Etiquetas

13 octubre 2024

ELVIRA CONDE CODESIDO

Era mestra e exerceu desde 1904 en diversas escolas da provincia. Foi nomeada en 1908 mestra da escola de Sanín en Ribadavia e en 1909 estaba na escola de Vilar de Rei en Cenlle pero renunciou a esta escola. Talvez dita renuncia foi debido a que Elvira solicitou a apertura dun Colexio de Primeira Ensinanza no pobo de Francelos en Ribadavia. Concretamente, dita petición, que figura no Arquivo do Instituto ourensán, realizouse o 18 de outubro de 1909 para abrir unha escola mixta. 

Para a apertura indicou que contaba cun local con acceso por medio de doce chanzos e de dous pisos sendo o primeiro destinado para a escola e con retrete.

As materias que ía impartir eran: Historia Sagrada de Fernández; Doutrina Cristiá; Lectura de Calleja; Escritura por Garnier; Aritmética de Vallín; Ortografía pola Real Academia; Gramática; Historia de España de Saturnino Calleja; Xeografía de España de Saturnino Calleja; Xeometría de Saturnino Calleja; Debuxo de Bregaroles e Corte e Confección.

A escola estaba dotada de bastante material como seis mesas escritorio, oito bancos, vinte tinteiros, catro corpos de carpintería, dous mapas de España, catro táboas que comprendían sumas e restas;, un crucifixo, un retrato da S.M., un reloxio; seis encerados e seis cadeiras.

En canto ao regulamento a profesora establecía que se admitirían nenos e nenas de seis a doce anos. Previamente á súa admisión terían que pasar un exame. Debían acreditar boa conduta moral e relixiosa. Contemplábase a expulsión ás tres faltas.

O horario que se establecía era o seguinte: seis horas oficiais mañá e tarde.

Os exames realizábanse por trimestre e podían acudir as autoridades e os pais durante a súa realización.

Vid: AIOP, Expedientes de creación de escolas privadas, legaxos s/c; Boletín Oficial de la provincia de Orense, 26 de setembro de 1908; La Correspondencia Gallega ,14 marzo 1908, p. 2; El Correo de Galicia , 5 de xuño de 1909, p. 2.