Etiquetas

28 marzo 2009

GRUPO FEMININO DE OURENSE (SECCIÓN DO PARTIDO GALEGUISTA)

Nos anos trinta haberá mulleres ourensás como Xosefina Bustamante dona de O. Pedrayo, Emillia Blanco de Monjardín, Milagros Rodríguez dona de Cuevillas, Celia Bouzas de Peña, Xoana Somoza de G. Salgado, Isabel Algarra de Ramón, María del Socorro R. De Guede, María do Carmo Fernández dona de Risco, Mercedes Docampo, Felisa María Morais, María Teresa Cortón, Carmela Salgado, Catalina López Cid, Mercedes López Cid, Manuela Ventura, Rosa Docampo, Carmen G.Rodríguez, Pura González, Marina Peña, Esther Peña, Maruxa G.Quiroga, Victoria González Quiroga e Maruxa G.Gándara, que constituirían dentro do Partido Galeguista O Grupo Feminino de Ourense, actuando Celia Bouza e Mercedes Docampo como presidenta e secretaria respectivamente. 

Todas elas asinarán un manifesto expondo as súas razóns pero, aínda que as súas interpelacións sobre o papel que debería xogar a muller galega ante o devir da Terra eran moi interesantes, a óptica era moi tradicional, pois concedíalle á muller o deber de ser depositaria e gardiana da tradición (similar ao punto de vista defendido pola igrexa). Así mesmo, daban relevancia ao papel da muller como educadora dos/as seus/súas fillos/as e como auxiliadora dos seus homes. 

Este manifesto tivo transcendencia e eco en Galicia pois foi publicado tanto no periódico independente de Lalín, Razón, como en A Nosa Terra. Para o periódico Razón a calidade do texto merecíalle o seguinte exordio:

Se oxe (sic) se levantara Napoleón, xa non podería decir como n´aquel tempo, que as mulleres solo sirven para remandalo-s calcetis; as mulleres d´oxe tanto figuran no foro, como nas letras, como nas crenzas, como nas artes; a muller d´oxe en día, tan pronto atende os traballos d´o fogar como se pon o frente d´un exército en defensa d´a Terra que a veu nacer; a muller d´oxe en día danos os homes un exemplo moi grande que non debemos votar no olvido. Vede, senón, ese manifesto que un grupo de distinguidas mulleres ourensás, vos pon deante chamándovos a todal-as mulleres a unión. Fixádevos ven e cavilade un pouco, xa veredes como, acabando por convencervos d´a realidade, acabaredes por acudir o chamamento d´esas compañeiras vosas que merecen o respeto, a ademiración i-o recoñecemento de tod-os vos galegos”[1]

O manifesto publicado íntegro nos dous xornais dicía textualmente o seguinte: 

“Niste momento en que Galicia háchase (sic) máis necesitada que nunca de agarimo e de todos os esforzos dos seus fillos, pra defensa dos seus dereitos descoñecidos e feridos de toda sorte, coidamos que é cando a muller galega, chamada á vida púbrica (sic) por imperativos dos tempos que corre, e por a natureza ha ser no lugar a conservadora das tradicións dos nosos maiores e a educadora dos galegos de manan, debe coller decididamente o posto que lle corresponde. Enrolándonos baixo da bandeira de Galicia, pra defendermos o que nos e mais achegado e mais querido imos aportar a nosa vontade o noso entusiasmo á terra dos que queren erguer a Patria galega á cultura e dinidade de que é meritoria...Coma mulleres e como galegas, a nosa misión ten que ser de paz e de afirmanza. En ben da nosa Terra, chamamos á concordia e á unión a tódolos fillos de Galicia, pra unha obra de construcción e de vida, non pra unha laboura negativa e destructora. Chamamos ao voso corazón de fillas e de nais; pola lembranza dos antergos e polo porvir dos nosos fillos; pol-o noso fogar, pol-a nosa tradición, pol-a nosa cultura, pol-a nosa fala...”[2]  

Este manifesto foi motivo de loubanza xa que supuña unha iniciativa atrevida por parte das mulleres que reivindicaban unha achega ao pobo e á patria. Vexamos como na prensa El Pueblo Gallego as eloxiaba

(Fonte: El Pueblo gallego, 29 de xullo de 1933, p. 1) Galiciana.

As mulleres galeguistas ourensás comezan a participar activamente nos asuntos do partido sendo acollidas con grande afecto dentro do Partido. Na asemblea extraordinaria celebrada o 21 de outubro de 1933 en Ourense para proclamar aos candidatos ás eleccións de novembro e que, por certo, durou ata as sete da mañá, o grupo feminino foi recibido cunha grande ovación[3]

Tamén o grupo feminino do Partido, encabezadas por Celia, acudiu á III Asemblea Nacional que se celebrou en xaneiro de 1934 en Ourense no local da rúa Luís Espada, número 24, que viña a ser a consulta do doutor Peña Rey. (logo esa rúa pasou a chamarse Alejandro Outeiriño).

(Fonte. La Región, 24 de outubro de 1933. ) Galiciana.

Ademais o GF celebraba as súas propias xuntas que adoitaban ser na rúa Luís Espada, número 21 de Ourense. Nelas abordaban asuntos da directiva e elección da mesma, tamén falaban da conveniencia de participar en Asembleas do PG así como das propostas para levar…etc. 

Decidiron enviar unha delegación do GF á III Asemblea Nacional do PG que se celebrou en xaneiro de 1934 en Ourense no local da rúa Luís Espada número 24 e o grupo de mulleres foi recibido cunha intensa ovación e co respecto da concorrencia[4].

(Fonte: La Región, 1 de outubro de 1933.) Galiciana

(Fonte: La Región, 11 de xaneiro de 1934.) Galiciana

Na Asamblea tomou a palabra Mercedes Docampo e con contundencia dixo: “Si non triunfamos agora, deixaremos a semente que recollerán os nosos fillos n´unha Galicia millor”[5]. Acudiron á asemblea en Santiago no abril de 1935 e o acollemento non podía ser máis eloxioso: “N-este intre entra no salón unha numerosa excursión de Ourense ao frente da que veñem varias rapazas do grupo femenino ourensán. A asamblea ponse em pé e tribútalles unha longa ovación..”[6].

Eran mulleres que avogaban polo compromiso da cultura, en por iso, tamén foron as que promoveron que se puxera unha placa conmemorativa a Filomena Dato.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)
[1] “As mulleres galegas”, Razón, Periódico independiente, Lalín, nº. 2, 3-8-1933 en RODRÍGUEZ GALDO, Mª Xosé (coord.), Textos para a Historia das mulleres en Galicia, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 1999, pp. 575-576.
[2] “Exemplos”, A Nosa Terra, 6-8-1933, pp. 1-2.
[3] “Partido Galleguista”, La Región, 24 de outubro de 1933.
[4] La Región, 11 de xaneiro de 1934.
[5] III Asamblea, El Pueblo Gallego, 17 de xaneiro de 1934.
[6] IV Assembleia do Partido Galeguista”, A Nosa Terra, 28 de xaneiro de 1934, p. 1.