Etiquetas

28 febrero 2017

INÉS PÉREZ BELMONTE

Inés Pérez Belmonte, muller destacada na historia de Ourense do século XVI, estaba casada co corrixidor de Ourense, a quen mataron as hostes do señor do Palacio de Ocas (o actual Liceo). Con afán de xutiza, Inés preiteou contra os asasinos do seu marido durante tres anos. Finalmente acabou casándose co de Ocas. E cando o seu segundo marido morreu, o primoxénito herdou o palacio e ela tivo que irse co resto dos seus fillos a seguir buscando un futuro. Mentres tivo poder económico e social, Inés Pérez Belmonte foi unha auténtica mecenas. Ela encargou e pagou a Inmaculada de Juan de Juni que custodia o Museo ourensán o que demostra o seu gusto refinado, a súa independencia económica e esa capacidade de liberdade e decisión que a caracterizaron.

Dona Inés tiña unha forte personalidade e poderoso atractivo, pertencente á fidalguía ourensá, tivo unha educación exquisita, parella á que recibiu o seu irmán en Salamanca. Durante anos residiu no Palacio dos Oca, hoxe Liceo ourensán, e no Palacio de Afonsas, en Celme. Soubo facerse visible nunha sociedade hostil e discriminatoria cara á muller, participando activamente na vida social da cidade. Sempre fixo valer os seus dereitos non evitando preitos nos que defendía os seus intereses e os dos seus fillos.

Vid: Gallego, Olga. Historia da muller. Mulleres ourensáns dos séculos XIV-XVIII. Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: Servizo Galego de Igualdade; [Ourense]: Grupo Marcelo Macías, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, 2008.

Foto: Inmaculada de Juan de Juni. Obra encargada por Dona Inés. No Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.