Etiquetas

19 junio 2022

NATALIA HEVIA ALDIR

Naceu en Pontevedra en 1854 pero estivo afincada na nosa cidade durante moitos anos. Aquí instalou en 1879  o Colexio de la Concepción de nenas situado no número 18 da rúa San Fernando, sendo o primeiro colexio que ofrecía internado completo ou media pensión para as nenas de Ourense. 
(Rúa Irmáns Villar. Anteriormente San Fernando)

Tamén foi nomeada inspectora auxiliar gratuíta da Normal de Mestras de Ourense o 24 de outubro de 1898 cargo que aínda ocupaba en 1916. Polo desempeño desta función Nalalia reclamou por medio dunha instancia á Deputación unha gratificación alegando que por un tempo estivo vacante a praza de directora do centro e ela impartiu as clases de Labores e Hixiene. Dita petición foi aceptada pola Corporación.

(Arquivo da Deputación Provincial. Documentación sobre as Normais)

Como ela chegou a dicir, foi moi ben acollida pola cidadanía ourensá e debido á demanda de moitas familias que querían colocar ás súas fillas pensionistas e medio pensionistas para que recibiran estudos e ampliaran a súa cultura decidiu abrir o local na rúa que actualmente se denomina Irmáns Villar.

 
(Boletín Oficial de la provincia de Orense, 4 de outubro 1879. Galiciana)

É moi interesante destacar como realizaban as súas alumnas os exames.  Estas eran citadas no Salón de Sesións do Concello e realizaban os exercicios ante un tribunal presidido polo Alcalde. As nenas eran chamadas de dúas en dúas pola mestra e tiñan que contestar ás preguntas que lles formulaba o tribunal sobre Doutrina Cristiá, de Historia Sagrada, Gramática e Aritmética, Xeografía ,Xeometría e Historia de España.

As máis pequenas contestaban ás preguntas de Doutrina Cristiá e Historia Sagrada e recitaban poesías dedicados ao Concello e tamén pronunciaban discursos. 

Concluído o exame oral procedíase a inspeccionar os traballos de labores. 

O exames eran públicos e podían asistir os familiares das nenas.

Era unha muller que dicían dela "primorosa" polos bordados que elaboraba e que regularmente se expuñan no comercio de Don Pedro Gutiérrez. Tamén se presentaba aos concursos de encaixes que se organizaban nas festividades de Ourense e adoitaba a gañar o primeiro premio.

(Diario de Pontevedra, 19 de xuño de 1901, p. 2. Galiciana)

En Ourense residiu coa súa sobriñas Balbina e Enriqueta Pascual Hevia que foron alumnas da profesora ourensá de música Concha Vicente e destacaron polas súas cualificacións no conservatorio de Santiago. Pero a traxectoria de Balbina quedou truncada pois faleceu en xullo de 1914 sendo un duro golpe para a súa tía Natalia. Tamén estiveron ao seu cargo as súas sobriñas mellizas Berta e Marta Pascual Hevia que naceron en Vigo o 7 de setembro de 1913. Ambas as dúas estiveron matriculadas no Instituto Xeral e Técnico de Ourernse. Realizaron o exame de ingreso o 18 de setembro de 1923 e realizaron un curso pois despois se trasladaron de centro.

Faleceu na casa da súa irmá Vicenta en Pontevedra o 4 de decembro de 1936 cando tiña 82 anos.

(Elaboración propia a partir diversas fontes).

Vid: La Correspondencia Gallega, 18 setembro 1897, p. 2; La montaña, 23 de xuño de 1891; El Diario de Pontevedra , 17 de xuño de 1926; El Diario de Pontevedra, 4 de decembro de 1936; La Región, 3 de xuño de 1913; La Región, 19 de setembro de 1914; La Región, 15 de febreiro de 1916; La montaña, 20 de xuño de 1891.