Etiquetas

23 enero 2022

EUDOSIA LORENZO DIZ

Eudosia Lorenzo naceu na casa dos seus avós ás dúas da tarde do 14 de agosto de 1917 en Fradalvite, concello de Lobeira. Era filla de Agustín Lorenzo Puga, veciño de Sabariz de Entrimo e de Basilisa Diz González de Fradalvite. Agustín era músico, era trompetista da vanda de Grou e alí coñeceu a Basilisa, alcumábano o Masidario. Os seus avós por liña paterna eran Manuel Lorenzo, natural de Dacón e de Manuela Puga, natural de Maside. Os avós por parte materna eran José Diz de Fradalvite e  Blandina González Araújo, natural de Focás (1).  Acudiu á escola primaria de Chaos da Limia e xa desde pequena quería ser mestra.  O 28 de agosto de 1931, cando tiña catorce anos, enviou unha instancia á Directora da Escola Normal de Mestras de Ourense  —que daquela era Concepción Ramón Amat pois Leonor López marchara en febreiro dese ano para cubrir a vacante de Pedagoxía na Normal de A Coruña— para solicitar ser admitida nos exames de ingreso á Normal. Daquela vivía en Ourense na rúa do Salto do Can e uns anos máis tarde trasladaríase á rúa Vila Valencia.


(Fonte: Arquivo da Universidade de Vigo, Expediente Académico de Eudosia, Lorenzo Diz)

Unha vez superado o exame, Eudosia matriculouse por oficial e realizou  o Plan Preparatorio polo cambio da lei. Polo tanto ao non ter o Bacharelato Superior esixido no novo plan tivo que estudar nos primeiros cursos as nocións de cultura xeral, e xa no último curso 1934-1935 realizou o curso complementario de carácter profesional

O plan de estudos que tivo que seguir foi o seguinte: no primeiro curso estudou aritmética e álxebra, xeografía (primeiro curso), historia (primeiro curso), lingua española, con exercicios de lectura e escritura, debuxo (primeiro curso) e francés (primeiro curso). No segundo cursou xeometría e trigonometría, xeografía (segundo curso), historia (segundo curso), lingua española, física, química, debuxo (segundo curso) e francés (segundo curso). No terceiro estudou fisioloxía e hixiene, historia natural, agricultura, lingua e literatura, dereito e economía, labores ou traballos manuais, exercicios físicos e música e canto.  

Despois de superar o tres cursos de cultura xeral solicitou o ingreso no período de formación profesional mediante o exame de ingreso e en concorrencia co resto dos alumnos graduados de bacharelato superior (2). Eudosia realizou dito exame o 21 de xuño de 1934 e desenvolveu os seguintes temas: La Respiración vegetal y la respiración animal; Derecho del hombre respecto al Estado e, por último, El Quijote y los libros de Caballería. Realizou un exercicio espléndido ao longo de catro folios, onde demostrou ter uns coñecementos sobrados, boa exposición e caligrafía impecable. E en cuarto curso e último curso estudou Pedagoxía, Historia da Pedagoxía, Lexislación escolar, Exercicios e problemas de Matemáticas, Música e Prácticas escolares (1).

(Fonte: extracto do exame realizado por Eudosia. Arquivo Universitario de Vigo.)

Rematou os estudos en xuño de 1935 e o 4 de novembro dese ano enviou unha instancia ao Director da Normal que por entón era Vicente Risco para solicitar a expedición do título e en 1936 realizou os cursiños de selección para o ingreso no Maxisterio Nacional (3). En 1939 saíu na prensa que ela, xunto con outras mestras, puido coller o título de mestra nacional. 


(Fonte: Arquivo Universitario de Vigo)


Cando se produciu o golpe de estado militar do 36, Eudosia marchou coa súa familia ás terras de Castro Leboreiro onde os veciños do lugar proporcionáronlles alimentos e vestimenta. A ditadura tiña entre os seus propósitos principais o de eliminar de raíz todo vestixio da República. Para iso non escatimou en formas e maneiras de ir despezando o republicanismo da conciencia, pensamento e obra de toda unha poboación que, a partir de entón, debía por obriga adoptar os novos valores patrios. O Réxime comezou a examinar exhaustivamente aos docentes que se formaran e traballaran durante a República. De entrada eran xa considerados subversivos e sospeitosos e non podían exercer sen antes pasar polo control rigoroso das forzas vivas. Eran mestres e mestras aos que non se lles ía tolerar que "envelenaran as mentes e as almas populares".  Os docentes foron obxecto de persecución e moitos tiveron que marchar para o exilio, outros foron desterrados na súa propia terra tendo que execer en escolas remotas, e outros, desgraciadamente, foron asasinados.

As conversas que tiven coa sobriña de Eudosia permitiron achegar moitos detalles das experiencias que vivíu a familia. Estou a referirme a Cristina Lorenzo á quen teño a fortuna de coñecer desde hai moitos anos pois estudamos de pequenas no mesmo colexio do Divino Maestro. Cristina é a filla de Manuel, irmán de Eudosia, oito anos máis novo ca ela.

Cristina Lorenzo, sobriña de Eudosia.

En efecto en 1938 a familia de Eudosia fuxiu cara Portugal pois acusaban a Eudosia de repartir uns panfletos. Tamén se di que foi unha acusación por parte dun home ciumento de Eudosia. O caso foi que un militar, coñecido da familia, avisounos de urxencia dicíndolles que tiñan que marchar pois ían "queimar a casa con toda a familia dentro". Toda a familia recolleu o que puido e marchou inmediatamente do pobo. Durante un tempo foi Jovita, a irmá de Basilisa, que vivía en Facós a que lles levaba a comida montada no burro ao que lle chamaba "Capitán". Arriscou a súa vida por axudalos e, segundo me di Cristina, sufriu palizas, ameazas e coaccións permanentes pero ela nunca dixo nada. Jovita tiña tres fillos, Consuelo e José que marcharon a Montevideo, e Elisa.

A familia, Agustín, Basilisa e os fillos Eudosia, Manuel e José, foron expulsados do lugar onde se agochaban polo que marcharon a Marrocos. Alí vivíu a familia durante moitos anos e Agustín e Manuel facían traballos de veterinarios e a xente contratábanos para tratar cos animais. Agustín faleceu e José, o fillo menor, tamén pois tiña unha saude máis delicada e os dous están enterrados en Casablanca. Basilisa regresou a Ourense e vivíu con Jovita. Manuel puxo un negocio de flores en Marrocos e foille moi ben pero, tras a morte do irmán e do pai, decidiu marchar Perpignan e dedicouse á produción de viño. Logo marchou a Brasil e de alí veu a Ourense onde coñeceu á sua muller e casaron marchando o matrimonio para Lisboa onde naceu Cristina pero no ano 1969 a familia regresou a Ourense. 

Eudosia quedara en Marrocos pois casara cun francés e alí estivo corenta e cinco anos. Non se dedicou ao maxisterio pero axudaba aos nenos a escribir e ler. En 1965 o matrimonio marchou a vivir a Aix-en-Provence e dedicouse á restauración e cando faleceu o seu home, Eudosia veu para Fradalvite e recompuxo a súa casiña. Non lle foi fácil pois a veciñanza non a acolleu moi ben aínda que pouco a pouco foise afacendo.

Cóntame Cristina que Eudosia era unha muller que transmitía paz e tranquilidade. Gustáballe ensinar aos nenos e, de feito, axudou a Cristina a criar á súa filla maior polo que non a esqueceu nunca.

Tamén me di Cristina que a familia gardou un rotundo silencio de todo o acontecido, un silencio de medo e de querer esquecer.

Eudosia, estando xa en Ourense, facía viaxes regularmente para visitar aos seus fillos en Francia aos que se sentía moi unida.

Tiven a honra de establecer contacto co fillo de Eudosia, Paul Feron, a través do correo electrónico e intercambiámonos informacións. Contoume que a súa nai faleceu a causa dun infarto o 20 de setembro de 2004 na Illa de San Pierre de Réunion, precisamente cando ela o foi visitar. Para Jean foi unha perda moi dolorosa pois estaban nai e fillo moi apegados. Tiña Eudosia 90 anos. Unha vida de valor e entereza.

De notable interese é o artigo de Cid Fernández xa que recolle testemuños de Paul Feron fillo de Eudosia Lorenzo. Tamén interesante é o faceboock do seu fillo (4).

Desde aquí quixera transmitir o meu agradecemento á miña amiga Cristina por contarme a historia e tamén ao fillo de Eudosia, Paul por contactar comigo e falarme da súa querida nai.

(1) No expediente académico de Eudosia Lorenzo  que teño no meu haber figura o certificado de nacemento asinado polo notario Arturo Yáñez Cancio. Tamén constan as instancias escritas por Eudosia e o exame de ingreso ao grao profesional. (2) Vid: Alejo Montes, Javier, "Los Planes de Estudio de la Escuela Normal del Magisterio Primario de Cáceres en la Segunda República", Revista Historia de la Educación, 37, 2018, pp. 318-319. (3) La Región, 3 de xullo de 1936, p. 6. (4) Cid Fernández, Xosé Manuel, "A Represión franquista do Maxisterio. Unha historia que debemos seguir reescribindo, para fundamentar historicamente unha educación para a paz", Revista Sarmiento, nº 24, 2020, pp. 265-282;  Entrada Eudosia Lorenzo Diz; Comité pola memoria histórica do Val do Limia.Fotografía publicada polo seu fillo Paull Feron en faceboock, El Correo gallego, 1939 setembro 10, p. 3

Rexistro da propiedade intelectual