Etiquetas

10 septiembre 2023

CARMEN CALVO MORAZA

O 15 de decembro de 1970 cumpriuse os 50 anos da creación da Escola Obreira para adultas en Ourense a cargo da directora Blanca Calvo Moraza. Unha muller emprendora e comprometida coa cultura da muller (1). 

Tras falecer Blanca continuaron a súa tarefa as súas irmás, Delia e Carmen. As bases da creación desta escola estaban en que, debido ás necesidades de cultura que impuña a vida moderna era preciso preocuparse pola educación da clase obreirar que non tiña medios para achegarse aos coñecementos.

Carmen Calvo naceu en 1888 en Ourense. Os pais eran Juan Calvo e Protasia Moraza Berroeta que rexentaban un comercio na Praza Maior, 22. A nai formaría parte da Xunta Local de Primeira Instrución na cidade, falecería o 6 de marzo de 1940 aos 90 anos de idade.

Eran catro irmás: Blanca, Carmen, Delia e Estrella e un irmán chamado Juan Alejandro e exerceu como profesora na Escola Obreira xunto ás súas irmás impartindo Corte e confección, cultura xeral, francés e mecanografía e as clases sempre foron gratuítas. 

Carmen lembra que á Escola Obreira púxoselle o nome de Inmaculada Concpeción pois a chave da institución foi entregada ese día, o 8 de decembro de 1920. O centro foi tendo diferentes situacións debido ao crecente número de alumnas, chegando a haber 300 matrículas xa no primeiro ano e moitas proviñan de pobos dos arredores sen ter medios para o transporte o que indica o interese por parte das mulleres para alfabetizarse e para adquirir cultura. 

Na súa fundación estivo situada na casa dos Marqueses de Leis, na Barreira, e pensábase que ese sería o lugar definitivo, pero debido ao crecente número de alumnado houbo que buscar outro local máis grande e trasladáronse á Praza do Trigo para logo pasar á Rúa de Santo Domingo, o edificio que logo ocuparon As "Blancas" das Mercedes, as Fillas da Caridade (2). Finalmente situouse no Pazo Espiscopal.


(Fonte: La Región. Pazo dos Marqueses de Leis. Na Rúa Barreira, primeira localización da Escola Obreira.)

(Fonte: Colexio da Purísima das Fillas da Caridade onde se instalaría a Escola Obreira a partir de 1936. Foto: https://www.paxinasgalegas.es/la-purisima-hijas-de-la-caridad-93197em.html.)

As mulleres obreiras que acudían á Escola eran de idades entre 15 e 30 anos, tanto solteiras como casadas. Adoitaban ser mulleres recomendadas para seren admitidas. Moitas delas acabaron sendo enfermeiras, mestras, telefonistas, empregadas...Nos anos 1970 foi a Xuventude Antoniana a que se fixo cargo da Escola

(Fonte: Blanca Calvo. Irmá de Carmen Calvo. Foto Schreck. La Región, 12 de decembro de 1970, p. 5)

En decembro de 1970 leváronse a cabo diversos actos polo cincuenta aniversario da fundación da Escola Obreira de Adultas de Ourense onde Carmen exerceu máis de trinta anos.

______________________

(1)Sobre a fundación desta Escola poden consultar o seguinte artigo do cal sou eu a autora: "A Escola Obreira Inmaculada Concepción" http://www.edu.xunta.gal/eduga/1826/nosa-escola/escola-obreira-inmaculada-concepcion

(2) As irmás da Caridade viñeron en 1895 de Madrid e hospedáronse no Hospital das Mercedes  e acudían a dar clases de párvulos na Casa Señorial da fundadora do Asilo de Cornoces, situada na Rúa de Santo Domingo. En 1896 estableceuse definitivamente a Comunidade. Nun primeiro momento tan só había catro irmás para impartir clases gratuítas ás nenas. Ao ir en aumento o alumnado tiveron que vir máis monxas. En 1923 as nenas matriculadas, unhas 50, xa tiñan que aboar unha cantidade. Foi este colexio o primeiro en impartir clases ás nenas da cidade. 

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid:  "A Escola Obreira Inmaculada Concepción" http://www.edu.xunta.gal/eduga/1826/nosa-escola/escola-obreira-inmaculada-concepcion; "La Escuela Obrera Inmaculada Concepción celebra su cincuenta aniversario", La Región, 12 de decembro de 1970, p. 5; "El Colegio de la Purísima fue la primera clase religiosa dedicada a la enseñanza de niñas en Orense", La Región, 18 de decembro de 1957, p. 3.)