Pois ben, nesta ocasión comentoume que lera a entrada na que eu reflexionaba sobre o grande influxo que Otero e Risco deberon ter no maxisterio ourensán (mestres e mestras). Paul Feron manifestou que, en efecto, si tiveron que deixar unha fonda pegada no seu alumnado pois precisamente a súa nai, que foi aluna dos dous, tivo sempre presente á súa terra e unha querenza enorme por Galicia.
Eudosia estudou no instituto entre 1931 e 1935 onde foi aluna de Otero e logo foi á Normal onde foi aluna de Risco. Paul lembra que a súa nai lle falara deles e que lle contaba que e os dous se referían á educación "des Lumières" (os Ilustrados), sobre todo de Jean Jacques Rousseau quen falaba do valor da Natureza. Estas leccións, di Paul, eran moi ben recibidas pola súa nai pois: "entendía perfectamente ya que le gustaba todo lo que se refería a la naturaleza, al hombre (y a la mujer) y a las cosas de la vida en general".
Paul cóntame que lendo os exercicios escritos que a súa nai realizou o 21 de xuño de 1934 e que se titulaban "Respiración vegetal y respiración animal" "Derecho del Hombre respecto al Estado" constatou o valor que Eudosia lle daba á Natureza e ás liberdades individuais, sen dúbida, pegada dos seus profesores. Sobre isto último Eudosia expuxo:
"La vigente reconoce para todos los españoles los llamados derechos individuales políticos y mixtos según que afecten a la naturaleza y a los destinos del hombre ... Los derechos individuales se consagran en las Constituciones para limitar un tanto la omnipotencia del Estado y se concede por igual a toda clase de personas, sin distinción de su sexo edad o estado ni condición social ni política. Estos derechos tienen como característica primordiales ser innatos e imprescindibles que nacen y mueren con las personas..." (Extraído do expediente académico de Eudosia)
Lendo este texto, podería pensarse que puido ser escrito por un dos grandes ilustrados (Rousseau, Voltaire o Montesquieu).
Tanto Paul coma eu coincidimos en que, por suposto, esta mente tan ampla e este razonamento lóxico foi o legado dos ilustres profesores que coas súas disertacións nas clases, seguro, que facían desenvoler a crítica a reflexión. Eudosia sempre tiña en mente conseguir a "excelencia", "o sobresaliente na súa vocación e na educación dos nenos", en definitiva, o traballo ben feito.
Vicente Risco, era grande coñecedor da vida cultural europea e das diferentes correntes filosóficas. Buscaba interpretar o mundo desde a galeguidade. Cría nunha Europa con maiúsculas onde Galicia estivese presente. Era un home liberal, defensor da democracia directa, da idea de que se eses representantes escollidos non cumpren, o pobo pode rachar o contrato. Eudosia manifesta que o Estado non debe intervir nos dereitos individuais, tamén Risco rexeita que o Estado invada o privado.
Otero Pedrayo tamén era un cosmopolita. Un home coñecedor das correntes filosóficas decantándose polas que defendían a liberdade do indiviuo. Un home convencidamente defensor da democracia. Eudosia tamén avoga por esa liberdade e o respecto humano.
Pero, lamentablemente, Eudosia comprobou que na realidade e nas súas vivencias non se cumprían eses principios de respecto e de liberdade que ela tan ben manifestou no seu escrito. Digo isto pois, segundo me indica Paul, o regreso da súa nai a Galicia, ao seu pobo, foi duro pois non foi ben acollida, incluso foi vilipendiada e humillada.
Desde aquí quero manifestar a miña enorme gratitude a Paul Feron pola súa grande axuda e por aportar sempre tanta luz. Un home que, malia a distancia, está aferrado á terra, aferrado á Galicia, de onde era súa nai. Unha nai que deixou unha grande lección a todos de resistencia, resiliencia e fortaleza.
A fotografía que encabeza esta entrada enviouma Paul e nela están Eudosia xunto con outras compañeiras de prácticas que posan coas nenas da escola Anexa situada no Posío onde as mestras facían as prácticas escolares.
Non teño palabras para agradecer a grande xenerosidade de Paul Feron. Falar con el é poder sentir de preto a Eudosia Lorenzo Diz, a súa nai. Paul, home intelectual, estudoso incansable, fai honra da súa nai e demostra o gran legado que desta recibiu. Como el moi ben dí: "me aprendió a leer , a escribir, a contar y mucho más desde que nací. Me ha dado conjuntamente mucho y forjado mi mente...sin olvidar al Señor Xocas, el gran etnógrafo gallego que conocí en su casa de Facós durante las vaciones de verano a la sombra de su espléndido árbol "camelia"". Un legado, galego, que el o ofrece con tanta xenerosidade para a nosa historia, a historia do noso Ourense.
(Elaboración propia a partir de fontes diversas, pero sobre todo, a partir da conversa con Paul Feron)