Etiquetas

02 mayo 2012

AS MONXAS DE RAMIRÁS

Silvia Viso Pérez fai unha entrada no blog de Cultura Galega. Album de Mulleres moi interesante sobre o mosteiro feminino de san Pedro en Ramirás e de como este foi un dos núcleos poderosos durante a Idade Media.

Indica que a época máis esplendorosa do mosteiro de San Pedro de Ramirás sitúana os expertos no século XIII e desde aquí iníciase unha curva descendente no número de monxas que culminará a finais do século XV coa adhesión do mosteiro ao compostelán de San Paio de Antealtares.
Os datos históricos apuntan a que se trataría dunha entidade relixiosa que funcionaba desde principios do século XII de acordo cos preceptos da orde de San Bieito cun importante patrimonio constituído por bens e rendas procedentes de herdanzas, doazóns, adquisicións ou permutas. Arredor dela, un contorno puramente campesiño de veciños centrados nas tarefas da terra. E malia este carácter eminentemente rural do mosteiro e da competencia poderosa do veciño mosteiro de Celanova, as monxas de San Pedro de Ramirás lograron manter a súa comunidade relixiosa como unha das de maior importancia no contexto galego.

A través da acumulación patrimonial, de propiedades e de rendas, o esplendor do mosteiro de Ramirás radicou en que estas mulleres foron protagonistas na dinamización da economía nos mercados da zona, situados nas sedes urbanas de Ribadavia e Milmanda, o que contribuíu, así mesmo, a un aumento notable da poboación. Neste contexto creouse un ciclo de arrendamentos por medio de foros e a xurisdición sobre unha serie de parroquias do contorno sobre as que posuía os dereitos de representación.
Á fronte da xestión deste patrimonio, coa capacidade mesma de nomear notarios, están as abadesas, que preitean contra quen atenta contra os seus dereitos ao tempo que dirixen espiritualmente o resto da comunidade feminina. A súa supremacía, con carácter vitalicio, na orde xerárquica e o seu papel de representantes do mosteiro ante os poderes da zona fan que os seus nomes estean moi presentes nos documentos xurídicos. É así como desde o século XII ao XV sabemos do liderado de mulleres como Urraca Pérez, Teresa Fernández, María Fernández, María Fernández II, María Fernández III, María Fernández IV, Teresa Suárez, Sancha Pérez, Guiomar Méndez, Elvira Gómez, Beatriz Álvarez e María de Limia.
No ingreso das mulleres nos conventos medievais tiña moito que ver o feito de non contar con dote dabondo para poder casar. Con todo, este dote si que podía ser suficiente para incorporarse á vida conventual, e isto leva a interpretar que mosteiros como o de San Pedro de Ramirás estarían habitados fundamentalmente por freiras de condición social acomodada e poucas veces por mulleres procedentes das clases baixas, sen patrimonio e, polo tanto, sen posibilidade de matrimonio nin de ser monxas ou, como sinala Pallarés Fernández, «condenadas á marxinalidade».

O 20 de decembro de 1949 chegan dende Allariz a San Pedro de Ramirás oito monxas clarisas para se instalaren nunha modesta construción anexa á igrexa. Coa madre Josefa á fronte, quen será a primeira abadesa, chegan a madre Carmen, sor Antonia María, sor María Inés, sor María Trinidad, dúas postulantes e, tal e como o relato revelador anunciara, tamén a madre Margarita, que tras a morte da madre Josefa se convertería en abadesa. Con posterioridade, a comunidade iría aumentando ata chegar por momentos á cifra de 22 monxas, sempre ataviadas coas súas túnicas franciscanas suxeitas con cordóns de tres nós que representan a pobreza, a obediencia e a castidade.

En 1959 as clarisas de Ramirás abrirían un colexio para nenas que chegou a contar cunha vintena de alumnas, pero que pecharía ao optar o capítulo conventual por se adscribir á Clausura Papal, que, a diferenza da Clausura Constitucional, levaba consigo un recollemento máis ríxido, de vida integramente contemplativa, e un compromiso máis firme co silencio e coa soidade que excluía o labor de apostolado. Así, pois, todo contacto co exterior quedaba limitado aos movementos xiratorios da armazón manexada pola torneira (o torno).

A xornada das clarisas de Ramirás discorría de seis da mañá a once da noite, período de tempo en que as distintas oracións do oficio divino, desde matinas a completas, alternaban con períodos de meditación e con outros de descanso, pero tamén co traballo a través dunha distribución de labores perfectamente delimitada. O cultivo da horta, a cría de animais, a elaboración de doces ou a costura son algunhas das tarefas que ocupaban o tempo das monxas; de feito, desde San Pedro de Ramirás atendíanse pedidos de tecidos para os veciños e mesmo para talleres téxtiles de Ourense e da Coruña. Pero era o silencio o que se respectaba nos conventos das clarisas: no momento do traballo, no refectorio á hora de xantar mentres unha irmá lía a Sagrada Escritura, nos paseos... Velaquí o clima propicio para a oración e a contemplación.

Corría 1993 e xa as vocacións minguaran dun xeito moi notable cando as clarisas de San Pedro de Ramirás se ven obrigadas a abandonar o convento. Arestora sostén unha residencia de anciáns.

Autor/a da biobibliografía: Silvia Viso Pérez en http://www.culturagalega.org/