Etiquetas

28 enero 2025

ANGUSTIAS REAL BLANCO

Angustias estivo presa no cárcere por colaborar cos fuxidos da guerra. Ela e as súas irmás Josefa e Sonina estiveron sometidas á xustiza da ditadura.

Naceu en Casaio, no Barco de Valdeorras, territorio montañoso onde os fuxidos se agochaban e onde as mulleres desempeñaron un papel fundamental para a súa supervivencia. Seus pais eran Evaristo e Ángela. Angustias tiña 19 cando o 24 de marzo de 1941 a Garda Civil a detivo e a entregou á Xustiza Militar de Fuxidos. Estaba solteira e, segundo consta no seu expediente, dedicábase aos seus labores que serían, como era habitual, atender a casa e a facenda familiar. Foi procesada por auxilio á rebelión en causa sumarísima e condeada a prisión incondicional. Isto era motivo de consideración pois Angustias foi tratada como "reclusa perigosa" segundo a causa número 189 de 1941. 

Nun primeiro momento estivo no Depósito Municipal de O Barco pero despois foi trasladada ao cárcere de Ourense. O médico da prisión ourensá, César Calafate y Hortelano, fíxolle un recoñecemento e deu conta de que Angustias estaba embarazada e indicou que non podía ser tratada no establecemento carcelario por carecer este de medios. Polo tanto, solicitou, o 10 de setembro de 1941, que fose levada ao Hospital provincial.

(Fonte: Fotografía propia envellecida de forma artificial. )

Desde a Inspección Central de Sanidade enviaron unha carta con data do 13 de setembro de 1941 pois precisaban saber se o motivo da solicitude para trasladar a Angustias ao Hospital era porque xa había síntomas de parto ou se simplemente era porque estaba embarazada xa que neste último caso tan só se aceptaría a petición se estivera no oitavo mes de xestación. A prisión de Ourense confirmou que Angustias presentaba síntomas de alumeamento polo que a Inspección de Sanidade aceptou que a levasen ao Hospital. A partir de entón, a dirección do Hospital tivo que informar con regularidade sobre o estado da reclusa.

Angustias deu a luz a un fillo o, ao que lle puxo de nome Evaristo. A nai e fillo regresarían ao cárcere o 11 de novembro de 1941 por atoparse restablecida. Angustias foi posta en liberdade o 9 de abril de 1942 tras un ano e un mes de prisión. Cando a soltaron non indicaron que con ela saía tamén seu fillo. Isto obrigou a Angustias a que pedir un certificado de que con ela estaba seu fillo pois senón non podía dalo de alta no racionamento do concello de Carballedo. 

Elaboración propia a partir do Expedientes persoal da reclusa Angustias Real Blanco. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25117/025. Caixa 25117/025.