Etiquetas

12 noviembre 2023

OLGA BERLIAVSKAYA ZILBERMAN

Era natural de Rusia e foi unha máis dos migrantes xudeo-rusos chegados a Ourense nos primeiros anos do século pasado. Tiña a licenciatura de Piano, Pedagoxía Musical e Sofexo polo Conservatorio de Praga. Na nosa cidade traballou como profesora de música e impartía clases no seu domicilio na rúa Lamas Carvajal, número 28, segundo piso. 

Sen dúbida, no Ourense dos anos trinta esta profesora chamaría a atención pola súa procedencia.  Estaba casada con Isaac Zilberman Dicker, rumano nacionalizado español, que era enxeñeiro e traballaba en Ourense de reparador de radios. En Ourense xa había xentes do leste europeo desde os primeiros anos do século XX e Isaac Zilberman estaba emparentado coa recoñecida dentista María Dicker que tiña unha consulta de odontoloxía na Praza Maior. 

Temos constancia de que Olga exerceu durante varios anos na cidade pois os anuncios na prensa local La Zarpa ofrecendo as súas ensinanzas eran diarios. Pero, non descartamos que a familia marchara de Ourense e de España cando se produciu o golpe de Estado e a Guerra Civil pola persecución aos xudeos e aos que procedían do leste europeo por consideralos comunistas. Tamén a consulta de María Dicker pechou no 1936 e a familia marchou de Ourense a París.

(Fonte: Galiciana. La Zarpa, 12 de outubro de 1932, p. 11.)

En Ourense había varias profesoras de música, sobre todo de piano, a moitas das nosas ourensás realizaron estudos de piano e ían examinarse no Conservatorio de Madrid. Algunhas obtiveron grandes éxitos e recoñecemento o que dá mostras de que as profesoras que impartían as clases eran grandes profesionais.

(Fonte. Galiciana. Galicia, 6 de decembro de 1934, p. 3)

(Elaboración propia. La Zarpa, 5 de novembro de 1932, p. 9; Galicia, 18 de decembro de 1934, p. 4)