Aos 11 anos fixo o exame de ingreso no Instituto de León. O primeiro curso realizouno por libre nesa provincia pero o seguinte cursouno no Instituto de Pontevedra. Será no curso 1924 e 1925 cando se rexistre no Instituto ourensán permanecendo nel ata 1927, ano no que acadou o título de bacharelato.
A continuación foi a Madrid e matriculouse na Facultade de Ciencias e Farmacia no curso 1927-1928. Pero despois solicitou o traslado á Universidade de Oviedo na que se rexistrou no curso 1931-1932 e, finalmente, rexistrouse na facultade de Santiago onde se licenciou en Farmacia en 1936.[1]
Coñeceu a Francisco Fernández del Riego, avogado, intelectual, galeguista e escritor, polos anos trinta e fixéronse noivos e dende entón foron inseparables, como así o demostran as numerosas fotografías que os inmortalizaron. A relación sería inquebrantable e é de supor que Evelina foi un grande apoio para Francisco cando este, sendo axudante da Universiade de Santiago, foi cesado e inhabilitado en 1937 para desempeñar cargos públicos. Logo veu a guerra civil na que participou Francisco e finalizada esta casaron o 14 de marzo de 1940 en Vigo
Evelina faleceu en Vigo en 2007, cando tiña 90 anos. Está enterrada no cemiterio de San Pedro da Ramallosa en Nigrán. A Francisco fóiselle a súa compañeira vital, a compañeira que tamén apoiaría a Galiza. Tres anos máis tarde, en 2010 faleceu Francisco e os restos respousan con Evelina, tal como eles sempre desexaron.
[1] A.H.U.S., Expedientes persoais. Cartapacio 0621. Exp. 14.Foto da entrada. Recorte da fotografía titulada: Viaxe a Francia, Bélxica e Holanda. Francisco Fernández del Riego con Evelina nun parque. 1953. Exraída de Arquivos Fondos Penzol.Vid: El Progreso, 13 de novembro de 1937, p. 4; Hoja Oficial del Lunes, 6 de xuño de 1960, p. 8; El Correo gallego, 9 de xullo de 1954, p. 6.