A familia compúñana, ademais dos pais, oito fillos que se chamaban, Esperanza, Celia, Lourdes, María Teresa, Carmen, María Dolores, José Luís e Antonio que era alférez de infantería da División Azul. Residían na rúa do Perigo 6, 1º. A nai, Celia Casar, sacou adiante a todos os fillos tras quedar viúva moi pronto. Ela tivo un protagonismo especial para que as súas fillas estudasen e conseguiu, tras enviar escritos á Normal, que fixeran a carreira con matrícula gratuíta. Todas as irmás eran estudadas e desempeñaron diversos cargos na administración e, por suposto, no maxisterio.
Realizou o exame de ingreso no Instituto o 18 de xuño de 1926. A partir dese ano matriculouse na Normal de Ourense ata 1932 durante os cales fixo os catro cursos de carreira e destacando na materia de Francés, Pedagoxía, Xeografía universal, Historia natural, Elementos de literatura española; Historia contemporánea; Xeografía de España e Economía Doméstica e titulou en Grao Profesional. O 15 de setembro de 1932 fixo o exame-oposición de ingreso debido a que Esperanza estudou o plan antigo de 1914 pero, a partir de 1931 había un plan novo no que o exame de ingreso nas normais era moi esixente a cambio de eliminar as oposición. Neste exame desenvolveu o exercicio de letras cuxo tema foi a Creación de palabras. Composición: sus formas. Derivación. O exercicio de Matemáticas consistiu na resolución de catro problemas. A continuación fixo o exercicio de redacción na que expuxo que o neno debe educarse como ao home do mañá para evitar que os defectos que teña sexan levados á sociedade do porvir. A partir de 1932 e ata 1935 foi ocupando na lista de méritos pero aínda lle quedaban por facer os últimos requirimentos.
Foi alumna de Vicente Risco e mandoulle facer un exercicio de recollida etnográfica de O Courel que hoxe está depositado na Fundación Vicente Risco. O traballo foi realizado no curso 1931-32. Vicente Risco ofrecíalles un guión de traballo que consistía en sete apartados no que se desenvolvesen os seguintes temas: A Terra, a xente e a historia; Idioma e literatura popular; Costumes das xentes; Relixión; Superstición; Mediciña popular e Ciencia Popular. Esperanza elaborouno mecanografado e achegou unha interesante información. Deste xeito, Risco, conseguía que o seu alunado tivese coñecementos sobre Galicia, facíalle ver que o coñecemento do medio era imprescindible para un docente e, consecuentemente, conseguía que tivese querenza pola Terra.
En 1935 creouse en Ourense a Casa do Mestre e Esperanza inscribiuse nela pois ofrecía moitas vantaxes formativas para os mestres e mestras. Á súa vez, en outubro de 1936 consta como doante de Acción Ciudadana, unha agrupación de tendencia conservadora da que será, posteriormente, vicepresidenta.
Continuou como mestra e en 1937 foi trasladada á escola de Xestosa, en Toén. Pero ese ano envía unha instancia ao Reitorado solicitando a concesión dunha praza no Hospital Vello de Ourense e, en efecto, aceptan a súa petición nomeándoa con carácter provisional. Posteriormente pasou a ocupar a praza en propiedade da sección segunda da graduada Curros Enríquez.
En 1941 faleceu o seu irmán Antonio e ela figura e na necrolóxica como Sor Esperanza da Congregación das irmás da Caridade.
[1] A información sobre o historial académico foi extraída do expediente depositado no ARQUIVO DA UNIVERSIDADE DE VIGO.
(Elaboración propia a partir de diferentes fontes. Quero agradecer, encarecidamente ao Arquivo da Universidade de Vigo a facilitación do Expediente Académico de Esperanza Rodicio) Vid tamén. El Pueblo Gallego, 31 de outubro de 1925, p. 1; La Región, 22 de maio de 1928,p. 1; Galicia, 2 de outubro de 1932, p. 1; Galicia, 31 de decembro de 1932, p. 5; Galicia, 19 de outubro de 1935, p. 6; La Región, 6 de marzo de 1937; La Región, 17 de decembro de 1939, p. 4; La Región, 25 de novembro de 1941; p. 2.)