Etiquetas

14 octubre 2024

A FUNDACIÓN VICENTE RISCO: A MÚSICA TEN ONDAS COMO O MAR


O día 28 de setembro tiven a horna de participar nas Xornadas organizadas pola Fundación Vicente Risco e o Consello da Cultura Galega onde fixen unha presentación titulada: Araceli Ancochea Roldán, case tres décadas compartindo con Vicente Risco o compromiso de formar aos docentes ourensáns. 

Expuxen que a relación profesional e laboral entre Araceli e Vicente tivo que ser intensa pois a Normal, e sendo directorVicente Risco, era unha institución que organizaba numerosos eventos nos teatros ourensáns nos que a música era o número principal. Así mesmo, o home de Araceli, Felipe Pedreira, era gran amigo de Vicente. 

O ambiente non podía ser mellor. Compartín mesa con grandes profesionais da música como Isabel Rei Samartim, que fixo unha exposición marabillosa sobre o instrumento da guitarra e indicou que ten claro que é un instrumento de orixe galega. Di que en Ourense había numerosos tocadores da guitarra e algúns deles vivían na mesma rúa que Vicente Risco cos que tiña contacto así como ganas de aprender a tocar dito instrumento. Isabel é unha profunda coñecedora da música galega e unha estupenda intérprete, habela coñecido supón un enriquecemento para min.

Tamén falou Miquel Badal centrándose nas relacións de Vicente Risco con Frederic Mompou. Unha exposición interesantísima sobre a amizade e a admiración que se profesaban. As viaxes de Mompou a Santiago e o contacto con intelectuais e cultura galega levouno a compor "Suite Compostelana".

Todo isto moderado polo gran pianista Alejo Amoedo, un home de grande humildade e sensibilidade propiciando un ambiente distendido e acolledor.

Finalmente, non podía faltar tampouco hoxe a música, despois da ópera exitosa da Loba Branca que se levou a cabo no Principal o día 27. O día 28 tivemos concerto na Fundación a cargo da soprano Belén Vaquero que xunto coa pianista Isabel Pérez Dobarro e o mandolinista Ramón Carnota  interpretaron Cantiga sen fin.

Grazas á Fundación e ao Consello da Cultura por invitarme a falar dunha muller impresionante como era Araceli Ancochea, pero sobre todo por darme a oportunidade de coñecer a xente que me ilustrou enormemente o meu espírito.

(Clicar na imaxe para ver a presentación)