Etiquetas

29 octubre 2023

OBDULIA GRAÑA ALFEIRÁN

Era natural de Ribadavia. O seu irmán Ramón Graña Alfeirán era recadador de Facenda en Ribadavia e a súa irmá Guadalupe Graña era unha muller reputada e que pertencía á Terceira Orde ocupando o cargo de vicesecretaria. 

Obdulia era titulada en maxisterio e solicitou abrir unha escola de primeira ensinanza para nenas no lugar de San Martín en Ribadavia, nº 37. 

Para a apertura dunha escola privada tiñan que facer unha solicitude ao Director do Instituto entregando dúas copias da instancia, tres exemplares do regulamento, o plano por triplicado, as materias que ía impartir tamén por duplicado; dous documentos de filiación; partida de nacemento, certificado de boa conduta, certificado de residencia, informe do alcalde sobre as condicións do local e as materias a impartir.

Obdulia alegou que o local gozaba de boas condicións e que o material que ofrecía era unha mesa para escribir; dous bancos longos de asentos; seis bancos pequenos, seis cadeiras con respaldo. O material fixo ofrecíao a directora mentres que os libros, papel e pluma tiñan que levalos as nenas.

Serían admitidas nenas de tres a oito anos que fosen católicas e estivesen vacinadas. As clases serían pola mañá e pola tarde en sesións de tres horas.

As escolas privadas comezaron a ser obxecto de vixianza pois en moitas non se garantía o cumprimento da normativa. Fose o que fose, esta escola de Obdulia non chegou a abrirse xa que figura no listado de escolas privadas clausuradas por non aterse aos Reais Decretos de 1902 e 1903.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes consultadas no AIOP)