(ENTRADA PUBLICADA EN 2009 PERO ACTUALIZOUSE CON NOVOS DATOS. DESDE AQUÍ QUERO AGRADECER ENCARECIDAMENTE A TODAS AS PERSOAS QUE ME INFORMARON E QUE FIXERON POSIBLE CONCRETAR UN POUCO MÁIS SOBRE A VIDA DE PATROCINIO ARMESTO.)
Outra distinguida universitaria que acadou a licenciatura en Ciencias e foi resaltada pola prensa local de Ourense, será María Patrocinio Armesto Alonso, que aínda que era natural de Alcañices, Zamora, estivo ligada á cidade Ourensá.
Naceu o 14 de xullo de 1906 e era filla de Odilo Armesto Salgado, Comandante de Carabineros (falecido en Ourense o día 1 de setembro de 1948) e de Elvira Alonso Castrillón (falecida o 21 de outubro de 1971), de Ourense, e sobriña do insigne Alfonso Alonso Castrillón quen residiu durante moitos anos en Bos Aires e faleceu en maio de 1938. Tiña unha irmá que se chamaba Pilar.
Cursou parte dos estudos de bacharelato no Instituto Xeral e Técnico de Ourense tras realizar o exame de ingreso o 11 de xuño de 1917. Estivo matriculada ata 1920 e cursou tres cursos pola opción oficial. Obtendo en todas as materias sobresaliente e nalgunhas matrícula de honra.
O 4 de setembro de 1920 solicitou traslado para o Instituto de Pontevedra.
Ingresou na facultade de Ciencias no ano 1923 aos dezasete anos, matricularase durante catro cursos e saca unhas cualificacións brillantes, licenciándose en 1927. A prensa ourensá non desdeña os eloxios para esta destacada muller, como así o amosa a noticia recollida no xornal da época:
(Fonte: Heraldo Gallego, 12 de decembro de 1926, p. 1. Galiciana)
Desempeñou os seguintes cargos: agregada interina de sección de Ciencias do Instituto Cisneros no curso 1928-29. Logo no 1932-33 e 1933-34 desempeñou o mesmo cargo no Instituto de Pontevedra. En Soria, no curso 1937-38 encargouse do curso de Agricultura. Pasou ao Instituto de Ourense no curso 1938-39 e nese ano foi ao Insituto de Lugo a ocupar a Cátedra. Foi encargada de Agricultura no Instituto de Tui nos cursos 1940-42.
Voltou a Ourense e foi encargada de Ciencias Naturais no Instituto de Ensino Medio no curso 1942-43. Foi catedrática do Instituto de Ensino Medio de Ourense desde 1949 ata 1975.
(Fonte: Arquivo Galiciana. Fundación Penzol. Banquete de bachareles da promoción do ano 1936 no Instituto de Ourense. ES.GA.36057. AFP/2.1.2.10.7.2.1.1//FOT-0005/023)
(Fonte: Arquivo Galiciana. Fundación Penzol. Foto grupal de bachchareles de 1936 do Instituto de Ourense, ES.GA.36057. AFP/2.1.2.10.7.2.1.1//FOT-0005/024.)
Os seus logros foron recollidos pola prensa orensá e galega destacándoa en inteleixencia "igual ao home". Ademais de impartir clases no Instituto tamén fundou en Ourense unha Academia, xunto con Elena Cortés Santiago, onde preparaban para as oposicións de Maxisterio por correspondencia sendo unha novidade para o momento xa que, segundo indicaban no anuncio, evitábase o desprazamento á capital:
(Fonte: La Región, 4 de setembro de 1954, p. 2. Galiciana)
Tiven ocasión de falar con antigas alumnas de Patrocinio Armesto, entre elas Adelaida Carballal Barreiro, e comentáronme que era unha muller moi seria e moi rigorosa á hora de dar as clases. Era moi avanzada na súa época pois non explicaba de xeito descritivo as flora e fauna senón que facía unha explicación científica das especies clasificándoas por categorías. A súa docencia era moi profunda e o nivel de esixencia era moi alto sendo os seus exames moi estritos.
(Fonte: La Región, 2 de setembro de 1948, p. 3)
Patrocinio debeu xubilarse entorno de 1970 ou 1971 pero seguiu sendo unha muller moi dedicida. Gustáballe moito viaxar polo estranxeiro para enriquecer os seus coñecementos. Visitou varios países ao longo da súa vida chegando a ir incluso a Turquía. E estando de turismo polo país turco foi cando faleceu repentinamente o 10 de outubro de 1989. Cando a súa familia foi buscala para trasladala a Ourense, o cónsul español ofreceulles todas as facilidades e acompañou á familia ata o aeroporto por deferencia. Patrocionio Armesto repousa no Cemiterio de San Francisco de Ourense.(Fonte: La Región, 10 de outubro de 1989, p. 42.)
Vid:Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese
inédita. Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da
educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e
Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº
12, 2004, pags. 73-102. As
primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e
Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº
11, 2003, pags. 139-156; Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Galaxia, Vigo, 2010, pp. 239-240.
Vida gallega, 1927 xullo 10.