Etiquetas

15 junio 2025

MARÍA GAYO REGENTE

Naceu na Corredoira, Santomé de Ramirás, Celanova, o ano 1905. Seus pais eran Antonio e Filomena. Estaba casada con José Gómez con quen tiña dous fillos e vivían en Ramirás. María dedicábase aos labores da casa e do campo.

(Fonte: Expediente persoal da reclusa María Gayo Regente. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2239. Libro 2239, 193)

O Gobernador Civil detívoa acusada de agochar na súa casa a un desertor do exército e conducírona ao Departamento de Celanova e o 9 de marzo de 1941 decidiron levala ao cárcere de Ourense. 
(Fonte: Expediente persoal da reclusa María Gayo Regente. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24074/074.
Caixa 24074/074 (4)

Un dos irmáns de María era Antonio que foi combatente no bando nacional e estivo destinado na sección metralladoras 7. Este causou baixa na guerra e seus pais, Antonio e Filomena, percibiron unha pensión (1). Outro dos irmáns, José, marchou para Arxentina. 

A condena foi de un mes de arresto gobernativo, deste xeito, o 7 de xuño de 1941 María Gayo sae da prisión.

Ata aquí o que obra no expediente de reclusión de María Gayo. Pero, como vén sendo habitual na elaboración do blog, ofréceseme a colaboración desinteresada por parte de moitas persoas que me achegan documentación e máis información. Neste caso teño que facer mención de Alba Pérez Fernández, a arquiveira do Arquivo Xudicial Territorial de Ourense, xa que me ofreceu o Sumario da Audiencia Provincial que teñen sobre a morte violenta de María Gayo. Desde aquí agradezo encarecidamente a colaboración de Alba pola súa dispoñibilidade xa que eu non sabía deste documento pero ela, vendo que eu mencionara a María Gayo no Blog de mulleres, contactou comigo para ofrecermo. Como digo sempre, o labor destes profesionais é incomensurable para as persoas que estamos intentando sacar á luz historias do pasado. Dito sumario, que leva o número 60 e número de tribunal 679 do Xulgado de Celanova, comprende varios documentos datados desde 1944 a 1947 nos que se vai instruíndo a causa de morte violenta de María, denunciada pola súa filla, así como as diferentes resolucións sobre os acusados e testigos.  

Todo comeza cando aparece o cadáver de María Gayo nas inmediacións do pobo de Ramirás entre as dez e as once da noite do día 22 de xaneiro de 1944. Uns meses máis tarde, concretamente o 25 de xuño, Esther Gómez Gayo, filla de María, fai a denuncia por escrito por medio do seu representante o Procurardo Eulogio Alverte Domínguez. Nela sinalábase a una serie de culpables.

(Fonte: Arquivo Xudicial Territorial de Ourense. Sumario de María Gayo Regente. Ano 1944)

Comezou deste xeito as instrucións debidas que levarán o seu tempo pois comezan en 1944 e trasncorre ao longo de varios anos, ata 1950. Esther Gómez Gayo, casada con Benjamín Vilachá Pereira e residentes en Carraguedo, acusou da morte da súa nai a Castor Regente implicando a outras persoas máis como Antonia Regente García, Eliseo García de Veloso,  Rodríguez Gil, Hortensia Regente García e Alvarez Vázquez. Cástor xa tivera asuntos coa xustiza, tal como se recolle nunha noticia do xornal La Voz de la Verdad do día 4 de xaneiro de 1936, que conta que foi detido por roubar, xunto con Darío García Mosquera, unha cantidade de millo por valor de 20 pesetas do canastro de Ramón Álvarez Mosquera. Era un mozo, daquelas pois tiña 14 anos. Cando foi acusado de asasinato xa tiña 22 anos.

A prensa da época tamén deu parte desta noticia na que se dicía que era por cuestión de intereses:
(Fonte: Mujer asesinada por un pariente. (2 de agosto de 1944). El Compostelano, p.2)

O procedemento transcorría lentamente polo que Esther reiterou a acusación o 28 de novembro de 1945, e o 15 de xaneiro de 1946 o Fiscal solicitou que Esther confirmara se todas as prendas que apareceron ao carón do cadáver pertencían á súa nai así como o diñeiro que esta levaba. Así mesmo pediu que detallase se esa roupa era habitual ou era empregada para algún fin determinado. O fiscal, a raíz das declaracións de Antonia, da súa filla Elvira, do testigo presencial José Mosquera Estévez así como a de José Freijero, determinou que se reconstruísen os feitos e se ampliase a declaración a Teresa García Regente sobre se lavou a roupa dos seus fillos ao día seguinte dos autos. 

Comezan a ser citados tamén os testigos por parte do fiscal para suministren probas, Camilo Parente Alonso, labrador e veciño de San Antonio do Viso en Ramirás; José Mosquera Estévez; Manuel Sousa; Edesio Pérez; Antonio García; Vicente o carteiro; Moisés Vázquez, Juan, capitán retirado e Manuel Mosquera do pobo de Freás. Solicitouse á Garda Civil de Freás de Eiras que recabasen toda información posible acerca da morte investigada e dos posibles responsables da mesma.

Pero non aparecían mostras evidentes sobre o homicido e Esther seguía sostendo a acusación, tal como manifestou o seu representante nun escrito do 25 de xuño de 1947. Pero, malia a insistencia por parte da filla de María, o caso quedou sobreseído por falta de probas e porque os testigos non puideron achegar información. O capitán general, Sr. Delgado, así o indicou nun escrito con data do 3 de agosto de 1950.

Un caso de violencia que quedou sen resolver. O caso é que María apareceu morta no camiño, quen sabe se por asuntos de carácter familiar ou renciñas políticas. Os tempos das guerras dán para estes infortunidos, mortes que quedan nun limbo. Tempos de desconfianza onde a xustiza se permite tomarse pola man.

Elaboración propia  a partir dos expedientes de cárcere e do Xulgado. 
(1) Orden de Dereito de Pensión, 3 de outubro de 1942. Boletín Oficial do Estado,  4 de novembro de 1942, p. 8906)