Etiquetas

17 mayo 2024

RAMONA IGLESIAS NOVOA

(Entrada suxeita a publicación nun libro). Ramona naceu Sarreaus, comarca de Xinzo da Limia, e era mestra interina en Ourense. Por formar parte de A.T.E.O. foi suspendida de emprego e soldo por un período de tres meses. Estaba destinada na escola do pobo de Sabadelle, no Pereiro de Aguiar pero antes estivera na escola de As Mercedes, Cualedro.[1].

Comezou os estudos de maxisterio en 1913 e preparouse no Internado do Maxisterio Católico no Mosteiro de Pedra. As Normais tiñan en moi boa consideración dito internado dirixido pola escritora Señorita Pilar Muntadas, unha muller de rango social distinguido pero que se caracterizou polo seu interese en formar ás futuras mestras seguindo a senda do Pai Majón. A preparación conducíase nos parámetros do conservadurismo ético e moral. Non obstante, Ramona, ao aparecer inscrita na A.T.E.O. dicía dela que procuraba promover unha ensinanza moderna pero foi sancionada con tres meses de suspensión de emprego e soldo. O castigo, aínda que foi leve se temos en conta que outras das súas compañeiras foron desterradas e sancionadas por períodos de anos, tivo que supoñer para ela un desacougo xa que a Comisión Depuradora foi implacable cos afiliados á Asociación e ademais o trámite do seu expediente durou de 1936 a 1942. Pero a todo isto hai que engadir a dura situación familiar que estaba a padecer Ramona. 

Estaba casada con Higinio Rodríguez Mármol e o matrimonio tiña nove fillos chamados Carmen, Aurora, Concha, Adelaida, Ramón, Basilisa, Antonio, Manuel e José. Sendo unha familia tan numerosa requiría moito esforzo e dedicación que Ramona compaxinou co seu traballo na escola.

Higinio era un destacado político da comarca limiá pois era o representante de Esquerda Republicana. Primeiro foi concelleiro frontepopulista en Xinzo e logo converterse en alcalde[2]. Un home de ideas progresistas e tamén masónico, defensor da ensinanza laica e socio protector da Escola Neutral. Todo iso determinou o seu cese no cargo de alcalde o 5 de agosto de 1936 (o mesmo día que a súa muller, Ramona, foi sancionada pola Comisión Depuradora) e posterior detención. Levárono á Prisión de Ourense e despois trasalárono á de Celanova. 

Ramona tivo que facer fronte ao sostén familiar mentres o seu home estaba no cárcere. No seu momento a Comisión solicitou información sobre as posibilidades económicas do encausado e o Gobernador Civil contestou o 15 de novembro de 1937 dicindo:

El expedientado ha sido Alcalde del Frente Popular de Ginzo de Limia, y esto solo le atribuye la condición de extremista destacado pues sólo siéndolo, se podía haber desempeñado tal cargo. Han sido embargados bienes por valor de cinco mil cuatrocientas pesetas; el expedientado tiene esposa y ocho hijos, que no puede decirse precisamente que vivan a sus espensas, pues la esposa es Maestra Nacional (…) Para esta Comisión Provincial el haber sido Alcalde del Frente Popular en una cabeza de partido, supone algo más que complacencia por la situación de aquel gobierno; supone complicidad y como aquellas complacencias y más aún estas complicidades son la causa, o por mejor decir, fueron la causa de los daños que la Nación ha sufrido…[3]

Así que o xuíz Eduardo Saavedra do Xultado Militar decretou que se lle incautasen os bens á familia e tamén  as contas dos bancos. Tal medida e co home no cárcere, non cabe dúbida, que Ramona pasaría penurias económicas xa que o soldo de interina non daba para moito. Con sorte, Higinio foi posto en liberdade en febreiro de 1937 pero durou pouco o alivio pois en maio foi detido de novo acusado de masonería. Sairía con liberdade condicional en 1939 pero en 1940 veu un duro golpe para a familia pois á Hixino detivérono e condenárono a 12 anos de prisión en Madrid. Por redución de pena puido saír en 1945 aínda que debía manterse recluído no seu domicilio.

Ramona seguía a traballar pois era a que traía o sustento á casa, de tal xeito que continuou cubrindo interinidades. Esta condición de interina facía que estivese a expensas de cubrir vacantes o que supuña moita mobilidade por diversas escolas e localidades. En 1951 estaba na escola de Parada Ribeira en Xinzo da Limia pero tamén foi á de Vimieiro en Castro Caldelas. Logo voltou á escola de párvulos de Cualedro e a continuación foi á de Guillamil en Rairiz de Veiga. Após, en 1960, foi cubrir por tres meses a escola de Curra, en A Veiga para despois ir por un mes á de Pixeiros en Blancos.

Pode dicirse que Ramona foi un piar para a familia e é de supor que con grandes apuros. O traballo para ela era gratificante pero supuña un grande esforzo pois tocaba estar en diferentes pobos, con cambios de prazas constante e un soldo inferior. Unha mostra do sufrimento levado por moitas ourensás, por moitas mestras. 

Faleceu en Ganade, Xinzo de Limia, o 5 de agosto de 1968.


(Fonte: La Región, 4 de setembro de 1969, p. 4)

[1] La Región, 19 de agosto de 1913, p. 2; El pueblo gallego, 9 de xuño de 1932, p. 10; La Región, 5 de agosto de 1936 , p. 4; La Zarpa, 4 agosto 1936, p. 5; La Región, 4 de febreiro de 1937, p. 4; El pueblo gallego, 25 de outubro de 1951, p. 2; El pueblo gallego 30 de xaneiro de  1957, p. 11; El pueblo gallego : 13 de xaneiro de 1960, p. 11; El pueblo gallego, 19 de xaneiro de 1960, p. 7; AXEITOS, X.L, GRANDÍO SEOANE, Emilio, VILLARES, Ramón, A patria enteira : homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, Santiago de Compostela; A Coruña:Consello da Cultura Galega :Universidade de Santiago de Compostela: Real Academia Galega, 2008, p. 293; DOS, C. (2019, Xuño 2). político galego. Wikipedia.org; Wikimedia Foundation, Inc. https://gl.wikipedia.org/wiki/Higinio_Rodr%C3%ADguez_M%C3%A1rmol (Consultado o día 17 de maio de 2024.)

[2] AHPOU/1.1.5.4.1.1.//7182/06. Caixa 7182/06. [3] AHPOU/1.1.5.4.1.2.//7183/32. Caixa 7183/32 .