Etiquetas

03 noviembre 2024

DOLORES VÁZQUEZ RODRÍGUEZ

Dolores Vázquez era mestra e cando estaba na escola de Arzoá foi levada á Comisión de Depuración que a sancionou co traslado dentro da provincia  e prohibición de solicitar vacante por un período de dous anos e sen poder ocupar cargos directivos. Daquela as mestras e mestres chegaban a ser acusados falsamente e era difícil que se librasen da penalización. 

Dolores foi das primeiras mestras tituladas en Ourense e realizou a carreira de Maxisterio cando estes estudos aínda se impartían no Instituto de Ourense.

Naceu en Rañadoiro, Muíños, o 21 de maio de 1891. A decisión de estudar maxisterio foi un tanto tardía xa que tiña 19 anos cando realizou o exame de ingreso no Instituto o día 18 de xuño de 1910. Non era extraño que as mulleres sopesasen a decisión de facer a carreira cando xa eran algo maiores pois non todo eran facilidades e debían sortear unha serie de incovenientes como o de vir á capital, residir nunha pensión, tamén influía moito a situación familiar...

En todo caso Dolores aparece matriculada por enseñanza oficial no curo 1910-11. Este ano estudou Relixión e Historia Sagrada; Gramática Castelá; Nocións de Pedagoxía; Nocións de Aritmética e Xeometría; Nocións de Xeografía e Historia; Debuxo; Prácticas de ensinanza e Labores. 

No curso 1911-12 continúa a carreira co segundo curso. Faino de forma oficial e consta que se matriculou en Pedagoxía; Dereito e Lexislacióne escolar; Gramática (ampliación); Xeografía e Historia de España; Nocións de Agricultura; Ciencias Físicas e Naturais; Prácticas de ensinanza 2º; Labores 2º e Nocións de Aritmética e Xeometría. 

Feitos estes dous anos consegue a titulación como mestra elemental. A partir de entón comezou a ir polas escolas como interina en pobos que eran de difícil desempeño, malia todo, eran verdadeiras difusoras e centinelas da cultura para os nenos e nenas do rural. En 1915 foi para a escoliña de Tovo, en Laza. A continuación iría á de Quintela de Leirado e despois á de Bande. En 1924 déronlle a escoliña de Santa María da Ponte, en Viana, e ao ano seguinte foi para Santa Eulalia de Montes.

Todos estes desprazamentos supuñan un esforzo por parte das mestras, non só por ter que precisar forma de desprazarse e trasladar as súas pertenzas, senón porque tamén tiñan que volver adaptarse ao lugar e coñecer novas xentes, aínda que era normal que estas acollesen ben á mestra. 

Formou a súa familia e casou con Eduardo Vázquez Rodríguez e tiveron dous fillos, Emilio e Dolores. E neste caso non era raro que as mestras levasen consigo aos fillos. Deste xeito non se atopaban soas e podían ensinarlles na escola.

Cando en 1940 se atopaba na escola de Arzoá recibíu a notificación da súa sanción. Non se saben os motivos, pero como é de intuír, algunha falsa acusación. Isto trastocou a vida de Dolores xa que a desprazaron forzosamente dentro da provincia o que supuña ir ao desterro, aos pobos máis afastados e case incomunicados. Neste caso tivo que ir á escola de Carballeda de Valdeorras onde permaneceu un mínimo de dous anos.

Continuou traballando e no ano 1958 estaba na escola de Robledo, en Rubiá, e no 1959 foi para a de Requeixo en Manzaneda. De aquí a pouco tempo se xubilou.

Vid: A.I.O.P. Expedientes persoais. Maxisterio; Instrucción Pública. (1915,12 de maio). La Región, p. 1; Del Magisterio. (1926, 16 de novembro). La Región, p. 1; Nombramientos (1924). El Magisterio Español, nº 7097, 550; Nombramientos. (1925). El Magisterio Español, nº 7139, 386); Relación de maestros de esta provincia que han sido sancionados. ( 1940, 8 de maio). La Región, p. 3; Designación de escuelas. (1940, 16 de xullo). La Región, p. 2; Información del magisterio. (1958, 23 setembro). La Región, p. 6; Información del magisterio (1959, 9 setembro). La Región, p. 3; Esquela. (1965, 22 de xuño). La Región, p. 4.