Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Represaliada. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Represaliada. Mostrar todas las entradas

29 junio 2026

PRESAS E MESTRAS. A HISTORIA DO VIVIDO. A HISTORIA DAS EMOCIÓNS

 

Despois de moitos meses de traballo conxunto co Comité Democrático de Celanova, o día 28 inaugurouse a exposición das mulleres vítimas da represión franquista da comarca de Celanova. Compoñen a exposición 16 paneis e mesas que visivilizan o papel das mulleres como, militantes, auxiliadoras e protectoras dos seus para que non caesen nas zoupas da ditadura pois sería cárcere ou morte.

Así pois, para min foi unha enorme emoción e honra presentar xunto con Nuria López a mesa aberta para que as familias falasen e nos contasen os seus testemuños. Feridas que non dan cicatrizado e que pasan de xeración en xeración. Esta xenerosidade de compartir o seu relato fai que os historiadores vexamos da importancia de abordar o estudo histórico desde perspectivas diferentes para que saian á luz as persoas que tamén foron protagonistas.

O relato das vítimas sitúanos na Historia das emocións, na Historia desde abaixo. Aí estaban María Ánxeles Pérez, bisneta de Delfina, unha das sete mulleres de Quins, Melón, presas no 37 por agochar a fuxidos, neste caso a un fillo. Sara, nora de Ubaldina, unha das sete mulleres de Quins, detida por agochar ao marido. María Antonia Rodríguez, neta de Rosa, veciña de Barbadás que estivo presa en represalia pola deserción dun dos fillos na fronte. O seu home tamén estivo preso en Celanova neses mesmos días. Paz Gómez-DelValle, neta de María Del Valle Lozano, presa en Celanova a comezos do 37, despois en Bande, de onde a sacaron para paseala xunto con Salud Torres en Mosteiro de Ribeira. José Antonio, sobriño neto de Áurea González, unha das mestras represaliadas en Santa María de Cexo; Miguel Muñoz, neto de Dolores Barreiros, presa por insultar aos soldados en Ourense cando pensou que lle fusilaran ao home que era comunista.

Grazas a todas ás familias ante as que me descubro e grazas miña querida amiga Nuria López, periodista incansable que a través dos seus podcast "Ferida aberta do 36" amósanos unhas historias e, sobre todo, testemuñas e entrevistas de grande calado.





Nestas III Xornadas do Comité de Memoria Histórica de Celanova tiven o pracer de escoitar a Domingo R. Teixeiro, Laura Varela e Tamara López...cadansúa conferencia de grande interese sobre os cárceres e prisións de mulleres; a Muller na República e os seus avances; e sobre a muller no franquismo. Agradezo as súas leccións.

Logo, tamén houbo a presentación do libro de Eliseo Fernández e Dionisio Pereira titulado Mulleres libertarias na Galiza, sen dúbida, de grande interese para min xa que é un tema que me atrae.


Todo isto fíxome reflexionar sobre certas cuestións que sempre me roldaron na cabeza.

As mulleres de Celanova na represión franquista. Historia vivida. Historia das emocións.



Nas III Xornadas Memoria e Muller de Celanova imos ter ocasión, de escoitar testemuños que nos van chegar ao corazón. Seremos conscientes dun capítulo da nosa historia que, durante demasiado tempo, permaneceu sepultado baixo o peso do medo. Un capítulo escrito, con sufrimento e dignidade, por mulleres ourensás, as nosas avoas, bisavoas, veciñas. Hoxe imos escoitar o relato das mulleres falando das mulleres. Son as voces en feminino de afouteza e resiliencia.

A historia adoeceu dun grande nesgo androcéntrico e, por moitos anos, ao falar da Guerra Civil e da ditadura franquista, aparecían tan só os nomes dos homes: os fusilados, os encarcerados, os exiliados, expulsando dese relato ás mulleres, ao non ser foco de atención. Pero houbo tamén mulleres que sufriron unha represión específica, sistemática e profundamente inxusta. En efecto, este nesgo histórico xa o criticou Juana Doña Jiménez no seu magnífico manuscrito Desde la noche y la niebla, publicado en 1978. Este é un dos primeiros libros en recoller testemuñas vividas polas presas no franquismo desde unha perspectiva feminista. Juana era consciente que nas publicacións que comezaban a saír á luz sobre a ditadura había unha opacidade das mulleres na historia de resistencia, e di:

Se contaban epopeyas de las cárceles masculinas y las heroicidades de sus protagonistas, se rompía el cerco de la censura y en la más negra clandestinidad se divulgaban acciones y sufrimientos protagonizados por los luchadores-hombres. Rara vez se hablaba o escribía sobre las heroicidades de las luchadoras-mujeres”. “A las mujeres se les ha dedicado unas líneas apenas, en ese río de volúmenes que se ha escrito sobre la guerra civil y la resistencia en nuestro país”

Temos, por fortuna, que destacar que nos últimos anos comece a haber inxentes publicacións sobre o rol das mulleres ha historia e, en concreto, na guerra e ditadura. Este fenómeno editorial e académico, que no último decenio do século XX e maiormente a partir de 2010, non é unha simple tendencia pasaxeira; é, en realidade, un acto de xustiza histórica que está a encher esas follas incompletas ou que quedaron en branco.

Polo tanto, cómpre estudar a represión cunha ollada de xénero. A represión franquista contra a muller non foi só física. Buscou o control social absoluto, e a muller era un pilar fundamental do seu proxecto. O novo réxime impuxo un modelo de muller submisa, relixiosa, dependente do home e afastada da vida pública. Calquera muller que se desviase dese modelo era vista como unha ameaza.

No franquismo, as mulleres foron castigadas, sinaladas e humilladas por participar activamente na vida política e social, pero tamén por ser nais, esposas ou irmás de homes perseguidos. Malia todo isto, moitas delas nunca apareceron nos libros de historia ou non foron obxecto da atención dos estudosos. Mais, o traballo de recuperación da memoria histórica permítenos hoxe poñer nome, apelidos e contexto a esas vidas.

Nestas III Xornadas afondamos quizais na ferida máis profunda: as que foron represaliadas, encarceradas e humilladas tras o golpe de Estado de 1936, acusadas da vaga e terrible fórmula de “colaboración coa rebelión”. Cal rebelión? A rebelión, para o novo estado franquista, era a lealdade á República, á legalidade democrática, ou simplemente a defensa dos seus seres queridos.

A acusación de “colaboración coa rebelión” era un caixón onde cabía de todo:

- Ser familiar (esposa, filla, nai, irmá) dun home perseguido (republicano, sindicalista, mestre, alcalde).

- Ter participado en organizacións políticas ou sindicais de esquerda (agraristas, socialistas, anarquistas…).

- Ter auxiliado a perseguidos ou “fuxidos” (facerlles unha comida, darlle roupa, deixalos pasar pola leira).

- Manterse firme nos seus ideais ou simplemente non denunciar aos seus.

- Ter unha actitude considerada de “desafío” ás novas autoridades.

As mulleres republicanas, sindicalistas, mestras, enlaces ou simplemente solidarias foron castigadas con detencións arbitrarias, cárcere, rapados públicos, multas, desterros e exclusión social. A represión exercíase sobre os seus corpos e tamén sobre as súas vidas cotiás, buscando o escarmento e o control social, e para servir de exemplo á comunidade: “Mirade o que lle pasa a quen se sae do seu camiño”.

Polo cárcere de Celanova e de Ourense pasaron mulleres sufrindo a inxustiza e o oprobio. Alí vivían en condicións extremas, insalubres e algunhas ían embarazadas ou acabadas de parir polo que as súas criaturas tamén eran presas.

Cos relatos e testemuñas das familias das vítimas, saímos da ortodoxia histórica para mergullarnos na historia das emocións. Esta perspectiva non é, por iso, menos obxectiva, xa que dá voz ao pobo. A Historia debe ser unha historia do pobo e pra o pobo, o que se coñece como “Historia desde abaixo”. Desde esta óptica preténdese ampliar o foco e recoñecer outras formas de protagonismo histórico, incluído o protagonismo feminino.

Falar de vítimas dun réxime que buscaba o ensañamento e o máis cruel escarmento, é falar de emocións. As primeiras publicacións sobre as vítimas do franquismo baseado nos testemuños reais foron, sen dúbida, o mencionado anteriormente de Juana Doña titulado: Desde la noche y la niebla; outro referente foi El libro blanco sobre las cárceles del Franquismo, publicado en 1977 e escrito por un equipo de investigación baixo o seudónimo Ángel Suárez; e o que supuxo un impacto histórico documental foi o dos Topos de Manu Leguineche e Torbado que ademais recolle a historia de Teo (Teodomira Gallardo).

É indiscutible que a disciplina histórica debe fundamentarse en fontes contrastadas e na reconstrución rigorosa dos feitos. Non obstante, isto non debería implicar a eliminación do sentimento nin unha aproximación excesivamente fría ao pasado. A historia tamén é experiencia vivida, e isto maniféstase de maneira especialmente clara nos testemuños das persoas que sufriron a represión. O ser humano non só actúa, senón que sente, e eses sentimentos inflúen nas súas accións individuais e colectivas.

Os defensores da historia das emocións sosteñen que non existe historia sen suxeitos. Desde esta perspectiva, o sentimento é en si mesmo un feito histórico que axuda a explicar o comportamento das sociedades.

E neste aspecto cómpre nomear a Aleida Assmann, especialista en Memoria Cultural, que subliña a importancia de incorporar a voz das vítimas como parte dun proceso de xustiza histórica. Segundo ela é vital a memoria comunicativa que pasa de xeración en xeración, deste xeito conectámonos emocionalmente co pasado.

E, o grande intelectual e filósofo Enrique Dussel (enormemente admirado por min), falaba de “descolonizar a historia” e recuperar a memoria dos oprimidos, os pobos, os marxinados “Filosofía de la liberación”.

No contexto español, destacan varios autores que dialogan con esta perspectiva como Julián Casanova, co seu libro «Víctimas de la Guerra Civil» que desde a historia social, contribuíu a poñer no centro ás vítimas da Guerra Civil e do franquismo, defendendo a necesidade de integrar os seus relatos para comprender plenamente a represión e combater o esquecemento institucional.

Polo tanto, xuntar as familias das mulleres que sufriron as duras represións da ditadura para que compartan as súas vivencias, narren as súas experiencias e expresen a pegada que aqueles feitos deixaron nas súas vidas nace da necesidade de compartir a memoria colectiva, coñecer quen foron esas mulleres escudo, rescatadas do esquecemento e devolverlles o seu nome, os seus apelidos e os seu rostro, en lugar de reducilas a un simple número.

Esta necesidade de transmitir e preservar a memoria tamén pode explicarse desde unha perspectiva psicolóxica. Os estudos sinalan que as persoas tendemos a lembramos máis e con maior intensidade os acontecementos negativos ou tráxicos. Este nesgo constitúe un instinto de supervivencia, porque o cerebro interpreta estas experiencias como advertencias que contribúen a evitar a repetición dos erros no futuro.

Tal como dicía Almudena Grandes: Es un error creer que la memoria tiene que ver con el pasado. La memoria tiene que ver con el presente, porque si no sabemos quiénes somos, no sabemos quiénes queremos ser. Y tiene que ver con el futuro".

Como escribiu Eduardo Galeano que no seu impresionante poema LOS NADIES:

(…)

Los nadie…los hijos de nadie

Que no tienen cara, sino brazos.
Que no tienen nombre, sino número.
Que no figuran en la historia universal,
sino en la crónica roja de la prensa local.
Los nadies,
que cuestan menos
que la bala que los mata.

Para o fraquismo os fusilados eran "ninguén", non tiñan máis valor, como di o poema, que a bala que os mataba. Nesta III Xornadas xunto coa exposición Presas e Mestras non falamos dos NINGUÉN ou NINGUNHA, pois estes testemuños que imos escoitar sobre mulleres vítimas do oprobio da ditadura deixan de ser número para pasar a ser nome, para pasar a ser rostros, para pasar a ser parte da historia que debe ser inesquecible.

Rosa María Cid Galante, 27 de xuño de 2026.


A EXPOSICIÓN PODERÁ VERSE ATA O 17 DE XULLO NO AUDITORIO ILDUARIA.
HORARIO: LUNS A SÁBADO DE 10 A 13:30 HORAS.
LOGO IRÁ ITINERANDO POLA COMARCA E CENTROS EDUCATIVOS.

19 abril 2026

HERMINIA VILLOT CANAL

Herminia naceu o 3 de novembro de 1900 no pobo de Moreiras. Era filla de Modesto Villot Varela, encargado do Despacho Central do Ferrocarril de Ourense e quen, ao parecer, tamén rexentaba un negocio de tinturarías en Ourense (primeiro na rúa da Paz e logo na de Santo Domingo), e de Luísa Canal García. O matrimonio tiña seis fillos. A nai faleceu en 1912 e Modesto Villot finou en xuño de 1935.

Entre os irmáns estaban: Sira, que tamén era mestra; Ramón, que abriu en Vigo a "Academia Villot"; Manuel Luís, tamén mestre; Julio, reloxeiro que emigrou á Arxentina; e Eduardo, mestre comunista republicano e membro da A.T.E.O. Eduardo foi unha das vítimas da represión franquista tras o golpe militar de 1936: foi detido e asasinado o 18 de agosto dese ano no Alto do Forriolo (A Bola, Ourense) cando tiña apenas vinte e oito anos.

Herminia, tras realizar os estudos de primaria, preparouse no Colexio Balmes, dirixido por Gelasio Pérez Álvarez, para examinarse por libre de varias materias nos cursos 1912-13 e 1913-14 no Instituto Provincial. Segundo o seu expediente, interrompeu os estudos para retomalos no curso 1924-25 e rematalos en 1928. Obtivo cualificacións notables, con varios sobresalientes en materias como Historia da Pedagoxía, Química, Historia da Idade Contemporánea, Física e Historia Moderna.

Realizou o primeiro curso de prácticas escolares na escola de nenas de Pilar Merino e o segundo na de Antonia Quintela. Na súa memoria de prácticas, explicou que unha das súas inquietudes era experimentar coa didáctica e analizar os procesos de aprendizaxe. Para investigalo, organizou un experimento con dous grupos de nenas sobre a xeografía da provincia de Ourense. Para un grupo seguiu un método dedutivo (do xeral ao particular), partindo da provincia ata chegar ao lugar da escola. No outro grupo seguiu un método indutivo (do próximo ao afastado), partindo da escola para ir ampliando o coñecemento ata abranguer a provincia.

A conclusión á que chegou foi que o segundo grupo adquiriu unha maior capacidade de reflexión, mentres que o primeiro respondía de xeito mecánico e memorístico. Concluíu a memoria indicando a súa intención de repetir esta práctica no futuro para corroborar os resultados.

Na reválida final, proba global que acreditaba a capacidade profesional para o ensino, obtivo a cualificación de sobresaliente. Preparouse na Academia Xesta, dirixida por Juan Fernández Pérez.

No exercicio de Historia, desenvolveu o tema «Carácter de las civilizaciones contemporáneas», onde expuxo que a Revolución Francesa e a Revolución Industrial supuxeron o nacemento dunha sociedade máis activa, diferente á da Idade Media, e o fin da monarquía absoluta. Na súa exposición aludía á mobilización do proletariado e destacou as conquistas sociais acadadas:« Sin embargo han sido muchas las ventajas obtenidas...hoy tienen para sus hijos los obreros escuela pública, cantinas escolares, roperos etc y beneficiándolos a ellos se está haciendo hoy que tenga retiro y pocas horas de trabajo» Tamén desenvolveu o tema da educación da muller, sobre o cal merece a pena transcribir literalmente as súas palabras:

Hoy el estado de la mujer es ventajosísimo en todos sus aspectos no solamente porque tenga igualatorios derechos que el hombre sino por reconocerle hoy más que nunca el que ella es el alma de la sociedad.

Después de rotas las barreras para que Universidades y demás centros fueran abiertos para ella más tarde cuando la Guerra Europea y por falta de hombres en los hogares...infinidad de ellas por necesidad, ocupan escritorios de casas bancarias comercios etc. y mas recientemente destinos que hasta hace muy poco creían solo exclusivos del hombre...estos protestan quizá algo cuando no recapacita las ventajas que este cambio introdujo en sus hogares. Pondré aquí el nombre de Martínez Sierra agradecida porque sus escritos ante el problema feminista tanto nos ha realizado».

É notorio que Herminia transmite uns principios de equidade social e de xénero, mostrándose como unha muller de ideas avanzadas para a súa época. No desenvolvemento do seu exame de Historia da Pedagoxía, fixo alusión a Pestalozzi e Herbart. Sobre o primeiro, arrinca dicindo: 

La Pedagogía en el siglo XIX se caracteriza por accion, es decir, los grandes pedagogos como Pestalozzi hacen que la escuela no sea para el niño un sitio de tortura en que sujetos a un método mecánico y sin libertad alguna crea el niño un ser pasivo, él preconiza una enseñanza en la que el niño pueda desenvolverse ampliamente y esté siempre en actividad... 

A continuación, mencionou a Herbart, quen sostiña que a aprendizaxe se producía "de fóra cara a dentro", incidindo na relación entre a instrución e a educación. 

Tras finalizar os estudos, solicitou formalmente a expedición do título de mestra de primeira ensinanza en abril de 1929, aos 28 anos. En setembro dese mesmo ano, trasladouse a Vigo para incorporarse á academia do seu irmán Ramón.

Pouco despois, en xullo de 1929, presentouse ás oposicións e superou os tres exercicios. A súa andaina profesional levouna por distintos destinos: Zarracós (A Merca): Onde comezou exercendo nunha pequena escola de nenas; La Cuesta-Barlovento (Canarias): Destinada en 1933 e, tras un período de excedencia, en 1934 aduxicárolle a praza de Coiras (Piñor de Cea).

Coa chegada da ditadura, Herminia sufriu o proceso de depuración. O seu perfil resultaba sospeitoso para as novas autoridades por ser irmá de Eduardo Villot, mestre republicano e membro da A.T.E.O. asasinado polos sublevados.

Malia o clima de represión, tras estudar os seus informes, a Comisión determinou a confirmación na súa praza. Anos máis tarde, en 1947, solicitou a praza de párvulos de Rábade (Lugo).

"De sociedad", La Región, 13 de xuño de 1913; "De Exámenes", La Región, 2 de outubro 1928, p. 1;"De sociedad", El pueblo gallego, 29 de setembro de 1929, p. 16; Revista General de la Enseñanza, Número 8373, 9 de agosto de 1929, p. 460; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 8906, 12 de novembro de 1931, p. 298; "Del Ministerio", El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 9230, 19 de decembro de 1933, p. 514; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 934, 11 de setembro de 1934, p. 596; "Relación de maestros y maestras que han sido confirmados en sus escuelas", La Región, 10 de maio de 1940, p. 3;"Nombramiento de maestros por el turno voluntario", El correo gallego, 18 de xullo de 1947, p. 6.

09 enero 2025

ENCARNACIÓN ÁLVAREZ B(V)ESTEIRO

Naceu en Bubal, Carballedo, Lugo. Estudou maxisterio en Ourense e rematou os estudos en 1933. 

Encarnación foi alumna de Vicente Risco e, como viña sendo habitual, este mandaba facer traballos de carácter etnográfico coa finalidade de que os eu alumnado coñecese os costumes de Galicia. Encarnación fixo este traballo no que recolleu o Folclore de Poboa de Brollón, pobo do sur de Lugo pertencente a Monforte de Lemos. 

O traballo manuscrito trata dos aspectos xeográficos da comarca. Fai unha descricións das xentes do lugar, sobre os seus aspectos físicos, indicando que eran de pelo moreno e ollos marróns escuros, cunha estatura de 1,60 metros e que se dedican á labranza. Explica tamén os nomes e alcumes propios da zona.

Outro dos apartados é a historia da comarca e di que ten orixe castrense, de aí os topónimos que hai coa denominación "castro". 

A continuación explicou os costumes das xentes, as comidas, os vestidos, casas, os réximes de propiedade, a emigración, as herdanzas e a relixión e supersticións. 

É indubidable que Vicente Risco tiña varias pretensión con estes traballos, por unha banda ofrecerlles a oportunidade ao alumnado de seren investigadores e analíticos, por outra banda, facerlles ver o valor da súa historia e do propio medio, da súa contorna, da súa etnografía...como obxecto de estudo imprescindible para todo docente; así mesmo, a través destes estudos e traballos os estudantes podían darlle valor á cultura galega. 

Vicente Risco, polo tanto, foi un docente adiantado e moderno por darlle ese sentido práctico á súa materia.

(Fonte: Fondo Fundación Vicente Risco.)

En maio de 1934 Encarnación solicitou entrar como mestra interina o que traía consigo os cambios continuos de destinos. Ese mesmo ano casa con Celestino Rodríguez Parada. 

Encarna tamén foi obxecto de investigación por parte da Comisión Depuradora do Maxisterio e en 1937 abríuselle un expediente. Dela dicíase que non cumpría ben o seu traballo, que non ía a misa e que bordara unha bandeira comunista. 

Tras este difícil tránsito, en 1939 vai solicitar cubrir interinidades e  foi enviada á escola de Santa Eulalia de Altoz en Triacasatela; logo para a de Corgo; despois foi á de Incio. En 1955 estaba na escola mixta de Aigas de Navia de Suarna e en 1966 en Sober.

Elaboración propia a partir de diferentes fontes: Vid. Galicia, 12 de decembro de 1934, p. 5; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 16 de xuño de 1934; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 23 de xaneiro de 1934, p. 1; SANTALLA LÓPEZ, Andrés, "A Represión Franquista en Galicia", Actas dos traballos presentados ao Congreso da Memoria, Narón do 4 a 7 de decembro de 2003, p. 240; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 10 de setembro de 1940, p. 2; Boletín Oficial do Estado, 13 de marzo de 1955, p. 1677; "Adjudicación provisional de destinos del Concurso General de Traslados" Escuela Española, 17 de xuño de 1966, p. 818.

27 noviembre 2024

ESTRELLA ALBERTE GONZÁLEZ

Foi condenada en outubro de 1933 á pena de cárcere en Celanova por delito de lesións e tenencia ilícita de armas. A pena imposta foi de un ano, oito meses  e un día de reclusión menor e o pago de 800 pesetas a Paulino Armesto.

Iniciada a contenda da guerra civil foi encarcerada o 25 de xullo de 1936. Debía pesar sobre ela a sospeita e a persecución polos seus antecedentes penitenciarios.

Fonte: Audiencia. Galicia, 1933 outubro 20, p. 3.

17 noviembre 2024

ENCARNACIÓN PENÍN GARRIDO

Encarnación era mestra e cando estaba exercendo na escola da Magdalena, Monterrei, foi inhabilitada e apartada da ensinanza cando tan só levaba un ano, sete meses e dezasete días como mestra. Moi contundente foi a acusasión que se fixo contra ela pois recibiu un castigo moi duro.

Naceu en Ourense o 2 de maio de 1911(¿?). Realizou os estudos de maxisterio e accedeu ao corpo tras superar os cursiños de 1936. No se sabe a causa, pero cando estaba na escola de A Magdalena comunicouse ao Consello Local de Primeira Ensinanza de Monterreai que Encarnación de ausentara da escola desde 23 de novembro de 1935.

(Fonte: BOE,15 de xullo de 1953, nº 196, p. 4266)

Estivo apartada do ensino desde 1940 ata que, en 1953, tras revisar o seu expediente, concédeselle a súa reincorporación. A partir de entón comeza un intenso percorrer de escolas. Iso supuña para Encarnación un grande alivio pois, de novo, retomaba o seu traballo despois de que acordaran represaliala cando tan só levaba un ano e medio exercendo como mestra. Agora tocaba ir de escola en escola, con moitos cambios de destino. En 1954 condéronlle a escola de Pradelas na Poboa de Brollón. En 1955 foi para Carballiño e, en 1957, para a de Santa María de Temes e tamén ese mesmo ano para a de Soutochao, en Vilardevós. Os cambios e traslados eran constantes e, en 1959, tivo que marchar ao pobo de Santa Marta no Concello de Viana do Bolo. De aí á escola de Cobas, Ourense, pero en 1961 concursou para a escola mixta de Córcores, no Concello de Avión.

As sancións que impuña a Comisión de Depuración supuñan un fondo trauma para todos os docentes, pero maiormente para as mestras xa que segundo a percepción da sociedade presupoñíase que a muller tiña que ter por si mesma o don da docilidade e sobre todo as mestras, que eran  exemplos e modelos a seguir. Por tal motivo, cando se producía o castigo debía ser habitual que as xentes mirasen a esas mestras con receo.

Vid:Información del magisterio. (1935, 6 decembro). El Pueblo Gallego, p. 12; Relación de maestros que han sido sancionados. (1940, 8 de maio). La Región, 3; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo: Número 210 - 1957 setembro 17, p. 3; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo: Número 217 - 1955 setembro 27, p. 2; BOE, 1 de setembro de 1961, nº 209, p. 12831.

03 noviembre 2024

DOLORES VÁZQUEZ RODRÍGUEZ

Dolores Vázquez era mestra e cando estaba na escola de Arzoá foi levada á Comisión de Depuración que a sancionou co traslado dentro da provincia  e prohibición de solicitar vacante por un período de dous anos e sen poder ocupar cargos directivos. Daquela as mestras e mestres chegaban a ser acusados falsamente e era difícil que se librasen da penalización. 

Dolores foi das primeiras mestras tituladas en Ourense e realizou a carreira de Maxisterio cando estes estudos aínda se impartían no Instituto de Ourense.

Naceu en Rañadoiro, Muíños, o 21 de maio de 1891. A decisión de estudar maxisterio foi un tanto tardía xa que tiña 19 anos cando realizou o exame de ingreso no Instituto o día 18 de xuño de 1910. Non era extraño que as mulleres sopesasen a decisión de facer a carreira cando xa eran algo maiores pois non todo eran facilidades e debían sortear unha serie de incovenientes como o de vir á capital, residir nunha pensión, tamén influía moito a situación familiar...

En todo caso Dolores aparece matriculada por enseñanza oficial no curo 1910-11. Este ano estudou Relixión e Historia Sagrada; Gramática Castelá; Nocións de Pedagoxía; Nocións de Aritmética e Xeometría; Nocións de Xeografía e Historia; Debuxo; Prácticas de ensinanza e Labores. 

No curso 1911-12 continúa a carreira co segundo curso. Faino de forma oficial e consta que se matriculou en Pedagoxía; Dereito e Lexislacióne escolar; Gramática (ampliación); Xeografía e Historia de España; Nocións de Agricultura; Ciencias Físicas e Naturais; Prácticas de ensinanza 2º; Labores 2º e Nocións de Aritmética e Xeometría. 

Feitos estes dous anos consegue a titulación como mestra elemental. A partir de entón comezou a ir polas escolas como interina en pobos que eran de difícil desempeño, malia todo, eran verdadeiras difusoras e centinelas da cultura para os nenos e nenas do rural. En 1915 foi para a escoliña de Tovo, en Laza. A continuación iría á de Quintela de Leirado e despois á de Bande. En 1924 déronlle a escoliña de Santa María da Ponte, en Viana, e ao ano seguinte foi para Santa Eulalia de Montes.

Todos estes desprazamentos supuñan un esforzo por parte das mestras, non só por ter que precisar forma de desprazarse e trasladar as súas pertenzas, senón porque tamén tiñan que volver adaptarse ao lugar e coñecer novas xentes, aínda que era normal que estas acollesen ben á mestra. 

Formou a súa familia e casou con Eduardo Vázquez Rodríguez e tiveron dous fillos, Emilio e Dolores. E neste caso non era raro que as mestras levasen consigo aos fillos. Deste xeito non se atopaban soas e podían ensinarlles na escola.

Cando en 1940 se atopaba na escola de Arzoá recibíu a notificación da súa sanción. Non se saben os motivos, pero como é de intuír, algunha falsa acusación. Isto trastocou a vida de Dolores xa que a desprazaron forzosamente dentro da provincia o que supuña ir ao desterro, aos pobos máis afastados e case incomunicados. Neste caso tivo que ir á escola de Carballeda de Valdeorras onde permaneceu un mínimo de dous anos.

Continuou traballando e no ano 1958 estaba na escola de Robledo, en Rubiá, e no 1959 foi para a de Requeixo en Manzaneda. De aquí a pouco tempo se xubilou.

Vid: A.I.O.P. Expedientes persoais. Maxisterio; Instrucción Pública. (1915,12 de maio). La Región, p. 1; Del Magisterio. (1926, 16 de novembro). La Región, p. 1; Nombramientos (1924). El Magisterio Español, nº 7097, 550; Nombramientos. (1925). El Magisterio Español, nº 7139, 386); Relación de maestros de esta provincia que han sido sancionados. ( 1940, 8 de maio). La Región, p. 3; Designación de escuelas. (1940, 16 de xullo). La Región, p. 2; Información del magisterio. (1958, 23 setembro). La Región, p. 6; Información del magisterio (1959, 9 setembro). La Región, p. 3; Esquela. (1965, 22 de xuño). La Región, p. 4.