Etiquetas

13 septiembre 2024

MATILDE DOCAMPO CASTRILLEJO

(Matilde Docampo Castrillejo. Fotografía cedida amablemente por Matilde Puertas Docampo, sobriña de Matilde Docampo.)

Como digo sempre, todas as historias que se recompilan neste blog, feito con tanta ilusión, non me pertenecen, senón que forman parte da historia dos seus descendentes, das súas familias, ás que lles debo agradecer, encarecidamente, que me permitan dalas a coñecer para que Ourense lles outorgue a relevancia que deben ter pois forman parte da súa historia. 

Hoxe, día 13 de setembro de 2024, foi un día moi especial pois tiven a ocasión de coñecer persoalmente a Matilde Puertas Docampo, sobriña neta de Matilde Docampo Castrillejo, unha muller pioneira que eu tiña no meu blog xa desde 2010. As emocións son moitas cando se escoita de primeira man a historia dunha das nosas mulleres ourensás e Matilde Puertas soubo transmitirme ese entusiasmo, esa emotividade e admiración pola súa tía, a quen non chegou a coñecer pero da que escoitou moitas historias durante a nenez, tal que así, ela chámase tamén Matilde na honra da súa tía. Ela mesma supuxo o alivio da dor que sentiu a súa avoa Baltasara ao falecer Matilde Docampo. 

Matilde Puertas é pura  enerxía, elegancia e vitalidade cando me fala, cualidades propias das mestras de sempre, tradicionais e vocacionais, porque, en efecto, Matilde Puertas tamén forma parte das nosas mestras ourensás. Neste encontro tan agradable escoiteina con moita atención, sen perder detalle de todo o que me contaba e que eu vou escribilo tal que así no blog. Emporiso non teño palabras para agradecer tanto agarimo e xenerosidade. Dese hoxe mesmo, Matilde Puertas e a súa familia formarán parte da miña propia historia. 
(Encontro con Matilde Puertas o día 13 de setembro de 2024. Grazas, Matilde, pola túa historia e xenerosidade que para min será inesquecible.)
Matilde Puertas é a filla de Flora Docampo e que, dada á admiración que sentía Flora pola súa irmá Matilde, contáballe que era brillante nos estudos e unha adiantada ao seu tempo. Coñezamos a súa traxectoria.

Matilde naceu en San Ciprián, Ourense, o 19 de xullo de 1904 e era filla do capitán de infantería  Don Victoriano Docampo Álvarez e de Baltasara Castrillejo de la Dehesa, natural de Pamplona, e mestra co Título Superior. Unha muller moi avanzada ao seu tempo e moi decidida, por iso, e segundo me contou Matilde Puertas, foi a verdadeira impulsora da traxectoria de Matilde. 

Matilde Docampo e súa irmá Flora estudaron a primaria no Colexio de Angelita Paradela que, daquela, era considerado un dos mellores colexios. Finalizados os estudos de primaria, Matilde realizou o día 19 de setembro de 1919 o exame de ingreso no Instituto de Ourense e, desde entón, matriculouse por libre nos cursos de bacharelato. Rematou estes estudos en 1923 cunhas cualificacións máis que notables.

Solicitou o certificado de traslado para a Universidade de Santiago. Foi unha das primeiras ourensás que se incorporaron aos estudos superiores a comezos de século XX, concretamente no ano 1923, cando tiña 19, estaba matriculada por oficial na Facultade de Farmacia. Neste decisión tivo moito que ver a súa nai, Balasara Castrillejo, pois foi ela a que a impulsou a seguir adiante xa que ela mesma era unha muller de ideas moi avanzadas para a súa época e consideraba oportuno que a súa filla progresara nos estudos e acadara unha profesión cualificada. Acompañou á súa filla a buscar un piso a Santiago e atoparon un na rúa do Hórreo. Ali residiu Matilde  ao coidado dunha señora.

Matilde demostrou ser unha muller activa e dinámica pois estando en Santiago participou na homenaxe que se lle tributou no Teatro Principal o día 24 de novembro de 1924 a José Rodríguez Carracido, pois Matilde formaba parte do "Cuadro Universidade". Representouse o drama en verso "Lubicán" de Armando Cotarelo Valledor no que Matilde desempeñou o papel de Xoana. Así falaba a prensa da súa interpretación:

Matilde Docampo, en el papel de "Xoana" madre de "Inesa" estuvo soberbia, magistral, alcanzando un éxito definitivo y rotundo que el público no dejó de reconocer desde el primer momento. En su papel de madre gallega supo volcar todo el tesoro lírico de su alma de mujer. Nadie estaría mejor que lo estuvo ella en este papel que le valió ovaciones y aplausos prolongados" (1).

Matilde Puertas aínda conserva o libriño publicado polo Teatro Principal de Santiago no que se facía anuncio da Homenaxe:





Realizou todos os cursos  sen repetir ningún e sacou a carreira en cinco anos, algo que non era moi habitual, licenciándose no ano 1928. 

(AHUS. Cartapacio.325, Ex. 16. Recorte.)
As cualificacións de Matilde foron todas moi altas pero, si é certo que había un profesor que era moi esixente e deu un suspenso xeral na súa materia. Por ese motivo os fixo uns versos, a modo de protesta pacífica, pola actitude deste catedrático. Os versos lémbraos perfectamente Matilde Puertas xa que súa nai, Flora, llos transmitiu e dicían do seguinte xeito:
¡Eleucegui, Eleuceguiño,
el de la faz nacarada
el que estudia minerales
sin saber la calisaya.
Ese tipo que os presento,
es un perfecto canalla!
Despois desta anécdota, Matilde, por suposto titulou en Farmacia, unha carreira que lle custou, segundo as contas que levaba súa nai Baltasara, unhas 15.000 pesetas o que viña a ser para entón unha cantidade importante. 

De regreso a Ourense comezou a rexentar a farmacia de San Xoan de Ribadavia. Despois quixo achegarse a Ourense e traballou na farmacia de Santa Cruz de Arrabaldo cuxo propietario era Fernando Soto Álvarez. Dita farmacia, que hoxe en día xa non existe, estaba no baixo da casa do cruce da estrada, por onde pasa o río Barbañica. Era unha casa grande, de pedra, cunha bonita balconada. O desempeño do traballo por parte de Matilde era tan bo así como os eu trato que os veciños e os donos da farmacia sentían por Matilde moito agarimo.

Matilde era de espírito xovial e muller moi ávida de aprender o que a levou a viaxar e coñecer lugares en España e fóra dela. Estivo en Santander, Irún, en Saint Jean de Luz, enCeuta, en Tánxer...


(Material facilitado por Matild Puertas. Arriba unha postal enviada por Matilde á súa nai estando de viaxe. Parte inferior fotografía de Matilde cuns amigos.)
Contoume Matilde Puertas que a súa avoa, Baltasara, tiña cartos aforrados para poñerlle unha farmacia pero xa non puido ser pois, lamentablemente, Matilde faleceu o 28 de novembro de 1934 en San Cibrán das Viñas debido ao tifo e, daquela  non había penicilina. Tiña tan só vinte e oito anos. A nai, consternada  quixo velar a súa memoria e mandou construír unha capela en San Cibrán das Viñas na que se atopa enterrada. 
(Fonte: Esquela. (1934,29 novembro). La Región, p. 3)
De novo as nosas mulleres ourensás demostran a súa valentía facendo estudos universitarios nunha época na que non se vía con bos ollos que as mulleres tomasen esa iniciativa.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930) Tese inédita. Cid Galante, Rosa María., As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003 pags. 139-156. Cid Galante, Rosa María. As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102; La Región, 18 de outubro de 1923, p. 2; El Ideal Gallego, 24 de novembro de 1924, p. 5; El Compostelano, 22 de novembro de 1924, p. 1; Domecq en Galicia, 1 de novembro de 1928, p. 26; El Ideal Gallego, 22 de xaneiro de 1930, p. 5; La Región 29 de novembro de 1934, p. 5. (1) El Pueblo Gallego, 26 de novembro de 1924, p. 10; Foto: El Pueblo Gallego, 26 de novembro de 1924, p. 12.