Etiquetas

17 mayo 2009

CARMEN PÉREZ GÓMEZ-NEU

Nace en Ribadavia en 1923. Alí pasa a súa infancia e comeza a destacar e a ser admirada polos seus profesores dada a calidade dos debuxos que realiza. Trasládase a vivir a Vigo onde estuda Comercio no colexio Cluny, alternando clases de debuxo e pintura. 

En 1936 pasa unha tempada en Santiago de compostela onde estuda co profesor Mariano Perico Vázquez. Finalizada a guerra civil, vai a Madrid e dedícase exclusivamente á pintura; copia no Museo do Prado, dá clases con Enrique Cubells e con Eduardo Chicharro. 

En 1941 fai a súa primeira presentación en público na Exposición Nacional de Belas Artes. Neste mesmo ano presenta tamén, por primeira vez, en Galicia, dous cadros na Exposición Rexional de Belas Artes en Compostela. 

En 1943 contrae matrimonio con Joaquín Robla Díez, que foi alcalde de Ribadavia desde 1957 até 1964. Tamén neste ano fai a súa primeira exposición individual na sala Aeollán de Madrid. En 1949 empeza a interesarse polo mundo celta, e cun grupo de amigos de Ribadavia, visita castros, lugares arqueolóxicos; experiencia que máis tarde se verá plasmada en cadros sobre este tema. En 1953, expón en Madrid na Sala do Circulo Cultural Medina. 

En 1956 realiza as pinturas murais da Capela do Colexio Menor Calvo Sotelo de Ourense. En 1959, expón no Liceo Recreo Ourensán. En 1960-62, fai unha exposición rexional de arte no Museo Municipal de Vigo e unha exposición de "Arte Actual en Ourense", celebrada en Madrid. 

Desde o ano 1963 reside en Madrid onde ten o seu estudo, na Praza España, alternando a súa estancia na capital con tempadas na súa casa natal de Ribadavia.

É considerada unha pintora moderna.

Vid: "Carmen Pérez Neu", La Región, 16 de decembro de 1962, número especial, caderno 6.