Etiquetas

11 febrero 2024

O ENTROIDO. TEMPO DE FESTA E REIVINDICACIÓNS.



Ninguén pode negar que o Entroido en Ourense é unha festa descomunal onde as tradicións e a etnografía mandan. A xente xúntase, celebra con pantagruélicas comidas uns días de ledicia e de risas constantes. É tempo de dar o mellor de cada un/unha para facer felices aos demais. Que marabilloso é o entroido xa que permite que por uns días haxa unha enorme exaltación da creatividade e inconformismo!!

En toda esta estampa impresionista hai disfraces de todo tipo. Hai aqueles que conteñen graza de por si, hainos conxuntados e que son verdadeiras obras de arte, hai os que fan unha crítica de algo pero empregando a graza e o humor...e hai aqueles que nos retrotraen na historia. 

Estamos no caso. Hoxe quero resaltar esta preciosa comparsa ourensá que rememora ás sufraxistas.  Ademais de estar perfectas fan lembrar á cidadanía unha mobilización de mulleres que tivo grande transcendencia a finais do XIX e comezos do XX. Grazas aos seus esforzos conseguimos os nosos dereitos. Seguramente moitas persoas ao velas tomarán conciencia deste feito. 

As sufraxistas reivindicaron o voto feminino pero o camiño  non foi nada doado. Supuxo unha intensa loita no que destacaron mulleres como Emmeline Pankhurst, Emily Davison, Millicent Fawcett, Mary Richardson, Maud Watts y Annie Kenney. En España podemos destacar o grande labor levado a cabo por Clara Campoamor. Moitas delas sufriron detencións e represión, mais non minguou a súa intención e vontade. 

Temos que agradecer a este grupo de mulleres do Entroido de 2024 que nos fagan lembrar este inédito e transcendental acontecemento.
A min encantáronme. Están xenial!! 

(Grazas a todas elas por cederme estas preciosas fotografías.)