Etiquetas

09 noviembre 2017

PEPA NOIA

Josefina García Pérez naceu no Barrio Norte de Bos Aires o 6 de xullo de 1921, mais sería coñecida como Pepa Noia ou Pepa de Noia logo de casada. Seus pais, Aurora Pérez e Agustín García, eran emigrantes que chegaran Leiro na comarca do Ribeiro, para construír en Bos Aires unha familia, na que nacerían dúas fillas e catro fillos.

Co tempo, en 1941, casaría con Juan Carlos Noia. Na familia do home era coñecida como “la gallega” aínda que Pepa nunca veu a Ourense confesaba, iso si, o moito que lle gustaría viaxar a Galiza e coñecer Ourense, da que tanto se falaba na casa.

En 1942 nace a súa primeira filla, á que lle pon de nome Alicia; logo viría Daniel e, xa en 1946, María Lourdes aumentaría unha familia que continuaría medrando co nacemento de Margarita, a pequena da casa, que despois estaría á beira da nai na busca da súa irmá desaparecida.

A súa vida muda drasticamente o 13 de outubro de 1976 cando a súa filla María Lourdes é secuestrada canda o seu compañeiro. O compromiso social e político converteuna nunha das vítimas do proceso de exterminio da ditadura de Videla, que fixo das desaparicións un modo de operar que buscaba tamén paralizar unha sociedade convulsionada.

As forzas represivas entraron o 13 de outubro na casa de M.ª Lourdes e Enrique, que apareceu completamente desvalixada. Ao neno deixárono cunha veciña da parella. Tempo despois, Enrique foi liberado mais de Lourdes non chegou outra noticia que a súa retención na ESMA (Escuela de Mecánica de la Armada), que naquela altura funcionaba como un centro clandestino de detención, tortura e exterminio. Máis nada. M.ª Lourdes era unha das 30 000 persoas desaparecidas no xenocidio arxentino e Pepa converteríase nun dos símbolos da loita das nais por coñecer o paradoiro dos seus fillos e fillas e tamén das crianzas, moitas delas roubadas.

Desde o primeiro día de ausencia de Lourdes, Pepa Noia comezou unha busca que non remataría nunca. Na súa peregrinaxe, as nais íanse atopando, compartían as súas dores. Conversaron e decidiron que todos os xoves do ano farían a marcha. A idea era concentrarse na Praza de Maio mais foi a propia policía a que as obrigou a circular debido á prohibición de que se reunisen grupos en espazos públicos. As nais “circularon” baixo a orde da policía e, despois doutros percorridos, a marcha ficou establecida arredor da Pirámide de Maio. Pola súa banda, Pepa, desde aquela primeira rolda, afíxose a chegar sempre antes de tempo para falar coas persoas que se ían achegando.

Posteriormente, nunha xornada en que se dirixían a Luján en 1978, as nais incorporan o pano branco na cabeza ás súas mobilizacións para se identificaren e recoñeceren entre elas. A pesar de case catro décadas de loita, Pepa Noia non puido nunca saber o destino final de María Lourdes.

Pepa Noia recibiu nos seus últimos anos moitos recoñecementos, entre eles o de Cidadá Ilustre da Cidade de Bos Aires e arredor dela o investigador Enrique Arrosagaray escribiu o libro Josefina Pepa de Noia. Una Madre de primera hora, publicado en 2011. O día da súa morte, o 31 de agosto de 2015, festexábase na Arxentina a noticia da aparición da neta recuperada número 117. Até a fin dos seus días formou parte do movemento, mesmo despois da excisión, aliñada coas Nais de Praza de Maio Liña Fundadora.

Testemuña de Margarita Noia en Album de mulleres Cultura galega