Etiquetas

14 diciembre 2017

DOLORES LORENZO SALGADO

(Entrada suxeita a publicación nun libro. Non copiar)

Dolores Loenzo Salgado naceu en 1905 no seo dunha familia ourensá. Foi filla de Manuel Lorenzo, inspector de primeira ensinanza destinado en Lugo, e de Luísa Salgado. A súa contorna familiar favoreceu o acceso á educación superior, como o demostra tamén a traxectoria da súa irmá Carmen Lorenzo, quen se licenciou en Filosofía e Letras. 

En 1921, con 16 anos, realizou o exame de ingreso na Escola Normal de Lugo. Posteriormente, cursou os estudos de bacharelato no Instituto da mesma cidade ata 1925. Xa como titulada en bacharelato, decidiu orientar o seu futuro cara á Universidade.

Trasladouse a Santiago de Compostela para inscribirse na Facultade de Ciencias, onde estudou entre 1925 e 1930.Simultaneou a carreira de Ciencias coa de Farmacia e tivo un expediente brillante, obtendo mención de premio en diversas materias. No exame de grao de licenciatura, acadou a nota máxima de sobresaliente, obtendo o título de licenciada en Ciencias pola sección de Química.[1].

En 1930 participou como coautora, xunto co prestixioso xeólogo Isidro Parga y Pondal, nun artigo titulado Sobre la presencia de la magnetita en las arenas de las playas gallegas. Este artigo no tomo V dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, a institución máis sobranceira da cultura e ciencia galegas da época e que desenvolvía a súa actividade na Universidade de Santiago.[2]

Dolores tamén abriu camiño na docencia. En 1932 foi admitida no proceso de oposicións para as cátedras de Física e Química, vacantes nos Institutos Nacionais de Segunda Ensinanza de Alcoi, Cartaxena, As Palmas e Ourense, entre outros. [3]

En 1933 trasladou o seu expediente á Facultade de Farmacia de Madrid para continuar a súa especialización.[4] Na capital do estado, desenvolveu un labor científico de grande relevancia, sendo unha das poucas mulleres galegas dalquel tempo en publicar nos prestixiosos Anales de la Sociedad Española de Física y Química.

O fito máis destacable para a historia académica galega é que, Dolores, foi a primeira docente da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago.

[1] A.H.U.S., Expediente persoal de Lorenzo Salgado, María Dolores. Cartapacio 752. Exp.2; [2] «El Seminario de Estudios Gallegos», Diario de la Marina, 22 de agosto de 1930, p. 13. [3] Boletín oficial del Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, «Relación de opositores admitidos por reunir las condiciones de la convocatoria a las Cátedras de Física e Química», Nº 63, xuño 1932, p. 1002. [4] «Movimiento universitarios», El Ideal gallego, 22 de outubro de 1933, p. 8.