Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta I. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta I. Mostrar todas las entradas

17 marzo 2025

MULLERES ILUSTRADAS DA LIMIA

Hai tempo que recibín unha chamada desde Xinzo da Limia por parte dunha profesora, Lucía Laroá, que me informou do traballo que estaban a facer co alumnado do seu centro CEIP Rosalía de Castro. Contoume que estaban a recoller a traxectoria vital de moitas mulleres limiás coa finalidade de publicar un libro. Sentín unha grande emoción por esta marabillosa iniciativa xa que ía sacar á luz a mulleres da comarca que foron e son moi meritorias e porque considerei que se trataba dun gran labor didáctico e pedagóxico xa que implicaba aos cativos e cativas na aprendizaxe de seren recompiladores de historias ademais de seren capaces de valorar o rol das mulleres na historia. 

Lucía Laroá invitome a prologar o libro e, sinceiramente, sentinme moi alagada. Nese prólogo expresei o grande valor que ten este traballo e desde aquí quero amosar o meu agradecemento a Lucía e a toda a ANPA do centro por contar comigo e agardo que continúen adiante.

Moitas grazas por todo e moitos parabéns. Recomendo que lean o libro pois as historias son moi interesantes e os debuxos dos nenos e nenas son verdadeiramente dunha grande beleza. (clican na imaxe e poden ler o prólogo que lles adiquei).

11 diciembre 2024

DE INSTITUTO XERAL E TÉCNICO DE OURENSE A INSTITUTO FEMININO

Un dos centros de referencia educativa en Ourense foi, sen dúbida ningunha, o Instituto ourensán. Unha vez inaugurado en 1896 serviu de acollemento de diverso alumnado, maiormente masculino, e pouco a pouco feminino para sacar adiante aos bachilleres. Malia o seu escaso espazo tivo que ser sé doutras institucións como a Normal de Mestres e Mestras así como Escola de Artes e Oficios e Biblioeca Provincial. Mais, se durante a República se observa un aumento de matrícula feminina no Bacharelato, co franquismo as taxas minguan pois non estaba ben visto que a muller quixera cursar estudos secundarios cando o seu destino ía ser a familia.

A concepción dos estudos de bacharelato no franquismo podemos resumilos do seguinte xeito. O sistema educativo franquista comezou a ser operativo en plena guerra civil e concebiu, xa desde 1938, un bacharelato que retrocedeu aos valores imperiais de España de aí que a Historia fose o eixe vertebreador do currículo e constaba de sete cursos. Despois, en 1949 creouse un Bacharelato Laboral coa intencionalidade de formar ao alumnado nas cuestións técnicas e para o mundo profesional. Estas ensinanzas non se daban nos Institutos de ensinanza Media, senón en centros específicos. En 1951 houbo outra reforma no Bacharelato Universitario para ofrecer unha formación máis científica. Comprendía seis anos, catro comúns e elementais e dous cursos divididos en dúas ramas (letras e ciencias) que era o Bacharelato Superior. A partir dos anos sesenta hai un interese por modernizar a ensinanza e introdúcense algúns cambios como a unificación do Bacharelato laboral co Bacharelato Elemental.

A ensinanza secundaria nos anos corenta estaba en mans das Ordes Relixiosas e no caso das mulleres tamén, eran as Ordes femininas as que preparaban ás mulleres nestes estudos. Pero, como dicía, o franquismo consideraba que estes estudos non eran apropiados para as mulleres. Pilar Primo de Rivera dicía:

La mujer tiene obligación de saber todo lo que podríamos llamar la parte femenina de la vida; la ciencia doméstica es quizá su bachillerato. Un arquitecto no puede ser bueno si no dibuja bien; un ingeniero, sin el conocimiento de las matemáticas, sería un fracaso; lo mismo sucede con las mujeres: su base fundamental es la casa; guisar, planchar, zurcir, etc. son otros tantos los problemas, que en un momento dado, deberá resolver, por lo tanto, debe capacitarse para ellos. (1)

Nos anos cincuenta as mulleres estaban obrigadas a estudar nas Escolas do Fogar (Unha institución que xa se creara en 1911 e funcionaba para preparación das mulleres nas ensinanzas sen descoidar a súa condición feminina) na que se formaba ás mozas nos asuntos domésticos, moralidade, ximnasia... e, en certa medida, controlado pola Sección Feminina. Mais, paulatinamente, a muller vaise incorporando cada vez máis ao mundo laboral e iso determinou a creación en 1957 do Bacharelato Laboral Feminino que as preparaba para unha serie de traballos. 

(Fonte: La Región, 28 de xullo de 1955, p. 4)

A prensa local ourensá facía eco da noticia sobre a creación dos distintos bacharelatos:

(Fonte: La Región, 7 de setembro de 1955, p. 4)
(Fonte: La Región, 27 de maio de 1959, p. 5.)
Nunha entrevista realizada ao Ministro de Educación, Joaquín Ruíz Gimenez, manifestou que o bacharelato feminino concebíase como unha institución que ía ofrecer unha cultura xeral que comprendera idiomas modernos, ensinanza do fogar, e tamén prácticas de oficina para aquelas que non ían continuar unha carreira. Logo habería un bacharelato máis humanístico no que se lle ía dar importancia ás linguas clásicas e modernas, para quen "sienta especial vocación por los estudios de letras". Manifestou que estes estudos implantaríanse naqueles centros que o soliciten.

No discorrer da súa longa vida acabamos vendo ao Instituto convertido en Instituto feminino en 1966. Nun principio pretendíase facer un novo piso no edificio, falábase, dun terceiro piso, pero despois considerouse que o Instituto feminino ía construírse no que se denominou Cidade Escolar (e da que dou conta na miña publicación da Escola Normal de Mestras de Ourense).

Este era, en principio, o obxectivo do Ministerio, tal como deixou indicado o Goberandor Civil cando se inaugurou o centro 12 de Outubro precisamente o 12 de outubro de 1957.

(Fonte: La Región, 13 de outubro de 1957, p. 1)
No curso inaugural 1960-61 o que era entón director do Instituto, Julio Francisco Ogando Vázquez, indicou que o Instituto debía dispor dunha terceira planta e que: "Es más, mirando un poco el futuro inmediato, debe ir pensando en la creación del Instituto Femenino ya que el censo escolar de Orense es mayor que el de las otras tres capitales gallegas que poseen dos centros" (2).

O aumento da matrícula feminina era un feito incuestionable. Os anos sesenta supuxeron un punto de inflexión en varios aspectos da vida española aínda que sen deixar de vivir baixo unha ditadura. Pero si foron cambios na mentalidade da sociedade e na economía pois o fenómeno do turismo foi unha realidade no país. Así como a chegada das remesas dos emigrantes facilitou que as familias puideran ter maior capacidade adquisitiva. E en cuestión de mentalidade, os mozos e mozas, comezaban a coñecer a modernidade malia que aínda a ditadura era unha lousa no pobo. 

As mozas galegas e, como non, ourensás, quixeron adaptarse a unha nova realidade e animábanse a matricularse nos estudos de bacharelato xa que lles ía abrir un futuro profesional. 

Pero o proxecto da Cidade Escolar ía bastante lento e aínda no ano 1964 non se avanzara demasiado e, por tal motivo, solicitábase "programar las obras a mayor ritmo" e achacaban isto á falta de recursos.(3)

No 1963 inaugurouse o Instituto Feminino de Vigo; no ano 1965 o de Ferrol pero o de Ourense ía con máis retraso. 

Con todo isto non estou a favor da existencia de centros segregados por sexo senón que estou falando dunha realidade durante o franquismo que consideraba que a educación tiña que ser diferente para os dous sexos. O que si poño en valor é o crecente número de alumnado feminino que comeza a producirse en todas as provincias galegas o que pon de manifesto que as mozas teñen ansias de abrirse camiño a pesar de que a ditadura non concibía a emancipación das mulleres. En efecto, o mundo laboral estaba vetado ás mulleres cando casaban e se traballaban debían contar coa autorización dos seus homes, unha autorización que se eliminaría en 1976 pero que durante todo o franquismo se mantivo.

Pois ben, finalmente, non se edifica o insituto feminino na Cidade Escolar senón que se decide que o Instituto Xeral e Técnico de Ourense pase a ser de matrícula unicamente de mulleres. Entón, será no ano 1966 cando se inaugura o curso escolar no Instituto Feminino. O cambio veu establecido porque na Ponte comezou a deseñarse un novo centro de bacharelato na Rúa Marín, ao carón da Cidade Escolar, e sería, polo tanto, destinado a Instituto Masculino. 
(Fonte: Instituto Maculino. La Región, 18 de outubro de 1966, p. 5.)
(Fonte: Instituto masculino. La Región, 26 de xaneiro de 1967, p. 6.)
No instituto feminino impartíanse clases diúrnas e nocturnas o que permitía que houbese unha maior oferta de matrícula e puideran realizar estes estudos un maior número de Ourensás.
(Fonte: La Región, 1966 outubro 22, p. 8)
Neste curso o director, Ogando Vázquez, pronunciou un discurso inaugural no que manifestou que a existencia do Instituto Feminino era proba de madurez da muller ourensá no terreo educacional. 
As inauguracións dos cursos académicos tiñan unha grande categoría polo seu carácter cultural. Adoitaban falar profesores e profesoras dando conferencias de interese sumo e ao longo do curso tamén se organizaban Cursos de extensión cultural:
(Fonte: La Región, 17 de decembro de 1967, p. 8)
O Instituto Feminino vai ir adquirindo unha notoriedade celebrándose nel numerosos eventos culturais e charlas sobre materias diversas, matemáticas, latín, física, literatura...ao marxe das clases. O paraninfo ofrecía un escenario idóneo e adoitaba estar concorrido.

A medida que pasaban os anos a matrícula ía aumentando, de feito, non era raro que desde a direccións e indicase que non había máis prazas e tan só ofertaban algúns cursos (algúns no nocturno) onde aínda podían inscribirse.

En dito centro, a partir do ano 1966, impartían clases profesoras interesantes, a maior parte delas, proviñan de fóra de Galicia, e tiñan o título de catedráticas, entre elas Patrocinio Armesto de Ciencias, Agapita Serrano de Latín, Teresa Delgado Piñar de Latín, Ana Torrás de Ciencias Naturais, Enma Saenz Amor de Ciencias, Teresa Martín Flórez de Ciencias; Pilar Domínguez Abad, de Matemáticas; Esperanza Carnero Dopico de Xeografía e Historia; Julia Sánchez Martín, de grego; María Jesús Méndez Gutiérrez, adxunta de Matemáticas; Rosa Moreno Torres de Matemátiacs; María José Vide Ocampo de Inglés; Libia Méndez Francisco auxiliar de Educación Física;  Carmen Castro Rodríguez profesora de F.E. Nacional;  Araceli Ancochea Rodán, axudante de Idiomas. Nas ensinanzas da Escola do Fogar impartían clases: Ángeles Fuster López de Música; Aurora Martínez Vidal, de Educación física; Carmen Moura Sanz, profesora de corte; Rosario Rodríguez Lameira, profesora de Corte; María Teresa Vázquez López, profesora de Traballos Manuais; María del Carmen Vázquez Prasta, profesora de Traballos Manuais...

Por Orde do Ministerio de Educación fíxose un reparto do profesorado entre os Institutos masculino e feminino:
(Fonte: Boletín Oficial do Estado. Autoridades y personal. 15 de abril de 1966, nº 90, p. 4478)

Cando chegou a democracia, tanto o centro masculino e feminino de bacharelato, desapareceron  converténdose ambos os dous en centros mixtos.

Non é dúbida ningunha que o Réxime mantivo un intenso adoutrinamento sobre as mulleres pois focalizou nelas o rol do mantemento do patriarcado. Non obstante, estamos seguras que moitas delas souberon transformar esas ensinanzas en pro de ir cambiando a situación conformándose unha nova conciencia de si mesmas.

(1) Mayordomo, Alejandro. Estudios sobre la política educativa durante el franquismo (Capítulo: Azul y Rosa de María del Carmen Agulló Díaz). Universidad de Valencia. 1999, p. 255.(2)Fue solemnemente inaugurado en el Instituto el curso académico 1960-1961. (1960, 12 de outubro. La Región, p. 2. (3) Programar las obras a mayor ritmo. (1964, 8 de outubro). La Región, p. 13.

La educación femenina durante el franquismo – por Francesc Sánchez – El Inconformista Digital.(2024). Retrieved December 5, 2024, from Elinconformistadigital.com website: https://www.elinconformistadigital.com/2013/06/27/la-educacion-femenina-durante-el-franquismo-por-francesc-sanchez

31 mayo 2024

LOABLES MULLERES NO CEMITERIO DE SAN FRANCISCO

O Cemiterio de San Francisco da nosa cidade está declarado Ben de Interese Cultural. Dá repouso ás xentes ourensás e entre elas atópanse importantes e interesantes persoeiros da nosa cultura. Pero tamén neste caso se observa a opacidade das mulleres. Por tal motivo vou dar unha lista de mulleres, ilustres, que se atopan tamén aquí, repousando e descansando dunha vida que en moitos casos non lles foi nada doado. Hai mulleres investigadoras, médicas, galeguistas, socialistas, nais e mulleres de ilustres intelectuais pero que exerceron unha grande influencia neles, hai mulleres que foron fusiladas e outras represaliadas, hai inspectoras ilustres....

As mulleres ilustres enterradas no Cemiterio son as seguintes,con probabilidade haxa algunha máis, temos que seguir investigando, pero para comezar non está nada mal.

Patrocinio Armesto Alonso
Aurora Amor Fernández
María Amor Rolán
Celedonia Bretaña Montes
Concepción Ramos Pérez Colemán
Esther Peña Bouzas
Celia Bouzas Barreiro
Marina Andina Vizcaíno
Josefina Bustamante Muñoz
Asunción González (Pobreciña Asunción)
Antonia Ortiz Currais
Erundina Álvarez Pérez
Rosa Malingre Palmentier
Benita Iglesias Lamas
Pura Vázquez
Dora Vázquez
Olga Gallego
Pilar Gallego
Paz (Pacita) Martínez Sueiro
Amalia Rosina Sánchez
Dorinda Mesa Villar
Paz Parada Pumar
Delia Osorio Otero
Cleofé Osorio Otero
Rosa do Campo de la Fuente
Elvira López Cuevillas
Olimpia Varela Blanco
Concepción Rocafull Usich
Dolores Usich de Rocafull
Josefa Taboada Allú

17 mayo 2024

RAMONA IGLESIAS NOVOA

(Entrada suxeita a publicación nun libro). Ramona naceu Sarreaus, comarca de Xinzo da Limia, e era mestra interina en Ourense. Por formar parte de A.T.E.O. foi suspendida de emprego e soldo por un período de tres meses. Estaba destinada na escola do pobo de Sabadelle, no Pereiro de Aguiar pero antes estivera na escola de As Mercedes, Cualedro.[1].

Comezou os estudos de maxisterio en 1913 e preparouse no Internado do Maxisterio Católico no Mosteiro de Pedra. As Normais tiñan en moi boa consideración dito internado dirixido pola escritora Señorita Pilar Muntadas, unha muller de rango social distinguido pero que se caracterizou polo seu interese en formar ás futuras mestras seguindo a senda do Pai Majón. A preparación conducíase nos parámetros do conservadurismo ético e moral. Non obstante, Ramona, ao aparecer inscrita na A.T.E.O. dicía dela que procuraba promover unha ensinanza moderna pero foi sancionada con tres meses de suspensión de emprego e soldo. O castigo, aínda que foi leve se temos en conta que outras das súas compañeiras foron desterradas e sancionadas por períodos de anos, tivo que supoñer para ela un desacougo xa que a Comisión Depuradora foi implacable cos afiliados á Asociación e ademais o trámite do seu expediente durou de 1936 a 1942. Pero a todo isto hai que engadir a dura situación familiar que estaba a padecer Ramona. 

Estaba casada con Higinio Rodríguez Mármol e o matrimonio tiña nove fillos chamados Carmen, Aurora, Concha, Adelaida, Ramón, Basilisa, Antonio, Manuel e José. Sendo unha familia tan numerosa requiría moito esforzo e dedicación que Ramona compaxinou co seu traballo na escola.

Higinio era un destacado político da comarca limiá pois era o representante de Esquerda Republicana. Primeiro foi concelleiro frontepopulista en Xinzo e logo converterse en alcalde[2]. Un home de ideas progresistas e tamén masónico, defensor da ensinanza laica e socio protector da Escola Neutral. Todo iso determinou o seu cese no cargo de alcalde o 5 de agosto de 1936 (o mesmo día que a súa muller, Ramona, foi sancionada pola Comisión Depuradora) e posterior detención. Levárono á Prisión de Ourense e despois trasalárono á de Celanova. 

Ramona tivo que facer fronte ao sostén familiar mentres o seu home estaba no cárcere. No seu momento a Comisión solicitou información sobre as posibilidades económicas do encausado e o Gobernador Civil contestou o 15 de novembro de 1937 dicindo:

El expedientado ha sido Alcalde del Frente Popular de Ginzo de Limia, y esto solo le atribuye la condición de extremista destacado pues sólo siéndolo, se podía haber desempeñado tal cargo. Han sido embargados bienes por valor de cinco mil cuatrocientas pesetas; el expedientado tiene esposa y ocho hijos, que no puede decirse precisamente que vivan a sus espensas, pues la esposa es Maestra Nacional (…) Para esta Comisión Provincial el haber sido Alcalde del Frente Popular en una cabeza de partido, supone algo más que complacencia por la situación de aquel gobierno; supone complicidad y como aquellas complacencias y más aún estas complicidades son la causa, o por mejor decir, fueron la causa de los daños que la Nación ha sufrido…[3]

Así que o xuíz Eduardo Saavedra do Xultado Militar decretou que se lle incautasen os bens á familia e tamén  as contas dos bancos. Tal medida e co home no cárcere, non cabe dúbida, que Ramona pasaría penurias económicas xa que o soldo de interina non daba para moito. Con sorte, Higinio foi posto en liberdade en febreiro de 1937 pero durou pouco o alivio pois en maio foi detido de novo acusado de masonería. Sairía con liberdade condicional en 1939 pero en 1940 veu un duro golpe para a familia pois á Hixino detivérono e condenárono a 12 anos de prisión en Madrid. Por redución de pena puido saír en 1945 aínda que debía manterse recluído no seu domicilio.

Ramona seguía a traballar pois era a que traía o sustento á casa, de tal xeito que continuou cubrindo interinidades. Esta condición de interina facía que estivese a expensas de cubrir vacantes o que supuña moita mobilidade por diversas escolas e localidades. En 1951 estaba na escola de Parada Ribeira en Xinzo da Limia pero tamén foi á de Vimieiro en Castro Caldelas. Logo voltou á escola de párvulos de Cualedro e a continuación foi á de Guillamil en Rairiz de Veiga. Após, en 1960, foi cubrir por tres meses a escola de Curra, en A Veiga para despois ir por un mes á de Pixeiros en Blancos.

Pode dicirse que Ramona foi un piar para a familia e é de supor que con grandes apuros. O traballo para ela era gratificante pero supuña un grande esforzo pois tocaba estar en diferentes pobos, con cambios de prazas constante e un soldo inferior. Unha mostra do sufrimento levado por moitas ourensás, por moitas mestras. 

Faleceu en Ganade, Xinzo de Limia, o 5 de agosto de 1968.

(Fonte: La Región, 4 de setembro de 1969, p. 4)

[1] La Región, 19 de agosto de 1913, p. 2; El pueblo gallego, 9 de xuño de 1932, p. 10; La Región, 5 de agosto de 1936 , p. 4; La Zarpa, 4 agosto 1936, p. 5; La Región, 4 de febreiro de 1937, p. 4; El pueblo gallego, 25 de outubro de 1951, p. 2; El pueblo gallego 30 de xaneiro de  1957, p. 11; El pueblo gallego : 13 de xaneiro de 1960, p. 11; El pueblo gallego, 19 de xaneiro de 1960, p. 7; AXEITOS, X.L, GRANDÍO SEOANE, Emilio, VILLARES, Ramón, A patria enteira : homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, Santiago de Compostela; A Coruña:Consello da Cultura Galega :Universidade de Santiago de Compostela: Real Academia Galega, 2008, p. 293; DOS, C. (2019, Xuño 2). político galego. Wikipedia.org; Wikimedia Foundation, Inc. https://gl.wikipedia.org/wiki/Higinio_Rodr%C3%ADguez_M%C3%A1rmol (Consultado o día 17 de maio de 2024.)

[2] AHPOU/1.1.5.4.1.1.//7182/06. Caixa 7182/06. [3] AHPOU/1.1.5.4.1.2.//7183/32. Caixa 7183/32 .


07 abril 2024

ENRIQUETA IGLESIAS MEANA

Enriqueta "La Camarada".  Naceu en 1911. Foi detida en Maceda en febreiro de 1937 por non delatar á súa parella, Benigno Álvarez González, veterinario e o líder do Partido comunista de Ourense e con quen casou en 1932. Fora alcade de Maceda e rebelouse contra o alzamento, motivo polo que foi perseguido pola Garda Civil. O matrimonio agochouse primeiro no trasteiro da casa, logo na Serra de San Mamede e despois na zona da Edreira. A familia Ulloa ofreceulle o pazo de Monterroso para acubillarse e alí permaneceu ata xaneiro de 1937 ata que Benigno decidiu botarse ao monte. Algunhas familias de aboengo puxeron prezo á súa cabeza.

Dicíase que en Vilar de Barrio (Maceda) chegara a concentrarse o día 21 de xullo de 1936 un gran grupo revolucionario da comarca congregados polo líder comunista Benigno Álvarez González, "asociado de una joven llamada Enriqueta Iglesias "La Camarada". Todos pretendían levar a cabo o movemento revolucionario que soñaron. Chegaron a Maceda proferindo berros "entremezclados con algunos disparos" provocando certo temor entre a veciñanza. Incorporábanse ao grupo xentes diversas e encamiñábanse a Baños de Molgas. A intención era facer voar a ponte pero o Capitán Navas chegou con 80 homes armados e os revolucionarios escaparon. Algúns atrincheiráronse nos Milagros. O Capitán capturou a oito prisioneiros e as municións que tiñan. Polo que que a zona quedou xa dominada e controlada polo Movemento Nacional.(1) Cando a Garda Civil no inverno de 1937 pillou a Benigno no refuxio chamado O Penedo matouno e paseou o seu corpo morto coa intención de demostrar que era implacables e para atemorizar á poboación.

Enriqueta foi detida. Ás seis da tarde do 21 de maio de 1937 celebrouse o Consello de guerra ordinario para fallar a súa causa que tiña o número 76. Acusábana por auxilio á rebelión. Aínda que o fiscal pedía cadea perpetua, ao fin foi condenada a seis anos de prisión.  

(Fonte: La Región, 25 de maio de 1937, p. 3

Cando entrou na prisión de Verín tivo unha filla, Dolores, e ese feito conmoveu ao alcaide do cárcere, Alfredo Vila Barros. Foi descrito coas seguintes palabras:

El pasado jueves, en el acto que tuvo lugar en la prisión de esta villa, hombres de carácter recio tuvieron que enjugar sus ojos de lágrimas. La emoción se adueñó de los espíritus...La génesis de acto tan transcedental tuvo origen en el ingreso en esta prisión de una mujer cuyas ideas extremistas en pugna con los principios básicos de la Religión y de la Patria la alejaron de Dios y de la sociedade.(2)

Debido á situación creada, o xefe do establecemento, Alfredo Vila, solicitou axuda da directiva da Xuventude católica feminina co obxectivo de conseguir que "una niña, nacida de la extraviada mujer, en una celda carcelaria" fora auxiliada debidamente así como a súa nai. E, en efecto, as mulleres lanzáronse a un labor encamiñado principalmente a lograr que a nena fose bautizada. 

O Comandante da Garda Civil de Maceda dicía de Enriqueta que era "propagandista de ideología muy comunista cuya presencia sería muy peligrosa para el Movimiento". 

Foi trasladada ao penal de Santurrarán, en Motrico, Guipúzcoa, e no Boletín Oficial do Estado do día 6 de agosto de 1940 publícase unha lista de reclusos e reclusas áos que se lle concede a liberdade. Nesa lista figura Enriqueta. Deste xeito, Enriqueta, recuperou a liberdade tras catro anos, durante os cales tivo á súa filla con ela. Faleceu en xuño de 1996.


(Fonte: BOE. 12 de setembro de 1940, p. 6348)

(1) Silva Ferreiro, M. Galicia y el movimiento nacional. Santiago de Compostela. Imprenta. Seminario Conciliar 1938, p. 284.
(2)  "Acto conmovedor en la prisión de esta villa", La Región, 4 de febreiro de 1937, p. 2.
Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: Nomes e voces , tamén Foto de Nomes e Voces; Benigo Álvarez González.
Martíns Rodríguez, María Victoria, "A represión franquista sobre as mulleres" en Juana, Jesús e Prada, Julio, As mulleres en Galicia no século XX , Vigo, Ir Indo, p. 166; Egido León, Ángeles, Cárceles de mujeres. La prisión femenina en la postguerra. Saenz y Torres. 2017; Etxaniz Makazaga, J. e Conde Gómez, D. “El veterinario Benigno Álvarez González, un comunista que amaba Galicia”, XXXVII Congreso Internacional de la Asociación Mundial de Historia de la Veterinaria,  León 2006, pp. 165-167."Acto conmovedor en la prisión de esta villa", La Región, 4 de febreiro de 1937, p. 2; "Notas militares", La Región, 22 de maio de 1937, p. 3.
‌                                          

23 noviembre 2023

FLORA IGLESIAS PADRÓN

A relegación das mulleres é un fenómeno que vén dado desde os inicios da humanidade, sobre todo desde que os grupos sociais foron conformándose en base a unha organización máis xerarquizada sobrevida pola división do traballo e por unha estrutura de poder segundo a lei do máis forte. Un contexto no que as mulleres eran apartadas dos ámbitos de poder e de decisión, quedando sumidas a un papel totalmente marxinal, se ben é certo, agora están saíndo estudos que nos indican que durante a prehistoria a opresión e dominación sobre as mulleres non foi tal pois o grupo viña contribuíndo por igual na supervivencia e noutras etapas históricas (revoltas liberais, revolta industriasl incluso nos procesos bélicos mundiais...) a presenza das mulleres foi máis notable do que os historiadores tradicionalistas viñan dicindo.

O dominio do home sobre a muller persitiu desde sempre, algo que, a día de hoxe,  aínda está sendo difícil de erradicar. 

Coñecemos en Ourense o caso de Pobre Asunción, unha muller que foi asasinada na Praza Maior en 1891. Pero en anos sucesivos houbo tamén outros casos sanguentos como o que se relata a continuación.

(Fonte: La Zarpa, 24 de abril de 1926, p. 6. Galiciana)

Flora naceu en 1903 e era natural de Parada de Piñor e foi alí onde sucedeu este feito lutuoso no 23 de abril 1926. Vivía cos seus pais, Emilio e Julia, e dicíase dela que tiña un carácter bondadoso, afable, emanaba simpatía...calidades que facían que tivese moitos pretendentes pero non tiñan nada que facer xa que Flora estaba moi protexida polos seus pais.

Pero regresara de América Martín Cid que emigrara de neno a América onde traballou durante vinte anos acadando unha grande fortuna. Martín vivía coa súa nai e casou con Flora e tiveron un fillo. Pero a felicidade non durou pois Martín trataba a Flora bastante mal e exercía sobre ela un maltrato psicolóxico. Dise que, a pesar desta situación, Flora non chegou a queixarse do seu home que en máis dunha ocasión chegou a discutirlle a compra dunha libra de pan sen o seu consentimento. Martín padecía a lepra e Flora xa non quixo convivir con el por temor ao contaxio. Por esa causa, o home estaba sumido nunha grande desesperación.

Un día Martín saíu ao encontro de Flora nun camiño solitario. Ela ía cunha cesta de hortalizas para vender no rianxo en Ourense. El parouna e díxolle que lle trouxera tabaco e comezaron a discutir entregándolle ela o diñeiro que acababa de darlle Martín para o tabaco. Cando Flora continuou a marcha, Martín, sen máis, sacou unha pistola e disparou varios tiros. Flora caeu despois de dar varios pasos. O seu home seguiu disparando e despois deuse á fuga.

Flora foi auxiliada por varios veciños e estaba perdendo moito sangue. Tiña dúas feridas de bala nas costas e unha na meixela e o seu estado era grave. Foi atendida polos facultativos e, afortunadamente, non faleceu.

Martín acubillouse na casa dun curmán ás aforas de Ourense pero foi detido e ingresou no cárcere.

Na prensa histórica recóllense moitos casos de maltrato de xénero pero tamén hai que dicir que as mulleres atrevéronse a denunciar como fixo Elvira Fernández Jorge de vintecatro anos que  denunciou en maio de 193r ao seu home, Benjamín, de haberlle tirado unha botella a cabeza causándolle feridas importantes. Josefa Cofán, tamén vai denunciar ao seu home en agosto de 1934 por malostratos...e como estes figuran moitos máis.

A ansia de poder e dominio levan a condutas irracionais con consecuencias catastróficas.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: La Zarpa, 24 de abril de 1926, p. 6; "El suceso de ayer", La Región, 24 de abril de 1926, p. 2; "El crimen de un leproso", El Heraldo Gallego, 30 de maio de 1926, p. 6; "Maltratos", Galicia, 23 de maio de 1934, p. 6; "maltratada por su esposo", Galicia, 30 de agosto de 1934, p. 5)

29 mayo 2022

BACHILLERAS OURENSÁS DE 1933



CELIA RODICIO CASAR
VICENTA PÉREZ LÓPEZ
TERESA SALGADO FERNÁNDEZ
PILAR FERNÁNDEZ GARCÍA
MARÍA GONZÁLEZ VILLAR
BEATRIZ GONZÁLEZ RODRÍGUEZ
MARÍA PÉREZ LÓPEZ
DORA GONZÁLEZ RODRÍGUEZ
CATALINA ÁLVAREZ GONZÁLEZ
JOSEFINA IGLESIAS DÍAZ
MANOLITA PÉREZ CONDE

Se hai algo emocionante no traballo de investigación, sobre todo cando o traballo se fai dun xeito totalmente altruísta coa finalidade de recoñecer o patrimonio cultural e humano do noso Ourense, é ter verdadeiros amigos cos que compartir información. É o caso que hoxe nos ocupa pois a fotografía que amoso neste blog é mérito do meu estimado amigo Rafael Salgado que me ten facilitado e  regalado imaxes preciosas e entrañables como esta,  unha preciosa estampa de alumnas do Instituto ourensán nos anos trinta. Así que, Rafa, desde aquí, infinitas grazas por este agasallo e tamén polo teu blog que nos fai querer cada vez máis ao noso Ourense tan rico de cultura. 

A fortuna desta fotografía está en que por detrás dela figuran os nomes das retratadas o que me permitiu  pescudar sobre cada unha delas descubrindo os seus méritos. Segundo a información podemos afirmar que esta fotografía foi realizada en 1933 cando todas elas finalizaron os estudos de bacharelato e titularon.

Vexamos quen eran estas pioneiras que, sobrepasando os convencionalismos sociais, titularon en estudos superiores e cumpriron as súas espectativas profesionais. Non me canso de dicir que todas as mulleres que recolle este blog están polo seu recoñecido esforzo por demostrar que a muller acadou uns logros a pesares dos impedimentos e freos que se lles puñan e que non eran poucos, polo tanto o seu mérito multiplícase pois, de primeiras, tiveron que dar o paso e tomar a decisión de querer estudar e querer exercer unha profesión e, segundo, tiveron que lidar coas trabas e limitacións administrativas e sociais.

Celia Rodicio Casar

Estamos, de  novo, ante unha muller ourensá que realizou estudos superiores nunha época na que as perspectivas para as mulleres era a vida doméstica. O feito animarse a continuar formándose implicaba unhas aspiracións a traballar e ser independente.

Delia naceu en Ourense o 6 de novembro de 1915. Era filla de Celia Casar Olavarrieta procedente dunha familia de militares e de Avelino Rodicio, industrial en Ourense e tamén  Tenente Alcalde ata 1928. 

A familia compúñana, ademais dos pais, oito fillos que se chamaban, Esperanza (Sor Esperanza) da Congregación de Irmás da Caridade, Celia, Lourdes, María Teresa, Carmen, María Dolores, José Luís e Antonio que era alférez de infantería da División Azul. Todas as irmás eran estudiadas e desempeñaron diversos cargos na administración e algunha era mestra.

Aos 11 anos, o 18 de xuño de 1926, realizou o exame de ingreso no Instituto Nacional de Segunda  Ensinanza. Posteriormente matriculouse no Bacharelato elemental, ata 1930, acadando seis sobresalientes con premio nas materias de Elementos de Aritmética, Terminoloxía cienfífica, Francés, Elementos de Xeometría e Deberes Cívicos e éticos do Dereito. O 30 de marzo expediu o título de Bachiller elemental. Pero Celia continuou estudando o Bacharelato Universitario, que constaba de dous anos, polo que estivo inscrita ata 1933. Aquí o expediente é de sobresaliente en todas as materias con Premio na de Xeografía política e económica; Historia da Civilización española; Historia da Literatura, Ética e Rudimentos do Dereito e Historia Natural. Rematados estes estudos fixo o depósito de Título en agosto de 1933.

En febreiro de 1935 trasladouse a Girona para ocupar o cargo de Auxiliar de Facenda pero a finais de ano voltou á Ourense para ocupar unha plaza na Delegación desta cidade. En 1941 foi ascendida no seu posto profesional e nese mesmo ano, en outubro, casou co capitán de infantería José María Aldamiz Echevarría.

No ano 64 consta que estaba traballando en Pontevedra.

Beatriz e Dora González Rodríguez

Beatriz e Dora eran irmás  e naceron en Río de Xaneiro pois eran fillas da emigración. Voltou a familia a Ourense e afincouse en Tosende.

Beatriz naceu en Río de Xaneiro o 13 de abril de 1914 e era filla de José González e Avelina Rodríguez. O matrimonio tivo seis fillos que eran Beatriz, Esther, Nelson, Pura, Dora e Victoria. Matriculouse no Instituto de Segunda Ensinanza de Ourense tras ter feito o exame de ingreso o 23 de xuño de 1927. Realizou os cursos de Bacharelato Elemental ata o ano 1930 e o 17 de abril de 1931 solicitou o título elemental. Continou cos estudos e realizou o univesitario rematando estes estudos en 1933 e expedindo o título de bacharelato en abril dese ano.

Convalidou os estudos para a Normal e fíxose mestra e estivo dando clases en diversos pobos da provincia, en Bande e Xinzo. 

A súa irmá Dora tamén realizou o bacharelato. Naceu o 11 de decembro de 1915 e fixo o exame de ingreso o 23 de xuño de 1927 cando tiña 12 anos. Estivo matriculada ata o curso 1932-1933 pois cursou o bacharelato elemental e o universitario. Acadou moi boas notas con nove sobresalientes. Logo expediu os respectivos títulos e fíxose mestra. Exerceu como mestra en Baltar pero faleceu en agosto de 1941 aos 25 anos no Hospital de Conxo.

(La Región, 20 de agosto de 1941, p.2)

Catalina Álvarez González

Naceu en Manzanillo, Cuba, o 8 de novembro de 1915. O seu pai era un comerciante que asentou o seu negocio na cidade ourensá. 

Fixo o exame de ingreso para o Instituto de Segunda Ensinanza o 5 de xuño de 1928 e estivo matriculada no centro ata o curso 1932-33, estudando o bacharelato elemental por libre e o universitario por oficial. Obtivo varios notables e sobresalientes nas diversas materias. 

En 1933 expide o Título de Bacharelato e en 1934 superou  as oposicións ao Grao Profesional de Maxisterio celebrados na Normal de Ourense. Sería destinada á escola de Cascarballo en Montederramo.

Josefina Iglesias Díaz

Naceu en Vilarporquera en León en torno a 1914. Non temos moitos datos desta alumna de bacharelato aínda que sabemos que a súa irmá, Concepción Iglesias, tamén estudou no Instituto ourensán.  Pensamos que era filla de Juan Iglesias Bragado, músico pianista e nomeado director da Banda de música de Ourense desde 1923 e tamén profesor. Josefina realizou o bacharelato no Instituto ourensán rematando os estudos en 1933. Casou en novembro de 1940 na igrexa de Santa Eufemia do Norte con Nabor Rivera Armada, mestre de Corbelli en Ourense e logo estivo no pobo de Xunqueira de Ambía do que acabaría sendo alcalde e tamén director da Escola Nacional. Tiveron unha filla chamada Finita Rivera Iglesias que foi bautizada en Xunqueira de Ambía.

Manuela Pérez Conde

Naceu na Coruña o 21 de maio de 1916 no seo dunha familia dedicada á industria. Fixo o exame de ingreso no Instituto Xeral e Técnico de Ourense o 29 de setembro de 1916. Estivo matriculada no centro ata 1933 realizando o bacharelato elemental e universitario pola opción oficial. Expediu o título de Bacharelato e matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras en Santiago en 1934 e acadou o título en 1941. Impartía clases particulares a nenas da cidade para preparalas para os exames de diversas materias.

Pilar Fernández García

Pilar naceu o 27 de xaneiro de 1914 en Ourense e filla de Carmen García Pérez e Emilio Fernández Barja o dono dos Almacéns Santa Eufemia que casaron en 1904 na Igrexa de Santa Eufemia do Centro. O matrimonio tivo seis fillos, cinco nenas e un neno. O pai realizaba periódicos viaxes a Barcelona para comprar xénero para vendelo en Ourense, polo que estaba ao orden do día das novidades e modas.

O ambiente familiar propiciou que Pilar se matriculase no Instituto de Segunda Ensinanza de Ourense tras realizar o exame de ingreso o 23 de xuño de 1927, cando tiña trece anos.

Fixo o Bacharelato elemental e o universitario rematando os estudos en 1933. Foi unha destacadísima alumna sendo reseñada na prensa ourensá da época pois obtivo vinte e dous sobresalientes dos cales, once con matrícula de honra.

O 30 de setembro de 1930 expediu o título de bacharelato elemental e o 9 de agosto de 1933 o título de bachiller universitario e tamén unha certificación para a Univesidade de Santiago. 

Durante estes anos Pilar sufriu a perda dos seus pais pois a súa nai morreu en agosto de 1935 e poucos anos despois, en decembro de 1937, faleceu o seu pai,. Foron unhas perdas moi sentidas por toda a cidadanía ourensá.

Malia a pena de verse orfa, Pilar matriculouse na Facultade de Farmacia na que continuou sacando unhas cualificacións sobresalientes logrando a licenciatura en 1938. Instalaría a súa farmacia en Ourense na Rúa das Tendas nº 2 na esquina da Praza Maior.

María González Villar

Naceu en Vilaseco, Cea,  o 17 de abril de 1912. Aos catorce anos, o 29 de setembro de 1926, fixo o exame de ingreso no Instituto de Segunda Ensinanza. A min cónstame, pois estiven a revisar o seu expediente, que estivo matriculada ata o curso 1928-29 e aprobou todas as materias polo que en abril de 1931 sacou o título de Bacharelato elemental. Pero vendo que está nesta fotografía do ano 1933 se coñece que realizou logo o bacharelato universitario.

Vicenta Pérez López

Pintora nacida en Ourense e filla de Hermesindo López. Fixo estudos de bacharelato no Instituto ourensán titulando en 1933. Presentou en marzo de 1929  unha mostra dos seus cadros na Deputación Provincial de Ourense. Tras examinar as súas obras por medio dun perito a Deputación aceptou concederlle unha subvención de mil pesetas para que puidera continuar os seus estudos en Madrid.  É importante salientar como as institucións axudaron a que mulleres ourensás puidesen formarse nas súas inquedanzas.

Casou co Director do Banca Don Ricardo Martín Esperanza que contribuíu á creación do Polígono Industrial de Ourense e a Torre de Ourense. Ademais foi fundador da Falanxe en Ourense. 

Tamén consta nun estudo realizado por Ana Cebreiros Iglesias que Vicenta Pérez López foi a fundadora da Sección Feminina en Ourense no ano 1935. 

Ourense foi a segunda de Galicia e a terceira de toda España en crear a Sección Feminina en 1935. Con Vicenta estaban Álvarez de Nóvoa que era a encargada de Prensa e logo delegada provincial do ramo, Antonia Méndez Villar, Felisa de Prada, Áurea Rodríguez Fernández, Elvira e Maru Pérez, Teresa Cabrera, Maruja Gándara, Pacita Carballo que era a delegada provincial de flechas...O seu papel era estimular o amor á Patria, ao Estado, ás tradicións...Confeccionaban camisas azuis para atender á demanda dos afiliados, bordado dos estandartes, bandeiras, símbolos, asistencia aos detidos falanxistas no verán de 1934, apoio ás familias, recollida de colectas, etc. Algunha destas mulleres foron encarceradas na etapa do Frente Popular. 

No 14 de xuño de 1944 Vicenta recibiu a medalla de La Vieja Guardia nun acto no Xardín do Posío e con ela tamén as súas compañeiras Concepción Pérez López, irmá de Vicenta, Rosa Lamas Álvarez, Teresa Cabrera Borrajo, María Vázquez González, Carmen Felpeto Vázquez, María Silva García e Carmen Varela Martínez.

Vicenta faleceu en xuño de 1966.

María Pérez López

Era irmá de Vicenta Pérez. Partimos de que remataría os estudos no Instituto en 1933 e cremos que logo se matriculou na Universidade de Filosofía e Letras de Santiago licenciándose en 1941. Durante a súa estadía en Santiago  foi nomeada Rexidora da Sección Feminina de Santiago de S.E.U. Posteriormente temos outro dato de que en 1955 era profesora de Xeografía e Historia no Instituto de Ensinanza Media e laboral de Ribadavia.

Teresa Salgado Fernández

Teresa era de Castrelos. Ata agora non teño máis información pero ando investigando polo que, en canto sexa posible, completarase a entrada. Pero, de seguro, que haberá quen recoñeza as mulleres da fotografía.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)

18 enero 2018

LETICIA IGLESIAS



Naceu en O Carballiño. É periodista e presentadora. Iniciou os seus estudos de xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela onde anos despois obtivo a súa licenciatura. Así mesmo cursou un Máster en Xornalismo Audiovisual e especializouse en Economía e Finanzas polo Instituto de Empresa. En canto á súa carreira profesional, Igrexas comezou a súa andaina en Televisión Española e Radio Galega tras obter o seu título de grao; aínda que tamén pasou polas canles de televisión Expansión TV como correspondente da Bolsa de Madrid e pouco despois, en 2004 comezou en CNN+ para a sección de economía. Nesta emisora compaxinou o seu traballo de redacción coa presentación de Globoeconomía.1 Un ano máis tarde, en 2005, incorporouse á edición dos informativos de CNN+ e seis anos despois, en xuño de 2011, foi contratada polo grupo de comunicación Mediaset España para presentar o informativo matinal de Telecinco. O 21 de novembro de 2014, Igrexas deixa Mediaset España, presentando o seu último informativo matinal en Telecinco, tras ser nomeada Directora de Comunicación de Coca-Cola. Recentemente, volveu a incorporarse a Telecinco.

Vid: Wikipedia


  

19 enero 2013

AS MULLERES DE ESPAÑA. ORENSE. CARAMELOS FISAS





CARAMELOS FISAS. MARTI MARI Y CIA. BCN. PRINCIPIOS DEL SIGLO XX


Lámina número 32 en cromolitografía que regalaban os caramelos Fisas, Martí Marí y CIA. Esta lámina representa as mulleres de Ourense.Formaba parte da colección que dispensaban estes caramelos e que trataban das mulleres de España de comezos do século XX cos seus traxes. Cada cor correspondía a unha tinta. No reverso viñan datos sobre historia, xeografía, poboación, etc.

13 junio 2011

A MODA E O MATRIMONIO

Vid: La Zarpa, 11-6-1926

05 junio 2011

XOGADORAS DE TENIS OURENSÁS

Fonte: La Región, 11-06-1925

01 mayo 2011

INDUMENTARIA FEMENINA


La Zarpa, 20-09-1927

18 abril 2011

BELLEZAS ORENSANAS


Foto: La Región, 7 de Junio de 1928

05 agosto 2010

MARÍA BENITA IGLESIAS LAMAS

Naceu en 1909 en Ourense e matriculouse no Instituto Provincial en 1922, cando tiña 13 anos. Estudou os seis anos de bacharelato e obtivo tamén o título de Maxisterio en 1928 (1).
Comezou como mestra interina en 1930 exercendo na escola de Figueiredo en Paderne pero foi represaliada e sufríu pola Depuración a Mestres Nacionais. 
O Decreto do 8 de novembro que alude á Depuración de Mestres nacionais require especial atención, xa que a partir do mesmo, o proceso de depuración toma corpo legal, e sentan as bases e os principios da depuración. A través deste decreto xustifícase que o maxisterio durante a República estivo en mans inapropiadas, polo cal era necesaria unha revisión da instrución pública, para poder extirpar as falsas doutrinas arraigadas durante este período. 

As bibliotecas públicas e privadas tamén sufriron o proceso de depuración, para o cal se constituíron comisións depuradoras específicas. Especialmente intensa foi a depuración que se produciu cos libros de texto escolares: periodicamente os distintos boletíns provinciais facían pública a relación de libros de texto autorizados polas autoridades educativas franquistas. A depuración afectou a todos os mestres, desde o ensino público á privada, incluíndo tamén á relixiosa, desde a primaria até a universidade, e tamén afectou as Escolas Normais. 

En todo caso, pasada a criba moitas mestras exerceron sen problemas. Benita nos anos 40 levaba a escola de Sabucedo e despois foi destinada á Unitaria de Ramil. Traballou ata a súa xubilación. Ao falecer en 1965 foi enterrada no Cemiterio de San Francisco de Ourense.

(1)Cid Galante, Rosa María, Muller e Educación en Ourense, 1900-1930, Tese de Doutoramento.
Outras fontes: Hemeroteca e Ministerio de Cultura e Deporte.

06 marzo 2010

CARMEN IGLESIAS ALAEZ

Alumna do Instituto Provincial de Ourense no ano 1926. Naceu en 1915 en Ourense. Estudou todo o bacharelato no Instituto de forma libre e oficial. Nos cursos que realizou por libre foi preparada para os exames pola profesora Josefina Otero. Realixou estudos de Auxiliar de Enfermería e ao constituírse en Ourense a Directiva de Enfermeiras en 1955, Carmen ostentou o cargo de Presidenta. No acto da constitución do Colexio de Enfermeiras Carmen pronunciou un discurso apelando ás enfermeiras a acudir á Asociación para informarse e solucionar os seus problemas.


(El Pueblo Gallego, 11 de febreiro de 1955, p. 9. Galiciana)

Vid:  Tese de Doutoramento inédita de Rosa María Cid Galante. Expedientes Académicos do Instituto Otero Pedrayo e Hemeroteca.


08 abril 2009

MARÍA ANTONIA IGLESIAS

María Antonia Igresias González nace en Ourense o15 de xaneiro de 1945. É xornalista e escritora. Comezou a súa traxectoria profesional en prensa escrita, colaborando en Diario Informaciones. Despois seguirían outras publicacións como as revistas Triunfo, Tiempo e Interviú. En 1984 ingresa en Televisión española e intégrase no persoal dos servizos informativos. A partir dese momento colabora como reporteira no espazo Informe Semanal, do que finalmente sería nomeada directora en 1989. Tivo entón a oportunidade de entrevistar en profundidade a Manuel Fraga, Adolfo Suárez, José María Aznar, Xabier Arzalluz e Felipe González, entre outros. Un ano máis tarde, en 1990, é nomeada directora dos servizos informativos de TVE, tras acceder Jordi García Candau á dirección xeral do ente público. Permanece no cargo ata maio de 1996, sendo relevada por Ernesto Sáenz de Buruaga. Colabora desde entón no diario O País, onde publicou numerosas entrevistas aos principais líderes políticos, e participou como analista en diversos faladoiros de actualidade, tanto en radio como en televisión. O seu labor como escritora a desenvolve fundamentalmente a partir da entrevista xornalística, analizando os primeiros gobernos socialistas mediante conversacións cos seus membros ou pondo en valor a figura do mestre republicano. En 2009 edita Memoria de Euskadi, un conxunto de testemuños que profunda na realidade política do País Vasco.
Obras publicadas: Cuerpo a cuerpo. Cómo son y cómo piensan los políticos españoles (2007), recopilatorio de entrevistas realizadas por la autora. Maestros de la República. Los otros santos, los otros mártires (2006) La memoria recuperada. Lo que nunca han contado Felope González y los dirigentes socialistas (2003) Aquella España dulce y amarga /Carmen Sevilla y Paco Rabal (1999) Ermua, cuatro días de julio (1997), sobre el asesinato de Miguel Angel Blanco