Etiquetas

05 abril 2026

PASTORA FERRÍN MOREIRAS

(Imaxe recreada)
(Entrada suxeita a publicación un libro. Todas as universitarias citadas no blog van ser recollidas no libro da autora do blog e están rexistradas coa propiedade intelectual. Non se permite copia.

Pastora Ferrín Moreiras naceu en Ourense o 30 de marzo de 1907. Destaca como unha figura representativa da incorporación da muller galega á educación superior e ao ámbito das ciencias.

Era a maior das fillas de Pastora Moreiras e Antonio Ferrín. A súa traxectoria académica estivo marcada polo ambiente familiar que propiciou que as fillas estudasen unha carreira universitaria.

Tras rematar os estudos de secundaria matriculouse en 1939 na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago. O seu acceso viuse facilitado pola súa condición de familia numerosa, o que lle permitiu gozar de matrícula gratuíta. Acadou o título de licenciatura en 1943.[1]

A continuación inscríbese na Facultade de Farmacia licenciándose no ano 1947. Logo disto, a súa carreira docente estivo vencellada ás Escolas de Maxisterio de Santiago de Compostela, onde exerceu como profesora de Matemáticas. Tras anos de dedicación na Escola Feminina «Isabel a Católica», un centro situado no casco histórico compostelán e institución de referencia polo elevado nivel de esixencia académica para a formación de mestras, en 1961 concédenlle no concurso de traslados a praza na Escola de Maxisterio masculina «López Ferreiro», centro que debe o seu nome ao cóengo da Catedral de Santiago, historiador e escritor fundamental para o Rexurdimento galego.[2] Así mesmo, Pastora exerceu como inspectora farmacéutica desde 1958 ata 1960, ano en que renunciou.[3]

O feito de que Pastora Ferrín obtivese praza nesta Escola Normal masculina é relevante pois indica a súa capacidade profesional como matemática nun entorno predominamente masculino.

[1] A.H.U.S., Expediente de Ferrín Moreiras, Pastora. Cartapacio 429. Exp. 9. [2] «Profesora de Matemáticas en la Escuela de Magisterio ‘Isabel la Católica’», El Correo gallego, 10 de outubro de 1961, p. 9. [3] ARQUIVO MUNICIPAL DE CERDEDO-COTOBADE, Expediente da inspectora farmacéutica Pastora Ferrín Moreiras (1958-1960), ES.GA.36902.AM.CERCOT.4.GF001.F0004.SF039.S0330.139/27.