la Escuela, comprometiéndose a ingresar en el Tesoro las cantidades necesarias para su sostenimiento. Hemos de consignar, a la vez que aplaudir, el acuerdo del Excmo. Ayuntamiento de esta capital, en virtud del cual brindo su concurso para el mismo objeto satisfaciendo una parte del alquiler del local que al efecto se designara...”[1]

Enxalzou as excelencias de dito centro para a difusión da cultura entre as mulleres da provincia que poderían acudir á capital en busca de ensinanzas que: “a la vez que fortifican su corazón y enriquecen su inteligencia, les proporciona un medio fácil de poseer un Título con el que pueden hacer frente a las necesidades múltiples de la vida moderna asegurando su porvenir y su existencia en gran modo independientes”[2].
(Foto da Normal do edificio orixinal en 1915, antes da ampliación do 3º piso en 1926. Museo Virtual Vázquez Gulías)

Casou en 1916 co catedrático da Normal de León, Don Fausto Martínez Castillejo. Pero Sara continuou exercendo en Ourense e ocupou en 1919 por decisión do claustro o posto de Secretaria cando Doña Leonor López Pardo deixou este cargo vacante ao pasar  a ser a Directora do Centro.

En 1925 foi nomeada Directora da Normal  de Mestras de Zamora e en 1945 pediu traslado para a  Escola de Maxisterio de Valencia.  Participou na X Semana de Orientación Pedagóxica que se celebrou na Normal de Valencia impartindo unha conferencia titulada "Fundamentos para una Pedagogía Femenina". 

En Valencia exerceu ata que se xubilou en xaneiro de 1960 segundo figura no Boletín Oficial do Estado do 29 de xaneiro de 1960.

(Fonte: Diario de Zamora, 2 de febreiro de 1951, p. 4. Galiciana)
(Elaobración propia)

Vid: Cid Galante, Rosa María, A Escola Normal de Mestras de Ourense (1877-1970), Vigo, Universidade de Vigo, Servizo de Publicacións, 2013, p. 53; e completada a información coa Hemeroteca. [1] ESCUELA NORMAL DE MAESTRAS DE ORENSE, Memoria correspondiente al curso 1914-1915, Orense, Imprenta de A. Otero, 1915, pp.3-4; [2] Idem, pp. 4-5.



22 agosto 2021

ANGELINES E DOLORES ALARCÓN


Angelines Alarcón foi unha destacada pianista ourensá de comezos de século XX que acompañou a vilonistas afamados e considerados como o Señor Urio formado no Conservatorio de París e o ruso Raphael Broenstein. Actuou en numerosos locales como o Liceo Ourensá, o Teatro Principal de Vigo, o Teatro Rosalía de Castro e diferentes lugares do territorio español.

Tivo unha grande sona pola exquisitez da súa técnica polo que era solicitada tamén por cantantes operísticos como o barítono Fernando Navarrete.

Angelines era irmá da tamén pianista e violinista Dolores Alarcón que ademais de ser profesora de música na Normal e de impartir clases privadas ás nenas da cidade obtendo por iso moitos eloxios, foi, nada máis e nada menos, que a profesora de música de Obdulia Prieto Nespereira, intérprete consagrada e recoñecidísima. Así falaban das dúas irmás a prensa da época como o seguinte que se reproduce da publicación Tío Marcos d´a Portela:


(Fonte: O Tío Marcos d'a Portela , 21 de marzo de 1918)

As irmás, Angelines e Dolores, eran asiduas en celebracións e eventos da cidade e tamén ofrecían a súa arte para causas benéficas como o ofrecido en 1922 no Teatro Principal da cidade en beneficio dos nenos famentos rusos no que tocaron pezas de Händel e Mendelssohn.

Os seus concertos e recitais de piano e violín eran éxito asegurado e acollidos con fervor. Toda a cidade da época tiña en grande consideración a estas dúas grandes artistas pola calidade das súas interpretacións e a súa profesionalidade. A prensa desfacíase en eloxios ao falar de Angelines e Dolores Alarcón. Dolores casou co músico violinista Señor Izquierdo e tería dúas fillas Angelita e Lolita que tamén se dedicarían á música. Lolita Izquierdo Alarcón casaría en 1928 con Don Manuel Cerdeiriña, ambos os dous eminentes concertistas.

(Información elaboración propia a partir de diversas fontes)
________
Vid: El Eco de Santiago, 1923 Agosto 09; El Orzán, 1931 enero 30; O Tío Marcos d'a Portela, 1919 abril 21; La Zarpa, 22 febreiro 1922; 3 outubro 1928.