Etiquetas

27 enero 2025

ANUNCIACIÓN DE LOS MOZOS VARONA

Non era natural de Ourense pero formou parte do plantel de profesorado da Escola Normal de Mestras de Ourense, a onde chegou en 1915, practicamente cando se acababa de inaugurar o  novo centro na rúa do Progreso.

Naceu en 1886. Tiña o título superior de maxisterio pola sección de Ciencias. En 1904 estaba traballando como interina na escola de Arenillas de Muñó en Burgos. En 1908 presentouse ás oposicións e estivo exercendo en diferentes escolas da provincia da provincia burgalesa. 

Aos 29 anos, en 1915, concedéronlle a praza numeraria de Física, Química e Historia Natural na Normal de Ourense e, de feito, nese ano vai exercer como directora accidental. Compartirá claustro con interesantes profesoras normalistas da capital: Leonor López Pardo, Josefa Rosón, Pilar Martínez Álamo, Sara Fernández... Permanecerá na nosa cidade exercendo a docencia na Normal de Mestras ata 1920, ano na que deixou a cidade xa que foi nomeadad inspectora na provincia de Burgos.

Era unha muller propia do seu tempo pois, tal como era o pensamento da época, concebía que a educación era importante para as mulleres pero para que estas soubesen transmitir cultura aos seus fillos, xa que o lugar das mulleres é o fogar, para o cal debe formarse. Estas ideas eran as que expresaba nas conferencias que chegou a impartir. Polo tanto, non avogaba por unha educación resarcidora e emancipadora da muller, senón que seguía na defensa da muller tradicional. Criticaba que era unha aberración que a muller quixera dereitos para si e que o había que facer era preparala para ser muller e nai.

Non deixa de ser un tanto paradóxico que mulleres que chegaron a ocupar altos cargos administrativos, como é o caso, logo non sexan conscientes de que estaban ocupando espazos que foron vetados ao longo dos tempos e, polo tanto, estaban exercendo unha profesión e  non precisamente estaban nas súas casas. Polo tanto, estamos evidenciando como as mulleres destes tempos eran fillas das ideas que ao longo da vida foran inculcándose. Non obstante, como adoito a dicir, moitas delas, aínda que non de pensamento, si polos seus actos foron abrindo pasos inéditos para as mulleres e moitas delas acabarían aproveitándoos para sentirse máis libres.

Exerceu con entrega todos os anos de servizo pero faleceu moi nova o 1 de novembro de 1934. 

(Elaboración propia a partir de diferentes fontes. ) Nombramientos. Burgos. El magisterio español , 1904 Julio 16, p. 5; Diario de Burgos, 1908 febrero 11, p. 2; Boletín Oficial de la Provincia de Valladolid, 14 de abril de 1910, p. 326; Instrucción Pública. El Progreso, 1915 abril 10, p. 1; El Magisterio Gerundense, 1913 junio 25, p.10; De sociedad. El castellano, 02 de novembro de 1934, p. 2.)