Etiquetas

13 octubre 2009

CARMEN PARDO LOSADA

Naceu en Ourense en 1890 e faleceu en Madrid en 1983. Ocupará na Escola Normal de Mestras de Lugo a Cátedra de Pedagoxía e a súa Historia con rudimentos de Dereito e Lexislación Escolar. Despois desempeñou o cargo de directora dende o 3 de setembro de 1916 ata o 8 de xuño de 1931, ano no que a destituíron do claustro coa chegada da República. Das mil cincocentas mulleres que estiveron pensionadas na Residencia de Señoritas en Madrid cuxa directora era María de Maeztu, Carmen foi unha delas.

A partir de 1939 foi nomeada directora novamente, cargo que ocupará ata a súa xubilación en 1959. Foron corenta e cinco anos desde a súa chegada á Normal de Lugo e debido ao seu labor fíxoselle unha homenaxe o dous de xuño de 1961.

(Fonte: La Noche, 3 de xuño de 1961, p. 6) Galiciana.

O 20 de maio de 1919 foi nomeada socia do Instituto de Estudios Gallegos de A Coruña. O 20 de xuño de 1928 entrou a formar parte da Xunta creada para a Institución da Gota de Leche. Dous anos máis tarde, o 13 de novembro, nomeárona Vogal da Xunta Especial de Autoridades de Primeira Ensinanza.
Foi alumna bolseira da Universidade Internacional de Santander no curso de verán de 1933 e 1935 e da Universidade Católica de Santander no curso de verán do ano 1934.

O 9 de abril de 1935 foi nomeada directora da Escola Elemental do Traballo, cargo que ocupou ata o mes de abril de 1936. Foi, ademais, vogal da Xunta Provincial de Ensinanza.

Foi obra súa a organización e funcionamento das escolas graduadas anexas ás Escolas de Maxiterio de Lugo e formaba parte do Padroado de Cantinas e Colonias, tendo contribuído á súa organización.
Foille concedida a Gran Cruz da Orde de Alfonso X o Sabio e o nomeamento de Directora Honoraria da Escola de Maxisterio Feminina. Unha muller de recoñecido prestixio que impartía conferencias diversas sobre a ensinanza ou disciplina no ensino primario.

A continuación facemos un resumo dunha entrevista  realizada por Alfredo Sánchez Carro para o periódico El Progreso:

(Fonte: El Progreso, 30 de xuño de 1957, p. 3.) Galiciana.

Pregúntanlle na entrevista sobre cantos anos leva na Escola Normal de Lugo e di que lle deron a praza cando se fundou a Normal en Lugo, que foi no ano 1916 e continúa dicindo que toda a súa vida profesional transcurriu nese Centro desempeñando o cargo de Directora, agás nos tempos da República. 
Cando lle preguntan sobre o que se precisa para ser profesora dunha Escola Normal contesta dicindo que nestes anos (anos cincuenta) precísase ter o Título de Licenciado e o de Mestra aínda que o de Mestra poderíase substituír pola aprobación de asignaturas de Pedagoxía na Facultade Correspondente.
Sobre o Plan de estudos de Maxisterio comenta que non está de acordo con el pois considera que son poucos os anos de estudio e porque á idade na que entra o alumnado non ten a madurez necesaria para os estudos especializados da carreira. Segundo ela o plan debera ser que o alumnado estivera dos 14 aos 16 anos recibindo unha cultura adaptada ao seu futuro labor e, a continuación, ata os 19 formalos profesionalmente. Nestas condicións sairían ben preparados.

(Fonte: El Progreso, 21 de Decembro 1960, p.3) Galiciana.

En canto ás partes que debe comprender a carreira, é partidaria de que comprenda unha parte de cultura xeral con toda a amplitude necesaria para as necesidades da vida, e outra parte profesional teórica e práctica da que di :"por desgracia en los planes vigentes está muy poco atendida". Di que a parte profesional, tanto teórica como práctica debe haber un contacto directo coa escola, cos nenos e con todas as institucións "circunescolares" que deben preocupar a un bo mestre. A parte práctica require que se lle dedique moito máis tempo que o plan actual e siñala: "Estas tareas son las que forman al alumno para educar; en ellas se van perfilando sus aptitudes y despertando y plasmando vocaciones".

Sobre as cualidades que debe ter unha mestra di:

"Desde luego son esenciales las de tipo moral, un amor al niño, abnegación y espíritu de sacrificio. Sin estas cualidades no hay posibilidad de que puedan realizar la labor que se les encomienda. El maestro tiene que darse cuenta en todo momento de la responsabilidad que tiene ante Dios, la sociedad y la familia en relación con el futuro de los niños".

(Fonte: El Progreso, 21 de Decembro 1960, p.3) Galiciana.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)
Vid: De Abel Villela, Adolfo, Cincuenta años de Formación de Formación Profesional en Lugo (1932-1981), Lugo, Xunto de Galicia, Consellería de Educación e Cultura, 1985, páx. 90-92.
Méndez Lois, Mª José (Coord.), Mulleres na educación en Galicia, MUPEGA, Xunta de Galicia, 2009, p. 199-200.
Tamén a autora do blog  empregou a hemeroteca de Galiciana.
Foto entrada: El Progreso, 30 de xuño de 1957, p. 3.. Galiciana.