Etiquetas

03 mayo 2026

ELVIRA ALONSO RODRÍGUEZ

Unha mestra que tiña unha opinión moderna sobre a pedagoxía e demostra ter unha formación teórica das correntes pedagóxicas europeas.

Era mestra Superior de maxisterio, título que acadou na Normal de Pontevedra. A partir de entón, comezou a exercer nas escolas da provincia ourensá como interina. Estivo en escolas moi remotas, de aí o grande valor destas mestras. En 1907 tiña a praza de interina na escola de Laza, en Montederramo. En 1909 pasou á escola de Carracedo, en a Veiga. En 1910 foi para a das Ermitas, e así estivo durante diversos anos ata que en 1919 outórganlle a praza de Albos, no concello de Blancos e, en 1921, vai para Peñalonga. 

Esta mestra escribe un interesante artigo no xornal local, publicado o día 16 de abril de 1918, titulado "Fundamentos científicos da Pedagoxía"  que reflicte unha etapa na que a educación estaba en proceso de modernización e cientifización. Defende que a educación debe basearse en coñecementos científicos; que o docente precisa formación intelectual e metodolóxica e que a Pedagoxía debe integrarse nun sistema de ciencias relacionadas co etudo do ser humano.

O artigo formula desde o inicio unha pregunta central: se a Pedagoxía pode considerarse unha ciencia propiamente dita ou se é só unha aspiración a selo. A partir desta cuestión, Elvira desenvolve unha reflexión sobre a evolución histórica e conceptual da disciplina educativa e sobre os fundamentos que lle permiten adquirir carácter científico.

Sinala que a palabra Pedagoxía sufriu unha transformación profunda ao longo do tempo. Durnte séculos, a educación existiu sempre, pero non como unha ciencia autónoma. Segundo ela, a práctica educativa baseouse tradicionalmente en concepcións filosóficas, é dicir, en ideas xerais sobre o ser humano, a moral e a sociedade.

Neste sentido, a Pedagoxía nace primeiro como reflexión filosófica e só máis tarde busca converterse nun sistema organizado de coñecementos.

O artigo destaca que os feitos pedagóxicos estiveron sempre sustentados pola Filosofía. Isto significa que a educación non se concibía inicialmente como unha actividade técnica nin científica, senón como unha actividade guiada por principios éticos e visións do mundo.

Porén, Elvira subliña que a verdadeira estruturación científica da Pedagoxía atribúese ao pensador Herbart, quen sistematizou a educación e tentou convertela nun campo de estudo con bases racionais e metodolóxicos. Este punto marca a transición da educación como arte ou práctica empírica cara a educación como ciencia.

Presenta á Pedagoxía como unha disciplina apoiada por ciencias fundamentais como a Ética, como deber moral, a Estética, como ideal de perfección na formación humana, a Psicoloxía, como desenvolvemento do neno. e a Filosofía como visión xeral sobre o ser humano.

En base a todo isto, di que educar require coñecer profundamente ao educando, as súas capacidades, o seu desenvolvemento e as leis que rexen o seu crecemento intelectual e moral.

Unha idea central do artigo é que a Pedagoxía non debe limitarse á teoría. Debe converterse nunha ciencia aplicada, baseada en métodos e coñecementos concretos. O educador debe comprender a natureza do neno, coñecer os procesos do desenvolvemento infantil, empregar métodos adecuados...

En definitiva, o artigo pretende lexitimar a Pedagoxía como ciencia, destacando que a súa validez depende da súa fundamentación en disciplinas científicas e do uso de métodos racionais na práctica educativa.

Estamos, pois, ante unha mestra que demostraba ter unha gran modernidade intelectual.

Vid: "Sección de Instrucción Pública y Bellas Artes", Boletín Oficial de la provincia de Orense, 1907, nº 117, p. 1; "Nombramientos", El Magisterio español,  1910, nº 3449, p. 11; El Eco de Santiago,  16 de junio de 1910, p. 2; "Fundamentos científicos de la Pedagogía", La Región, 16 de abril de 1918, p. 1; "Nombramientos", El Magisterio español, 1919, nº 5701, p. 7.