Etiquetas

21 noviembre 2021

CONCEPCIÓN ROCAFULL PRIANTE

Concepción Rocafull Priante naceu o 19 de decembro de 1874 en Zaragoza e era irmá do comerciante ourensán Enrique Rocafull, o home de Dolores Usich a fundadora e directora do Colexio-Academia Inmaculada Concepción, e  tía da tamén mestra Concepción Rocafull Usich filla do matrimonio.

O 5 de novembro de 1902 foi nomeada  Directora da Escola Nacional de Nenas do Pavillón Escolar que estaba situado na estrada de Celanova (onde actualmente está o edificio da Telefónica na entrada da ponte Marcelo Marcías desde o Progreso, fronte ao Xardín do Posío). Pola súa profesionalidade e éxito escolar a Alcaldía outorgoulle en xuño de 1908 o voto de gracia: "por el resultado satisfactorio de los exámenes llevados a cabo en la escuela de párvulos superior de niñas". (2)

En 1910 realizou o exame de ingreso para a Escola Normal Superior  de Madrid na sección de letras tendo que solicitar unha dispensa de idade pois contaba 36 anos, dispensa concedida por Real Orde do 6 de agosto polo Rei (3). 

Presidiou numerosos tribunais de oposición de maxisterio, non en van era unha referencia na cidade como mestra.

Os seus principios na ensinanza baseábanse no deber dos docentes de aproximarse aos nenos, un tema abordado nos escritos que publicaba no Boletín del magisterio como o asinado o 14 de xuño de 1909.

"Dejad que los niños se acerquen"

Los niños son ángeles que con sus sonrisas purifican y endulzan nuestra existencia...Ellos son la inocencia, el despetar de la aurora, la primavera. Por eso, todos debéis saludar su paso y contribuír a su alegría, que será muy breve. Entre todas las fiestas, solo ocupa lugar preferente para el niño, el Festival escolar, porque encierra todos sus encantos anhelos y esperanzas" (1)

Concepción Rocafull sentía o compromiso co ensino e co profesorado e iso levoua a presidir en agosto de 1912 o Mitin de Mestres convocado pola Asociación de Mestres de Carballiño cuxo obxectivo principal era pedir ao Ministerio que se lle outorgasen aos docentes os medios suficientes e necesarios para poder desempeñar o seu labor; que se elevaran os seus solddos; construír edificios adecuados para a ensinanza e implantación das cantinas. 

Sumouse, pois, ás revindiccións da asemblea da Asociación de Mestres de Carballiño (por certo unha das máis activas na defensa dos profesionais do ensino) na que finalmente se acordou que era preciso declarar a independencia económica, política e profesional dos mestres; que fose o Estado quen pagase os emolumentos; que o soldo mínimo fose de mil pesetas; que desaparecesen as Xuntas Locais, que se suspendesen os concursos de méritos, que a xubilación puidese ser equiparada á dos catedráticos, etc...(4)
La 
(Fonte: Correspondencia de España, 26 de agosto de 1912, p. 1. Galiciana)

En maio de 1933 solicitou traslado para a Sección da Graduada do Centro de Vigo para  escola de párvulos e xubilarase no ano 1936 cando tiña 63 anos.

Non sabemos cales foron os motivos do seu traslado a Zamora, o caso é que o 10 de novembro de 1960 faleceu nesa cidade cando tiña 86 anos de idade.


(Fonte: Imperio: Diario de Zamora, 16 de novembro de 1960, p. 4)

(Fonte: Imperio, 9 de novembro de 1961, p. 4)

Concepción sacaba tempo para colaborar en varias publicacións da época, entre elas a revista Labor Gallega publicación que se editaba na Habana e que durou de 1913 e 1917 na que escribía sobre Ourense, as súas festas e tradicións. Realmente converteuse nunha corresponsal da revista. A súa fama de erudita levouna a que nunha Xunta Ordinaria da Real Academia celebrada en febreiro de 1917 a propuxera para ser membro da mesma, pero quedouse nunha proposta.

Era unha muller ben relacionada, entre as súas amizades estaba Angelita Santamaría de Temes e ambas as dúas foron as principais compoñentes da agrupación de mulleres da Liga Antituberculosos.  Concepción Rocafull tamén se relacionaba coa Unión Orensana da Habana coa que se carteaba frecuentemente, e iso deu pé a que a agrupación contribuise coa cantidade de mil cincocentas oitenta pesetas para que a Liga puidese axudar aos nenos desvaídos e pobres da cidade.



(Fonte: Labor Gallega, nº 7, 10 de setembro de 1915, p. 9-10. Galiciana)

                               

                              (Fonte:  Labor Gallega, nº 7, 10 de setembro de 1915, p. 24. Galiciana)

(Fonte: Vida Gallega, nº51, 31 de xaneiro de 1914, p.14. Galiciana)

Doña Concha Rocafull Priente está sentada na parte central ao carón da Sra. Santamaría de Temes.

(Elaboración propia)

(1)Boletín del magisterio o 14 de xuño de 1909, p. 1.
(2)Boletín Oficial de la provincia de Orense, 7 de xullo de 1908.
(3) El magisterio español, 13 de agosto de 1910.
(4)La Correspondencia de España, 26 de agosto de 1912.
Vid: Escalafones del magisterio, Instrucción Pública y Bellas Artes, 1933, p. 16; Eco de Galicia. 9 de marzo de 1919; El Noticiero gallego, 4 de maio de 1936; Vida Gallega, nº 51, 31 de xaneiro de 1914; Boletín Oficial de la provincia de Orense Número 14, 9 de xaneiro de 1903; Boletín Oficial de la provincia de Orense, Número 4, 5 de xaneiro de 1907; El magisterio español, 4 de outubro de 1910; El Eco de Santiago, 14 de febreiro de 1917.