Trancribo a miña ponencia nesta xornada do día 31 de xaneiro de 2026 nos locais do PSOE en Ourense.
ENTRE O SILENCIO E A DIGNIDADE: A CORAXE DAS
IRMÁS TOUZA NUN KIOSKO QUE BURLA AO FASCISMO
Eu fou facer unha pequena achega a este acto-homenaxe ás irmás Touza facendo un percorrido contextual a xeito de plano secuencia da Europa ata Ribadavia. Unha pequena vila de Ourense nos anos corenta do século XX, en plena Segunda Guerra Mundial, de pouco máis de sete mil habitantes na que tivo lugar o desenvolvemento dunha fazaña levada a cabo por tres mulleres, irmás, sinxelas e humildes que, de seguro, non chegaron a ser plenamente conscientes da importancia do que estaban a facer. Vexamos, pois cal era ese contexto histórico tan hostil.
As décadas de 1930 e 1940 converteron Europa nun continente fracturado polo medo e a persecución. O ascenso do nazismo en Alemaña transformou o antisemitismo nunha política de Estado que culminou na operación "Solución Final" e no Holocausto durante a Segunda Guerra Mundial.
O réxime nazi executou sistematicamente a máis de seis millóns de xudeus. Un feito que podemos consider verdadeiramente inédito polos mecanismos que se empregaron. Campos de concentración, cámaras de gas, experimentos médicos....En definitiva, algo nunca visto na historia acerca da violencia e odio que pode chegar a ter o ser humano.
Había antecedentes históricos de antisemitismo? si
O antisemitismo existía en Europa moitos séculos antes dos nazis, e os xudeus
sufriron persecucións recorrentes:
Antigüidade e Idade Media:
Discriminación legal no Imperio romano tardío.
Expulsións masivas (Inglaterra en 1290, España en 1492).
Guetos, prohibicións laborais e estigmatización relixiosa.
Pogromos (especialmente en Europa oriental, séculos XIX e principios do
XX):
Masacres violentos de comunidades xudías no Imperio ruso,
con miles de mortos.
Logo, temos que ter en conta as teorías raciais modernas
(século XIX) que xa as fundamentaban en cuestións científicas.
Pero: Que fixo ao Holocausto algo sen precedentes?
Aínda que houbo persecucións antes, o Holocausto foi radicalmente distinto
por varias razóns:
Obxectivo explícito de exterminio
total:
Non expulsar, converter ou someter, senón eliminar a todos os xudeus, incluídos
nenos e anciáns.
Escala industrial:
Uso de trens, rexistros burocráticos, campos de exterminio e cámaras de
gas.
Participación do Estado moderno:
Ministerios, científicos, enxeñeiros, médicos e empresas colaborando de
forma organizada.
Deshumanización absoluta:
As vítimas eran reducidas a números; a morte volveuse un proceso
administrativo.
Velocidade e alcance:
Aproximadamente 6 millóns de xudeus asasinados en poucos anos, en múltiples
países.
E neste escenario de guerra total e exterminio sistemático, millóns de persoas foron perseguidas mentres buscaban desesperadamente rutas de fuxida nunha Europa de fronteiras pechadas e vixilancia constante. Con todo, nesta escuridade, xurdiron redes clandestinas de resistencia e axuda.
Seguindo ese plano secuencia achegámonos a unha ESPAÑA,
UNHA AMBIGÜIDADE PERIGOSA:
España vivía o seu propio pesadelo. A Guerra Civil (1936-1939) deixara o país devastado e sometido á ditadura totalitaria do Xeneral Franco. O novo réxime, devedor ideolóxico de Hitler e Mussolini polo seu apoio crucial, impuxo unha fera represión política, fame, censura e a hexemonía absoluta do nacionalcatolicismo. Oficialmente neutral na guerra mundial, España mantiña unha clara afinidade co Eixe, o que facía que calquera axuda aos perseguidos polo nazismo fose un acto de extrema perigosidade. Hai que ter en conta que a súa situación xeográfica convertérona nun territorio ambivalente: un país hostil e vixiado, pero tamén unha ruta de escape irregular cara a Portugal para xudeus que fuxían da Francia ocupada. Esta ambigüidade creou un espazo estreito e perigoso que só as iniciativas individuais máis valentes podían explotar.
Numerosos xudeus, belgas, polacos, alemáns… viaxaban
na liña Hendaya-Vigo
pois fuxían dos campos de concentración nazi. A rede comezaba en Xirona ata
Medina del Campo e desde alí continuaba ata as estacións de Monforte e
Ribadavia.
E entramos en Galicia e Ourense de POBREZA, CONTROL E
CAMIÑOS SEGREDOS:
En Galicia, e particularmente na provincia de Ourense, a
ditadura instalouse con dureza. Era unha das rexións máis empobrecidas e
illadas de España, unha sociedade maioritariamente rural marcada pola escaseza.
A represión política, o medo ás denuncias e a presenza constante da Garda Civil
definían a vida cotiá.
Con todo, esta paisaxe de control coexistía cunha
realidade profunda: unha sociedade afeita á emigración, que coñecía unha rede
informal de contactos e camiños, aprendidos ao longo de décadas de marchas e
retornos.
Esta xeografía montañosa e dispersa, teoricamente unha fronteira estratéxica cara a Portugal, permitía, paradoxalmente, certos movementos clandestinos ao abeiro do "descontrol" que impoñían as distancias e as ladeiras para as forzas de seguridade e vixilancia.
E chegamos a RIBADAVIA: O CRUZAMENTO DE CAMIÑOS ONDE O
SILENCIO APALPÁBASE NO AMBIENTE:
Neste contexto, a pequena vila de Ribadavia non era un
lugar illado. Como capital do Ribeiro, era un nó de comunicacións histórico,
cunha estación de tren na liña Ourense-Vigo e un cruzamento de estradas. Isto
convertíana nun punto de paso estratéxico. A estación de Ribadavia coñecíase como a
"Estación Liberdade", pois era o último punto antes de cruzar a
fronteira de Portugal. Os refuxiados traían un visado feito polo cónsul
portugués, Arístides Sousa.
A vila conservaba, ademais, a memoria física dunha antiga presenza xudía na súa xudería medieval, un pasado afastado que nos anos 40 parecía unha mera nota histórica. A vida alí transcorría nun ambiente de pobreza, vixilancia e rumores, un microclima social onde "todo se observaba e pouco se dicía en voz alta". A actitude máis común era a prudencia extrema ou a indiferenza como forma de autoprotección.
O QUIOSCO DAS TOUZA: HUMANIDADE NO EPICENTRO DO RISCO:
Xusto en fronte da estación de tren, as irmás Lola, Julia e Amparo Touza rexentaban un pequeno quiosco de tabaco, rosquiñas e bebidas a onde acudían os nenos e nenas e xentes de paso. Este negocio era o lugar perfecto para observar sen ser vistas. Desde aí, teceron unha mini-rede clandestina co taxista local Avelino González, quen as alertaba da chegada de forasteiros con aspecto de refuxiados (a miúdo xudeus con pasaxes falsos). Ofrecíanlles refuxio temporal, comida, roupa seca e, o máis crucial, apoio emocional e conexión coa seguinte etapa da ruta cara á fronteira portuguesa polos montes. Ao chegar a Ribadavia os xudeus preguntaban por "la madre", que era o alcume de Lola. As irmás agachaban aos xudeus no seu quiosco e durante a noite levábanos á súa casa, permanecendo alí ata poder cruzar a fronteira a Portugal andando ou en coche.
Todo comezou cando as irmás atoparon a un home de estatura elevada, barbudo e sucio, tapado cun abrigo de mendigo que estaba agochado nunha esquina do único banco do andén. Levaba todo o día mirando de xeito desconfiado. Ao chegar a noite unha voz sae do quiosco: “Mira ese hombre, lleva todo el día ahí sentado sin coger el tren…”. Lola achegouse a el e faloulle pero el non a entendía e observábaa con desconfianza cos seus ollos azuis. Parece ser que chegara de Lyon de onde se escapara do campo de concentración xunto cun asturiano ao que mataron os nazis tras a fuxida.
A VALENTÍA EN CONTEXTO: UNHA DECISIÓN MORAL NUN TEMPO DE
SILENCIO:
A súa acción era dun risco extremo. Na España franquista, axudalos non só era auxiliar a "indesexables" ideolóxicos, senón facilitar a evasión de fronteiras, un delito castigado con prisión, tortura ou o fusilamento por "auxilio aos inimigos de España". A valentía das Touza non naceu da ausencia de medo, senón da decisión de non permanecer indiferentes ante a inxustiza. Non eran políticas; eran mulleres sinxelas cuxa acción se baseou puramente na compaixón e a dignidade humana. Nunha Europa en guerra, unha España sometida e unha Ribadavia marcada polo silencio, o seu xesto silencioso e constante representou un faro de humanidade.
Conclusión:
A historia das Irmás Touza inscríbese así nun marco europeo de persecución e resistencia moral, e explícase pola intersección única da macrohistoria (a guerra, o Holocausto, a ditadura) coa microhistoria dun lugar (Ribadavia como nó de comunicacións, a rede informal galega, o quiosco en fronte da estación). O seu legado demostra como, incluso nos contextos máis escuros e represivos, a corrente de humanidade pode abrirse paso, a miúdo grazas ao valor callado de persoas ordinarias en lugares aparentemente ordinarios. A memoria destas xentes, maiormente mulleres, é un tesouro que debe preservarse como leccións de ética humana.