As irmás Touza, Dolores, Amparo e Julia, naceron en Ribadavia e grazas a elas salváronse moitos xudeus que chegaban á estación de ferrocarril de Ribadavia para pasar a fronteira de Portugal fuxindo dos nazis..
As
irmás Touza eran Dolores, Amparo e Julia Touza Domínguez. A maior era Dolores
que naceu en 1890, seguida de Amparo dous anos menor, que naceu no 1892 e a
máis nova, Julia, naceu no 1901. Eran de familia humilde e numerosa pois eran
sete irmáns e vivían na rúa do Xuíz Viñas, número dous, pero foron tres nenas
que tiveron unha infancia feliz pois eran alegres, curiosas e inquedas. Xa desde a súa infancia podíase
prever a súa heroicidade. A familia estivo sempre moi unida e apoiaron a Lola
cando tivo un fillo de solteira pois sabían que ese feito provocara certo
escándalo nunha vila tan pequena e pechada.
Lola,
Amparo e Julia tiñan unha grande capacidade emprendedora e para saír dunha
situación de escaseza por ser tempos moi difíciles de guerra e moita fame rexentaron o casino de Ribadavia e ademais
crearon outro negocio consistente nun posto-quiosco na estación de tren de
Ribadavia. Vendían rosquiñas, melindres, froitas e incluso bebidas como licor
café e viño da comarca. Era un quiosco hexagonal chego de xanelas por todos os
lados e ata daban caldo galego quente para os días de inverno[1]. O
negocio daba resultado pois, daquela, a estación de Ribadavia tiña moita
actividade e mobilizaba moita xente. Tamén os nenos do colexio aproveitaban os
recreos para ir ao quiosco a probar os
doces caseiros.
Aquí
comezaría unha trama secreta cuxas protagonistas van ser as tres irmás e que
supuxo un feito altamente encomiable xa que, arriscando a súa vida, salvaron a
centenares de xudeus que escapaban da persecución nazi.
Un
día do ano 1941, o ano da terrible guerra, as irmás atoparon a un home de
estatura elevada, barbudo e sucio, tapado cun abrigo de mendigo estaba agochado
nunha esquina do único banco do andén. Levaba todo o día mirando de xeito desconfiado.
Ao chegar a noite unha voz sae do quiosco: “Mira
ese hombre, lleva todo el día ahí sentado sin coger el tren…”. Lola
achegouse a el e faloulle pero el non a
entendía e observábaa con desconfianza cos seus ollos azuis. Chamábase Abraham
Bendayem e chegara de Lyon de onde se
escapara do campo de concentración, xunto cun asturiano ao que mataron os nazis
tras a fuxida[2].
De
inmediato quixeron axudalo e Lola foi falar con Francisco Estévez que estaba
descargando ladrillos dun vagón para pedirlle o favor de que levara a Abraham a
Portugal. Pola noite, Francisco e Ramón Estévez acudiron á casa de Lola coas
canas de pescar e contou Ramón Estévez: “Nos
levantamos a las cuatro y nos fuimos a casa de Lola. Ya estaban preparados,
estaban detrás de la puerta . Lola sacó del bolsillo cuatro duros …”[3]
Déronlle unha cana ao home e foron ao Miño. Tras varias horas chegaron a
Frieira e Abraham quitouse a roupa e despediuse de Ramón dicindo: “Lembrareite toda a vida, amigo”. Cruzou
o Miño e chegou a terras Portuguesas. A partir de entón, comezou unha rede
clandestina encabezada polas irmás Touza que conseguiu salvar a centenares de
xudeus.
Entre
1941 e 1945 numerosos xudeus, belgas, polacos, alemáns… viaxaban na liña
Hendaya-Vigo pois fuxían dos campos de concentración nazi[4]. A
rede comezaba en Xirona ata Medina del Campo e desde alí continuaba ata as
estacións de Monforte e Ribadavia, coñecida como a Estación Liberdade. Os
xudeus traían un visado feito polo cónsul portugués, Arístides Sousa, quen segundo
parece, era o que daba aviso ás irmás, por medio dun telegrama, de que no tren
ía algún xudeu. Ao chegar a Ribadavia os xudeus preguntaban por “la madre” que
era o alcume de Lola. As irmás agachaban aos xudeus no seu quiosco e durante a
noite levábanos á súa casa permanecendo alí ata poder cruzar a fronteira a
Portugal andando ou en coche. Deste xeito as irmás foron salvando a dous por
semana e a cada un dábanlle unhas moedas que gañaran nos bailes que organizaban no seu casino e
que ían gardando celosamente nunha bolsiña no caixón do aparador.
Contaron
coa colaboración dos taxistas Xosé Rocha e Javier Míguez “El Calavera”; un
tonelero chamado Ricardo Pérez “El Evangelista” que estivera en Nova York e
sabía inglés e polaco actuando de intérprete entre as irmás e os xudeos; e
Francisco e Ramón Estévez[5]. Esta
trama foi levada con moitísima discreción e lealdade entre todos e apenas foi
coñecida entre as xentes do pobo. É evidente que, supuña un risco moi alto para
todos pois, de feito, algunha vez viñeron os da Gestapo a Ribadavia, que por
entón andaban en Galicia polo wolframio para os seus acorazados e tanques, a
preguntar por “la madre”. A lealdade e o silencio mantivo a todos unidos
conseguindo salvar a máis de cincocentos xudeus.
No
casino das irmás organizábanse os bailes de pasodobres e tangos, todo dentro da
normalidade. Pero esa normalidade agochaba unha coartada. No aparador da súa
casa era onde gardaban unha bolsiña coas moedas que gañaban para despois
darllas aos fuxidos.
Todos,
un a un, foron escapando, grazas ás irmás Touza, dos terrores das persecucións
inhumanas. Desde 1941 a 1945 as irmás axudaron a dúas persoas por semana. Elas
eran a forza e a liberdade. A estas mulleres había que facerlles xustiza para
que a Historia as recoñecese.
No
ano 1964, outro dos homes que grazas a “la madre” puido escapar do terror,
quixo saber que fora daquela muller que o levara unha noite sen lúa ao outro
lado da fronteira, que o levou camiño á liberdade. Era Isaac Reztmann que se
atopaba en Nova York e se convertera nun próspero comerciante alemán de pais
xudeus. Isaac coñecera a un galego chamado Amancio Vázquez que viña a Galicia
durante as vacacións, e pediulle que
preguntara polas irmás Touza. Foi así como a historia transcendeu ata chegar a
un libreiro de Vigo chamado Antón Patiño e con el comezaría a saír esta
historia á luz.
Ela
viviron a súa historia con total silencio, tal foi que nin os seus descendentes
chegaron a coñecer. Sabían que arriscaran moito a súa vida e non querían que
eles sufriran por nada. As tres irmás non casaron pero tiveron descendencia. Julio
Touza lembra á súa avoa Lola con estas bonitas palabras: “Ellas ayudaban a estas personas de
manera desinteresada y nunca lo hicieron público. Tampoco lo contó mi padre.
Eran solidarias por naturaleza y no solo con judíos huidos, sino también con
prisioneros de la Guerra Civil, a los que daban comida a través de los barrotes
de la cárcel”. Dela di que era unha
muller moi forte e con tesón[6].
O tempo deu oportunidade de sacar á
luz unha historia que arrepía de emoción. Esta historia é un exemplo da forza das
mulleres por construír un mundo máis xusto. Mulleres que non tiveron medo a
arriscar a súa vida por salvar a dos demais para que acadaran a liberdade,
tal como se grava na placa que Ribadavia
lles dedicou: “Ás tres irmás, Lola,
Amparo e Julia Touza, loitadoras pola liberdade”.
A valentía das irmás tamén foi
eloxiada pola Asemblea Universal Sefardí: “Nuestro
testimonio de admiración y gratitud para Lola, Amparo y Julia quienes aún a
riesgo de sus vidas han salvado a sus semejantes, a nuestros hermanos, de una
muerte segura”[7].
Así mesmo foron honradas pola Fundación para a Paz de Simón Peres e plantouse
unha árbore en Xerusalén na que se di: “A
las hermanas Touza es un ejemplo para el futuro de amor y de valor, principios
escasos en estos tiempos de odio”. Pero ademais solicitouse por parte da Rede
Sefardí de España e o Centro de Estudos Medievais de Ribadavia que foran
declaradas Xustas das Nacións, que é o
máximo recoñecemento o Estado Israelí fai a persoas que axudaron aos xudeos
durante o Holocausto.
O que fixeron as irmás Touza foi tan
digno e de tanta valentía que en libros, artigos, reportaxes, etc, relataron a
súa fazaña igualándoas á marabillosa xesta de Oskar Schindler por iso son
chamadas “Las Schindler gallegas”. Incluso Hollywood preparou en 1918 un
musical sobre as irmásTouza en base á novela de Ruiz Barrachina titulada Estación Libertad.[8]
Dolores faleceu en 1966, Amparo en
1981 e Julia en 1983. Fóronse en silencio porque elas quixeron pero a súa
historia quedou gravada nos corazóns de todos os que salvaron e conseguiron a
liberdade.
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
Garrido Vilariño, Xosé Maneul, “Las
hermanas Touza-Domínguez, justas entre las naciones” en August-Zarebska, A e
Martín Villora, T. (eds) Guerra, exilio, diáspora.
Aproximaciones literarias e históricas, Wroclaw Wydawnichtwo Uniwersytetu
Wroclawskiego, (2014) 129-134.
Mejuto, Eva, Memoria do silencio, Vigo, Xerais, 2017.
Patiño Regueira, Antón, Memoria de Ferro, Vigo, Promocións Culturais Galegas, (2005) 153-156.
Ruiz Barrachina, Emilio, Estación Libertad, Madrid, Esfera de los libros, 2016.
Touza David, Alexandra
, Lola, Amparo e Xulia, as irmás Touza, (Ribadavia, Ponle Cara al Turismo,
2019
[1] Alexandra Touza
David, Lola, Amparo e Xulia, as irmás
Touza, (Ribadavia, Ponle Cara al Turismo, 2019) 5.
[2] Paco Rego, “La gallega
que salvó a 500 judíos” https://www.elmundo.es/suplementos/cronica/2008/678/1223919740.html consultado o 14 de
abril de 2020.
[3] “Caridade , valentía…e silencio “ www.crtvg.es/tvg/a-carta/reporteiros-04-02-2012
citado por Garrido Vilariño, Xosé Maneul, “Las hermanas
Touza-Domínguez, justas entre las naciones” en August-Zarebska, A e Martín
Villora, T. (eds) Guerra, exilio,
diáspora. Aproximaciones literarias e históricas (Wroclaw Wydawnichtwo
Uniwersytetu Wroclawskiego, 2014) 132.
[4] Main Montero, “Las
hermanas Shindler gallegas que salvaron a 500 judíos de holocasto” https://elpais.com/cultura/2018/04/25/actualidad/1524609887_725436.html consultado o 14 de
abril de 2020.
Iván
Fernández Amil, “Hermanas Touza: las tres gallegas que salvaron a cientos de
judíos de los nazis” https://www.elespanol.com/quincemil/articulos/cultura/hermanas-touza-las-tres-gallegas-que-salvaron-a-cientos-de-judios-de-los-nazis consultado o 14 de
abril de 2020.
[5] Antón Patiño
Regueira, Memoria de Ferro, (Vigo,
Promocións Culturais Galegas, 2005) 153-156.
[6] Main Montero, “Las
hermanas Shindler gallegas que salvaron a 500 judíos de holocasto” https://elpais.com/cultura/2018/04/25/actualidad/1524609887_725436.html consultado o 14 de
abril de 2020.
[7] Paco Rego,
“La gallega que salvó a 500 judíos”…web.cit.
[8] Miguel Lorenzi,
“Hollywood prepara un musical sobre las hermanas Touza, “Las Schindler
gallegas” https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2017/01/23/hollywood-prepara-musical-sobre-hermanas-touza-schindler-gallegas/0003_201701G23P27991.htm consultado o 15 de
abril de 2020.