Etiquetas

As nais nunca morren. As nosas nais son inmortais

É inmenso o amor que se lle ten aos pais. Malia que ao longo da crianza se transite por etapas relacionais de achegamento ou afastamento, todo o mundo ten nos seus pais ese ancoramento que lles dá a seguridade na deriva da vida.

Si, aos pais quéreselles moitísimo e somos plenamente conscientes diso cando ao faltaren decatámonos de que quedamos sen esa raíz que nos asegura, e tememos caer.

A súa falta produce un desequilibrio inmenso no corpo. Deambulamos, dando tumbos, dun lado para o outro pois xa non hai faro, xa non hai referencias...é unha toma conciencia de que un dos nosos lados queda suspendido, no ar. Medio corpo está sen apoio...hai que apuntalalo de novo...pero agora coas lembranzas.

Non entendemos o proceso do duelo pois temos a idea de que as nosas nais son inmortais. Sentímolas perpetuas. Esas nais que están constantemente coidándonos, malia a nosa idade, son as valedoras do rédito familiar. Son as  mantedoras dos vínculos. Elas aglutinan, elas fan que nos unamos, nos xuntemos...Son as que antes de marchar nos aleccionan para o futuro, ese futuro sen elas, incerto.

Nais galegas!! que manifestan o seu querer non con apertas, bicos, ou frases que digan que nos queren, senón traballando arreo, dándote todo o que teñen, manifestando preocupación constante, dicíndonos que imos coller frío, que comamos que estamos moi delgados, que vaiamos con coidado...

Si, no noso inconsciente temos a idea de que as nosas nais son inmortais. Ninguén pensa que a súa nai vai faltar algun día pois sentimolas omnipresentes. Pero cando  marchan, agotadas de loitar, non por elas, senón polos demais, a dor é inmensa e nin o cremos. A nosa consciencia non o asimila, non o procesa, os nosos pés frotan no ar e parece que caemos. Non, non o cremos e maxinámolas noutra dimensión e seguimos falando con elas.

Si, as nais son inmortais e perpetuas, e todo iso grazas ao seu legado inmaterial impagable.

Nai, sempre estarás nos nosos pensamentos e actos. O teu sufrimento tan longo e inmenso non mermou o teu porte e fortaleza. Admirámoste máis por como sobrelevaches a túa enfermidade pois, malia a túa paralise corporal, a túa cabeza mantívose sempre para aínda aconsellarnos e coidarnos dicíndonos que comeramos e que non colleramos frío. Descansa, loitadora, xa estás noutra dimensión e sentímoste, protexéndonos para que non nos ocorra nada.

Grazas por toda a túa entrega.

26 de marzo 2023.